DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 49

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 21 de decembro de 2007 pola que se convocan as subvencións que se poderán outorgar no exercicio 2008 ao abeiro do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer, constitúe o marco normativo polo que se regulan as subvencións para o arrendamento e rehabilitación de vivendas desocupadas na nosa comunidade autónoma.

O seu artigo 3.2º dispón que estas subvencións se atenderán a través de convocatorias anuais polas que se cuantificarán as dispoñibilidades orzamentarias que se poidan consignar para cada exercicio.

Tanto o procedemento de concesión das subvencións que se outorgarán ao abeiro desta convocatoria como a normativa que o regula se suxeitan ao establecido pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A súa disposición derradeira primeira faculta a conselleira de Vivenda e Solo para ditar, no marco das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Dispoñibilidade económica.

Para os efectos do disposto no artigo 3.2º do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, determínase:

1. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e 2009 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións ao arrendamento do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 17.01.451B.480.1.

2. A aplicación do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 onde figuran os créditos con cargo aos cales serán atendidas as subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento dentro do programa de vivenda en aluguer do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, é a 17.01.451A.780.1

3. O importe máximo das subvencións ao arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 4.504.772,38 € e, dentro do exercicio orzamentario de 2009 será de 3.906.968,46 €.

4. O importe máximo das subvencións para a rehabilitación de vivendas e posterior arrendamento que se poderán outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2008 será de 1.800.000 €.

5. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito axeitado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

6. O importe máximo destas subvencións poderá incrementarse en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo ás mesmas aplicacións. De producirse incremento nas dotacións orzamentarias destinadas á concesión destas subvencións publicarase no Diario Oficial de Galicia o importe polo cal resultarán finalmente dotadas as aplicacións que as financian.

Artigo 2º.-Solicitudes de subvención ao arrendamento.

1. Asinado o contrato de arrendamento no marco do programa regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, o inquilino poderá solicitar a subvención ao aluguer regulada nel, trámite que se poderá realizar mediante o modelo de solicitude de subvención recollido como anexo desta orde.

2. As solicitudes de subvención para o arrendamento reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán presentarse do 1 de xaneiro ata o 10 de decembro de 2008 no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou no das súas delegacións provinciais.

3. No presente exercicio terán lugar procedementos de concesión de subvención cada mes natural, de tal xeito que as solicitudes de subvención presentadas ata o día 10 de cada mes serán resoltas antes do último día do mesmo mes.

4. As solicitudes presentadas a partir do día 10 de cada mes serán resoltas no procedemento de concesión do mes próximo.

5. A concesión da subvención producirá efectos desde o día de presentación da solicitude.

Artigo 3º.-Procedementos de concesión.

De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos fixándose para o exercicio 2008 12 procedementos de concesión de subvencións para o arrendamento. Por cada procedemento de concesión ditarase antes do último día do mes unha resolución que conterá o importe das subvencións que se concedan en cada mes que non poderán superar os seguintes importes:

Ver referencia pdf "00100D010P049.PDF"

Artigo 4º.-Solicitudes de subvención para a rehabilitación.

De conformidade co establecido no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e tendo en conta o procedemento de xestión e concesión destas axudas, excepciónase esta convocatoria do requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos.

As solicitudes de subvención para a rehabilitación reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán presentarse desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro de 2008 no rexistro da Consellería de Vivenda e Solo ou no das súas delegacións provinciais.

Artigo 5º.-Documentación.

A solicitude de novas subvencións ao arrendamento, unha vez esgotados os doce meses da que tiñan concedida, exixirá a presentación de toda a documentación requirida nos artigos 5 e 15 da orde de desenvolvemento do Decreto 48/2006. Esta documentación presentarase dentro dos dez primeiros días dos trinta anteriores ao do vencemento da anterior subvención.

Disposición adicional

Única.-Incorporadas ao programa un número de vivendas con obras de rehabilitación que poidan comprometer o crédito que sustenta a concesión das subvencións para a rehabilitación, denegarase a incorporación ao programa de vivendas que precisen estas obras ata a seguinte convocatoria anual.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "00100D010P049.PDF"