DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Luns, 31 de decembro de 2007 Páx. 20.413

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 16/2007, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Exposición de motivos

1

Os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008 son a expresión financeira da política económica do Goberno galego para esta anualidade. Xunto coas cifras de ingresos e gastos nos distintos capítulos e seccións, incorporan as principais prioridades e obxectivos de actuación que se pretenden coa súa execución.

Estes orzamentos formúlanse nun contexto de sólido crecemento da economía galega, que constitúe a mellor garantía para facer fronte con éxito ás eventuais consecuencias que puideran derivar das turbulencias nos mercados financeiros.

Os últimos rexistros económicos confirman que Galicia avanza a bo ritmo na senda da converxencia, mantendo unha taxa de crecemento do PIB por riba do conxunto español e do da UE, unha mellora do mercado de traballo e un forte dinamismo nas exportacións internacionais de bens. O cadro de previsións que acompañan estes orzamentos confirman a continuidade deste proceso ao longo do ano 2008.

Esta favorable situación económica aconsella, por unha banda, profundar nas políticas que están tendo resultados positivos e, por outra, fai posible tamén atender as novas demandas no ámbito dos servizos sociais e comunitarios. Aumentar o benestar social con medidas a prol dunha maior cohesión social e territorial é tamén un obxectivo específico destes orzamentos.

Este novo impulso ao gasto produtivo desenvólvese por medio das políticas que apoian o crecemento da produtividade e o incremento da competitividade da nosa economía: innovación, desenvolvemento e investigación, educación e formación do capital humano e infraestruturas que doten dunha mellor conectividade e accesibilidade o territorio. Un modelo de crecemento que, para cumprir coas esixencias da sostibilidade, atende as necesidades de depuración das nosas costas e ríos e prioriza os investimentos no transporte público urbano e metropolitano máis eficiente, seguro e sostible, que constitúe un instrumento básico de cohesión territorial e social.

A prioridade no gasto social concrétase en novos incrementos do investimento en sanidade, especialmente en atención primaria e saúde pública; en facilitar o acceso á vivenda; en accións para a igualdade e promoción da muller, en concordancia coa Lei 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no tratamento integral da violencia de xénero, así como na protección da infancia.

Como consecuencia da aplicación da nova Lei de dependencia, estes orzamentos do 2008 poñen o acento tamén no gasto social, con especial atención aos sectores máis desfavorecidos, persoas maiores, con discapacidade e dependentes, elevándose o gasto para cubrir as necesidades en servizos asistenciais para a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Nesta orientación social do gasto, estes orzamentos priorizan as accións destinadas a aumentar a creación de emprego de calidade, á prevención de riscos laborais e a favorecer a igualdade entre homes e mulleres no traballo, cumprindo así cos compromisos contidos no acordo polo emprego no marco do diálogo social e de acordo coa Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Finalmente, estes orzamentos do 2008, elaborados respectando o principio de estabilidade orzamentaria, preséntanse en equilibrio e polo tanto sen recurso á débeda, incorporando como novidade na asignación a súa finalidade e capacidade de orientar o gasto público nos plans estratéxicos do Goberno galego, complementando así as fórmulas convencionais de asignación do gasto.

En fin, estas prioridades e metodoloxía facilitan o marco dunhas contas públicas transparentes, rigorosas, eficientes e eficaces que incorporan indicadores para medir os resultados dos plans e programas formulados para o 2008, e avaliar así a política económica do Goberno.

2

Polo que respecta ao marco xurídico no que deberán desenvolverse as actuacións previstas nos orzamentos do ano 2008, as principais novidades que se incorporan ao texto articulado da lei son as seguintes.

Dentro do título I, «Aprobación dos orzamentos e réxime das modificacións de crédito», determínase o importe estimado para o ano 2008 dos beneficios fiscais que corresponden aos tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado á Comunidade Autónoma, e decláranse ampliables os créditos destinados ao pagamento das axudas directas a mulleres vítimas de malos tratos.

No título II, «Gastos de persoal», aparece recollido o incremento retributivo -un 2%- do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma, e adáptase a súa clasificación profesional aos novos grupos establecidos na Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público. Adicionalmente autorízase un incremento do 1% da masa salarial dos funcionarios en activo e dos sometidos a réxime administrativo e estatutario, co obxecto de acomodar progresivamente o complemento específico de forma que permita a percepción de catorce pagas ao ano.

Igualmente dentro dese título regúlase a oferta de emprego público para o ano 2008. Por outra parte, prevese a posibilidade de adaptar as relacións de postos de traballo á creación de prazas derivadas de declaracións por sentenzas xudiciais.

As «operacións de endebedamento e garantía» aparecen reguladas no título III e acomódanse ao cumprimento dos obxectivos de estabilidade orzamentaria. Conforme ese criterio, no ano 2008 a posición neta debedora da Comunidade Autónoma non experimentará variación.

No título IV, referente á «xestión orzamentaria», e como garantía dun mellor control sobre o crecemento dos gastos plurianuais, que comprometen créditos de exercicios futuros, establécese que a autorización dese tipo de gastos quedará sometida ao cumprimento das determinacións que estableza o Goberno galego por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Tamén se actualizan para o ano 2008 as contías dos módulos económicos de distribución de fondos públicos para sostemento de centros concertados.

No título V, «Corporacións locais», establécense as novas porcentaxes de participación dos concellos galegos, a través dos fondos principal, adicional e complementario do Fondo de Cooperación Local, nos tributos da Comunidade Autónoma. Adicionalmente, o fondo complementario increméntase en 6.000.000 de euros, como consecuencia dos acordos asinados no marco do pacto local.

No título VI, «Normas tributarias», no capítulo referente aos tributos propios, establécese un incremento do 2% nos tipos das taxas de contía fixa e introdúcense algunhas modificacións sobre as tarifas variables, ademais de actualizarse os valores do tipo de gravame do canon de saneamento.

Por outra parte, e dentro do capítulo destinado aos tributos cedidos, coa finalidade de lograr unha máis eficaz xestión do orzamento e de alcanzar a recadación prevista nos estados de ingresos, abórdanse, no referente aos impostos de sucesións e doazóns e de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, unhas melloras na aplicación dos tributos que deberán permitir unha considerable axilización dos procedementos, unha diminución da litixiosidade e, consecuentemente, unha maior firmeza dos ingresos realizados, así como unha revisión máis rápida e segura das declaracións presentadas, coa conseguinte diminución da fraude fiscal e un aumento da seguridade do contribuínte, unido a unha maior facilidade no cumprimento das obrigas tributarias. Nese sentido, regúlase o prazo para a solicitude dos beneficios fiscais non aplicables de oficio, dispoñendo así o órgano xestor despois da finalización do prazo de declaración de todos os datos necesarios para comprobar a autoliquidación.

Igualmente é obxecto de regulación o peche rexistral, coa finalidade de axilizar as presentacións telemáticas de autoliquidacións e documentación anexa que permita un tratamento informático rápido e fiable da información e a detección dos erros e da fraude fiscal, modernizando e adaptando os procedementos á realidade. Inclúese así mesmo a regulación dos medios de valoración por estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal e por prezos medios de mercado, coa conseguinte diminución dos prazos das valoracións e da litixiosidade e aumentando a seguridade do contribuínte de que a súa declaración e o seu ingreso non serán obxecto de modificación. Remata este bloque normativo co establecemento da unicidade do procedemento de taxación pericial contraditoria, regulado ata este momento en diferentes normas, de xeito dispar, en prexuízo da necesaria seguridade xurídica.

Finalmente, hai que referirse á inclusión no texto articulado da lei de disposicións adicionais que abordan diferentes aspectos. Entre as que figuran por primeira vez incluídas na Lei de orzamentos merecen destacarse a referente á determinación de requisitos que deberán ser seguidos no proceso de creación de novos entes e organismos, coa finalidade de disciplinar as decisións que poidan implicar unha ampliación do sector público da Comunidade Autónoma, e cun contido eminentemente social a creación para o ano 2008 dun fondo extraordinario de axudas aos beneficiarios de pensións non contributivas, dotado con 5.000.000 de euros.

Dentro das disposicións derradeiras recóllese unha modificación do texto articulado da Lei de réxime financeiro e orzamentario para dar lugar á introdución singularizada das axencias galegas no sector público da Comunidade Autónoma, abordándose o marco básico de xestión e o seu réxime orzamentario.

