DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Xoves, 24 de xaneiro de 2008 Páx. 1.437

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 265/2007, do 28 de decembro, polo que se modifica a composición das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia.

O artigo 148.9º da Constitución dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección de ambiente, sendo asumida esta competencia pola nosa comunidade autónoma, coa aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia, que no seu artigo 27.30º recolle a competencia exclusiva para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe á lexislación básica do Estado nesta materia. No exercicio desta competencia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a cal recoñece á Xunta de Galicia a potestade para a declaración, mediante decreto, dunha determinada área ou espazo como parque natural. A Administración autonómica, no uso desta potestade, procedeu á declaración, ata o momento, dos seguintes parques naturais: Monte Aloia, Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Baixa Limia-Serra do Xurés, O Invernadoiro, Serra da Enciña da Lastra e As Fragas do Eume.

Co fin de colaborar na xestión dos espazos naturais protexidos e canalizar a participación dos propietarios e os intereses sociais e económicos afectados, o artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, prevé que en cada parque natural ou reserva se constitúa unha xunta consultiva, a cal terá natureza de órgano colexiado asesor que estará adscrito á consellería competente en materia de ambiente. No citado artigo establécese que a composición e o funcionamento das xuntas consultivas se determinará na norma de declaración de cada espazo natural protexido, e na súa composición figurará, polo menos, o seu presidente e o seu director, asegurando, en todo caso, a representación dos concellos onde se sitúa o espazo natural protexido, dos propietarios dos terreos incluídos neste espazo natural así como tamén das persoas ou entidades que representen intereses sociais, institucionais ou económicos relevantes implicados, e das entidades que teñan obxectivos fundamentais coincidentes coa finalidade

do espazo natural protexido.

Ante a necesidade de adecuar a normativa que regulaba os parques naturais de Galicia anterior á entrada en vigor da Lei 9/2001, do 21 de agosto, ao disposto no artigo 42 da citada lei, a Xunta de Galicia aprobou os decretos 30/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán; 31/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia e 32/2004, de 22 de xaneiro, polo que se crea a xunta consultiva do parque natural das Fragas do Eume. Neste sentido, apréciase agora a necesidade de adaptar tamén a denominación e a composición da Xunta Reitora do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, regulada no Decreto 29/1993, do 11 de febreiro, ao disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. Así mesmo, con posterioridade á entrada en vigor da lei 9/2001, do 21 de agosto, a Xunta de Galicia aprobou os decretos 157/2002, do 4 abril,

polo que se declara o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e 540/2005, do 13 de outubro, pola que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Invernadoiro, nos cales se dá cumprimento e se desenvolve, respecto aos citados espazos naturais, o disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza referido ás xuntas consultivas.

A nova composición das xuntas consultivas dos parques naturais que se recolle neste decreto persegue, por unha banda, a adaptación das xuntas consultivas á nova estrutura da Administración autonómica e de cada unha das súas consellerías, ao tempo que se amplía a composición destas co fin de mellorar a participación pública nestes órganos, integrando entidades e colectivos de carácter privado que anteriormente non formaban parte deles. De igual xeito preténdese adecuar a composición das xuntas consultivas a unha realidade cambiante no que atinxe á organización económica e social das áreas de influencia dos parques naturais.

Este decreto ten por obxecto, polo tanto, modificar a composición das xuntas consultivas dos parques naturais co fin de harmonizar as disposicións administrativas vixentes polas cales se crean e regulan estes órganos, unificando e homoxeneizando a composición destas xuntas consultivas, de conformidade e con plena suxeición ao disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e oito de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto modificar a composición das xuntas consultivas dos parques naturais de Galicia co fin de unificar e homoxeneizar a composición destes órganos, con suxeición e respectando, en todo caso, o disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Artigo 2º.-Composición.

As xuntas consultivas estarán integradas pola presidencia, vicepresidencia, secretaría e polas vogalías.

Artigo 3º.-Presidencia.

Ocupará a presidencia das xuntas consultivas unha persoa de recoñecido prestixio que será nomeada polo/a titular da consellería con competencias en materia de ambiente, por proposta do/a director/a xeral con competencia en materia de conservación da natureza.

Artigo 4º.-Vicepresidencia.

Ocupará a vicepresidencia das xuntas consultivas o/a delegado/a da consellería competente en materia de ambiente na provincia onde se encontre o parque natural.

Artigo 5º.-Secretaría.

Ocupará a secretaría das xuntas consultivas un/unha funcionario/a da delegación provincial da consellería competente en materia de ambiente, que actuará con voz pero sen voto, designado polo/a titular da delegación provincial na que estea situado o parque natural.

Artigo 6º.-Vogalías.

1. Integrarán as xuntas consultivas dos parques naturais como vogais:

a) O/A director/a do parque natural ou reserva.

b) Un/unha representante da dirección xeral con competencia en materia de conservación da natureza.

c) O/A xefe/a de Servizo de Conservación da Natureza da provincia onde radique o parque natural.

d) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de presidencia, administracións públicas e xustiza.

e) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de política territorial, obras públicas e transporte.

f) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de turismo.

g) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de medio rural.

h) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de cultura.

i) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de pesca, só para o caso de parques naturais que teñan áreas marítimo-terrestres.

k) Un/unha representante da consellería con competencias en materia de traballo.

l) Un representante da deputación provincial onde radique o parque natural.

ll) Os/as alcaldes/alcaldesas dos concellos en que estea situado o parque natural ou o concelleiro/a no/a cal este/a delegue.

m) Os/as alcaldes/alcaldesas pedáneos/as das entidades locais menores dos termos municipais comprendidos nos parques naturais.

n) Un/unha representante da universidade galega na cal se atope o campus universitario (segundo a provincia) máis próximo ao espazo natural.

o) Un/unha representante das asociacións que figuren inscritas no Rexistro de asociacións protectoras do ambiente da Xunta de Galicia, designados/as por estas.

p) Un/unha representante dos grupos de acción local existentes na zona de influencia socioeconómica do parque natural, elixidos/as por estes.

q) Un/unha representante das asociacións de promoción turística da zona de influencia socioeconómica do parque natural.

r) Un/unha representante da Confederación Provincial de Empresarios da provincia onde se sitúe o parque natural.

s) Ata un máximo de cinco representantes da propiedade de terreos integrados no respectivo parque natural. A cota de representación efectuarase proporcionalmente coa porcentaxe que ocupan os montes veciñais en man común e as propiedades representadas por persoas físicas ou xurídicas distintas dos anteriores, en ambos os dous casos, elixidos por eles mesmos.

2. Na proposta e designación das persoas vogais que non teñan a condición de cargos natos procurarase a composición de xénero equilibrada segundo o previsto na Lei 7/2004, do 16 de xullo, para a igualdade de mulleres e homes na Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, o que se terá en conta especialmente nas designacións que lles correspondan ás administracións públicas representadas nas xuntas consultivas.

Artigo 7º.-Asistencia de expertos as reunións das xuntas consultivas.

A presidencia poderá convidar ás reunións das xuntas consultivas a expertos/as ou persoas que garden especial relación co espazo natural protexido, que participarán nestas reunións con voz pero sen voto.

Disposición adicional

Única.

As xuntas consultivas dos parques naturais que sexan creadas con posterioridade á entrada en vigor deste decreto axustarán a súa composición ao establecido neste, respectando en todo caso o disposto no artigo 42 da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Disposición derrogatoria

Única.

1. Quedan derrogadas todas as disposicións administrativas de carácter xeral de igual ou inferior rango normativo que se opoñan ao disposto neste decreto.

2. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

a) Do Decreto 29/1993, do 11 de febreiro, polo que se declara o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, o punto 2 do artigo 6º.

b) Do Decreto 157/2002, do 4 de abril, polo que se declara o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, o punto 2 do artigo 6º.

c) Do Decreto 30/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, o punto 2 do artigo único.

d) Do Decreto 31/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Monte Aloia, o punto 2 do artigo único.

e) Do Decreto 32/2004, do 22 de xaneiro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural das Fragas do Eume, o punto 2 do artigo único.

f) Do Decreto 540/2005, do 13 de outubro, polo que se crea a Xunta Consultiva do Parque Natural do Invernadoiro, o punto 2 do artigo único.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e oito de decembro do dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible