DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Mércores, 23 de xaneiro de 2008 Páx. 1.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 10 de xaneiro de 2008 pola que se publica o orzamento da Universidade de Santiago de Compostela para 2008.

Con data do 27 de decembro de 2007 foi aprobado polo Consello Social da Universidade de Santiago de Compostela o orzamento da universidade para o ano 2008.

Esta reitoría, en uso das atribucións conferidas polo artigo 171 dos estatutos da universidade, resolve publicar o acordo do Consello Social, así como as súas normas de execución.

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2008.

Senén Barro Ameneiro

Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Orzamento da Universidade de Santiago de Compostela

para o ano 2008

En virtude do disposto no artigo 81 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e no artigo 171 dos estatutos da universidade aprobados por Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro, por esta norma apróbanse os orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela para o exercicio 2008, que acadan a contía inicial en ingresos e gastos de douscentos trinta e sete millóns oitocentos sete mil oitocentos euros (237.807.800 €).

1. Clasificación económica.

Ingresos

Capítulo III.-Prezos públicos e outros ingresos 40.107.000

Capítulo IV.-Transferencias correntes 149.377.000

Capítulo V.-Ingresos patrimoniais 900.000

Capítulo VII.-Transferencias de capital 47.423.800

Total ingresos 237.807.800

Gastos

Capítulo I.-Gastos de persoal 141.008.800

Capítulo II.-Gastos en bens correntes e servizos 29.070.980

Capítulo III.-Gastos financeiros 2.358.490

Capítulo IV.-Transferencias correntes 3.470.130

Capítulo VI.-Investimentos reais 56.440.300

Capítulo VII.-Transferencias de capital 6.000

Capítulo IX.-Variación de pasivos financeiros 5.453.100

Total gastos 237.807.800

2. Normas de execución do orzamento.

Artigo 1º.-Os créditos e as súas vinculacións.

1. As partidas orzamentarias do orzamento de gastos para o 2008 preséntanse de acordo coas clasificacións orgánica, funcional e económica.

2. A vinculación dos créditos establécese conforme os seguintes criterios:

a) Clasificación orgánica:

Os créditos que figuran no orzamento asignados a centros ou unidades orgánicas teñen carácter vinculante e limitativo no nivel de código orgánico, coas excepcións que se indican na letra c).

b) Clasificación económica.

* Terán carácter vinculante e limitativo no nivel de capítulo:

­Os créditos destinados a gastos de persoal, agás o artigo 15 (gratificacións e produtividade), quen manteñen a vinculación no nivel de artigo.

­Os gastos en bens correntes e servizos.

­Os gastos financeiros.

* Terán carácter vinculante no nivel de artigo:

-Os investimentos reais.

­Os activos e pasivos financeiros.

* Terán carácter vinculante no nivel de concepto as transferencias correntes e as transferencias de capital, agás o indicando no punto seguinte.

* Terán carácter vinculante no nivel de desagregación co que figuren no orzamento:

­Os créditos con financiamento específico.

­As subvencións nominativas.

c) Clasificación funcional:

Con independencia dos puntos anteriores, terán só carácter vinculante no nivel de programa:

­Os créditos asignados ás oficinas de arquitectura e urbanismo e á oficina de xestión de infraestruturas, e o crédito para reposición, ampliación e mellora (RAM) asignados á Vicerreitoría de Infraestruturas (programa 300A).

3. Non se poderán adquirir compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos autorizados no estado de gastos e serán nulos de pleno dereito os actos administrativos e as disposicións xerais que infrinxan esta norma, sen prexuízo das responsabilidades que correspondan.

Artigo 2º.-Modificacións de crédito.

1. As modificacións de crédito exixirán unha proposta razoada da variación que se efectúe, e deberá valorarse a incidencia que poida ter, de ser o caso, na consecución dos obxectivos fixados no momento da aprobación do orzamento.

2. A autorización das modificacións de crédito axustarase ao disposto no artigo 175 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, de acordo coas seguintes particularidades:

a) As transferencias de crédito entre os diferentes capítulos de gastos, e as de gastos correntes a gastos de capital serán autorizadas polo Consello de Goberno.

b) As transferencias de gastos de capital a calquera outro capítulo serán autorizadas polo Consello Social, por proposta do Consello de Goberno.

c) Non obstante, o reitor autorizará aquelas transferencias que non superen o 5% do importe total do capítulo afectado, dando conta ao Consello de Goberno ou ao Consello Social, segundo se trate de operacións das letras a) ou b) anteriores.

d) As distribucións de crédito que se realicen tecnicamente como transferencias por exixencias do programa contable e que se corresponden coas dotacións efectuadas desde as partidas que actúan como fondos a distribuír (créditos centros docentes pendentes repartición, aulas informáticas, prácticas de campo, programas de calidade, cursos posgrao, teses de doutoramento, concursos de provisión de prazas, imprevistos, proxectos, contratos e infraestruturas de investigación) serán autorizadas polo reitor.

e) As modificacións que haxa que realizar dentro do programa 300A, de acordo co artigo 1.2º, serán autorizadas polo reitor.

3. Poderán xerar crédito nos estados de gastos do orzamento da universidade, coa aprobación do reitor, os ingresos liquidados que superen a previsión de ingresos orzamentada, derivados das seguintes operacións:

-Prestacións de servizos.

-Achegas de persoas naturais ou xurídicas para financiar gastos que pola súa natureza estean comprendidos nos fins ou obxectivos da universidade.

Artigo 3º.-Gastos de persoal.

1. As retribucións do persoal activo ao servizo da universidade quedan suxeitas ao que, nesta materia, dispón a Lei de orzamentos da comunidade autónoma galega.

Os custos de persoal docente e investigador, así como os de administración e servizos, deberán ser autorizados pola comunidade autónoma. Os proxectos de disposicións que creen ou modifiquen a estrutura orgánica da universidade ou os cambios das relacións de postos de traballo non derivadas dunha nova estrutura orgánica, incluíndo o seu custo, remitiranse á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo coas instrucións que esta fixe para a autorización dos custos pola comunidade autónoma.

2. As contratacións de persoal para substitucións de vacantes, baixas por enfermidade ou outras causas serán financiadas con cargo aos créditos dos correspondentes cadros de persoal sempre que exista crédito dispoñible. Para estes efectos a xerencia ditará as instrucións necesarias para asegurar o control orzamentario na xestión dos créditos correspondentes.

3. Poderase xerar crédito no capítulo I para gastos de persoal con motivo da prestación de servizos financiados con prezos. Os gastos deste persoal, incluídas as cotas sociais, non poderán superar os ingresos.

4. A xerencia determinará os gastos de persoal que deban ser cofinanciados entre distintas partidas do orzamento e emitirá as modificacións de crédito que correspondan.

5. Terán a consideración de créditos ampliables os créditos para o pagamento dos gastos de mérito docente, produtividade investigadora, complemento retributivo autonómico, prazas asociadas Sergas, complemento asistencial Rof-Codina, trienios, formación PAS e seguridade social.

6. Inclúense no capítulo I os créditos destinados ao financiamento dos plans de formación do persoal de administración e servizos, así como os correspondentes á acción social do persoal.

7. A xerencia establecerá o procedemento para o seguimento da execución do capítulo I.

Artigo 4º.-Créditos de centros, departamentos e institutos.

1. Os créditos asignados aos centros docentes terán por finalidade financiar os gastos da docencia, así como tamén aqueles gastos que son necesarios para o seu funcionamento ordinario. Namentres non se efectúe a distribución por centro destes créditos de acordo cos criterios establecidos, consignarase como crédito inicial dispoñible para cada centro o 75% do orzamento destas partidas segundo os criterios de repartición de 2007 redondeado a múltiplos de 10, quedando a diferenza global orzamentada nun fondo de repartición a distribuír con posterioridade.

2. Os créditos distribuídos aos departamentos teñen como primeiro obxectivo atender os gastos derivados da investigación que se faga neles, e deberán financiar, ademais, outros gastos asociados ao seu funcionamento ordinario.

3. Non se poderá contratar persoal ou nomear bolseiros con cargo aos créditos dos departamentos e institutos universitarios; non obstante poderase utilizar o crédito, logo de realizar as modificacións que correspondan, para cofinanciar contratos ou nomeamentos de bolseiros dentro de programas públicos de incorporación de investigadores.

4. As xuntas de centro e os consellos do departamento e institutos acordarán os criterios de xestión e utilización dos seus créditos, de acordo con esta norma e as instrucións que se diten ao respecto.

Artigo 5º.-Xestión e contabilización dos créditos e gastos.

1. De acordo coas instrucións operativas que se diten, as autorizacións de crédito que se realicen e que afecten exercicios futuros (contratación administrativa ou contratación de persoal) serán contabilizadas no exercicio que proceda, e manteranse actualizadas permanentemente.

2. En consonancia co anterior, no exercicio corrente faranse as autorizacións de crédito e os sucesivos axustes, dos gastos derivados da contratación de persoal ou nomeamento de bolseiros con cargo a créditos financiados con achegas específicas, conforme sexa comunicado pola unidade administrativa correspondente.

3. No mes de xaneiro de 2008 actualizaranse as autorizacións de crédito polo importe dos contratos en vigor de servizos e subministracións. O importe a consignar será o acordado para o exercicio, no caso de ser un contrato de contía fixa, e o importe estimado de consumo en caso de contratos de contía variable. Para a revisión de prezos dos contratos deberá enviarse ao Servizo de Xestión Económica a autorización de crédito efectuada segundo o dito anteriormente.

4. A dotación de anualidades ou novas partidas orzamentarias para contratos, convenios, proxectos e infraestruturas de investigación realizaraa a Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT), para o que se efectuarán distribucións de crédito desde as partidas xenéricas 8050.2000.62300 (infraestruturas) 8050.2000.64100 (proxectos) e 8050.2000.64200 (contratos e convenios). O importe dotado corresponderase coa anualidade indicada na resolución da correspondente subvención e, no caso de prestación de servizos, co importe da facturación prevista para 2008. No caso de que as dotacións que se van realizar superen o importe das referidas partidas efectuarase a correspondente xeración de crédito. A comunicación das dotacións orzamentarias que efectúa a OIT aos directores dos centros de gasto e responsables de asuntos económicos é plenamente operativa, sen que sexa precisa a comunicación polo servizo de contabilidade e orzamentos.

Artigo 6º.-Imputación de gastos.

1. O reitor poderá determinar, por iniciativa do director do centro de gasto correspondente, a imputación a créditos do exercicio corrente de obrigas xeradas en exercicios anteriores, como consecuencia de compromisos adquiridos de conformidade co ordenamento, para os que existise crédito dispoñible no exercicio de procedencia.

2. A facturación por cargos internos, os documentos de gasto pagados con cargo á conta de anticipos para xustificar correspondentes a exercicios anteriores, así como as indemnizacións por razón do servizo pendentes ao peche do exercicio, imputaranse ao exercicio corrente sen o trámite establecido no parágrafo anterior ao non existir obriga con terceiros e estar só pendente de contabilización ou tratarse de gastos de persoal.

Artigo 7º.-Remanentes de crédito.

1. Son remanentes específicos os créditos non obrigados a 31 de decembro correspondentes a infraestrutura, proxectos, contratos e convenios de investigación, prácticas de campo, créditos por accións de calidade, cursos, congresos, e, en xeral, os créditos financiados con achegas específicas.

2. No capítulo IV só teñen esta consideración os créditos financiados con achegas específicas.

3. A incorporación destes créditos deberá autorizala o reitor, que dará conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social dos expedientes aprobados.

4. O financiamento de créditos no estado de gastos con cargo ao remanente xenérico de tesouraría será aprobado polo Consello de Goberno.

5. A incorporación de remanentes de crédito correspondentes a departamentos e outras operacións de capital será autorizada polo reitor, en función das dispoñibilidades financeiras existentes despois de realizada a liquidación do exercicio, dando conta ao Consello de Goberno e ao Consello Social.

6. Os remanentes incorporados segundo o previsto neste artigo unicamente poderán ser aplicados dentro do exercicio en que se acorde esta incorporación, coa excepción daqueles que teñen financiamento específico.

Artigo 8º.-Contratación administrativa.

1. A contratación administrativa farase de acordo coa normativa en vigor para o sector público, e conforme co procedemento descrito no Regulamento de contratación da Universidade de Santiago de Compostela aprobado polo Consello de Goberno e o Consello Social, en todo o que non estea derrogado pola normativa citada.

2. Procederá poñer en coñecemento do Servizo de Xestión Económica todos aqueles gastos para os que, con independencia da súa contía, se considere procedente a sinatura do contrato.

3. Logo da autorización do Consello de Goberno, o xerente poderá asinar os contratos de arrendamento financeiro que superen o límite dos catro anos establecido na normativa de contratación do sector público, sempre que as condicións do mercado o aconsellen por criterios de economía. Destes contratos darase conta ao Consello Social.

Artigo 9º.-Tarifas.

1. As tarifas pola prestación de servizos ou venda de bens apróbanse como un anexo ao orzamento anual.

2. Toda proposta de establecemento de novas tarifas deberá ser enviada á xerencia acompañada dunha memoria económico-financeira que xustifique o importe destas así como o grao de cobertura dos custos correspondentes.

Artigo 10º.-Axudas para prezos públicos.

As axudas para prezos públicos por servizos académicos estableceranse só para o persoal desta universidade e con cargo á dotación que se efectúe no fondo de acción social.

Artigo 11º.-Xestión da facturación interna.

Durante o exercicio 2008 porase en marcha o tratamento automatizado para a imputación nas partidas descentralizadas da facturación interna (cargos internos). Autorízase o xerente para que dite as instrucións operativas precisas para iso.

A autorización mencionada no punto anterior inclúe a apertura de operacións non orzamentarias que teñan por finalidade o tratamento dos cargos internos masivos, así como a xestión extraorzamentaria deses pagamentos.

Artigo 12º.-Xestión do imposto sobre o valor engadido.

No exercicio 2008 iniciarase o tratamento extraorzamentario do IVE o que afectará de xeito diferente os créditos segundo as posibilidades de dedución do IVE soportado, conforme co artigo 102 e seguintes da Lei 37/1992, do imposto sobre o valor engadido.

Para as actividades as que lle sexa de aplicación a dedución total ou parcial de IVE o orzamento dispoñible será minorado na previsión de menor gasto orzamentario.

Disposicións adicionais

Primeira.-Se como consecuencia da aprobación de reestruturacións orgánicas ou de medidas de racionalización na xestión do gasto se producen cambios na codificación das partidas do orzamento, os compromisos adquiridos serán imputados de oficio nas partidas resultantes.

Segunda.-Autorízase o xerente da universidade a que dite as instrucións necesarias para a adaptación e desenvolvemento das normas de execución do orzamento.

Disposición derradeira

En consonancia co disposto no artigo 12º, non se contabilizarán en e-Sicus obrigas con IVE ata que sexa autorizado polo servizo de contabilidade e orzamentos. Non obstante, estas facturas poderán ser pagadas polas contas descentralizadas de anticipos. As obrigas que exentas de IVE poderán ser contabilizadas desde que estea operativo o exercicio orzamentario.