DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Mércores, 09 de xaneiro de 2008 Páx. 438

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 252/2007, do 13 de decembro, polo que se establece a ordenación do control metrolóxico no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía, modificada polo Real decreto lexislativo 1296/1986, do 28 de xuño, e pola Lei 13/1996, do 30 de decembro, establece que en defensa da seguridade, da protección da saúde e dos intereses económicos das persoas consumidoras ou usuarias, os instrumentos, aparellos, medios e sistemas de medida que sirvan para pesar, medir ou contar non poderán ser fabricados, importados, comercializados ou empregados mentres non superen o control metrolóxico establecido na mencionada lei e nas disposicións que se diten para a aplicación desta.

Este mesmo texto legal e o Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, que transpón ao dereito interno español a Directiva 2004/22/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 31 de marzo de 2004, relativa aos instrumentos de medida, constitúen o referente lexislativo básico en materia de control metrolóxico.

O Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas no punto 3, b) da letra B), competencias e funcións que asume a comunidade autónoma e identificación dos servizos que se traspasan, establece que a comunidade autónoma desenvolverá as funcións e servizos do Ministerio de Industria e Enerxía relativos á execución no territorio da comunidade autónoma da lexislación do Estado sobre pesas e medidas e contraste de metais.

A declaración do Pleno da Comisión Mixta de Transferencias Administración do Estado-Xunta de Galicia de 2002 recoñécelle á Comunidade Autónoma de Galicia o título competencial suficiente en materia de pesas e medidas e contraste de metais.

O ditame da Avogacía do Estado do 16 de xaneiro de 2004, solicitado polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía a instancia da Xunta de Galicia, ratifica que, segundo se establece na declaración da Comisión Mixta de Transferencias, lle corresponde á Xunta de Galicia a execución no seu territorio das funcións e servizos relativos a pesas e medidas.

O Tribunal Constitucional nas súas sentenzas do 13 de maio e do 12 de decembro de 1991 emitiu as decisións sobre o recurso de inconstitucionalidade presentado pola Comunidade Autónoma de Cataluña e sobre diversos conflitos positivos de competencias presentados igualmente polas comunidades autónomas de Cataluña, País Vasco e Andalucía contra a lexislación metrolóxica, declarando que corresponde ás comunidades autónomas citadas a titularidade das competencias executivas previstas nos reais decretos 1616/1985, do 11 de setembro, polo que se establece o control metrolóxico que realiza a Administración do Estado, 1617/1985, do 11 de setembro, polo que se establece o procedemento para a habilitación de laboratorios de verificación metrolóxica oficialmente autorizados, e o Real decreto 597/1988, do 10 de xuño, polo que se regula o control metrolóxico CEE.

O Decreto 231/2006, do 23 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Innovación e Industria, no seu artigo 9 atribúelle á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas as competencias en metroloxía.

A Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, no artigo 50, modifica a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establecendo que será suxeito pasivo substituto do contribuínte o organismo autorizado de verificación metrolóxica que, dado o caso, realizará por calquera das figuras legalmente establecidas os traballos de control metrolóxico.

Por todo o anterior, a Xunta de Galicia, no seu ámbito competencial, é a responsable da organización do control metrolóxico na Comunidade Autónoma de Galicia e da designación dos organismos que considere necesarios para a execución do control metrolóxico do Estado nas fases de comercialización e posta en servizo e de instrumentos en servizo.

É por iso, e pola propia complexidade do control metrolóxico, polo que se considera necesario ordenar as funcións do control metrolóxico do Estado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, conforme co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1.1. Este decreto ten por obxecto ordenar as funcións que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia na execución da normativa do Estado en materia de control metrolóxico do Estado no ámbito xeográfico da Comunidade Autónoma de Galicia. As devanditas funcións serán exercidas pola consellería competente en materia de industria e comprenderán as seguintes:

-Control metrolóxico na fase de comercialización e posta en servizo.

-Control metrolóxico na fase de instrumentos en servizo, en aplicación da verificación despois de reparación ou modificación e a verificación periódica.

-Vixilancia e inspección.

-Xestión do Rexistro de Control Metrolóxico.

Artigo 2º.-O control metrolóxico do Estado na fase de comercialización e posta en servizo.

2.1. O control metrolóxico do Estado na fase de comercialización e posta en servizo será levado a cabo pola dirección xeral con competencias en materia de industria.

2.2. A dirección xeral con competencias en materia de industria poderá designar os organismos notificados que considere necesarios para levar a cabo as actividades relacionadas cos procedementos de avaliación da conformidade determinados no ámbito da Unión Europea, tendo en conta o establecido no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, a regulamentación específica aplicable e as directrices técnicas e de coordinación que emanen da Comisión da Unión Europea e do Consello Superior de Metroloxía, se é o caso.

2.3. A dirección xeral con competencias en materia de industria poderá designar os organismos de control metrolóxico que considere necesarios para realizar as actividades relacionadas cos procedementos de avaliación da conformidade en aplicación dunha regulamentación específica nacional, tendo en conta o establecido no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, a regulamentación específica aplicable e as directrices técnicas e de coordinación que emanen do Consello Superior de Metroloxía.

Artigo 3º.-Control metrolóxico do Estado na fase de instrumentos en servizo.

3.1. O control metrolóxico do Estado na fase de instrumentos en servizo será levado a cabo pola dirección xeral con competencias en materia de industria.

3.2. A dirección xeral con competencias en materia de industria poderá designar os organismos autorizados de verificación metrolóxica que considere necesarios para levar a cabo as actividades de verificación despois de reparación ou modificación e verificación periódica, tendo en conta o establecido no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, a regulamentación específica aplicable e as directrices técnicas e de coordinación que emanen do Consello Superior de Metroloxía.

3.3. A dirección xeral con competencias en materia de industria encomendará as fases de verificación despois de reparación ou modificación e verificación periódica.

Artigo 4º.-Vixilancia e inspección.

4.1. Correspóndelles ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, no seu ámbito territorial, a vixilancia e inspección metrolóxica, que comprende:

-Controlar que os instrumentos de medida suxeitos a control metrolóxico que non cumpran coas disposicións establecidas no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, e na súa regulamentación específica, se comercialicen ou se poñan en servizo segundo proceda.

-Controlar que os aparellos de medida suxeitos a control metrolóxico na fase de instrumentos en servizo cumpran co establecido no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula o control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, e nas súas regulamentacións específicas.

-Vixiar que as persoas axentes que interveñen no control metrolóxico cumpran as condicións establecidas na normativa vixente e adecuen a súa actuación ao fixado na correspondente inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico ou autorización.

-Controlar que as actividades metrolóxicas sexan realizadas unicamente a través de entidades debidamente inscritas no Rexistro de Control Metrolóxico e autorizadas.

4.2. Sen prexuízo do exposto no parágrafo anterior, aos organismos autorizados de verificación metrolóxica poderán encomendárselles as funcións de vixilancia para os únicos efectos de comunicarlles ás delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria a existencia de instrumentos, aparellos, medios e sistemas de medida que incumpran as disposicións regulamentarias que lles sexan aplicables.

4.3. As accións de vixilancia e inspección iniciaranas as delegacións provinciais da consellería competente en materia de industria, ben por propia iniciativa, ben a consecuencia de denuncia, en virtude de acordos de colaboración como parte dun plan de inspección ou como consecuencia da participación en campañas de ámbito europeo, estatal ou autonómico.

4.4. Cada acción de vixilancia e inspección deberá quedar recollida nun expediente, que poderá servir de base para a tramitación do correspondente procedemento sancionador.

Artigo 5º.-Rexistro de Control Metrolóxico.

5.1. A xestión e control do Rexistro de Control Metrolóxico corresponde na Comunidade Autónoma de Galicia á dirección xeral con competencias en materia de industria.

5.2.Deberán inscribirse no Rexistro de Control Metrolóxico:

1. As persoas físicas ou xurídicas que fabriquen, importen, comercialicen, ou cedan en arredamento instrumentos de medida suxeitos ao control metrolóxico do Estado.

2. Os organismos, entes ou persoas físicas ou xurídicas que sexan designados pola dirección xeral con competencias en materia de industria, organismos notificados, de control metrolóxico e autorizados de verificación metrolóxica, para as actuacións na fase de comercialización e posta en servizo e na fase de instrumentos en servizo.

3. As persoas físicas ou xurídicas que se propoñan reparar instrumentos de medida suxeitos ao control metrolóxico do Estado.

5.3. As persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 5.2º 1. para os efectos da inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico deberán achegar a seguinte documentación:

-Folla de comunicación de datos (establecida no anexo I).

-Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal/NIF da persoa solicitante.

-Fotocopia compulsada da escritura pública ou certificado do rexistro mercantil que acredite a personalidade xurídica da persoa solicitante.

-Memoria sobre as características fundamentais dos instrumentos de medida que pretendan fabricar, importar, comercializar ou ceder en arrendamento.

-Xustificante de aboamento de taxas.

