DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 7 Xoves, 10 de xaneiro de 2008 Páx. 527

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 256/2007, do 20 de decembro, polo que se aproba o escudo do Concello de Laza (Ourense).

O Concello de Laza (Ourense) considerou conveniente organizar correctamente o seu escudo municipal para perpetualo con simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais, correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro; e mais no Decreto 369/1998, do 10 de decembro, polo que se regula a composición e funcións da Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 73/2006, do 20 de abril.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar o escudo do Concello de Laza, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:

En campo de azur unha máscara de peliqueiro de prata coas borlas, pel e coloretes de gules e a mitra perfilada do mesmo, sinistrada dunha cruz de Santiago de gules e campaña cargada de ondas de azur e prata; bordura de sabre cunha cadea de ouro. Timbrado de coroa real pechada.

Santiago de Compostela, vinte de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00700D004P008.PDF"