DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 23

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de decembro de 2007 pola que se anuncian medidas de apoio á policía local de Galicia, consistentes na cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para o exercicio das súas funcións.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, determinan que os concellos exercerán competencias, entre outras, en materia de seguridade en lugares públicos.

Así mesmo, a Lei orgánica 2/1986, do 13 de marzo, de forzas e corpos de seguridade do Estado, posibilitou unha ampliación de competencias en favor da Comunidade Autónoma de Galicia en materias non previstas no seu Estatuto de autonomía, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, a comunidade autónoma procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio, nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Pola súa banda, o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Así, e por medio desta orde, preténdese materializar o mandato derivado do artigo 12 da referida Lei 4/2007, do 20 de abril, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a lograr a homoxeneización dos medios técnicos das policías locais, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados para o exercicio das súas funcións, nos concellos da Comunidade Autónoma galega que conten con servizos de policía local.

Así mesmo, esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. Ao abeiro desta orde o crédito previsto no artigo 3º da orde queda sometido á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente, no exercicio 2008, para financiar as obrigas derivadas desta orde.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza contribuirá ao equipamento dos concellos de Galicia co fin de aumentar a eficacia dos servizos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias, e así aumentar e potenciar a seguridade cidadá nos concellos, mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños. Para tal fin, convoca, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2008, medidas de apoio aos concellos consistentes na cesión en propiedade de vehículos adecuadamente preparados que conten cos devanditos servizos, todo isto de conformidade co que establece o artigo 35 bis da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, na redacción dada pola disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

2. Os vehículos obxecto de cesión desta orde poderán ser dos seguintes tipos:

-Todoterreos.

-Turismos.

Todos eles irán adaptados e rotulados para as funcións propias dos corpos de policía local de Galicia, segundo o disposto no Decreto 204/2000, do 21 de xullo, polo que se refunde a normativa vixente en materia de coordinación de policías locais.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán solicitar as cesións a que se refire esta orde aqueles concellos que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que conten con corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros,

b) Que teñan unha poboación inferior aos 30.000 habitantes, de acordo cos datos do derradeiro padrón de habitantes.

c) Que teñan presentadas as contas do concello a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais correspondentes ao exercicio orzamentario 2006 no Consello de Contas de Galicia.

2. Non serán consideradas as solicitudes dos concellos que non teñan remitidos os datos da súa policía local ao rexistro de policía local desta consellería na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3º.-Crédito.

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza destinará ata un límite de seiscentos cincuenta e tres mil cento cincuenta e dous euros (653.152 €), con cargo á aplicación orzamentaria 06.08.624.0, programa 141A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, que se dedicarán á adquisición de vehículos para as policías locais de Galicia, de acordo co proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2008, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 18 de outubro de 2007 acordándose a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que, contando con policía local, desexen acollerse aos seus beneficios deberán presentar a solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Igualmente, os concellos interesados e que teñan asinado o correspondente convenio de colaboración para a implantación do portal dos concellos Eido Local, poderán presentar as súas solicitudes a través de medios telemáticos, cubrindo os modelos normalizados que se poñen á disposición dos interesados no portal dos concellos Eido Local (http://www.eidolocal.es), segundo procedemento que se recolle nas instrucións dispoñibles nesta web e no mesmo prazo que o estipulado para a tramitación ordinaria.

Así mesmo, e de acordo co artigo 5 do Decreto 164/2005, do 16 de xuño, de creación do Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, os modelos normalizados para a presentación de solicitudes por vía telemática estarán igualmente dispoñibles no enderezo http://www.xunta.es/servizos, de xeito que todos os interesados poderán presentar, igualmente, as súas solicitudes vía internet a través desta web, aínda que o resto da tramitación transcorrerá pola vía ordinaria.

2. Xunto coa solicitude, presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da corporación, relativa ao acordo, adoptado polo órgano competente, de solicitude da cesión en propiedade regulada nesta orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela e de que se faculta o/a alcalde/sa do concello para aceptar a cesión en propiedade, no caso de resolución favorable da consellería.

2.2. Memoria, en que se recollan de xeito detallado os seguintes aspectos:

-Tipo de vehículo que solicita, acompañado dunha memoria xustificativa da necesidade dese tipo de vehículo en concreto, en relación co parque móbil do que dispoña o concello, o seu cadro de persoal e as competencias que exerce de xeito efectivo.

-Número de policías.

-Parque móbil con que conta a policía local, indicando os vehículos con que conta, a súa antigüidade e matrícula destes.

2.3. Declaración de conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para un mesmo proxecto ou actividade, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos (anexo II desta orde).

2.4. Certificado do secretario do concello da presentación das contas do concello no Consello de Contas de Galicia, a que fai referencia o artigo 2.1º c) desta orde.

3. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa estivese en poder desta consellería (Rexistro de Policías Locais de Galicia), e non se tivese producido desde o momento en que foron presentadas variación que afectase o seu contido ou a súa vixencia, non será necesario entregalas novamente, sen prexuízo de que esta dirección xeral reclame do solicitante a documentación que, se é o caso, coide oportuna, sendo tidos en conta os datos en poder da consellería.

4. Se na solicitude existise algún defecto, notificarállelo aos interesados a Dirección Xeral de Administración Local, e concederáselles un prazo de dez días para corrixir os erros ou omisións. Se, transcorrido ese prazo, non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución e resolución.

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola directora xeral de Administración local e da que formarán parte a directora xeral de Interior e os/as delegados/as provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Actuará como secretario o subdirector xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local ou un funcionario da devandita dirección xeral con nivel mínimo de xefe de servizo.

Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á directora xeral, a cal elevará proposta de resolución ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes ponderaranse os seguintes aspectos de acordo coas seguintes porcentaxes:

-Maior ratio de policías/poboación do concello, en relación ao derradeiro padrón de habitantes aprobado, outorgando a maior puntuación aos concellos co mellor ratio: 30%

-Menor ratio de policías/vehículos de que dispón o corpo de policía do concello, outorgando a maior puntuación ao concello cun menor número de vehículos en relación a número de policías con que conte: 30%

-Maior antigüidade da derradeira cesión no tipo de vehículo solicitado e concedido por parte da consellería nos derradeiros 5 anos, outorgando a máxima puntuación (40 puntos) aos concellos que non recibiron o tipo de vehículo solicitado e outorgando a puntuación proporcional ao resto de concellos en virtude da antigüidade da derradeira cesión: 40%

Artigo 7º.-Notificación.

1. O acordo de cesión, que adoptará a forma de orde, publicarase no Diario Oficial de Galicia, expresando o beneficiario, o modelo e os datos do vehículo cedido.

Así mesmo, de conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas da administración pública galega, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e os datos do vehículo cedido, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na devandita páxina web.

A resolución da consellería seralles notificada aos solicitantes aos cales se lles conceda a cesión en propiedade dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo isto sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. Contra a resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

3. Na notificación das resolucións faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello solicitante:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria, a cantidade resultante de aplicar o 25% ao importe unitario de licitación dos vehículos tipo turismo e o 30% do importe no caso dos todoterreos no correspondente procedemento de contratación.

b) Comprometerse a facer fronte aos gastos de seguros, mantemento, conservación e ás indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Comprometerse a destinar exclusivamente o vehículo ás funcións propias dos corpos de policía local, tal e como se recollen na Lei 4/2007, do 20 de abril, por un prazo non inferior a 5 anos desde a cesión do dito ben.

d) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 8º.-Aceptación.

1. O concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contados a partir da recepción da resolución, para comunicar a aceptación das condicións, entendéndose aceptada de xeito tácito no suposto de non comunicar a non aceptación contidas nela e facer o ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que designe a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Proceder ao ingreso da cantidade correspondente na entidade financeira que lle designe a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado a partir da notificación da concesión. Transcorrido o devandito prazo sen que se presente o xustificante do depósito, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza anulará a resolución.

Artigo 9º.-Formalización da cesión.

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, segundo establece o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, das condicións previstas nesta orde.

Artigo 10º.-Reversión e control.

O beneficiario deberá destinar os vehículos ao fin concreto para o que se concedeu a subvención durante os cinco anos posteriores ao seu outorgamento, debendo facerse constar na acta esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, debendo ser obxecto estes extremos de inscrición no rexistro público correspondente.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame dos vehículos, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, quedando o vehículo afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa o seu posuidor.

Se os vehículos cedidos se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento das condicións previstas nesta orde, ou se incumprise calquera das condicións da cesión, considerarase resolta esta e os bens reverterán á comunidade autónoma, que terá dereito a percibir, logo de taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que supón a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Artigo 11º.-Publicidade das subvencións concedidas.

As axudas que concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito se integrarán, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

Disposicións adicionais

Primeira.-A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 7º.3 a) poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Segunda.-Esta orde estará sometida ao regulado na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, estando condicionada a concesión das axudas á aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Administración Local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D003P023.PDF"

Ver referencia pdf "00100D004P027.PDF"