DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Luns, 14 de xaneiro de 2008 Páx. 815

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 259/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Rexistro galego de instrucións previas sobre coidados e tratamento da saúde.

O Convenio do Consello de Europa sobre os dereitos do home e a biomedicina, subscrito en Oviedo o 4 de abril de 1997 e que entrou en vigor en España o 1 de xaneiro de 2000, foi o primeiro instrumento internacional con carácter xurídico vinculante para os países subscritores, que estableceu un marco común para a protección dos dereitos humanos e a dignidade no eido da bioloxía e a medicina.

Para estes efectos, na nosa Comunidade Autónoma, aprobouse a Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes. Afondando na autonomía dos pacientes, esta lei regulaba o que se viña chamar «vontade anticipada», entendida como os desexos do paciente expresados con anterioridade dentro do ámbito do consentimento informado.

Posteriormente, esta figura mudou de denominación, mediante a Lei 3/2005, do 7 de marzo, para adaptala así á Lei estatal 41/2002, do 14 de novembro, básica reguladora da autonomía do paciente e de dereitos e obrigas en materia de información e documentación clínica, e que regulaba aquela co nome de instrucións previas.

En consecuencia, o artigo 5 da Lei 3/2001, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes, dispón que por medio do documento de instrucións previas unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade, co fin de que esta sexa cumprida no momento en que chegue a situacións nas cales polas circunstancias non sexa quen de expresala persoalmente, sobre os coidados e o tratamento da súa saúde ou, unha vez chegado o falecemento, sobre o destino do seu corpo ou dos seus órganos.

O presente decreto ten como fin dar cumprimento ao mandato recollido no artigo 5.6º da devandita Lei 3/2001, de creación dun rexistro autonómico de instrucións previas, adscrito á Consellería de Sanidade, para dese xeito garantir a eficacia das instrucións previas manifestadas polos pacientes e formalizadas documentalmente.

Efectivamente, o esforzo cara a desenvolver a autonomía do paciente e o respecto aos seus desexos resulta inútil se o médico responsable da asistencia sanitaria no momento en que as instrucións previas deban ser aplicadas non coñece a existencia e o contido daquelas instrucións previas outorgadas polo paciente. En consecuencia, considérase conveniente crear o Rexistro galego de instrucións previas como instrumento que facilite ese coñecemento aos profesionais sanitarios, sen que a inscrición no rexistro sexa condición necesaria para a validez do documento de instrucións previas.

En virtude do exposto, por proposta da conselleira de Sanidade, de acordo co ditame nº 939/07 do Consello Consultivo de Galicia do 5-12-2007, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto crear o Rexistro galego de instrucións previas, segundo o disposto no artigo 5.6º da Lei 3/2001, do 28 de maio, reguladora do consentimento informado e da historia clínica dos pacientes.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación e natureza.

1. O Rexistro galego de instrucións previas, que é único para toda a Comunidade Autónoma de Galicia, depende orgánica e funcionalmente da Consellería de Sanidade, quedando adscrito á dirección xeral con competencias en materia de aseguramento.

2. Este rexistro é de natureza administrativa, sendo a inscrición das instrucións previas de carácter voluntario e declarativo.

3. A ausencia de inscrición dun documento de instrucións previas validamente outorgado non impedirá a súa aplicabilidade no ámbito sanitario. En consecuencia, un documento posterior non inscrito substitúe ou deixa sen efecto un documento anterior inscrito, sempre que as datas resulten fidedignas.

Artigo 3º.-Funcións do Rexistro galego de instrucións previas.

O Rexistro galego de instrucións previas cumpre as seguintes funcións:

a) Inscribir os documentos de instrucións previas, así como a súa substitución ou revogación.

b) Custodiar os documentos inscritos.

c) Facilitar o coñecemento da existencia do documento de instrucións previas aos profesionais responsables da asistencia sanitaria.

d) Facilitar o acceso e a consulta dos documentos de instrucións previas ás persoas autorizadas, así como expedir certificacións e copia deles.

e) Garantir a coordinación co Rexistro Nacional de Instrucións Previas.

Artigo 4º.-Inscrición no rexistro.

1. Serán inscribibles no Rexistro galego de instrucións previas os documentos que teñan en todo ou parte o seguinte contido:

a) Instrucións e opcións acerca dos coidados e o tratamento da saúde da persoa outorgante, chegada unha situación na cal polas circunstancias non sexa quen de expresalas persoalmente.

b) Instrucións sobre o destino do corpo e dos seus órganos, unha vez chegado o falecemento.

2. O documento de instrucións previas inscritible deberá estar formalizado mediante algún dos seguintes procedementos:

a) Ante tres testemuñas maiores de idade e con plena capacidade de obrar, das cales dúas, como mínimo, non poderán ter relación de parentesco ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante.

Para estes efectos, enténdese que hai relación patrimonial cando exista entre ambos créditos ou débedas, pertenza en común de bens mobles ou inmobles, titularidade conxunta dunha entidade profesional, explotación mercantil ou industrial ou, en xeral, calquera outro vínculo obrigacional de natureza económica.

b) Ante notario, sen necesidade da presenza de testemuñas.

3. A persoa outorgante poderá designar unha persoa representante, para que, chegado o caso, sirva como interlocutor co/a médico/a ou o equipo sanitario para procurar o cumprimento das instrucións previas. Esta persoa representante poderá ser un menor de idade, non obstante, a eficacia desta designación quedará condicionada a que unha vez chegada a situación na cal deban ser aplicadas as instrucións previas, a persoa representante designada sexa maior de idade e posúa plena capacidade de obrar.

O outorgante tamén poderá designar un substituto do representante, que exercerá as funcións deste/a no caso de falecemento ou incapacidade do representante designado.

A designación da persoa representante, e do substituto, non precisa estar sometida ás formalidades exixidas na alínea 2 e poderá figurar en documento separado ao de instrucións previas.

Artigo 5º.-Procedemento de inscrición.

1. A inscrición dun documento de instrucións previas será solicitada pola persoa outorgante, ou por quen acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, cos requisitos exixidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, cubrindo o modelo que figura no anexo I deste decreto.

2. Sen prexuízo do previsto no artigo 38.4º da devandita Lei 30/1992, a solicitude dirixida ao Rexistro galego de instrucións previas poderá ser presentada tanto nos servizos centrais da Consellería de Sanidade coma nalgunha das súas delegacións provinciais. En cada unha das delegacións provinciais existirá unha unidade do Rexistro galego de instrucións previas encargada da recepción das solicitudes de inscrición no rexistro, de informar as persoas outorgantes dos requisitos formais e da documentación que se debe presentar, e de comprobar o cumprimento das formalidades exixidas.

3. Se a solicitude é presentada nun centro hospitalario do Servizo Galego de Saúde, darase traslado dela para a súa tramitación á unidade de Rexistro galego de instrucións previas provincial que corresponda.

4. A solicitude debe presentarse en sobre pechado xunto coa seguinte documentación:

a) No caso de terse formalizado diante de testemuñas:

-Documento orixinal de instrucións previas asinado pola persoa outorgante e as tres testemuñas, no cal figure o lugar a data de outorgamento.

-Declaración responsable de cando menos dúas testemuñas de non ter relación de parentesco ata o segundo grao nin estar vinculadas por relación patrimonial coa persoa outorgante.

-Copia auténtica do DNI/pasaporte da persoa outorgante e das testemuñas.

b) No caso de terse formalizado ante notario:

-Copia auténtica do documento de instrucións previas.

-Copia auténtica do DNI/pasaporte da persoa outorgante.

c) No caso de que a persoa outorgante designe unha persoa representante e, se é o caso, un substituto, deberase así mesmo xuntar:

-Documento que acredite á súa designación.

-Copia autenticada do DNI/pasaporte da persoa representante ou substituta.

Artigo 6º.-Resolución de inscrición.

1. Unha vez recibida a solicitude na unidade de Rexistro galego de instrucións previas correspondente verificarase o cumprimento dos requisitos exixidos.

De constatar a existencia de defectos na solicitude formulada ou falta ou defecto na documentación que con ela se debe achegar, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue a documentación preceptiva, indicándolle que en caso contrario se terá por desistida da súa solicitude, arquivándose esta, logo de resolución motivada.

Os defectos constatados e non emendados relativos á designación da persoa representante ou substituta non afectarán a inscrición do resto do documento.

2. Logo de comprobar a observancia dos requisitos legais e formalidades exixidas, a dirección xeral con competencias en materia de aseguramento ditará resolución autorizando ou denegando a inscrición no rexistro, que será motivada no suposto de denegación e, en todo caso, notificada ao solicitante. Contra a resolución poderase interpor recurso de alzada ante o titular da Consellería de Sanidade.

3. O prazo máximo para ditar resolución e notificala será dun mes, contado desde a entrada da solicitude na unidade de Rexistro galego de instrucións previas. Transcorrido o prazo sinalado sen resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio administrativo. Mentres non se dite resolución, a solicitude entenderase inscrita con carácter provisional, sendo os efectos desta a simple constancia da súa existencia.

4. Autorizada a inscrición, deixarase constancia na historia clínica do paciente da existencia do documento de instrucións previas con indicación da data de inscrición e, se é o caso, da designación do representante e do substituto, se é o caso.

Artigo 7º.-Inscrición da substitución e revogación.

1. O documento de instrucións previas pode ser obxecto de substitución ou revogación por parte da persoa outorgante, en calquera momento.

2. O documento de substitución poderase realizar por calquera dos procedementos previstos no artigo 4º.2 deste decreto, e seguirá os mesmos trámites para a súa inscrición que o documento substituído.

3. As instrución previas poderanse revogar libremente en calquera momento, deixando constancia por escrito da vontade do outorgante, e da realidade e autenticidade da súa declaración, por calquera medio admitido en dereito. A revogación comunicaráselle tamén ao Rexistro galego de instrucións previas.

Artigo 8º.-Acceso.

1. A persoa outorgante do documento de instrucións previas, así como o seu representante legal ou aquel designado como interlocutor co médico ou equipo sanitario, poderán acceder ao rexistro logo de solicitude por escrito e comprobación da identidade do peticionario, cubrindo o modelo que figura no anexo II deste decreto.

2. Chegada unha situación en que o paciente non sexa quen de expresar persoalmente a súa vontade, o médico que presta a asistencia sanitaria deberá acceder ao rexistro para comprobar a existencia ou non dun documento de instrucións previas ou, sen prexuízo de que na historia clínica figure copia del, verificar se foi inscrito con posterioridade outro documento e, de ser o caso, coñecer o seu contido. Así mesmo, este médico poderá acceder ao rexistro cando sexa autorizado pola persoa outorgante.

O acceso ao rexistro do médico que presta a asistencia sanitaria farase, logo de solicitude, a través de comunicación telemática ao ficheiro automatizado do rexistro, que deberá garantir a confidencialidade dos datos e a identificación da persoa destinataria da información, quedando constancia do acceso.

3. O médico que presta a asistencia sanitaria fará constar o seu acceso na historia clínica do paciente outorgante. Igualmente, deixará constancia motivada en caso de non aplicación das instrución previas nos supostos legalmente previstos.

4. As persoas que en razón do seu posto de traballo accedan a calquera dos datos do rexistro están suxeitas ao deber de gardar segredo acerca deles. O incumprimento desta obriga dará lugar á aplicación do réxime disciplinario correspondente, sen prexuízo, se é o caso, da concorrencia de responsabilidade civil ou penal.

5. A persoa outorgante do documento de instrucións previas, así como o seu representante legal, poderán tamén acceder ao rexistro para exercer o seu dereito á rectificación dos datos contidos nel, de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 9º.-Custodia.

O Rexistro galego de instrucións previas deberá custodiar os documentos inscritos ata transcorridos cinco anos do falecemento da persoa outorgante, no cal se procederá á cancelación da inscrición.

Disposicións adicionais

Primeira.-Co fin de recoller os datos da inscrición das instrucións previas, e a súa substitución ou revogación, se é o caso, a Consellería de Sanidade creará o ficheiro automatizado de datos de carácter persoal correspondente ao Rexistro galego de instrucións previas, que estará sometido á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segunda.-A persoa encargada do Rexistro galego de instrucións previas da Comunidade Autónoma de Galicia comunicaralle ao Rexistro nacional as instrucións previas inscritas, dando traslado dos datos e da información relativa a elas segundo o disposto no Real decreto 124/2007, do 2 de febreiro, polo que se regula o Rexistro nacional de instrucións previas e o correspondente ficheiro automatizado de datos de carácter persoal.

Disposición transitoria

Primeira.-Os documentos de instrucións previas validamente formalizados con anterioridade á entrada en vigor deste decreto poderán, segundo o disposto nel, ser obxecto de inscrición no rexistro por solicitude da persoa outorgante.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Sanidade para ditar as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "00900D001P007.PDF"

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE