DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 11

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de decembro de 2007 pola que se regula o réxime de axudas a concellos da Comunidade Autónoma de Galicia para o financiamento dos investimentos derivados da creación, a posta en funcionamento e o desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil, así como a cesión en propiedade de vehículos e material para misións de protección civil.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25. 2 º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82) determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil, xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

O Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle a esta consellería, entre outras competencias, as de instrumentación da axuda económica e asistencia técnica aos concellos, para a dotación de medios materiais e equipamentos de intervención e de protección civil.

Con cargo ás aplicacións orzamentarias 2008.06.07. 212A.760.2 (para os gastos da modalidade A, cun importe máximo de 595.000 euros) 2008.06.07.212A.624.0 (modalidade B, por un importe máximo de 337.402 euros), 2008.06.07.212A.623.0 (modalidade C, por un importe máximo de 99.236 euros), previstas no orzamento da comunidade autónoma para o 2008, no que existirá partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, condicionándose a eficacia desta orde á aprobación das axudas á aprobación destes importes na Lei de orzamentos de Galicia para 2008.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición última primeira-, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no que permanece vixente do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Esta orde tramítase como anticipada de gasto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer, para o ano 2008, as bases que rexerán para a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva aos concellos e mancomunidades da comunidade autónoma de Galicia para:

Modalidade A) A creación, posta en funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil.

Modalidade B) A cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil,

Modalidade C) A cesión en propiedade doutro material destinado tamén a misións de protección civil.

Todas estas axudas son incompatibles con calquera outra axuda destinada ao mesmo fin.

Os gastos correspondentes serán contabilizados con cargo ás aplicacións orzamentarias 2008.06.07.212A.760.2 (para os gastos da modalidade A, cun importe máximo de 595.000 euros), 2008.06.07.212A.624.0 (modalidade B, por un importe máximo de 337.402 euros), 2008.06.07. 212A.623.0 (modalidade C, por un importe máximo de 99.236 euros), dos orzamentos para o exercicio 2008.

As ampliacións de crédito que poidan existir nas aplicacións indicadas no parágrafo anterior, poderán usarse para incrementar as contías ou o número de axudas concedidas ou o número de bens a ceder, sempre e cando as solicitudes se presentasen no prazo previsto no artigo 5, e respectando os criterios de valoración do artigo 7.

Artigo 2º.-Definicións.

a) Investimento financiable para os efectos das axudas da modalidade A: considéranse financiables aquelas adquisicións de material inventariable, segundo se describe no capítulo 6º do anexo II da Orde do 30 de xuño (Diario Oficial de Galicia nº 134, do 10 de xullo de 1990), excluíndo a adquisición de terreos, edificios, animais e vehículos, non sendo tampouco subvencionable a adquisición de ningún ben usado. En calquera caso, exclúese calquera material de uso común que non estea destinado directamente á atención a emerxencias e protección civil.

Tamén serán financiables os gastos derivados da redacción do Plan de emerxencia municipal.

b) Servizo municipal de protección civil. Para os efectos desta orde, considérase servizo municipal de protección a aquela unidade orgánica do concello correspondente que, dedicada principalmente aos labores de protección civil, se compón de persoal con relación laboral co concello, xa sexa persoal funcionario ou persoal laboral, de maneira que o devandito concello posúa dotación orzamentaria para misións de protección civil no exercicio 2008.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar esta axuda os concellos galegos e as mancomunidades de concellos que cumpran as seguintes condicións:

Modalidade A: creación, posta en funcionamento e desenvolvemento dos servizos municipais de protección civil.

a) Contar con Servizo Municipal de Protección Civil no momento de presentar a solicitude (certificándose este extremo polo secretario municipal, como se indica no anexo I) , ou ben comprometerse a crealo no prazo de dous meses desde a concesión de axuda (certificándose no impreso incluído no anexo II), entendendo por servizo municipal de protección civil a descrición que se realiza no artigo 2º.b).

b) Que o concello ou mancomunidade elaborara ou estea a elaborar o PEMU. No suposto de estar a elaborar o PEMU, o concello ou mancomunidade deberá redactar, polo menos, os traballos básicos, que abranguen necesariamente os seguintes aspectos: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica e análise básica dos riscos do concello e análise das súas consecuencias.

c) Que teñan presentadas as contas da entidade local correspondentes ao exercicio orzamentario 2006 no Consello de Contas de Galicia no momento da solicitude. No caso de mancomunidades de concellos, deberá entenderse este requisito para cada un dos concellos que a integran.

Modalidade B: cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil.

a) Cumprir o disposto nos apartados a, b e c da modalidade A.

b) Non ter recibidos vehículos especialmente preparados para misións de protección civil cedidos en propiedade pola Xunta de Galicia no período 2002-2007.

c) A entidade solicitante deberá comprometerse no momento da solicitude a aceptar a cesión do material que se lles conceda con cargo a esta orde.

d) Comprometerse a aboarlle á Xunta de Galicia, en concepto de achega económica compensatoria polos gastos do procedemento, o 15% do custo unitario de licitación de cada vehículo de forma previa á súa cesión.

e) Comprometerse a asumir os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que puidese supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

f) Destinar os vehículos a misións de protección civil.

g) Non alterar as condicións tidas en conta para a concesión desta cesión.

Modalidade C: cesión en propiedade doutro material destinado tamén a misións de protección civil.

a) Cumprir o disposto nos puntos a, b e c da modalidade A.

b) A entidade solicitante deberá comprometerse no momento da solicitude a aceptar a cesión do material que se lles conceda con cargo a esta orde.

c) Dispoñer de polo menos unha praia marítima ou fluvial incluída ou que se inclúa no Plan Sapraga.

d) Dispoñer como mínimo do número de socorristas con titulación para os que se solicita equipamento.

e) Asumir os gastos que puidese supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso do material, calquera que sexa a súa contía.

Para calquera modalidade, se o solicitante é unha mancomunidade de concellos, deberán prestarse os servizos de emerxencia e protección civil de forma mancomunada. A presentación da solicitude de forma mancomunada é incompatible coas solicitudes dos concellos que a compoñen individualmente, aplicándose isto a cada unha das modalidades individualmente.

A presentación da solicitude supón o coñecemento e aceptación das condicións estipuladas nesta orde.

Artigo 4º.-Destino das axudas.

a) Para a modalidade A:

O destino das axudas é o financiamento dos investimentos para a creación, posta en funcionamento e desenvolvemento do servizo municipal de protección civil, incluíndo os de adquisición de equipamentos necesarios e material inventariable para a atención de emerxencias ou medios e instalacións asignados a misións de protección civil relacionados coas campañas de prevención de riscos (Plan Nega, Sapraga, inundacións, fenómenos meteorolóxicos adversos, etc), activación de plans ou emerxencias ordinarias. Os investimentos financiables serán os indicados no artigo 2, non podendo acumularse con outras subvencións ou axudas nas que se soliciten fondos para investimentos en materia de protección civil.

Subvencionaranse con cargo a esta orde o 85% dos investimentos aprobados.

b) Para a modalidade B:

A cesión en propiedade de vehículos especialmente preparados para misións de protección civil adquiridos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza aos servizos municipais de protección civil.

c) Para a modalidade C:

A cesión en propiedade de vestimenta e accesorios para o plan de salvamento en praias aos concellos con praias marítimas ou fluviais incluídas ou que se inclúan no Plan Sapraga adquiridos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De conformidade co artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia, o período durante o cal o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención non poderá ser inferior a cinco anos, no caso de bens inscritibles nun rexistro público, ni na dous anos para o resto dos bens.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 3º que se queiran acoller a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4 º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida ao titular da delegación provincial da Consellería, presentarase no impreso do anexo I no prazo dun mes desde a entrada en vigor desta orde, e achegaráselle, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Copia, en soporte informático do PEMU, no caso de telo xa elaborado e non homologado pola Comisión Galega de Protección Civil.

b) No caso de non ter elaborado o PEMU, copia do documento no que se reflicta o estado actual da súa elaboración, que deberá contar, como mínimo, os traballos básicos dos seguintes puntos: análise histórica de sucesos, descrición xeográfica, análise básica dos riscos do concello e das súas consecuencias.

c) Xustificante orixinal da entidade bancaria da conta aberta a nome do concello e fotocopia compulsada do CIF do concello en caso de non solicitar ningunha das axudas da Dirección Xeral de Protección Civil durante o ano 2007 ou que exista variación de datos respecto a esta.

No devandito impreso do anexo I, todos os solicitantes deben cubrir e asinar debidamente (polas autoridades que neles se indican) as follas 1 e 2, reservándose a 3 para aqueles que pidan axudas da modalidade A, a 4 para os que pidan a modalidade B e a 5 para os que pidan as da modalidade C.

O PEMU, tanto completo como nos seus traballos básicos, deberán axustarse ao disposto no Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

No caso das mancomunidades, será o órgano competente da mancomunidade o que presentará a documentación descrita nos puntos anteriores.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 9º desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.

5. As solicitudes deberán presentarse no impreso descrito no anexo I, enchendo todos os datos necesarios para a petición das axudas que neles se inclúen. Así mesmo, deberán asinarse os certificados incluídos no devandito anexo, considerándose inválida a solicitude no caso contrario. Tamén se considerará como non válido calquera informe non asinado pola autoridade que nel se indica.

Artigo 6º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os titulares das devanditas delegacións provinciais remitirana á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nesta orde.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polos catro titulares das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver. En calquera momento anterior a efectuarse a proposta de resolución, poderán pedirse ao solicitante cantos documentos sexan necesarios para xustificar os datos que se teñan en conta para adoptar a devandita proposta.

Artigo 7º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, téndose en conta para a elaboración da proposta de resolución os seguintes criterios, que serán valorados como se indica a continuación:

1. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do servizo de emerxencias 112 de Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ata o 40%. En caso de non ter creado o servizo municipal de protección civil, valorarase a especial urxencia na creación do servizo municipal de protección civil, por non existir no termo municipal outra unidade idónea para atender urxencias, ata o 40%.

2. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata o 50%.

3. Non estar incluído o concello na zona de actuación dun parque comarcal ou municipal comarcalizado, ata un 10%.

Artigo 8º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Avaliación. Na resolución indicarase o investimento subvencionado con cargo a esta orde para cada solicitude, e o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles pola Dirección Xeral de Protección Civil, a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, indicando nesta notificación as condicións particulares que se deben cumprir por parte dos beneficiarios.

En concreto, na notificación das resolucións para a cesión de vehículos (modalidade B) faranse constar as seguintes condicións particulares que deberá cumprir o concello beneficiario:

a) Aboar, en concepto de achega compensatoria polos custos xerados no procedemento de cesión, a cantidade resultante de aplicar a porcentaxe do 15% ao importe unitario de licitación dos vehículos, por ser este importe certo no correspondente procedemento de contratación, no prazo de 15 días desde a comunicación da aprobación da solicitude.

b) Serán por conta dos beneficiarios os gastos de matriculación, incluído, se é o caso, o imposto especial sobre determinados medios de transporte, seguros, mantemento, conservación e calquera outro gasto que puidese supoñer a cesión, así como as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía.

c) Compromiso dos beneficiarios de que os vehículos sexan destinados a misións de protección civil.

d) Compromiso de inalterabilidade das condicións que se tiveron en conta para a concesión.

No caso de que, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 9º.-Publicación e rexistro.

Os resultados das concesións seranlles comunicados a cada unha das entidades locais, a través das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

De conformidade co disposto nos puntos 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellaría publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas se puidesen impoñer, nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 10º.-Deberes dos beneficiarios.

a) Comunicarlles por escrito, ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a súa aceptación ou renuncia no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, se entenderá tacitamente aceptada.

b) Cumprir os obxectivos e as condicións para a obtención da axuda descritas nos artigos 1, 3 e 4, xustificando o cumprimento de todas as obrigas descritas nestaa orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro que puidesen realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará calquera información que lle sexa requirida no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lle sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedinte a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión subvención.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

g) No caso das axudas da modalidade A, cando non exista un servizo municipal de protección civil, deberán achegar nun prazo de 2 meses desde a notificación da concesión da axuda, a certificación do órgano municipal competente da creación do servizo municipal de protección civil, segundo modelo do anexo II. No caso contrario, perderase o dereito á percepción da axuda.

Artigo 11º.-Xustificación e pagamento.

Os concellos aos que se lles aprobase a axuda da modalidade A descrita nesta Orde, disporán ata o 15 de setembro de 2008 para achegar a certificación polo 100% do investimento aprobada da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida, segundo se recolle no artigo 28.5º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Ademais, deberán remitir outro certificado do órgano competente de cada concello no que se indique que non se pediron outras axudas para a mesma finalidade. Para ambas as dúas certificacións utilizarase o impreso incluído no anexo III, non sendo válido outro tipo de redacción ou certificado.

O importe será igual ou superior ao investimento aprobado, minorándose a axuda concedida no caso contrario de xeito automático.

No caso de que non se presentase a documentación as facturas ou certificado do artigo 28.5 da Lei 9/2007, e o certificado sobre non concorrencia de axudas, segundo se indica nos parágrafos anteriores, ou estas non fosen válidas despois de solicitar a súa emenda, se é o caso, perderase o dereito a percibir as axudas.

O importe da axuda concedida para investimentos será do 85% do investimento aprobado e xustificado cos medios descritos nos parágrafos anteriores deste artigo.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Formalización da cesión.

No caso das axudas das modalidades B e C, a cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, segundo establece o artigo 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, das condicións previstas na presente orde.

Artigo 14º.-Reintegro das axudas e reversión dos bens.

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a axuda ou o ben cedido a unha finalidade distinta para a que foi concedida, ou se o concello non reúne os requisitos esixidos nesta orde e demais disposicións aplicables, ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos intereses xerados ou ben a reversión dos bens cedidos, se é o caso, seguíndose para iso o procedemento establecido no mencionado título II.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza estará dotada de facultades de vixilancia e control para comprobar o cumprimento das obrigas que leva emparellada a cesión e, de ser o caso, para a resolución dos expedientes de reversión.

Disposicións adicionais

Primeira.-En aplicación do artigo terceiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula o trámite anticipado de expedientes de gastos, segundo a redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, a eficacia desta orde queda sometida á condicións suspensiva expresada no citado artigo e disposición.

Segunda.-A achega compensatoria realizada polo beneficiario segundo o disposto no artigo 3 poderá xerar créditos no estado de gastos do orzamento desta consellería que poderán ser utilizados na adquisición e adxudicación de máis vehículos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Mancomunidades de concellos.

Todos os documentos e condicións descritos no articulado desta orde, cando o solicitante sexa unha mancomunidade de concellos, estenderanse polo órgano competente da mancomunidade.

En caso de que as condicións expresadas nos artigos se cumpran en cada un dos concellos, os deberes e documentos descritos serán referidas a cada un dos concellos que a compoñen. En concreto, os documentos obrigatorios do PEMU, no caso de mancomunidades, realizaranse por todos e cada un dos concellos que compoñen a mancomunidade ou de xeito supramunicipal, englobando todos os concellos que compoñen a mancomunidade.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Cuarta.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións

Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D002P011.PDF"