DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2008 Páx. 1.656

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

DECRETO 267/2007, do 28 de decembro, polo que se modifica a ordenación urbanística provisional do termo municipal de Ponteareas (Pontevedra).

O Decreto 207/2002, do 20 de xuño (DOG nº 119, do 21 de xuño; corrección de erros no DOG nº 127, do 3 de xullo), dispuxo a suspensión, para a súa revisión, das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo de Pontevedra do 11 de maio de 1995, establecendo a ordenación urbanística provisional ata a entrada en vigor do novo planeamento.

A nova Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, na súa disposición transitoria primeira, número 2, establece que os decretos autonómicos de suspensión do planeamento urbanístico que foron ditados antes da entrada en vigor desta lei, como é o caso do Decreto 207/2002, manterán a súa plena eficacia ata a aprobación definitiva do correspondente Plan Xeral de Ordenación Municipal, coas seguintes especificacións:

a) Ao solo urbano aplicaráselle o réxime establecido na Lei 9/2002, para o solo urbano e a ordenación provisional establecida nos correspondentes decretos.

b) No solo apto para urbanizar e no solo non urbanizable será de aplicación integramente o disposto na Lei 9/2002, para o solo rústico.

c) Nos núcleos rurais tradicionais delimitados será de aplicación o disposto na Lei 9/2002, para o solo de núcleo rural.

A ordenación urbanística provisional contida no Decreto 207/2002, foi modificada polo Decreto 180/2004, do 29 de xullo (DOG número 148, do 2 de agosto) e posteriormente polo Decreto 319/2004, do 29 de decembro (DOG número 10, do 17 de xaneiro de 2005).

A Corporación municipal de Ponteareas, en sesión plenaria do 15 de xuño de 2006, acordou solicitar da Xunta de Galicia a modificación da ordenación provisional contida no decreto de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal, co fin de permitir a construción dun aparcadoiro subterráneo na praza de Bugallal, no solo urbano de Ponteareas.

A proposta municipal considérase xustificada ante a falta de previsión de espazos destinados a aparcadoiros públicos e aos problemas de conxestión de tráfico -que xa se poñen de manifesto no preámbulo do Decreto 207/2002, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal- e ampárase no artigo 47.8º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, que prevé a posibilidade de regular o uso do subsolo dos espazos de dominio público coa finalidade de prever a implantación de infraestruturas, equipamentos e aparcamentos de titularidade pública.

Así mesmo, ante as dúbidas manifestadas polo concello na interpretación do réxime aplicable aos núcleos rurais considérase convinte completar a ordenación provisional en atención ás últimas modificacións introducidas pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

O Pleno da Corporación municipal de Ponteareas, en sesión que tivo lugar o 6 de novembro de 2007, formula alegacións ao proxecto de decreto polo que se modifica a ordenación urbanística provisional. Atendendo ás alegacións presentadas pola Corporación municipal, incorporouse a previsión dos accesos ao aparcadoiro subterráneo a través das rúas que conflúen na praza de Gabino Bugallal, e completouse a regulación do núcleo rural establecendo a parcela mínima edificable de 600 m2 no ámbito das ordenanzas de núcleo rural existente de baixa densidade e de núcleo rural existente consolidado, e de 400 m2 no ámbito da ordenanza de solo urbano de núcleo rural, e prohibindo as segregacións e divisións de parcelas no ámbito dos núcleos rurais, agás no suposto de execución de equipamentos públicos.

En cambio, non se pode acoller a alegación que propón a previsión de aparcadoiros subterráneos en todos os espazos libres e zonas verdes públicos, que carece de xustificación dado o seu carácter xeral aplicable a todos os espazos libres e zonas verdes do termo municipal e a ausencia de estudos técnicos sobre as consecuencias que tal previsión produciría na estrutura urbana.

Tampouco se pode atender a proposta de establecer un réxime transitorio para poder edificar nas parcelas resultantes de segregacións efectuadas con infracción do disposto nos artigos 24.4º, en relación co artigo 207, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, nin cabe prever a potestade discrecional da Administración para permitir a ampliación dos edificios destinados a equipamentos públicos sen suxeición ás condicións de edificación que se establecen na ordenanza, dado que resultaría contrario ao carácter regrado das licenzas.

Na súa virtude, de conformidade co disposto na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, modificada pola Lei 15/2004, do 29 de decembro, de acordo co ditame da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, por proposta da conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e oito de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modifícase a ordenación urbanística provisional aplicable no termo municipal de Ponteareas, provincia de Pontevedra, contida no Decreto 180/2004, do 29 de xullo, de modificación da ordenación provisional contida no anexo do Decreto 207/2002, do 20 de xuño, de suspensión das normas subsidiarias de planeamento municipal de Ponteareas, do seguinte xeito:

1. Na ordenanza de espazos libres e zonas verdes engádese un novo punto 6.4 co seguinte texto:

«6.4. Poderanse construír aparcadoiros públicos no subsolo da praza de Gabino Bugallal, coas seguintes condicións:

-Deberase manter a titularidade pública do solo e do subsolo;

-Poderanse prever os accesos ao aparcadoiro subterráneo desde as rúas que conflúen na praza de Gabino Bugallal;

-Os aparcadoiros que se constrúan non poderán sobresaír por riba das rasantes das rúas e dos espazos contiguos, agás os elementos imprescindibles para os accesos peonís;

-Deberase garantir o uso público en superficie en condicións de accesibilidade, funcionalidade e seguridade.

2. Ao final do punto 9, relativo ao réxime aplicable aos núcleos rurais, engádense tres novos parágrafos co seguinte texto:

«-Parcela mínima edificable: 600 m2, no ámbito das ordenanzas de núcleo rural existente de baixa densidade e de núcleo rural existente consolidado, e 400 m2, no ámbito da ordenanza de solo urbano de núcleo rural.

-En todo caso, antes da aprobación do Plan especial de protección, rehabilitación e mellora do medio rural non se permitirá a segregación ou división de parcelas no ámbito dos núcleos rurais, agás no suposto de execución de equipamentos públicos.

-No ámbito da ordenanza de núcleo rural existente consolidado serán de aplicación as mesmas condicións de edificación que as establecidas para o núcleo rural existente de baixa densidade».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes