DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2007 Páx. 20.518

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 20 de decembro de 2007 pola que se modifica o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais, polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, recolle no seu anexo 2, entre outras, as tarifas aplicables pola taxa por servizos profesionais, modalidade administrativo-facultativa nas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza, tarifas axustadas ás disposicións da Directiva 1985/73/CEE, do Consello, do 29 de xaneiro, modificada e codificada pola Directiva 1996/43/CE do Consello, do 26 de xuño.

O Regulamento (CE) nº 882/2004 do Parlamento europeo e do Consello, do 29 de abril de 2004, sobre os controis oficiais efectuados para garantir a verificación do cumprimento da lexislación en materia de pensos e alimentos e a normativa sobre saúde animal e benestar dos animais vén establecer os criterios comúns no ámbito da Unión Europea para a fixación dos importes das taxas de inspección aplicables polos seus estados membros e derroga con efectos a partir do 1 de xaneiro de 2008 a Directiva 1985/73/CEE.

A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, no seu artigo 54, modifica as tarifas xa referidas consonte co disposto no Regulamento (CE) nº 882/2004.

O Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia, establece a obriga de autoliquidación das taxas e o artigo 2 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación, dispón que os suxeitos pasivos das tarifas sinaladas teñen a obriga de presentar e ingresar a autoliquidación correspondente polas actuacións habidas en cada un dos trimestres naturais do ano nos vinte primeiros días naturais seguintes á finalización de cada trimestre, e xunto coa autoliquidación deberán presentar unha declaración complementaria debidamente cuberta, que se axustará ao modelo establecido no anexo II da citada orde.

A modificación das tarifas fai necesaria polo tanto, a adaptación do modelo sinalado á nova estrutura tarifaria.

Por ese motivo e no uso das facultades conferidas pola disposición adicional do Decreto 61/2005, do 7 de abril, previamente citado

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificación do modelo de declaración complementaria.

Modifícase o modelo de declaración complementaria da taxa por servizos profesionais polas inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza contido no anexo da orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992, pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación, quedando substituído polo modelo que figura no anexo desta orde.

Disposición transitoria

O modelo de declaración complementaria que se substitúe por esta orde, seguirá tendo vixencia para o cumprimento das obrigas tributarias referidas ás actuacións gravadas que se realicen ata o fin do ano 2007, debendo ser empregado, en consecuencia, xunto coas autoliquidacións que se refiran aos feitos impoñibles acaecidos con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2008.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2008. No entanto, o modelo que figura no anexo desta orde deberá empregarse a partir do 1 de abril de 2008 e presentarase conxuntamente coas autoliquidacións que se refiran aos feitos impoñibles realizados desde o 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

Ver referencia pdf "25100D003P110.PDF"