DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2008 Páx. 531

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 31 de decembro de 2007 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, e se convocan para o exercicio orzamentario de 2008.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 11 de xullo de 2007, a Orde do 26 de xuño de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias. Ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2008, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

Por outra parte, a entrada en vigor da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicada no DOG o 25 de xuño pasado, obriga a facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3º do Estatuto de Autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a modificación das bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, aprobadas mediante a Orde do 26 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2008.

Sección primeira

Modificación das bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvolvidos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias

Artigo 2º.-Modificación das bases reguladoras.

Modifícanse o artigo 12º e a disposición adicional segunda das bases reguladoras das axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, aprobadas mediante a Orde do 26 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo), que quedan coa seguinte redacción:

«Artigo 12º.-Incumprimento, reintegro e réxime de infraccións.

1. Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. No caso contrario existirá un incumprimento, no que se aplicarán os seguintes criterios:

-Cando o beneficiario non realice e xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda, debendo ademais reintegrar, de ser o caso, as contías percibidas anticipadamente.

-Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas e se cumpran o resto das condicións establecidas.

2. En calquera caso, procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde, e dos xuros de demora acumulados desde o momento do seu pagamento, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

«Disposición adicional segunda.-Réxime xurídico.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, en todo aquilo que non se opoña á citada lei».

Sección segunda

Convocatoria 2008

Artigo 3º.-Convocatoria das axudas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2008, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas para programas de calidade desenvoltos por consellos reguladores de denominacións de calidade agroalimentarias, sendo as súas bases reguladoras as contidas na Orde do 26 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo), coas modificacións recollidas na sección primeira desta orde.

A finalidade destas axudas é o apoio a todas aquelas actuacións realizadas, directa ou indirectamente, polos consellos reguladores que vaian dirixidas a garantir a calidade e a orixe dos produtos da correspondente denominación. Tamén serán subvencionables as actuacións en estudos, investigacións e desenvolvemento de programas encamiñados á mellora da calidade dos produtos obxecto de protección. Poderanse subvencionar, así mesmo, os gastos relacionados coa acreditación do consello regulador no cumprimento da norma EN-45011.

Artigo 4º.-Solicitudes e procedemento de xestión.

As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as recollidas na Orde do 26 de xuño de 2007 (DOG nº 134, do 11 de xullo) pola que se estableceron as bases reguladoras destas axudas. Como anexos a esta orde inclúense o modelo de solicitude (anexo I) e a documentación complementaria que se deberá presentar acompañándoa (anexo II).

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria rematará o día 14 de marzo de 2008.

Artigo 6º. -Financiamento das axudas.

1. As axudas concedidas financiaranse con cargo aos orzamentos da Consellería do Medio Rural para o ano 2008, na aplicación orzamentaria 11.03.713D.7810, cunha dotación de 500.000 €. Este importe poderase incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2008, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Disposición de desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria para ditar as disposicións que sexan necesarias para a aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural

Ver referencia pdf "00700D007P011.PDF"

Ver referencia pdf "00700D008P013.PDF"