DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Mércores, 02 de xaneiro de 2008 Páx. 5

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 28 de decembro de 2007 pola que se regula o réxime de subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, regula no artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de voluntarios de protección civil.

Conforme o Decreto 37/2007, do 15 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Conselería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.

Esta consellería, a través da Dirección Xeral de Protección Civil, co obxecto de que as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia poidan levar a cabo o seu labor, regula o réxime de subvencións destas, para o ano 2008, e para tal efecto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008, con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.481.2, existirá partida orzamentaria para as axudas que se establecen nesta orde, tal e como se recolle no proxecto de lei, reservándose para tal efecto un crédito de 615.000 € e condicionándose a aprobación das axudas á aprobación desta partida orzamentaria.

Así mesmo, resérvase con cargo á aplicación orzamentaria 06.07.212A.460.0 a cantidade de 10.000 euros para facer fronte aos pagamentos daquelas agrupacións que, cumprindo coa normativa vixente, dependan directamente do concello e non teñan personalidade xurídica propia. Estes importes están previstos no orzamento da comunidade autónoma para 2008, no cal existirá consignación orzamentaria suficiente para as axudas que se establecen nesta orde, condicionándose a eficacia desta á aprobación destes importes na Lei de orzamentos de Galicia para 2008.

Na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións -os seus preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira-, na Lei 9/2007, de subvencións, e no non derrogado por ela do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establécense os requisitos xerais das subvencións e axudas concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta orde, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Esta orde tramítase como anticipada de gasto.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2008, a concesión de axudas e subvencións, por importe de 615.000 €, con cargo á partida orzamentaria 2008.06.07.213A.481.2 e 10.000 € con cargo á partida orzamentaria 2008.06.07.212A.460.0, ás agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia (AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. As ampliacións de crédito que poidan existir nas aplicacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderán usarse para incrementar as contías das axudas concedidas ou o número das axudas aprobadas sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 4º sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

2. Estas axudas, compatibles entre si, son de dous tipos:

a) De carácter xeral: para todas as agrupacións de voluntarios de protección civil, ás cales se destinarán ata un máximo do 90% do importe total da subvención.

b) De carácter específico: para aquelas agrupacións de voluntarios de protección civil que dispoñan de terminais remotos do Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, a través da subscrición dun protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde, ás cales se destinará ata un máximo do 10% do importe total da subvención.

3. O montante das axudas de carácter específico que non se destine a elas acrecentará o montante das de carácter xeral.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter xeral aque se refire o artigo 1º.2 a) as agrupacións de voluntarios de protección civil de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro, que no día da publicación desta orde cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas ou ter solicitada a súa inscrición no Rexistro de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, a máis tardar, o último día de prazo de presentación de solicitudes.

b) Teñan dependencia do seu concello respectivo ou mancomunidade de concellos.

c) Aquelas que recibindo subvencións en anos anteriores xustificasen o seu investimento e liquidación, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei de subvencións de Galicia e concordantes do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, de tal forma que a non-xustificación do devandito investimento e liquidación leva consigo non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Deben expresarlle o seu consentimento á Administración concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, que de principio se incorpora xa ao modelo de solicitude de axuda e se describe no artigo 8º desta orde.

e) Non ser condenados por sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas, acharse ao corrente do cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Cumpran o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo.

2. Poderán ser beneficiarias das subvencións de carácter específico a que se refire o artigo 1º.2 b) as agrupacións de voluntarios de protección civil que, cumprindo os requisitos sinalados no punto 1, subscribisen o referido protocolo de colaboración coas autoridades de protección civil para dispoñer dun terminal remoto ou estean en trámite de subscrición na data de publicación desta orde.

Artigo 3º.-Destino das axudas.

a) As axudas de carácter xeral poderán ser investidas en:

1. Equipamento e vestimenta persoal, así como equipamentos de prevención e de protección.

2. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil, así como os ocasionados pola conservación e mantemento da súa base e os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

3. Pagamento de seguros do voluntariado de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados co desenvolvemento do traballo e das tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

5. Gastos ocasionados na atención de peregrinos, relacionados co desprazamento e mantemento dos voluntarios, en anos en que se active o plan especial correspondente.

Estes gastos non poderán acumularse con outras subvencións ou axudas en que se solicite o mesmo.

Os gastos para xustificar nos puntos 2, 3 e 4 non poderán superar o 75% do total da subvención concedida.

b) As axudas de carácter específico poderán ser investidas en:

1. Gastos de conservación, reposición e mantemento dos equipos informáticos e de comunicación co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

2. Gastos de adquisición de accesorios (routers, módems), complementos informáticos, material non inventariable informático e recambios informáticos.

3. Gastos de comunicación e telefonía derivados das tarefas de colaboración co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia.

4. Gastos ocasionados pola formación específica dos seus compoñentes para este tipo de tarefas.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. Os beneficiarios que se indican no artigo 2º que se queiran acoller a esta orde deberán presentar a solicitude de subvención, segundo o modelo que se indica no anexo I, no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza directamente, ou ben por calquera dos procedementos previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A correspondente solicitude, dirixida ao titular da delegación provincial, presentarase dentro do prazo de trinta días naturais a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a que se lle xuntará, necesariamente, a seguinte documentación:

a) Memoria das actuacións levadas a cabo pola agrupación no ano 2007 e previsión de actividades que se van realizar en 2008 (en soporte papel ou informático, preferentemente no segundo).

b) Xustificante orixinal da entidade bancaria, co número de conta que teña aberta esa agrupación, no caso de non ter solicitada a axuda no ano 2007 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

c) Fotocopia compulsada do NIF ou CIF no caso de non ter solicitada a axuda no ano 2006 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

d) Certificado da compañía aseguradora en que conste o número de voluntarios asegurados.

3. A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais dos beneficiarios para esas finalidades, por exixencia normativa, segundo se especifica no artigo 8º desta orde. A expresión deste consentimento incorpórase no modelo de solicitude, coa sinatura desta.

4. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados aos interesados polas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros e omisións. Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º.-Instrución.

1. Unha vez recibida a documentación nas delegacións provinciais, os titulares das devanditas delegacións provinciais remitiranlla á Dirección Xeral de Protección Civil, acompañada dun informe administrativo sobre o cumprimento do sinalado no artigo 4º.

2. Constituirase unha comisión de avaliación, que estará presidida pola directora xeral de Protección Civil ou persoa en quen delegue e formada polos catro titulares das delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, actuando como secretario un funcionario da citada dirección xeral que non terá dereito a voto.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, que lle será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Artigo 6º.-Criterios de avaliación.

A concesión realizarase por concorrencia competitiva da cantidade dispoñible entre todas as solicitudes tendo en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a graduación que en cada caso se indica:

Para as axudas de carácter xeral:

1. Os voluntarios asegurados da agrupación e o número total de voluntarios inscritos, ata un 20%.

2. A calidade na resposta aos requirimentos de intervención por parte do Servizo de Emerxencias 112 de Galicia, estimadas pola Dirección Xeral de Protección Civil e as delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, ata un 30%.

3. Ter servizo de 24 horas, ata un 10%.

4. A existencia de riscos especialmente graves no concello, estimados pola Dirección Xeral de Protección Civil, ata un 20%.

5. O número de horas de formación na Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada dos voluntarios da agrupación no ano 2007, ata un 20%.

b) Para as axudas de carácter específico:

1. Operatividade de funcionamento as 24 horas durante os 365 días do ano, en comunicación permanente co Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia, ata un 40%.

2. Número de protocolos de emerxencia activados, así como os incidentes que se xestionen a través do terminal remoto, ata un 60%.

Artigo 7º.-Resolución.

1. A resolución será adoptada polo conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, tendo en conta a proposta que faga a Comisión de Avaliación.

2. A resolución das solicitudes de subvención notificaráselles a todos os peticionarios na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de que, transcorridos seis meses, contados desde a publicación desta orde, non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Contra a resolución do conselleiro poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ou recurso potestativo de reposición ante o propio conselleiro.

Artigo 8º.-Publicación e rexistro.

De conformidade co disposto nos números 3 e 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde; e incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que como consecuencia delas se puidesen impoñer nos correspondentes rexistros públicos.

Artigo 9º.-Deberes dos beneficiarios.

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlles por escrito ás delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a súa aceptación ou renuncia no prazo de 15 días desde a recepción da notificación de aprobación; de non o facer así, entenderase que renuncia á subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro que puidesen realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará calquera información que lles sexa requirida no exercicio desas actuacións. En especial deberán facilitar a información que lles sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que desen lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza, ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos, tal e como prevé o artigo 10º desta orde.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 10º.-Xustificación e pagamento.

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as axudas segundo o artigo 7º desta orde disporán ata o 15 de setembro de 2008 para achegar as facturas conformadas polo presidente da agrupación e os xustificantes de pagamento correspondentes aos gastos aprobados. Ademais da documentación anterior, deberán achegar un certificado do presidente de cada agrupación en que se indique que non se pediron outras axudas para a mesma finalidade, segundo modelo do anexo II.

No caso de que non se presentase a documentación prevista no parágrafo anterior, ou que esta no fose válida, perderase o dereito a percibir as axudas.

O importe das facturas correspondentes será igual ou superior á cantidade aprobada, minorarase a axuda concedida no caso contrario de xeito automático.

Artigo 11º.-Compatibilidade.

Estas subvencións son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Porén, o importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 12º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou persoais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas.

No caso de incumprimento do deber de xustificación, de destinar a axuda a unha finalidade distinta para a que foi concedida ou se a agrupación non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das axudas percibidas e dos intereses xerados, e seguirase para iso o procedemento establecido no mencionado título II.

Disposición adicionais

Primeira.-En aplicación do artigo terceiro da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula o trámite anticipado de expedientes de gastos, segundo a redacción dada pola orde de 27 de novembro de 2000, a eficacia desta orde queda sometida á condición suspensiva expresada no citado artigo e disposición.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, naquilo que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Protección Civil para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

Ver referencia pdf "00100D001P005.PDF"

E na súa representación

DOCUMENTACIÓN QUE SE XUNTA

Ver referencia pdf "00100D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "00100D002P011.PDF"