DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Xoves, 03 de xaneiro de 2008 Páx. 94

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

DECRETO 242/2007, do 13 de decembro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galicia.

Un dos territorios que, a nivel mundial, conseguiu na última década un maior grao de implantación da enerxía eólica é Galicia. Esta posición fundaméntase nunhas condicións orográficas e climáticas idóneas, aproveitadas polos diferentes proxectos que, ao abeiro da normativa autonómica vixente en cada momento, desenvolveu principalmente a iniciativa privada. Asemade, o impulso do sector eólico galego prodúcese nun contexto en que a enerxía eólica vén de acadar un grande pulo debido ao seu nivel de avance tecnolóxico, que a converte en altamente eficiente, aos custos que leva asociados e ao seu carácter de enerxía renovable, que reduce a dependencia enerxética dos territorios onde se implanta sen contribuír ao cambio climático debido a que esta modalidade de xeración non supón ningunha emisión de gases de efecto invernadoiro.

Como consecuencia de todo o anterior, no momento presente Galicia é, por potencia eólica instalada, un dos referentes nun escenario de escala mundial. E así debe continuar a ser.

En efecto, entre os obxectivos da política enerxética formulada polo Goberno galego, están a redución da dependencia enerxética do exterior e a promoción das modalidades de xeración que supoñan avances cara á consecución dos obxectivos do Protocolo de Quioto. Estas ideas concordan con outros pronunciamentos a nivel internacional nesta mesma dirección, nomeadamente, o acordo acadado no Cumio de Göteborg que, no ámbito da estratexia para o desenvolvemento sustentable, pretende conseguir que para o ano 2010 un 22% do consumo bruto de electricidade teña a súa orixe en fontes renovables.

Neste sentido, o Goberno galego quere contribuír activamente a que Galicia non só siga a participar, senón que destaque no desenvolvemento da enerxía eólica, e vaino facer baixo tres parámetros axiais: por unha banda, a enerxía eólica, ademais de promover a consecución dos obxectivos enerxéticos de maneira específica, deberá actuar como un vector de crecemento económico en sentido amplo, sobre todo nos territorios concretos en que se implante. En segundo termo, o desenvolvemento eólico deberá ser exemplar no plano ambiental: isto significa que a enerxía eólica, ademais de resultar limpa por non emitir gases contaminantes á atmosfera, na súa implantación deberá ser extremadamente respectuosa cos valores ambientais até o punto de non ocupar espazos de especial protección ambiental. E terceiro, a enerxía eólica debe supor progreso social, pero non unicamente para os promotores dos proxectos senón para o conxunto da cidadanía galega, estreitando o vínculo entre enerxía e sociedade e

conseguindo unha maior aceptación desta modalidade de xeración.

Baixo estes supostos, o Goberno galego, no marco da planificación enerxética galega, fixa como obxectivo no ámbito da enerxía eólica que no ano 2012 existan 6.500 megawatts autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para acadar esta meta, a Administración pública galega velará para que os novos aeroxeradores incorporen as tecnoloxías máis acaídas asegurando así a correcta incorporación dos parques eólicos galegos no sistema eléctrico español. Ademais, garantirase que, por medio da participación do sector público no capital dos promotores de novos parques, a sociedade galega no seu conxunto se poida beneficiar de maneira directa dos rendementos xerados por estas instalacións. Igualmente, perséguese que o desenvolvemento eólico non se concentre nun reducido número de promotores senón que, por medio dun procedemento transparente baseado na concorrencia de proxectos e duns mecanismos que eviten tal concentración, exista unha maior participación de promotores con capacidade técnica e económica cumpridamente acreditada.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.13º, outórgalle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva sobre as instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica, cando este transporte non saia do territorio de Galicia e o seu aproveitamento non afecte outra provincia ou comunidade autónoma, sen prexuízo do disposto no artigo 149.1º.22 e 25 da Constitución española; no artigo 28 atribúelle a competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado en materia de réxime mineiro e enerxético. Neste marco competencial, e considerando o disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, reguladora do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que a desenvolve, promulgouse o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

No momento presente, a necesidade de que o aproveitamento do recurso eólico se realice consonte o modelo e os parámetros sinalados con anterioridade, exixe unha nova regulación que reoriente a política aplicada e garanta de maneira indubidable a continuidade do desenvolvemento deste sector, que queda suxeito a un procedemento transparente e eficaz.

Deste xeito, elaborouse un novo decreto con seis capítulos. No primeiro, que leva por título disposicións xerais, establécese cal é o obxecto e o ámbito de aplicación da norma, introdúcese o novo concepto de área de desenvolvemento eólico e saliéntase a importancia central da planificación no novo modelo

No capítulo II, recóllense os requisitos que deben reunir os solicitantes de novas instalacións eólicas con especial referencia aos requirimentos ambientais e técnicos da instalación.

O capítulo III describe o novo proceso que cumprirá seguir para acadar a autorización das instalacións de parques eólicos baseado nun procedemento de admisión a trámite de proxectos que garanta a libre participación e a transparencia do proceso. Establécense de maneira ordenada e pormenorizada todos os procedementos (selección de anteproxectos de instalación de parques eólicos e autorizacións administrativas), a documentación precisa en cada unha das etapas e os criterios aplicables. Igualmente, éntrase en cuestións concretas referidas ao proxecto sectorial, á declaración de utilidade pública, á prevalencia de utilidades públicas e á posta en servizo. Finalmente, o capítulo remata cunha sección referida ás causas de denegación das solicitudes, as obrigas derivadas da restitución, fianzas e criterios para a autorización das transmisións de titularidade.

