DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 37

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de decembro de 2007 pola que se anuncian axudas económicas destinadas a subvencionar a realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos municipios.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda desta comunidade autónoma se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

É neste senso no que a Unión Europea incide, a través das correspondentes directrices estratéxicas, como prioridade para o conxunto da Unión. Así, a posta en marcha de medidas que respondan ás necesidades dos ámbitos rurais e urbanos da comunidade autónoma incidirá de xeito decisivo no cumprimento dos obxectivos que a Unión se ten proposto e se ven materializados no programa operativo europeo 2007/2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento local e urbano.

Por esta razón, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

Así, o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Así mesmo, esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde o crédito previsto no artigo 2º da orde queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, no exercicio 2008, para financiar as obrigas derivadas deste acordo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

1. Por medio desta orde establécense as bases para conceder subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e para o ano 2008, aos concellos de Galicia, destinadas á realización de infraestruturas de uso público en ámbitos urbanos e rurais, por parte dos concellos de Galicia.

2. As actuacións que se van subvencionar responderán a proxectos completos, determinados e individualizados, tales como:

a) Adecuación de prazas e paseos municipais.

b) Rehabilitación de edificios catalogados de especial interese ou espazos con especial énfase na súa integración en proxectos integrais.

c) Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos e parques destinados á infancia.

3. Poderán ser beneficiados desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón de habitantes.

b) Ter presentadas as contas do concello ás que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2006 no Consello de Contas de Galicia.

4. Só se poderá presentar un proxecto por concello, e coa finalidade de garantir a transcendencia e calidade destes só se subvencionarán proxectos que supoñan investimentos superiores a 75.000 €.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.760.3, Programa 141.A, ata unha contía máxima de dous millóns cento cincuenta e catro mil oitocentos dezaseis euros (2.154.816 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2008, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de outubro de 2007, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Esta liña de subvencións finánciase nun 70% con cargo aos fondos de desenvolvemento rexional (Feder), e nun 30% con cargo a fondos da Comunidade Autónoma (FCA).

A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80% do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. Os que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, podendo presentar esta no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, manifestando esta opción de forma expresa na súa solicitude, cando cubran os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo o procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servicios, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, ben que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. O concello peticionario xuntará á solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do concello pola que se aproban as obras ou equipamentos que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as que se solicita subvención.

c) Proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar.

d) No caso de construción, certificación expedida polo/a secretario/a xeral da entidade local, referida á titularidade e disposición do concello sobre o terreo e predio onde se pretenden realizar as actuacións.

e) Certificación do secretario do concello referida ao esforzo fiscal do concello (capítulos I, II e III do estado de ingresos) determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado da entidade, de acordo coa seguinte fórmula:

* Tributos propios por habitante=Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III)/Nº de habitantes.

(Os datos de habitantes e orzamento liquidado corresponderán ao ano 2006).

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo III desta orde).

g) Certificado do secretario do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 1.3º b) desta orde.

Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constara en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que foron presentadas variación que afectasen o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna.

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse á Dirección Xeral de Administración Local como órgano instrutor, que as enviará e serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración Local e da que formarán parte os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas entidades locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da devandita dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará a proposta ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Na valoración das solicitudes presentadas polos concellos teranse en conta os seguintes aspectos; valorándose de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Porcentaxe de financiamento, respecto ao orzamento total das actuacións, que sería asumido por organismos distintos á propia consellería, incluídas as cantidades que, excedendo do 20% previsto nesta orde, achegue o propio concello: 30%.

-Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello, considerando o previsto no artigo 1.2º b) desta orde: 40%.

-Valoración do esforzo fiscal do concello, de acordo coa fórmula establecida no artigo 3.2º desta orde: 30%.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Trancorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. No entanto, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 8º.-Contratación.

A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sendo os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

No proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinaciamento da Unión Europea, fondos Feder, así como, unha vez rematadas, deberá figurar esta publicidade, de acordo co previsto no Regulamento 1159/2000 da Comisión Europea, e co cofinanciamento da Xunta de Galicia (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local), de acordo coa imaxe corporativa oficial da Xunta de Galicia.

Artigo 9º.-Libramento de fondos.

Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o que foron concedidas. A Dirección Xeral de Administración Local da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Os concellos beneficiarios da subvención presentarán antes do 15 de outubro de 2008 a seguinte documentación:

a) Factura ou certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Certificación relativa ao acordo de aprobación polo concello das facturas ou certificacións de obra expedida polo/a seu/súa secretario/a.

c) Certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Certificación do secretario/a de ter cumprido o estipulado no Regulamento 1159/2000 da Comisión Europea sobre publicidade de fondos Feder, así como copia da documentación acreditativa das actuacións efectuadas para dar cumprimento a dita publicidade.

e) Declaración complementaria referida á obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.

Transcorrido o prazo establecido neste artigo sen ter presentado as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a ese concello, podendo esta consellería utilizar o dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

2. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conformes os xustificantes, proporá o libramento dos fondos, que en ningún caso superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

No caso de subvencións superiores a 60.000 €, realizarase previamente a comprobación material do investimento, quedando constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada por un representante da Administración e polo beneficiario, podendo ser efectuada esta comprobación por un órgano distinto do concedente da subvención. Excepcionalmente, poderase substituír esta comprobación por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 11º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios, poderán dedicarse a subvencionar aos concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 12º.-Modificación.

O beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, durante os cinco anos posteriores ao seu outorgamento, debendo facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando os bens afectos ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13º.-Incumprimentos.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11º la Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33º da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38º da mesma norma legal.

Artigo 14º.-Publicidade das subvencións concedidas.

Os beneficiarios e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposición adicional

Única.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral, en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime e axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

, de de 200

Ver referencia pdf "00100D006P037.PDF"

200

Ver referencia pdf "00100D006P037.PDF"

200

200