-Fotocopia compulsada de inscrición no rexistro de establecementos industriais.

5.4. Os organismos, entes ou persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 5.2º 2. para os efectos da inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico deberán achegar a seguinte documentación:

-Denominación ou razón social.

-Número de identificación asignado pola dirección xeral con competencias en materia de industria para as actuacións na fase de comercialización e posta en servizo e na fase de instrumentos en servizo.

-Código de identificación fiscal.

-Domicilio social da entidade.

-Lugar de localización das súas instalacións para o exercicio da actividade inscrita.

-Alcance da inscrición onde consten os instrumentos de medida para os que foi autorizado pola dirección xeral con competencias en materia de industria.

-Xustificante de aboamento de taxas.

5.5. As persoas físicas ou xurídicas a que se refire o artigo 5.2º 3 para os efectos da inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico deberán achegar a seguinte documentación:

-Folla de comunicación de datos (establecida no anexo I).

-Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal/NIF da persoa solicitante.

-Fotocopia compulsada da escritura pública ou certificado do rexistro mercantil que acredite a personalidade xurídica da persoa solicitante.

-Memoria sobre as características fundamentais dos instrumentos de medida que pretendan reparar.

-Relación detallada do persoal da empresa, con DNI, cualificación e experiencia.

-Relación de medios técnicos dispoñibles debidamente acreditada, para levar a cabo as reparacións que, se é o caso, serán as que fixen as disposicións legais específicas.

-Xustificante de aboamento de taxas.

-Fotocopia compulsada de inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais.

5.6. A dirección xeral con competencias en materia de industria, unha vez comprobada a documentación presentada e realizadas as actuacións que se consideren necesarias, procederá á inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico, emitindo un certificado acreditativo da inscrición.

5.7. A inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico ten un prazo de duración de cinco anos, contados a partir da data en que se efectuase a inscrición. A renovación desta deberá ser solicitada pola persoa interesada ante a dirección xeral con competencias en materia de industria 90 días antes da data do seu vencemento. A renovación farase polo mesmo prazo de cinco anos.

5.8. Se a solicitude de inscrición ou renovación non reúne os requisitos que se sinalan nos puntos 5.3, 5.4, e 5.5 requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución da dirección xeral con competencias en materia de industria.

5.9. Calquera modificación ou cambio nas circunstancias que deron lugar a inscrición no Rexistro de Control Metrolóxico deberá ser comunicada á dirección xeral con competencias en materia de industria.

5.10. Para cada renovación ou cambio emitirase un novo certificado de inscrición co mesmo número de rexistro xa asignado na primeira inscrición, excepto cando a persoa interesada amplíe a súa actividade a outro sector, neste caso asignaráselle un novo número.

5.11. Contra as resolucións de suspensión ou denegación caberá recurso de alzada ante a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de industria.

Artigo 6º.-Réxime de infraccións e sancións.

6.1. O réxime de infraccións e sancións será o establecido no Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, polo que se regula a control metrolóxico do Estado sobre instrumentos de medida, e na Lei 3/1985, do 18 de marzo, de metroloxía.

6.2. Serán órganos competentes para a iniciación e resolución dos procedementos sancionadores os establecidos no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos da súa competencia.

Artigo 7º.-Taxas, prezos e tarifas.

7.1. Os servizos de xestión metrolóxica levados a cabo directamente pola dirección xeral con competencia en materia de industria e polas delegacións provinciais estarán suxeitos ao disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.2. As tarifas que perciban os organismos autorizados de verificación metrolóxica polos servizos prestados, e as súas posteriores modificacións, deberán ser comunicadas á dirección xeral con competencias en materia de industria e aprobadas por esta, e serán de público coñecemento.

7.3. Así mesmo, no caso en que así o prevexan as leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para cada ano, o organismo autorizado de verificación metrolóxica será suxeito pasivo substituto do contribuínte.

Disposición transitoria

Os instrumentos que tivesen a aprobación de modelo prevista no Real decreto 1616/1985, do 11 de setembro, polo que se establece o control metrolóxico do Estado, con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto 889/2006, do 21 de xullo, poderán seguir sendo postos en servizo, logo de sometemento á verificación primitiva realizada polos laboratorios de verificación metrolóxica oficialmente autorizados, que viñan actuando de acordo co establecido no Real decreto 1617/1985, do 11 de setembro, sobre habilitación de laboratorios de verificación metrolóxica, como máximo ata o 30 de outubro de 2016.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o titular da Consellería de Innovación e Industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor nun prazo de vinte días desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "00600D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "00600D002P010.PDF"