O capítulo IV desenvolve a intervención da Comunidade Autónoma no tocante á conexión á rede das instalacións de xeración eólica que entran no ámbito de aplicación deste decreto.

O capítulo V céntrase no recoñecemento do réxime especial de enerxía eléctrica, de ser o caso, e na inscrición no rexistro.

O capítulo VI establece o marco normativo que rexerá para a transmisión de autorizacións e o peche das instalacións de produción a través da enerxía eólica.

Finalmente, o capítulo VII describe de maneira xenérica as competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Dentro das disposicións transitorias, disponse o mantemento dos dereitos recoñecidos pola normativa anterior aos titulares dos plans eólicos empresariais durante o tempo de duración destes. Sen prexuízo disto, tamén se determina que, en canto non se aprobe a modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, as áreas de investigación e as áreas de reserva incluídas no seu ámbito territorial pasen a se considerar, para todos os efectos, como áreas de desenvolvemento eólico.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Innovación e Industria, de conformidade co ditame do Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto deste decreto é regular o réxime xurídico das instalacións de produción de electricidade a partir da enerxía eólica, radicadas dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, esta norma establece as condicións técnicas, ambientais, socio-económicas e de eficiencia enerxética que deberán respectar en todo caso as instalacións autorizadas na comunidade autónoma e aqueles criterios de interese social que serán empregados para a selección dos anteproxectos de parques eólicos, no caso de que o número de solicitudes supere a potencia a tramitar en cada período de referencia.

Igualmente, establécense os procedementos para a selección de anteproxectos de parques eólicos e para a autorización de construción, explotación, transmisión e peche das instalacións de parques eólicos.

2. O presente decreto será de aplicación a aquelas instalacións de produción de electricidade que utilicen como enerxía primaria a enerxía eólica e cuxa autorización, consonte o previsto no artigo 27.13º do Estatuto de autonomía, sexa competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Quedan excluídas do ámbito de aplicación deste decreto as instalacións eólicas illadas de menos de 100 kW destinadas ao autoconsumo sen conexión coa rede eléctrica de transporte e/ou distribución.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto entenderase por:

1. Parque eólico: instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, localizada nun territorio determinado que se contempla dentro do Plan sectorial eólico de Galicia, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia e con conexión á rede xeral de transporte ou distribución.

2. Plan sectorial eólico de Galicia: instrumento de ordenación do territorio, de incidencia supramunicipal, cuxo obxectivo é o de regular e ordenar a implantación territorial de parques eólicos. O Plan sectorial eólico de Galicia integra as diferentes áreas de desenvolvemento eólico (ADE) para garantir unha acaída inserción das infraestruturas e instalacións dos parques eólicos no territorio.

3. Área de desenvolvemento eólico (ADE): espazo territorial, delimitado en coordenadas UTM e comprendido dentro do ámbito do Plan sectorial eólico de Galicia, susceptible de acoller un ou varios parques eólicos dedicados á actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial nos termos que se formulan no artigo 27.1º da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Artigo 3º.-Planificación.

1. As condicións xerais para o desenvolvemento das infraestruturas, dotacións e instalacións dos parques eólicos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia estableceranse no Plan sectorial eólico de Galicia, que se tramitará como plan sectorial de incidencia supramunicipal, de acordo coa Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia e a súa normativa de desenvolvemento.

2. O Plan sectorial eólico conterá como mínimo:

2.1. A delimitación dos ámbitos territoriais en que se poderán asentar as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto do plan que se vai desenvolver mediante proxectos sectoriais.

2.2. A descrición das características xerais das infraestruturas, dotacións ou instalacións previstas no plan.

2.3. As directrices para a redacción dos proxectos sectoriais que desenvolvan o contido do propio plan sectorial.

2.4. As medidas para a súa articulación co planeamento urbanístico e cos demais instrumentos de ordenación do territorio.

2.5. A incidencia sobre o territorio físico, afeccións ambientais e medidas de corrección e minimización dos impactos producidos sobre o medio.

3. Un mes antes da convocatoria a que se refire o artigo 8, a consellaría competente en materia de enerxía publicará na súa páxina web a previsión de potencia máxima expresada en megawatts que se tramitará durante o período de referencia que se estableza.

Artigo 4º.-Réxime de autorizacións.

1. A construción, modificación, explotación, transmisión e peche de parques eólicos está sometido ao réxime de autorización administrativa previa.

2. A construción, modificación e explotación de parques eólicos requiren:

2.1. Autorización administrativa, referida ao anteproxecto da instalación.

2.2. Aprobación do proxecto de execución, referida ao documento técnico que se presentará segundo o establecido no artigo 13º.

As solicitudes de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución tramitaranse consonte o establecido no capítulo III deste decreto e resolveranse conxuntamente segundo o previsto no artigo 15º.

3. A explotación do parque eólico require da acta de posta en servizo regulada no artigo 23º.

4. A transmisión e peche dos parques eólicos requirirán as autorizacións reguladas nos artigos 30º e 31º.

Capítulo II

Requisitos dos solicitantes e da instalación

Artigo 5º.-Capacidade dos solicitantes.

Os solicitantes das autorizacións a que se refire o presente decreto deberán acreditar capacidade legal, técnica e económica para a realización do proxecto, a través dos medios seguintes:

a) Capacidade legal: a promotora deberá ter personalidade física ou xurídica propia, excluíndose as unións temporais de empresas.

b) Capacidade técnica mediante a acreditación de cando menos un destes requisitos:

1. Ter exercido a actividade de produción de enerxía eléctrica durante, polo menos, os últimos tres anos, ou

2. Contar cun socio que participe no capital social cunha porcentaxe igual ou superior ao 25 por 100 e que poida acreditar a súa experiencia durante os últimos tres anos na actividade de produción de enerxía eléctrica, ou

3. Ter subscrito un contrato de asistencia técnica por un período de tres anos cunha empresa que acredite experiencia na actividade de produción de enerxía eléctrica.

c) Capacidade económica: a capacidade económica entenderase cumprida se a promotora presenta documentación acreditativa de posuír fondos propios que supoñan como mínimo o 20% do investimento necesario para a realización do proxecto ou proxectos. No caso de que a promotora sexa unha persoa xurídica, a capacidade económica entenderase cumprida se unha ou varias das persoas que participan no seu capital achegan a devandita documentación.

Artigo 6º.-Requisitos ambientais da instalación.

1. Todos os proxectos de parques eólicos se someterán a avaliación de impacto ambiental e serán obxecto dunha declaración de impacto ambiental na consellaría competente en materia de ambiente.

2. Quedan excluídos da implantación de parques eólicos aqueles espazos naturais declarados como zonas de especial protección dos valoresnaturais para formaren parte da Rede Natura 2000 consonte o Decreto 72/2004, do 2 de abril, ou normativa vixente en cada momento, agás os proxectos previstos no artigo 11.1º, logo de consulta coa consellaría competente en materia de ambiente.

Artigo 7º.-Requisitos técnicos da instalación.

1. Para iniciarse a tramitación do procedemento administrativo de autorización, o solicitante deberá acreditar un número de horas equivalentes de vento ao ano, mediante a presentación da documentación que se indica no artigo 9.1º.3.b), que sustenten a viabilidade económico-financeira do parque.

2. Co fin de adecuar os parques eólicos aos requirimentos do operador do sistema, non se admitirán proxectos que contemplen a instalación de aeroxeradores que non cumpran os requisitos técnicos a respecto de ocos de tensión e potencia reactiva.

3. As características técnicas dos aeroxeradores que se poidan instalar nos parques eólicos poderán ser actualizadas por orde da consellaría competente en materia de enerxía tendo en conta os avances tecnolóxicos, os requirimentos do operador do sistema e o factor de saturación de parques eólicos no territorio da comunidade autónoma.

Capítulo III

Autorización de instalacións de parques eólicos

Sección primeira

Procedemento de selección de anteproxectos de instalación de parques eólicos

Artigo 8º.-Orde de convocatoria.

Mediante orde da consellaría competente en materia de enerxía, determinarase o obxectivo de potencia máxima expresada en megawatts que se tramitará durante o período de referencia que naquela se estableza e fixarase o prazo para a presentación de solicitudes de autorización de parques eólicos.

Artigo 9º.-Presentación de solicitudes.

1. Dentro do prazo a que fai referencia o artigo anterior, as persoas físicas ou xurídicas interesadas na instalación dun parque eólico deberán presentar ante a dirección xeral competente en materia de enerxía a súa solicitude, segundo o modelo que acompañará a orde de convocatoria, cos requisitos establecidos no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, acompañada necesariamente da seguinte documentación, para os efectos da súa valoración:

1.1. Memoria xustificativa do cumprimento dos requisitos de capacidade de acordo co artigo 5º do presente decreto.

1.2. Datos identificativos do/s proxecto/s:

1.2.a. Denominación do parque ou parques eólicos para os cales se presenta unha solicitude.

1.2.b. Área/s de desenvolvemento eólico afectada/s identificada/s en coordenadas UTM sobre cartografía oficial.

1.2.c. Concello ou concellos afectados.

1.2.d. Potencia total a desenvolver e potencia de cada proxecto individual no caso de presentar unha solicitude para varios proxectos.

1.3. Anteproxecto de cada instalación asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial, co seguinte contido:

1.3.a. Memoria descritiva da localización, obxecto e características principais da instalación.

1.3.b. Xustificación da existencia de recurso eólico suficiente para o funcionamento do parque mediante achega da seguinte documentación, que poderá ser obxecto de valoración diferente:

1.3.b.1. Medicións efectuadas durante un período mínimo de doce meses.

1.3.b.2. Estudo ou modelización que confirme a existencia de recurso.

1.3.c. Estudo técnico-económico de viabilidade do proxecto do parque eólico e do proxecto de desenvolvemento económico previsto no punto 1.5 deste artigo

1.3.d. Orzamento da instalación.

1.3.e. Programa de desenvolvemento dos traballos con indicación do prazo de execución.

1.3.f. Memoria xustificativa da proposta para a evacuación da enerxía eléctrica producida polo parque eólico que incluirá unha proposta de traza das liñas de evacuación até a súa interconexión coa rede xeral e/ou de mellora da infraestrutura eléctrica existente.

1.3.g. Plano de situación a escala 1:50.000.

1.3.h. Planos de planta a escala 1:10.000 e 1:5.000 en que se reflicta a área afectada pola instalación e situación dos aeroxeradores, edificios e instalacións auxiliares, vías de acceso e internas do parque e as canalizacións.

1.4. Memoria ambiental:

1.4.a. Análise previa das afeccións ambientais e medidas correctoras previstas.

1.5. Proxecto de desenvolvemento económico:

1.5.a. Actuacións empresariais e tecnolóxicas do solicitante na Comunidade Autónoma de Galicia, nomeadamente no ámbito industrial vinculado ao sector eólico.

1.5.b. Concreción da incidencia do impacto socioeconómico na área de influencia do parque.

1.5.c. Proxectos ou iniciativas de contido ambiental ou de infraestruturas básicas no concello ou concellos afectados polo proxecto do parque ou nas súas comarcas.

1.5.d. Impacto positivo sobre a rede de distribución que poida derivar da implantación do parque eólico.

2. Con carácter voluntario, e para os efectos de valoración do anteproxecto, o solicitante tamén poderá presentar a proposta de compromisos adicionais, que incorporará algún dos seguintes documentos:

2.1. Proposta de participación pública no capital social do proxecto a través de entes de dereito público que teñan como obxecto social ou función a implantación de sistemas de produción de enerxía e que poidan constituír ou participar en sociedades, calquera que for a súa forma, cun obxecto que se relacione cos seus fins.

2.2. Proposta de instrumentos financeiros que canalicen o aforro de particulares, nomeadamente daqueles que estean afectados polos proxectos, cara aos investimentos vinculados aos proxectos propostos.

2.3. Determinación do modo de implicación dos propietarios dos terreos onde se implanta o parque a través de fórmulas que vinculen a produción da instalación eólica coas rendas derivadas das fórmulas de traslación ou cesión de uso ou aproveitamento, tales como arrendamentos, censos ou superficie, entre outras, no caso de que o promotor opte por esta forma de disposición das parcelas que precisa.

3. Ademais da documentación indicada nos puntos 1 e 2, poderase requirir aos solicitantes a presentación de calquera outra documentación que concrete, aclare ou complete o contido da súa solicitude.

4. Expirado o prazo para a presentación de solicitudes, a consellería competente en materia de enerxía ditará resolución en que se aprobe a lista de anteproxectos admitidos e excluídos, e outorgando un prazo de dez días hábiles para que aquelas solicitudes presentadas que non reunisen os requisitos exixidos poidan emendar a falta ou achegar os documentos preceptivos. Se así non o fixeren, teranse por desistidos da súa petición na resolución que se dite segundo o establecido no artigo 12º.

Artigo 10º.-Criterios de valoración.

1. Os criterios de valoración que se aplicarán para seleccionar os anteproxectos admitidos a trámite son os seguintes:

a) Mellor relación entre produción enerxética e afección ambiental

b) Viabilidade técnico-económica e maior impacto socio-económico positivo do proxecto de desenvolvemento económico. Importe dos investimentos e programa de execución.

c) Maior capacidade técnica e financeira para a execución material do parque.

d) Nivel tecnolóxico das instalacións que conforman os parques eólicos que o proxecto contempla para seren desenvolvidos dentro da ADE.

e) Viabilidade da proposta de interconexión. En caso de solicitudes de diferentes proxectos sobre unha mesma ADE ou sobre áreas próximas valorarase a presentación de actuacións conxuntas de evacuación, así como o grao de aproveitamento e optimización das infraestruturas eléctricas existentes na zona.

f) Alcance, viabilidade e interese social da proposta de compromisos adicionais.

2. Na orde de convocatoria para a presentación de solicitudes de parques eólicos prevista no artigo 8º, poderanse especificar os anteriores criterios de valoración e, asemade, determinarase a importancia relativa de cada un dos criterios aplicados no proceso de selección dos anteproxectos, sen que en ningún caso o documento de compromisos adicionais previsto no artigo 9.2º poida supoñer máis do 30% do total.

3. Así mesmo, a orde de convocatoria establecerá, para os supostos de coincidencia na valoración de varios anteproxectos concorrentes sobre un mesmo espazo, cales serán os criterios que permitirán establecer a preferencia duns sobre os outros.

Artigo 11º.-Repotenciamento.

1. Co fin de optimizar as áreas territorialmente aptas para admitir parques eólicos e adecuar as tecnoloxías instaladas aos requirimentos técnicos do operador do sistema, contémplanse de maneira específica os proxectos de repotenciamento de parques eólicos, consistentes no aumento da súa potencia a través da substitución dos aeroxeradores en funcionamento por outros de maior potencia unitaria, sen dar lugar ao incremento do número de aeroxeradores comprendidos na área do parque ou ben reducíndoo.

2. Consonte o previsto no artigo 10.2º, na orde de convocatoria para admisión a trámite de solicitudes de autorización de parques eólicos poderanse especificar os criterios de valoración para os proxectos de repotenciamento.

Artigo 12º.-Selección dos anteproxectos.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, se a suma das potencias das solicitudes presentadas der como resultado unha cifra igual ou inferior á potencia máxima prevista na orde de convocatoria, a consellaría competente en materia de enerxía ditará resolución admitindo a trámite todas as solicitudes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos e presentasen a documentación en tempo e forma. O prazo para ditar resolución será de tres meses.

2. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, se a suma das potencias das solicitudes presentadas dá como resultado unha cifra igual ou inferior á potencia máxima prevista na orde de convocatoria, pero dous ou máis anteproxectos concorreren sobre o mesmo espazo territorial, entendendo como concorrentes aqueles cuxa poligonal delimitada en coordenadas UTM coincide total ou parcialmente, a consellaría competente en materia de enerxía:

2.1. Ditará resolución admitindo a trámite todas as solicitudes non coincidentes presentadas que cumpran cos requisitos establecidos e presentasen a documentación en tempo e forma. O prazo para ditar resolución será de tres meses.

2.2. Iniciará o procedemento de selección entre os anteproxectos concorrentes presentados consonte os criterios de valoración establecidos nos artigos 10º e 11º. No prazo máximo de 6 meses, ditará resolución aprobando a lista de anteproxectos seleccionados.

3. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a consellería competente en materia de enerxía iniciará o procedemento de selección dos anteproxectos presentados consonte os criterios de valoración establecidos nos artigos 10 e 11 se a suma das potencias das solicitudes presentadas supera a potencia máxima prevista na orde de convocatoria. Neste caso, no prazo máximo de seis meses, por resolución da consellaría competente en materia de enerxía, aprobarase a relación dos anteproxectos seleccionados, conforme os criterios establecidos nos artigos anteriores. Na mesma resolución conterase ademais unha lista priorizada de anteproxectos suplentes.

4. Para os efectos do previsto nos números 2 e 3 deste artigo, a orde de convocatoria preverá a constitución dunha comisión para a valoración das solicitudes consonte os criterios establecidos nos artigos 10º e 11º.

A composición da comisión desenvolverase na propia orde de convocatoria e deberá estar integrada como mínimo por representantes da consellarías con competencias nas materias de enerxía, ambiente, montes e urbanismo.

Sección segunda

Procedemento de autorización de instalacións de parques eólicos

Artigo 13º.-Presentación de documentación.

1. Os titulares dos anteproxectos de instalación de parques eólicos, no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de admisión a trámite ou de selección, presentarán a solicitude de autorización da instalación do parque eólico con que deberán achegar a seguinte documentación:

1.1. Proxecto técnico de execución das instalacións subscrito por técnico competente e visado polo colexio oficial.

1.2. Estudo de impacto ambiental da área afectada polo proxecto do parque eólico.

1.3. Acreditación do punto de interconexión da instalación, emitida pola empresa receptora da enerxía producida, ou documentación xustificativa da participación en proxectos conxuntos de construción de infraestruturas de evacuación da enerxía producida por parques que se vaian localizar sobre unha mesma ADE ou sobre áreas próximas.

1.4. De ser o caso, copia dos acordos, contratos ou convenios subscritos ou do instrumento mediante o cal se formalicen os compromisos adicionais reflectidos no documento previsto no artigo 9.2º deste decreto.

1.5. Separatas do proxecto para as administracións públicas, organismos e, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral con bens ou servizos ao seu cargo afectadas pola instalación, con bens e dereitos ao seu cargo, co fin de que establezan o condicionado técnico procedente. As separatas conterán como mínimo as características xerais da instalación, documentación cartográfica e un documento de síntese do estudo de impacto ambiental.

1.6. Proxecto sectorial xunto coa documentación exixida polo artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

1.7. No caso de solicitar a declaración de utilidade pública, en concreto, presentarase a documentación establecida no artigo 18º deste decreto.

2. A documentación dirixirase á correspondente delegación provincial da consellaría competente en materia de enerxía, que será a unidade tramitadora. No suposto de proxectos cuxa implantación afecte máis dunha provincia, a unidade tramitadora será a dirección xeral competente en materia de enerxía, á cal se lle remitirá a documentación.

3. De non presentar o peticionario a documentación indicada na alínea 1 deste artigo dentro do prazo establecido para o efecto, requiriráselle para que o faga no prazo de dez días, advertíndoo de que, se non o fixer, se ditará resolución en que se terá por desistido da súa petición.

Artigo 14º.-Instrución do procedemento.

1. A solicitude presentada someterase conxuntamente a información pública, para todos os efectos e durante o prazo dun mes, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, no correspondente BOP, no taboleiro de anuncios do concello ou concellos afectados, e nun dos diarios de maior circulación da provincia ou provincias afectadas.

2. Durante o prazo indicado no número anterior calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións consideren oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica, ou a parte desta que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado ao peticionario para que este formule a contestación ao contido daquelas e lla comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.

3. Rematado o prazo de información pública, os concellos afectados e as delegacións provinciais das consellarías competentes en materia de enerxía e ambiente remitirán á unidade tramitadora unha certificación acreditativa da realización do trámite, facendo constar se houbo ou non alegacións e xuntando estas en caso afirmativo.

4. No caso dos concellos, a certificación acreditativa da exposición ao público do proxecto sectorial conterá unha referencia expresa á realización do trámite de audiencia previsto no artigo 13.2º do Decreto 80/2000.

5. A unidade tramitadora realizará os trámites necesarios para a obtención dos condicionados técnicos procedentes, revisará a documentación presentada polo promotor e emitirá ou solicitará, de ser o caso, informe da correspondente delegación provincial relativo á adecuación do proxecto á normativa de instalacións industriais e eléctricas e á parte que proceda da declaración de impacto ambiental.

6. Concluídos os trámites de información pública e de información a outras administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a delegación provincial, cando lle corresponda a tramitación do procedemento, remitirá o expediente completo e ordenado á dirección xeral competente en materia de enerxía para a súa remisión á consellaría competente en materia de ambiente, co fin de que esta formule a declaración de impacto ambiental do proxecto.

7. A tramitación da declaración de impacto ambiental seguirá o procedemento previsto no Decreto 442/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, e a súa valoración positiva será requisito indispensable para o outorgamento da autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Á vista de todos os informes, alegacións e demais documentos que figuren no expediente, e unha vez formulada a declaración de impacto ambiental e emitido o informe da consellaría competente en materia de urbanismo, previsto no artigo 13 do Decreto 80/2000, a dirección xeral competente en materia de enerxía remitiralle á persoa titular da consellaría o expediente completo e ordenado xunto cunha proposta de resolución motivada.

2. A persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía ditará resolución estimatoria ou desestimatoria da solicitude no prazo máximo de seis meses, que se publicará integramente no Diario Oficial de Galicia e se notificará aos interesados e a cantos presentasen alegacións durante o trámite de información pública.

3. A falta de resolución expresa no prazo indicado, contado desde o remate do prazo indicado no artigo 13.1º, terá efectos desestimatorios e habilitará o solicitante para interpoñer os recursos que procedan.

Sección terceira

O proxecto sectorial

Artigo 16º.-O proxecto sectorial.

1. O proxecto sectorial, xunto coa documentación exixida polo artigo 10 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, presentarase conxuntamente co proxecto de execución, dentro do prazo establecido no artigo 13.1º deste decreto.

2. Unha vez realizados os trámites previstos neste decreto e no Decreto 80/2000, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellaría con competencias en materia de enerxía, aprobará definitivamente, se procede, o proxecto sectorial coas modificacións ou correccións que cosidere convenientes.

3. A aprobación do proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia será requisito imprescindible para poder iniciar as obras, sen prexuízo doutras autorizacións ou licenzas que procedan.

Sección cuarta

Declaración de utilidade pública

Artigo 17º.-Utilidade pública.

De acordo co artigo 52.1º da Lei do sector eléctrico, as instalacións eléctricas de xeración incluídas no ámbito de aplicación deste decreto levan implícita a declaración de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

Artigo 18º.-Solicitude da declaración de utilidade pública.

1. Para o recoñecemento, en concreto, da utilidade pública será necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación.

2. A solicitude pode presentarse conxuntamente co proxecto de execución ou con posterioridade á súa aprobación. Incluirá unha relación actualizada do número de acordos previos acadados cos propietarios dos terreos afectados para a adquisición ou calquera outro dereito de uso sobre as súas propiedades, con documentación acreditativa dos devanditos acordos, e unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que o solicitante considere de necesaria expropiación, xustificando os motivos polos cales non foi posible chegar a acordos que eviten aquela.

3. De ser o caso, incluirá unha relación de organismos interesados, así como dos bens de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais daqueles.

4. A petición someterase a información pública e solicitarase informe dos organismos afectados.

Artigo 19º.-Declaración de utilidade pública.

1. No procedemento de declaración de utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico, seguiranse os trámites establecidos na Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2. A declaración de utilidade pública, en concreto, correspóndelle á persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía.

Sección quinta

Prevalencia de utilidades públicas

Artigo 20º.-Concorrencia de aproveitamentos.

Se, solicitado o recoñecemento da utilidade pública polo promotor do parque eólico, se opuxer á declaración daquel o titular doutro dereito ou interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender prexudicial a aqueles a instalación do parque, procederase á apertura en peza separada dun trámite procedemental en que se decidirá sobre a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados.

Artigo 21º.-Trámite de compatibilidade.

1. O procedemento de compatibilidade de aproveitamentos será iniciado e tramitado pola dirección xeral competente en materia de enerxía, así que teña coñecemento da existencia de aproveitamentos ou infraestruturas con declaración de utilidade pública sobre o espazo territorial en que se proxecta implantar o parque eólico.

2. O órgano tramitador dará audiencia ás partes por un prazo máximo de 15 días e trasladará ao solicitante do parque eólico o contido das alegacións presentadas polo titular do aproveitamento con declaración de utilidade pública, co fin de que presente un informe xustificativo dunha eventual declaración de prevalencia do parque.

3. Recibido o informe a que fai referencia o punto anterior, así como aqueles outros que se consideren necesarios para resolver ou veñan exixidos pola lexislación sectorial aplicable, o órgano tramitador emitirá informe sobre a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos e elevará proposta ao órgano competente para ditar resolución sobre a concorrencia da dupla declaración de utilidade pública ou a prevalencia do aproveitamento que se considere de maior interese ou utilidade pública.

4. No suposto de considerarse incompatibles os aproveitamentos, unha vez declarada a utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico, procederase a determinar cal é prevalente.

Artigo 22º.-Declaración de prevalencia.

1. Cando as autorizacións ou títulos habilitantes para os aproveitamentos sexan competencia da mesma consellaría, correspóndelle ao seu titular a resolución de prevalencia. No caso de seren competencia de máis dunha consellaría, a resolución de prevalencia corresponderalle ao Consello da Xunta de Galicia.

2. A resolución de prevalencia do proxecto do parque eólico sobre outros aproveitamentos ou infraestruturas declaradas de utilidade pública será requisito indispensable para proceder á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo devandito proxecto.

3. De non se declarar a utilidade pública, en concreto, do proxecto do parque eólico conforme os artigos 18º e 19º, resolverase a finalización do procedemento de prevalencia por perda do seu obxecto e procederase ao arquivo do expediente.

Sección sexta

Acta de posta en servizo

Artigo 23º.-Prazos para a posta en servizo.

1. Na resolución de aprobación do proxecto de execución farase mención expresa do prazo para solicitar a acta da posta en servizo definitiva do parque eólico, que non será superior aos doce meses contados a partir da aprobación do proxecto sectorial.

2. O prazo indicado no número anterior poderá ser obxecto de prórroga por causas xustificadas, a pedimento do interesado, por un prazo que non poderá superar a metade do prazo inicial. Tanto a solicitude de prórroga como a decisión deberán producirse, en todo caso, antes do vencemento do prazo inicial e non poderá ser obxecto de prórroga un prazo xa vencido.

3. O incumprimento dos prazos e das prórrogas concedidas provocará a caducidade da autorización administrativa, a perda dos dereitos derivados dela e a incautación da fianza sinalada no artigo 26º.1.

Sección sétima

Disposicións comúns

Artigo 24º.-Causas de denegación.

1. Sen prexuízo de calquera outra causa que se aprecie durante a tramitación dos procedementos administrativos a que fai referencia o presente decreto, que poida determinar a denegación da correspondente solicitude e que se fará constar motivadamente na resolución, son causas expresas de denegación as seguintes:

1.1. Avaliación ambiental desfavorable.

1.2. Deficiencias técnicas non emendables.

1.3. Financiamento insuficiente sobrevido.

2. Non se aprobará ningún proxecto de execución do cal se derive unha potencia instalada, medida pola suma das potencias nominais unitarias dos aeroxeradores, superior á que figure na resolución de admisión a trámite ou, de ser o caso, na autorización administrativa. Para estes efectos entenderase por potencia nominal unitaria a que veña especificada na placa de características do xerador, conforme o certificado emitido polo laboratorio ou entidade acreditada que realizou a certificación do aeroxerador.

Artigo 25º.-Restitución.

1. Sen prexuízo do condicionado imposto pola declaración de impacto ambiental, a autorización administrativa leva implícita a obriga de remoción das instalacións e de restauración dos terreos que ocupe ao seu estado orixinal, unha vez finalizada a actividade de produción de enerxía eléctrica.

2. A obriga de remoción de instalacións e restauración de terreos será igualmente exixible nos casos de revogación por incumprimento das condicións e requisitos establecidos na autorización administrativa ou aprobación do proxecto de execución.

Artigo 26º.-Fianzas.

1. Co fin de garantir o cumprimento das súas obrigas, o titular da autorización deberá constituír unha fianza por importe do 2% do orzamento das instalacións que se devolverá, por solicitude do interesado, unha vez que se formalice a acta de posta en servizo das instalacións. A fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellaría de Economía e Facenda, á disposición da consellaría competente en materia de enerxía, en calquera das formas legalmente establecidas.

2. Conforme o previsto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, o titular do parque deberá constituír as correspondentes fianzas co fin de garantir o cumprimento da obriga de restauración dos terreos ocupados polo parque eólico:

a) A fianza correspondente aos labores de restauración en fase de obras depositarase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución da autorización.

b) A fianza correspondente aos labores de remoción e restauración en fase de desmantelamento depositarase con carácter previo á devolución da anterior, manterase durante toda a vida da instalación e actualizarase anualmente mediante a aplicación dos índices de prezos de consumo.

O importe destas fianzas fixarao o órgano substantivo, por proposta da consellaría competente en materia de ambiente, e seu importe non será inferior ao 2% do orzamento das obras do proxecto.

3. As fianzas descritas no punto anterior devolveranse cando se dean as condicións e se cumpran os requisitos establecidos no artigo 6 do Decreto 455/1996.

4. O incumprimento das obrigas establecidas neste artigo serán causa de revogación da autorización administrativa.

Capítulo IV

Conexión á rede de transporte ou distribución

Artigo 27º.-Conexión á rede.

1. Para obter a autorización administrativa dun parque eólico será requisito imprescindible presentar a acreditación do punto de interconexión da instalación, emitida pola empresa receptora da enerxía producida.

2. O titular da instalación solicitará á empresa receptora o punto de conexión á rede para o cal lle achegará a memoria prevista no artigo 9.1º.3.f) e a documentación prevista pola normativa específica de aplicación. No prazo establecido para o efecto, a empresa distribuidora ou transportista notificará ao solicitante a aceptación da conexión no punto solicitado e indicará as condicións técnicas de conexión que considere máis adecuadas.

3. No suposto de que a empresa distribuidora ou transportista comunique que concorren circunstancias que impiden a conexión do parque, deberá de xustificar ante a dirección xeral competente en materia de enerxía, no mesmo prazo indicado no punto anterior, os seguintes puntos:

a) Acreditación documental da imposibilidade técnica da rede eléctrica para absorber a enerxía producida polo parque eólico, en condicións normais de operación.

b) Identificación das modificacións necesarias para emendar a imposibilidade técnica aducida.

c) Custo dos traballos precisos e programación da súa execución.

4. Con carácter xeral, os gastos das modificacións na rede da empresa adquirente da enerxía serán a cargo do titular do parque eólico, agás naqueles supostos que non fosen exclusivamente para o seu servizo. Neste último caso, os gastos correrán a cargo de ambas as partes de mutuo acordo, tendo en conta o uso que se prevé que van facer das ditas modificacións cada unha das partes.

5. No caso de discrepancia, a dirección xeral competente en materia de enerxía, formulará unha proposta de acordo entre a empresa receptora e o titular do parque que conterá, de ser o caso, a imputación dos gastos das modificacións que se deben executar na rede.

Capítulo V

Inclusión no réxime especial de produción de enerxía

eléctrica

Artigo 28º.-Recoñecemento do réxime especial de enerxía eléctrica.

1. No caso de solicitar acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o titular da autorización deberá presentar solicitude expresa para o efecto xunto coa seguinte documentación:

1.1. Acreditación das principais características técnicas e de funcionamento da instalación.

1.2. Avaliación cuantificada da enerxía eléctrica que vai ser transferida á rede.

1.3. Memoria resumo da entidade peticionaria co seguinte contido:

1.3.a. Nome e razón social e enderezo do peticionario.

1.3.b. Capital social e accionistas con participación superior ao cinco por cento, de ser o caso, e participación destes. Relación de empresas filiais en que o titular teña participación maioritaria.

1.3.c. As condicións de eficiencia enerxética, técnicas e de seguranza da instalación para a cal se solicita a inclusión no réxime especial.

1.3.d. Relación doutras instalacións acollidas ao réxime especial das cales sexa titular.

1.3.e. Copia do balance e conta de resultados correspondente ao último exercicio fiscal.

2. A solicitude e a documentación indicados no punto 1 poden presentarse conxuntamente ou con posterioridade á solicitude de aprobación do proxecto de execución. No caso de solicitude conxunta, o recoñecemento de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica pode outorgarse na mesma resolución pola cal se aproba o proxecto de execución da instalación.

Artigo 29º.-Inscrición no rexistro.

1. A condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica terá efectos desde a data da resolución pola cal aquela se outorga.

2. Para a aplicación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica será requisito necesario a inscrición da instalación no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Xunta de Galicia, creado por Orde do 5 de xuño de 1995.

3. De todas as inscricións, modificacións e cancelacións que se realicen no rexistro, darase conta á Administración xeral do Estado para os efectos previstos na normativa do réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

Capítulo VI

Transmisión e peche de parques eólicos

Artigo 30º.-Transmisión de autorizacións.

1. As transmisións de titularidade dun parque eólico requiren autorización administrativa previa da consellaría competente en materia de enerxía. Para estes efectos considérase transmisión a terceiros calquera acto ou operación xurídica que outorgue a aqueles a transmisión ou control de accións ou participacións por máis do 50% do capital da titular.

2. Para tal fin, o órgano competente exixirá ao solicitante da transmisión a acreditación do cumprimento dos requisitos exixidos ao titular da instalación. O novo titular subrogarase expresamente en todas as obrigas e dereitos do cedente.

3. As autorizacións administrativas reguladas neste decreto non serán transmisibles a terceiros até o momento en que o parque eólico estea executado na súa totalidade e dispoña da acta de posta en servizo definitiva.

Artigo 31º.-Peche de instalacións.

1. O titular dun parque eólico que pretenda levar a cabo o peche da instalación deberá dirixir a correspondente solicitude á consellería competente en materia de enerxía, que resolverá sobre ela no prazo máximo de seis meses.

2. A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria en que se expoñan as circunstancias en que se fundamenta a solicitude de peche da instalación.

b) Proxecto técnico de peche da instalación, redactado por técnico competente e visado polo colexio profesional.

c) Programa de desenvolvemento dos traballos e orzamento estimado.

3. Unha vez tramitado o procedemento, a unidade tramitadora, cando sexa o caso, remitirá o expediente á dirección xeral competente en materia de enerxía quen resolverá, logo da emisión de informe por parte da delegación provincial correspondente, no prazo máximo de 6 meses.

4. Unha vez realizado o peche e desmantelamento das instalacións, os servizos técnicos da delegación provincial correspondente farán as comprobacións técnicas que se consideren oportunas e, logo do informe favorable da consellaría competente en materia de ambiente respecto do cumprimento do condicionado imposto na declaración de impacto ou efectos ambientais, redactarán, se procede, acta de peche.

Capítulo VII

Réxime sancionador

Artigo 32º.-Competencias.

As competencias para sancionar as infraccións previstas na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico atribúense conforme o previsto no Decreto 232/2006, do 23 de novembro, polo que se distribúe a competencia para o exercicio da potestade sancionadora entre os órganos da Consellería de Innovación e Industria e se determinan normas de tramitación dos procedementos sancionadores nas materias da súa competencia.

Disposición adicional

No caso dun proxecto admitido a trámite contemplar participación pública no seu capital social, esta desenvolverase segundo a normativa que lle sexa de aplicación.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. Aos titulares de plans eólicos empresariais vixentes á entrada en vigor deste decreto conservaránselles os dereitos outorgados pola normativa anterior respecto das áreas de investigación incluídas na resolución de aprobación do seu PEE, durante o tempo de vixencia deste, sempre que non acadasen a potencia prevista na devandita resolución.

2. Para os efectos do previsto no artigo 9 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, a consellaría competente en materia de enerxía notificará o remate do período de duración dos plans eólicos empresariais que, na data de entrada en vigor deste decreto, xa rematasen o período de vixencia previsto na correspondente resolución de aprobación.

Segunda.

Na primeira orde de convocatoria de selección de anteproxectos de instalación de parques eólicos realizada ao abeiro deste decreto, reservarase unha cota de potencia, definida en megawatts, para aqueles promotores que foron titulares dun plan eólico empresarial e que, por motivos de planificación, non puideron desenvolver a cifra de potencia prevista ou estimada na resolución de aprobación do devandito plan.

Terceira.

En canto non se aprobe a modificación do Plan sectorial eólico de Galicia, as áreas de investigación e as áreas de reserva incluídas no ámbito territorial do PSEGA pasan a considerarse, para todos os efectos, áreas de desenvolvemento eólico (ADE), sen prexuízo dos dereitos que os titulares de PEE aínda vixentes conserven sobre as incluídas na resolución de aprobación do seu plan, até a data de remate daquel, consonte a disposición transitoria primeira.

Disposición derrogatoria

Única.

Queda derrogado o Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuízo da súa aplicación como norma de réxime transitorio, a Orde do 29 de outubro de 2002, pola que se determinan os requisitos para a autorización de parques eólicos singulares, e a Orde do 13 de xuño de 2002 pola que se crea e regula a Comisión de Seguimento do Plan Eólico de Galicia.

Quedan igualmente derrogadas todas as normas de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Autorizase a persoa titular da consellaría competente en materia de enerxía para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Fernando X. Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria