DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Martes, 29 de xaneiro de 2008 Páx. 1.655

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 12 de decembro de 2007 pola que se aproba a conta xeral de liquidación e se distribúen os bens remanentes da herdanza intestada de Agustín Fandiño Abalo.

Antecedentes.

Por comunicación do Concello de Portas iniciouse o procedemento para o recoñecemento da Comunidade Autónoma de Galicia como herdeira do ab intestato de Agustín Fandiño Abalo, de acordo co disposto nos artigos 153 e 154 da Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, que regulan a sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia, de aplicación dada na data de finamento do causante, 13 de xaneiro de 2001, con último enderezo no concello de Portas.

Por auto de declaración de herdeiros do 5 de xaneiro de 2006, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Caldas de Reis declarou vacante a súa herdanza, adxudicando esta á Comunidade Autónoma de Galicia.

O 15 de marzo de 2006 publicouse no Diario Oficial de Galicia o anuncio polo que se daba publicidade á apertura do prazo de información pública deste expediente, presentando o Concello de Portas solicitude de adxudicación da herdanza co fin de destinar os bens que a conforman a establecemento de asistencia social.

Fundamentos xurídicos.

Lei 4/1995, do 24 de maio, de dereito civil de Galicia, artigos 153 e 154.

Decreto 94/1999, do 25 de marzo, sobre réxime administrativo da sucesión intestada a favor da Comunidade Autónoma de Galicia.

Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

Decreto 50/1989, do 9 marzo, polo que se aproba o Regulamento que executa a Lei 3/1985.

Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Código civil.

Adoptadas pola Secretaría Xeral e do Patrimonio as oportunas medidas de conservación e administración, excepto o principio de alleamento de bens, presentada a conta xeral de liquidación da herdanza e feitas as correspondentes propostas de distribución dos bens hereditarios,

RESOLVO:

Primeiro.-Estimar conforme a seguinte conta xeral de liquidación da herdanza de Agustín Fandiño Abalo:

A) Bens e dereitos:

-Inmobilizado material:

Casa con predio urbano (Estación, nº 24, Portas): 19.380 €.

Parcela rústica (nº 483 do Pol. 7 do catastro): 7.464 €.

-Tesouraría:

Bancos

Caixanova, nº c/c 2080 0099 38 0000043173: 0 €.

Total de bens e dereitos: 26.844 €.

b) Obrigas e débedas:

-Servizos de profesionais independentes:

a) Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis 11-2-2002: 10,46 €.

b) Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis 15-4-2002: 6,97 €.

c) Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis 26-9-2007: 37,97 € .

d) Rexistro da Propiedade de Caldas de Reis 26-9-2007: 25,88 €.

-Anuncios e publicacións:

Edicto no BOP de Pontevedra: 34,59 €.

Anuncio nos medios de comunicación: 163,56 €.

-Tributos:

Liquidacións pendentes taxas (2000, 2001, 2003, 2004 e 2005): 19,94 €.

Outros valores (IBI 2007, taxas e prezos públicos 2002 e 2006): 76,75 €.

Total obrigas e débedas: 376,12 €.

Total líquido (bens e dereitos-obrigas e débedas): 26.467,88 €.

Segundo. Tendo en conta:

-Os bens hereditarios remanentes resultantes: 26.467,88 €.

-A única solicitude presentada, en tempo e forma, sobre este patrimonio: Concello de Portas.

-Os pagamentos efectuados pola Consellería de Economía e Facenda na tramitación do expediente: 279,43 euros.

-A falta de efectivo monetario para facer fronte as obrigas e débedas contabilizadas.

a) Adxudicar -en atención ao destino cultural ou asistencial a que están afectos estes bens hereditarios, á preferencia da radicación dos establecementos e institucións que poden ser beneficiarias e ás solicitudes presentadas-, o patrimonio inmobiliario resultante, composto por casa e terreo circundante, así como por outra parcela rústica, ao Concello de Portas, institución pública radicada no derradeiro lugar de residencia do causante, que solicitou a excepción ao alleamento dos citados bens segundo o artigo 14.1º do Decreto 94/1999, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, comprometéndose a destinar directamente estes inmobles a servizos de asistencia social municipal para persoas temporalmente necesitadas de vivenda.

Se os bens adxudicados non se aplicasen ao fin comprometido no prazo dun ano, contado desde o outorgamento da escritura pública de transmisión, ou deixasen con posterioridade de ter o destino asistencial que se lles asigna conforme a lei, procederá a reversión do inmoble á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

b) Ao non existir efectivo nos bens hereditarios para facer fronte ás obrigas e débedas contabilizadas na súa liquidación, de acordo co disposto no artigo 18 do Decreto 94/1999, sobre réxime administrativo da sucesión intestada en favor da Comunidade Autónoma de Galicia, a institución beneficaria, o Concello de Portas, previamente á formalización da adxudicación e á entrega dos bens, deberá liquidar todos os gastos de conservación, administración e os demais ocasionados por razón dos bens que se lle adxudiquen, así como os custos non especificamente imputables a un ben determinado.

Segundo o anterior, procede gravar o único e universal beneficiario, o Concello de Portas, coa obriga de ingresar na conta bancaria operativa da Administración autonómica que se determinará, a cantidade de 279,43 euros, custos orixinados na tramitación deste procedemento de liquidación, aboados pola Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, serán por conta do beneficiario todas as débedas e obrigas pendentes, mesmo aquelas descoñecidas que puidesen non ter sido incluídas na conta xeral de liquidación da herdanza de Agustín Fandiño Abalo.

Terceiro. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, perante este órgano administrativo de conformidade cos artigos 107, 109 e 116 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contecioso-administrativo, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, perante a Sala do Contencioso-Adminsitrativo do Tribunal Superior de Galicia, conforme o disposto nos artigos 46, 10 e 14 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que o interesado considere interpor calquera outro recurso que xulgue oportuno.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2007.

P.D. (Orde 18-9-2006)

Inmaculada Viña Carregal

Secretaria xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda