DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 27

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de decembro de 2007 pola que se anuncian axudas económicas destinadas ao fomento do asociacionismo municipal, a través de mancomunidades de municipios, áreas metropolitanas e consorcios.

Á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, que, en cumprimento do establecido nos artigos 120 e 136 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, vén colaborando coas entidades locais galegas para fomentar a constitución de mancomunidades de municipios e áreas metropolitanas co fin de favorecer fórmulas de agrupación intermunicipal e de asociacionismo para a mellora dos servizos competencia das entidades locais.

Do mesmo xeito, e co obxecto de reforzar estas fórmulas de asociacionismo e colaboración, nesta convocatoria inclúese, ao abeiro do título III desta lei, a posibilidade de subvencionar tamén estudos e proxectos para a constitución de áreas metropolitanas, mancomunidades de municipios e consorcios locais. Todo isto para favorecer mecanismos de xestión dos intereses locais que permitan facer fronte ás novas exixencias de servizos públicos demandados polos veciños con organizacións fortes e dotadas de medios suficientes.

Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde, o crédito previsto no artigo 2 da orde queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, no exercicio 2008, para financiar as obrigas derivadas deste acordo.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e beneficiarios.

Establécense subvencións en réxime de concorrencia competitiva en favor das entidades locais de Galicia para a realización de estudos e proxectos que sexan necesarios para a constitución de mancomunidades, áreas metropolitanas e consorcios a que se refiren os artigos 120, 136 e 152 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Así mesmo, poderán subvencionarse entidades intermunicipais xa constituídas, no que se refira aos gastos de funcionamento ou os referidos á prestación de servizos de carácter obrigatorio para os municipios asociados.

Non serán consideradas as solicitudes daquelas entidades supramunicipais xa constituídas e que non teñan actualizados os seus datos no rexistro de entidades locais de Galicia desta consellería.

Artigo 2º.-Crédito.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.460.1, programa 141.A, ata unha contía máxima de cento trinta e catro mil novecentos cincuenta euros (134.950 euros) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008, aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de outubro de 2007, acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

A axuda económica que se conceda poderá acadar como máximo o 80% do total do orzamento presentado, en función das solicitudes presentadas e da dispoñibilidade de crédito.

Artigo 3º.-Iniciación.

1. As entidades locais que desexen acollerse aos beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais ou en calquera outro dos que establece o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 200/2003, do 20 de marzo, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

Igualmente, os modelos normalizados estarán á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es).

2. Xunto coa solicitude, tanto se esta se remite por vía ordinaria como telematicamente, presentarase a seguinte documentación:

2.1. Respecto ás entidades de nova creación:

a) Certificación do acordo da entidade local ou entidades locais interesadas polo que se aproba/n o/s proxecto/s ou estudo/s, así como a aceptación de todos os requisitos e condicións establecidos nesta orde.

b) Memoria xustificativa do proxecto ou estudo incluíndo as determinacións previstas na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia para a iniciativa de que se trate.

c) Orzamento detallado do estudo ou proxecto.

d) Relación dos núcleos de poboación que abarque a entidade que se pretende crear.

e) Memoria detallada en que se recollan as previsións de actuacións que se van realizar, cunha valoración estimativa dos custos que estas actividades van xerar.

f) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

2.2. Respecto das entidades xa constituídas:

a) Certificación do acordo asembleario en que se aproba acollerse aos beneficios desta orde.

b) Relación da previsión dos servizos que se pretenden realizar, para os cales se solicita subvención.

c) Orzamento detallado dos gastos de funcionamento para os cales se solicita subvención.

d) Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

Se algunha documentación da solicitada neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e non se producise desde o momento en que for presentada variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, considere oportuna.

3. A licitación, se é o caso, e adxudicación dos proxectos ou estudos será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. Transcorrido este prazo, se non se producise esta emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Criterios de avaliación.

A valoración das solicitudes presentadas basearase nos seguintes criterios, valorándose de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Número de núcleos de poboación que son atendidos ou serán atendidos pola entidade (25%).

-Relación e número de servizos que a entidade presta ou prestaría con carácter intermunicipal (25%).

-Proxectos que supoñan unha racionalización de actuacións e un aforro de custos en relación coa prestación de forma illada por cada concello (25%).

-Relación de necesidades da entidade reflectidas na petición (25%).

Artigo 5º.-Resolución e notificación.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, remitiranse á Dirección Xeral de Administración Local como órgano instrutor, que as enviará e serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración local e da que formarán parte os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un funcionario da devandita dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, quen elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

1. A resolución notificaráselles a todos os beneficiarios da subvención na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non se notificar resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. O órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O representante da entidade local beneficiaria disporá dun prazo de quince días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

3. Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. No entanto, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 8º.-Libramento de fondos.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destinar os fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, o cumprimento da finalidade da axuda.

2. Para recibir a subvención, os seus beneficiarios deberán remitir á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (Dirección Xeral de Administración Local), antes do día 15 de outubro de 2008, os seguintes xustificantes:

-Copia do proxecto ou estudo redactado, así como facturas orixinais do gasto, ou copias compulsadas delas, aprobadas polo órgano competente da entidade local.

-No caso de que a subvención se solicite para a realización de gastos correntes, presentarán as facturas xustificativas acompañadas da correspondente certificación relativa ao acordo de aprobación delas pola corporación, expedida polo seu secretario.

-Achegarase certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para que foi concedida a subvención, de acordo co previsto no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. En todo caso, o libramento de fondos por parte da comunidade autónoma non superará o 80% do importe dos xustificantes presentados.

5. Transcorrido o prazo establecido no punto 2 sen ter presentadas as correspondentes xustificacións, anularase a concesión da subvención a esa entidade local, podendo esta consellería utilizar este crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 9º.-Cantidades dispoñibles.

As cantidades que resulten sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte das entidades beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar as entidades que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 10º.-Modificación das resolucións de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11º.-Incumprimento de obrigas.

No caso de incumprimento das obrigas establecidas no artigo 11º la Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33º da devandita Lei, o beneficiario comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38º da mesma norma legal.

Artigo 12º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As subvencións concedidas publicaranse no Diario Oficial de Galicia con expresión da convocatoria, do programa e do crédito orzamentario a que se imputen, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Así mesmo, publicaranse na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega.

Do mesmo xeito se integrarán, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposición adicional

Única.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D004P027.PDF"