DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2008 Páx. 820

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

DECRETO 260/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Observatorio Galego da Biodiversidade e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

A conservación da variedade da vida, comprendida a variedade xenética dentro dunha mesma especie, así como entre as especies e os ecosistemas, eríxese nun dos obxectivos prioritarios da Xunta de Galicia, debido á importancia que esta biodiversidade ten para o pobo galego, xa que conforma o marco en que se desenvolve a nosa existencia ao tempo que constitúe unha fonte importantísima de recursos, de distinta índole, para as galegas e os galegos.

O artigo 148.9º da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección do ambiente. A Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do noso Estatuto de autonomía, asumiu a competencia para ditar normas adicionais sobre protección do ambiente e da paisaxe á lexislación básica do Estado nesta materia. No exercicio desta competencia aprobouse a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, a cal dedica o seu título II a establecer uns principios xerais e medidas para a conservación da variedade da vida de Galicia, con especial atención ás especies autóctonas e ameazadas, creando o catálogo de especies ameazadas que foi regulado polo Decreto 88/2007, do 19 de abril.

O exercicio eficaz das competencias da Xunta de Galicia en materia de conservación da biodiversidade exixe que esta dispoña en todo momento dunha información detallada e pormenorizada sobre o estado de conservación e a evolución das especies en Galicia. A necesidade de dispoñer desta información fai preciso a creación do Observatorio Galego da Biodiversidade, que se configura como órgano consultivo e de asesoramento da Xunta de Galicia, ao que se lle encomenda a tarefa de elaborar, compilar e subministrar toda a información posible sobre o estado da biodiversidade en Galicia e a súa conservación, para o cal deberá de instrumentar mecanismos de cooperación entre as administracións públicas, as universidades e os institutos de investigación.

O artigo 11 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, atribúe competencia a cada Administración pública, no seu propio eido competencial, para a creación dos órganos administrativos propios das especialidades derivadas da súa xestión. No exercicio desta potestade, a Xunta de Galicia, por proposta da consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, apreciou a necesidade de crear o Observatorio Galego da Biodiversidade, co carácter de órgano colexiado de asesoramento, apoio e consulta da Xunta de Galicia en materia de conservación da variedade de vida en Galicia.

Este decreto ten por obxecto, polo tanto, a creación do Observatorio Galego da Biodiversidade, e a regulación das súas funcións, composición e funcionamento.

Polo exposto, no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de decembro do dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Creación do Observatorio Galego da Biodiversidade.

1. Créase o Observatorio Galego da Biodiversidade, como órgano colexiado de asesoramento e consulta en materia de conservación da biodiversidade de Galicia.

2. O Observatorio Galego da Biodiversidade adscríbese á consellería competente en materia de ambiente.

Artigo 2º.-Funcións.

O Observatorio Galego da Biodiversidade desempeñará as seguintes funcións:

a) Prestar apoio na inventariación, análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia.

b) Asesorar a Xunta de Galicia na elaboración e seguimento dos indicadores de biodiversidade e no mantemento dun sistema de información sobre a súa evolución.

c) Informar, con carácter facultativo e non vinculante, sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora de Galicia no Catálogo galego de especies ameazadas.

d) Informar, con carácter facultativo e non vinculante, os plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento.

e) Emitir ditames en materia de conservación e protección das especies.

f) En xeral, subministrar información e prestar apoio e asesoramento en materia de conservación da variedade da vida en Galicia.

g) Por solicitude da persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, calquera outra función relacionada coa conservación e fomento da biodiversidade en Galicia.

Artigo 3º.-Composición.

1. Presidencia.

Desempeñará a presidencia do Observatorio Galego da Biodiversidade a persoa titular da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza ou a persoa en que esta delegue.

2. Secretaría.

A secretaría do Observatorio Galego da Biodiversidade será ocupada por un/unha representante da consellería competente en materia de ambiente, que será designado/a pola presidencia.

3. Vogais.

Integrarán o Observatorio Galego da Biodiversidade como vogais:.

a) Dous/dúas representantes da dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.

b) Un/unha representante do departamento competente na xestión da Rede de Observación do Territorio da dirección xeral competente en materia de desenvolvemento sostible.

c) Un/unha representante por cada unha das universidades galegas, que serán libremente designados/as por estas.

d) Catro especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies vertebradas, invertebradas, fanerógamas e criptógamas respectivamente, designados pola dirección xeral competente en materia de conservación da biodiversidade.

e) Un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio mariño, un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e investigación de especies do medio doce acuícola e un/unha especialista de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies do medio terrestre, só no suposto de que ningún dos demais vogais indicados no punto 3 deste artigo posúa coñecementos especializados nalgunha destas materias. Os/as especialistas sinalados neste punto serán designados, se for preciso, pola dirección xeral competente en materia de conservación da natureza.

f) Dúas persoas en representación das asociacións inscritas no rexistro da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que teñan entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia, que serán designadas por estas.

4. No caso de vacante, ausencia, enfermidade ou calquera outra causa legal, os vogais do Observatorio Galego da Biodiversidade poderán ser substituídos por outras persoas que reúnan os mesmos requisitos cós substituídos para formar parte deste órgano, debendo ser comunicada á presidencia do Observatorio Galego da Biodiversidade, por parte do organismo ou departamento competente para a súa designación, a identidade do substituto e as causas polas que se produce esa substitución.

5. A presidencia do Observatorio Galego da Biodiversidade poderá acordar, por solicitude de calquera dos seus membros, que participen nas súas sesións, actuando con voz pero sen voto, persoas expertas nas materias que vaian ser obxecto de debate nesa sesión.

6. A composición do Observatorio Galego da Biodiversidade axustarase ao disposto na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, co fin de garantir a presenza equilibrada de mulleres e homes, o que se terá en conta nas propostas e designacións correspondentes dos membros deste órgano colexiado, así como na composición das comisións e grupos de traballo indicados no artigo 4.3 deste decreto.

Artigo 4º.-Funcionamento.

1. O Observatorio Galego da Biodiversidade reunirase en sesión ordinaria como mínimo unha vez ao ano. Poderá tamén reunirse en sesión extraordinaria cando a presidencia do Observatorio Galego da Biodiversidade o estime oportuno.

2. As convocatorias das sesións do Observatorio Galego da Biodiversidade serán acordadas pola seu/súa presidente/a e efectuaranse con sete días de antelación en aquel que vaia ter lugar a reunión. No caso de urxencia, as convocatorias das sesións extraordinarias poderán efectuarse cunha antelación mínima de corenta e oito horas.

3. O Observatorio Galego da Biodiversidade poderá crear no seu seo comisións ou grupos de traballo que abordarán o estudo e a preparación de temas específicos de interese para este órgano. Poderán ser convidadas a participar nas comisións ou grupos de traballo as persoas con coñecementos especializados nas materias que estean directamente relacionadas cos temas que sexan obxecto de estudo e debate desa comisión ou grupo de traballo.

4. A Dirección Xeral competente en materia de conservación da biodiversidade prestaralle ao Observatorio Galego da Biodiversidade todo o apoio técnico, material e persoal que este precise para o desempeño das súas funcións.

Artigo 5º.-Réxime xurídico.

Seralle de aplicación ao Observatorio Galego da Biodiversidade, o réxime xurídico dos órganos colexiados recollido no capítulo II, do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, en todo aquilo que non estea especificamente regulado no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as ordes e instruccións que sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro do dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente da Xunta de Galicia

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible

b) NOMEAMENTOS CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN

E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA