DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2007 Páx. 20.521

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

RESOLUCIÓN do 20 de decembro de 2007, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se actualizan os anexos V e VI da Orde do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación e o anexo I da Orde do 29 de xuño de 1994, pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para unha adecuada aplicación das taxas e os prezos da Comunidade Autónoma de Galicia as ordes ás que fai referencia o título desta resolución procederon a codificar tanto as diferentes taxas e prezos como os servizos xestores que as aplican.

Ao longo do ano promulgáronse unha serie de normas que viñeron crear ou modificar os servizos xestores e as tarifas existentes, razón pola que mediante esta resolución procédese a revisar a codificación recollida nas ordes citadas, consonte coas autorizacións contidas no parágrafo 2 da disposición adicional da orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992 e mais na disposición adicional terceira da orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994. As normas que motiva a revisión da codificación son as que se citan a seguir:

a) A Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, que crea a Academia Galega de Seguridade Pública como organismo autónomo de carácter administrativo adscrito organicamente á consellería competente en materia de interior e xustiza, que asume o patrimonio, as obrigas e os dereitos orzamentarios, así como os convenios asinados en materia de seguridade pública polo extinto Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia.

b) A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, que modificou mediante a súa disposición adicional segunda a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, engadindo dúas tarifas nos seus anexos 1 e 2, tarifas que veñen gravar actuacións concretas da Administración en materia de xestión de riscos e emerxencias.

c) A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2008, que modifica os anexos 1, 2 e 3 da Lei 6/2003, engadindo novas tarifas e modificando e suprimindo algunhas das xa existentes.

d) A orde da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, do 23 de maio de 2007, pola que se fixan os prezos privados das doses seminais de gando bovino e de exemplares bovinos, aviarios, ovinos e porcinos producidos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, que establece a venda de novas especies animais.

Por outra banda, cómpre engadir un novo servizo na Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, que vai aplicar dúas tarifas novas como consecuencia da realización de servizos demandados polos usuarios en materia de meteoroloxía.

Por todo iso e en virtude do parágrafo segundo da disposición adicional da Orde do 30 de xuño de 1992 e mais da disposición adicional terceira da Orde do 29 de xuño de 1994 referidas,

RESOLVO:

Primeiro.-Actualizar as táboas dos códigos de consellerías e servizos recollidas no anexo V da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, da forma que se especifica a continuación:

1. Modifícase o código 19 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quedando redactada como segue:

19 Academia Galega de Seguridade Pública OA

2. Engádese o código 15 á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, coa seguinte redacción:

15 Meteogalicia

Segundo.-Actualizar o anexo VI da orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, do xeito seguinte:

A) Engadindo os códigos relacionados a seguir, de maneira que se insiran no lugar que lles corresponda segundo a orde preestablecida:

Ver referencia pdf "25100D005P113.PDF"

Ver referencia pdf "25100D006P115.PDF"

Terceiro.-Actualizar o anexo I da orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994, engadindo os seguintes códigos:

36.16.04 Venda de exemplares ovinos

36.16.05 Venda de exemplares porcinos

Cuarto.-Esta resolución entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

Regina Losada Trabada

Directora xeral da Consellería

de Economía e Facenda