Por todo o exposto o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome de El-Rei a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

Título I

Aprobación dos orzamentos e réxime das modificacións

de crédito

Capítulo I

Aprobación dos créditos iniciais e do seu financiamento

Artigo 1º.-Aprobación e ámbito dos orzamentos xerais.

O Parlamento de Galicia aproba os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2008, nos que se integran:

a) Os orzamentos da Administración xeral.

b) Os orzamentos dos organismos autónomos.

c) Os orzamentos de explotación e capital das sociedades públicas de carácter mercantil.

d) Os orzamentos das demais sociedades públicas ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 2º.-Orzamentos da Administración xeral e dos organismos autónomos.

Un.-Nos estados de gastos consolidados dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos consígnanse créditos por importe de 11.556.123.655 euros, distribuídos da forma seguinte:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

As transferencias internas entre os orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os dos organismos autónomos representan 3.582.035.210 euros, distribuídos segundo o seguinte detalle:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Dous.-A desagregación dos créditos consonte a finalidade á que van destinados establécese desta maneira:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Tres.-A distribución orgánica e económica do orzamento consolidado é como segue:

Catro.-Nos estados de ingresos dos orzamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma e nos dos seus organismos autónomos recóllense as estimacións dos dereitos económicos que se prevén liquidar durante o exercicio, por un importe consolidado de 11.556.123.655 euros, distribuídos da seguinte forma:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Cinco.-Os beneficios fiscais que afectan aos tributos cedidos total ou parcialmente polo Estado á Comunidade Autónoma estímanse en 56.515.068 euros, consonte o seguinte detalle:

-Imposto sobre sucesións e doazóns: 10.194.044 euros.

-Imposto sobre a renda das persoas físicas (tarifa autonómica): 14.365.716 euros.

-Imposto sobre o patrimonio: 927.777 euros.

-Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados: 31.027.531 euros.

En cumprimento do establecido no artigo 55.2º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, o importe das subvencións reguladoras fíxase en 45.959.657 euros.

Artigo 3º.-Orzamento das sociedades públicas.

Un.-Orzamento das sociedades mercantís.

Os orzamentos de explotación e de capital das sociedades públicas de carácter mercantil elévanse a 925.675 miles de euros, de acordo coa distribución que se indica:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Dous.-Orzamento dos restantes entes públicos.

Os orzamentos de explotación e de capital dos entes públicos aos que se refire a letra d) do artigo 1 alcanzan un total de 766.902 miles de euros, detallados como segue:

(miles de euros)

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Tres.-Aprobación de subvencións de explotación e de capital ás sociedades públicas.

Autorízanse as dotacións iniciais de subvencións de explotación e de capital das sociedades públicas que se indican a seguir, por un importe total de 182.060 miles de euros, e de 391.943 miles de euros, respectivamente, con cargo aos orzamentos de gastos dos departamentos da Xunta ou dos organismos autónomos aos que figuran adscritas:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Capítulo II

Das modificacións orzamentarias

Artigo 4º.-Réxime xeral das modificacións orzamentarias.

Un.-As modificacións de créditos orzamentarios serán autorizadas consonte os requisitos establecidos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coas excepcións derivadas da aplicación do indicado neste capítulo.

Dous.-As propostas de modificación deberán indicar, co maior nivel de desagregación orgánica, funcional e económica, as aplicacións orzamentarias afectadas, recollendo adecuadamente os motivos que a xustifican, tanto os referentes á realización do novo gasto proposto coma, se é o caso, á suspensión da actuación inicialmente prevista e á repercusión sobre os obxectivos do programa afectado.

Á comunicación á que se refire a disposición adicional segunda do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, uniráselle unha explicación sobre os motivos que a xustifican con relación ao novo gasto proposto e a súa repercusión, se é o caso, sobre os obxectivos do programa afectado en relación cos inicialmente previstos.

Artigo 5º.-Competencias específicas en materia de modificacións orzamentarias.

Sen prexuízo das facultades que se lle asignan no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, atribúenselle ao conselleiro de Economía e Facenda competencias específicas para levar a cabo as seguintes modificacións orzamentarias:

a) Para incorporar os créditos de exercicios anteriores que correspondan a actuacións financiadas ou cofinanciadas pola Unión Europea, de acordo co previsto nos regulamentos do Marco de apoio comunitario que resulten aplicables.

b) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga en cada exercicio do fondo de reserva constituído consonte o establecido no artigo 4 da Lei 12/1995, do 29 de decembro, pola que se aproba o imposto sobre a contaminación atmosférica.

c) Para incorporar ao crédito 05.31.312A.480.1 (Risga), do orzamento do ano 2008, o crédito 05.31.312A.480.1 do ano 2007, destinado á renda de integración social de Galicia, na parte que non acadase a fase «O» en contabilidade.

d) Para incorporar o crédito que non acadase a fase de recoñecemento da obriga dos créditos xerados, con destino ao financiamento de gastos derivados da realización de probas de selección de persoal, como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos no artigo 30, «taxas administrativas».

e) Para incorporar os créditos dos capítulos IV e VII que non acadasen a fase de recoñecemento da obriga en contabilidade, destinados ás medidas postas en marcha con motivo da vaga de lumes de agosto de 2006 e das choivas acaecidas o último trimestre de 2006.

f) Para xerar crédito polo importe que corresponda á maior recadación das taxas e prezos públicos e privados respecto das previsións que inicialmente se establecen para as distintas seccións orzamentarias no anexo 1 desta lei, sempre que quede garantido o necesario equilibrio económico-financeiro, de acordo co previsto no artigo 9.

g) Para xerar crédito polo importe que corresponda aos maiores ingresos pola prestación do servizo de recadación executiva a outros entes, do subconcepto 399.04, do orzamento de ingresos.

h) Para xerar crédito no programa 621B, «Imprevistos e funcións non clasificadas», por un importe igual á diferenza que poida existir entre a liquidación definitiva de exercicios anteriores correspondente aos distintos mecanismos financeiros do sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e a estimada no estado de ingresos para o dito concepto.

i) Para xerar crédito, na sección orzamentaria correspondente, por contía igual ao importe das compensacións económicas a favor da Comunidade Autónoma derivadas de pólizas subscritas con compañías de seguros.

j) Para xerar crédito no capítulo VIII dos orzamentos de gastos da Administración xeral, ou se é o caso nos dos organismos autónomos, no suposto previsto no artigo 43 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, sobre tratamento dos créditos para provisións de riscos non executados.

k) Para xerar crédito destinado á atención das obrigas derivadas de expedientes de expropiacións, e do pagamento da prima adicional da póliza de responsabilidade civil e patrimonial sanitaria, nos supostos previstos nos artigos 41 e 42 desta lei.

l) Para xerar crédito por ingresos derivados de pagamentos indebidos efectuados con cargo a créditos do orzamento corrente ou de anteriores exercicios.

m) Para xerar crédito na sección 11, Consellería do Medio Rural, polo importe que corresponda ao produto da venda do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais e provinciais, con destino aos fins previstos na disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, e na disposición adicional cuarta da Lei 1/2006, do 5 de xuño, do Consello Agrario Galego. Para tal fin, por pedimento da consellaría interesada, a Consellería de Economía e Facenda tramitará o oportuno expediente de desafectación, de acordo co disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e nos artigos 24 e seguintes do seu regulamento de execución.

n) En relación co orzamento do Servizo Galego de Saúde:

1. Para xerar créditos como consecuencia dos maiores ingresos recadados sobre os inicialmente previstos en cada unha das seguintes aplicacións do orzamento de ingresos do Servizo Galego de Saúde:

-30, «Taxas administrativas».

-37, «Ingresos por ensaios clínicos».

-36, «Prestacións de servizos sanitarios», e 39, «Outros ingresos», computados conxuntamente.

2. Para xerar crédito derivado dos ingresos devengados en exercicios anteriores que non acadasen a fase de recoñecemento do dereito e que correspondan ao financiamento dos centros e servizos sanitarios transferidos á Comunidade Autónoma polas corporacións locais, sempre que excedan das cifras orzadas inicialmente por eses conceptos no correspondente exercicio.

3. Para xerar crédito en relación cos ingresos derivados de acordos transaccionais formalizados coas corporacións locais en materia de financiamento dos hospitais transferidos.

4. Para autorizar modificacións de crédito destinadas á atención de necesidades que se produzan ao longo do exercicio en calquera capítulo de gastos do Servizo Galego de Saúde, en relación coas dotacións do fondo de continxencia orzado no capítulo V dese organismo autónomo.

o) Para xerar crédito nas aplicacións orzamentarias de gasto do organismo autónomo Augas de Galicia financiadas polo canon de saneamento, polo importe correspondente aos maiores ingresos recadados sobre os orzados inicialmente.

p) Para xerar crédito no capítulo VIII de gastos cos ingresos do capítulo IX procedentes das operacións de refinanciamento de débeda ás que se refire o parágrafo terceiro do artigo 31.Un desta lei.

q) Para introducir nos estados de gastos as modificacións precisas para adecuar os créditos afectados por transferencias finalistas de calquera procedencia, incluíndo entre esas medidas a declaración de indispoñibilidade do crédito.

No suposto de que as obrigas recoñecidas ata ese momento superasen o importe real da transferencia, o seu financiamento realizarase mediante as oportunas minoracións noutros créditos, preferentemente de operacións correntes, da sección de que se trate.

r) Para introducir as variacións que sexan necesarias nos programas de gasto dos organismos autónomos e dos entes públicos para reflectir as repercusións que neles teñan as modificacións dos créditos que figuran no estado de transferencias entre subsectores dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

s) Para realizar as adaptacións técnicas e as transferencias de crédito que procedan como consecuencia de reorganizacións administrativas, posta en marcha de organismos autónomos ou traspaso de competencias nas que estean implicadas outras administracións, sen que en ningún caso, polo que se refire aos dous primeiros supostos, poida orixinarse incremento de gasto.

t) Autorizar transferencias de créditos entre programas incluídos en distinto grupo de función, correspondentes a servizos dunha mesma consellaría, cando teñan por obxecto cofinanciar incorporacións de remanentes de crédito de exercicios anteriores correspondentes a financiamento condicionado.

u) Para efectuar no orzamento de capital do Instituto Galego de Promoción Económica as modificacións que sexan precisas para a disposición do préstamo autorizado na alínea Dous do artigo 31º desta lei.

Artigo 6º.-Vinculación de créditos.

Un.-Os créditos consignados nos estados de gastos destes orzamentos quedarán vinculados ao nivel establecido no artigo 56 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con excepción dos créditos que se relacionan a seguir, que serán vinculantes co grao de vinculación que se indica:

120.20, «Substitucións e acumulación de tarefas de persoal non docente».

120.21, «Substitucións de persoal docente».

120.22, «Regularización da parte proporcional das vacacións dos substitutos docentes».

121.07, «Sexenios».

130.02, «Complemento de perigosidade, penosidade e toxicidade».

131, «Persoal laboral temporal».

132, «Persoal laboral temporal (profesores de relixión)».

136, «Persoal investigador en formación».

220.03, «Diario Oficial de Galicia».

226.01, «Atencións protocolarias e representativas».

226.02, «Publicidade e propaganda».

226.06, «Reunións, conferencias e cursos».

226.13, «Gastos de funcionamento de tribunais de oposicións e de probas selectivas».

227.06, «Estudos e traballos técnicos».

A mesma consideración terán os créditos correspondentes á aplicación 08.03.512B.600.2, «Expropiacións anteriores ao Marco», e ás diferentes aplicacións do capítulo VI correspondentes a mandatos á Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A.

Os conceptos 480, «Transferencias correntes a familias», e 481, «Transferencias correntes a institucións sen fin de lucro», por unha parte, e os conceptos 780, «Transferencias de capital a familias», e 781, «Transferencias de capital a institucións sen fin de lucro», por outra, serán vinculantes entre si. A mesma consideración terán os créditos dos subconceptos 221.07, «Comedores escolares», e 223.08, «Transporte escolar», que vincularán entre eles.

Dous.-As transferencias ás que se refire o artigo 67 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, cando afecten os créditos anteriores, deberán ser autorizadas polo conselleiro de Economía e Facenda.

Artigo 7º.-Créditos ampliables.

Un.-Con independencia dos supostos previstos no punto 1º do artigo 64 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán excepcionalmente condición de ampliables os créditos seguintes:

a) Os incluídos na aplicación 07.03.621A.226.05, destinados ao pagamento dos premios de cobranza autorizados pola recadación de tributos e demais ingresos de dereito público.

b) Os destinados a satisfacer as cantidades que deben percibir os liquidadores dos distritos hipotecarios en concepto de indemnizacións e compensacións dos gastos orixinados pola recadación e xestión de autoliquidacións practicadas polo imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados e pola recadación e práctica das liquidacións do imposto sobre sucesións e doazóns.

c) As obrigas contraídas no exterior e que deban ser pagadas en divisas de cambio variable, pola diferenza existente entre o tipo de cambio previsto e o seu importe real no momento do pagamento.

d) Os destinados ao pagamento das obrigas derivadas de crebas de operacións de crédito avaladas pola Comunidade Autónoma. Cando se trate dun organismo autónomo ou dunha sociedade pública, a ampliación materializarase a través da sección orzamentaria á que figuren adscritos.

e) Os créditos destinados ao pagamento dos premios de cobranza e participacións en función da recadación de vendas e restantes créditos de vivendas, soares, locais e edificacións complementarias correspondentes ao Instituto Galego da Vivenda e Solo, así como os referentes aos traballos de facturación e apoio á xestión do patrimonio inmobiliario do devandito instituto, que se establezan de acordo coas cifras recadadas no período voluntario.

f) Os créditos de transferencias a favor da Comunidade Autónoma que figuren nos orzamentos de gastos dos organismos autónomos ata o importe dos remanentes da tesouraría que resulten como consecuencia da súa xestión.

g) Os incluídos na aplicación 05.20.312B.480.0, destinados ao pagamento de prestacións familiares, por fillos menores de tres anos ao seu cargo, a persoas que non están obrigadas a presentar declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas.

h) Os incluídos na aplicación 21.01.811B.760.2 con destino ao pagamento da liquidación de exercicios anteriores que corresponde ao Fondo de Cooperación Local.

i) Os créditos vinculantes incluídos nas aplicacións 120.20, «Substitucións e acumulación de tarefas de persoal non docente», 120.21, «Substitucións de persoal docente», e 120.22, «Regularización da parte proporcional das vacacións dos substitutos docentes», que se considerarán ampliables unicamente con retencións noutros créditos do capítulo I da propia sección orzamentaria ou organismo autónomo.

j) Os créditos incluídos na aplicación 05.80.313D.480.0, destinados ao pagamento de axudas directas a mulleres vítimas de malos tratos.

Dous.-Para os efectos do previsto no artigo 64.1º g) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, terán a consideración de seccións orzamentarias as secretarías xerais da Presidencia.

Tres.-O financiamento das ampliacións de crédito, ademais de por medio dos mecanismos previstos no artigo 64.2º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, poderá tamén realizarse con baixas de crédito noutros conceptos orzamentarios.

Artigo 8º.-Transferencias de crédito.

Un.-Con independencia das limitacións ás que se refire o artigo 68.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e sen prexuízo do previsto no punto 3 do citado artigo, non poderán tramitarse expedientes de transferencias de crédito que atinxan os capítulos VI e VII cando deles derive incremento do gasto corrente.

Esa restrición non lles será aplicable:

a) Cando se destinen á atención de gastos extraordinarios derivados de catástrofes, sinistros ou outras situacións de natureza análoga e carácter excepcional.

b) Aos incrementos do capítulo I que, se é o caso, poidan orixinarse polo desenvolvemento de procesos de regularización derivados de acordos sobre materias de función pública subscritos entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais.

c) Aos incrementos do capítulo I derivados do cumprimento de sentenzas xudiciais firmes, así como os derivados do cumprimento da disposición transitoria terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública, na súa modificación operada pola Lei 13/2007, do 27 de xullo, e da disposición transitoria novena bis do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia.

d) Excepcionalmente, cando as características das actuacións que deban executarse para o cumprimento da finalidade do programa orzamentario previsto exixan a adecuación da natureza económica do gasto.

Dous.-Polo que se refire ás seccións 09, «Educación e Ordenación Universitaria», e 13, «Sanidade», e a sección 05, «Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar», no que afecte a créditos destinados a prestacións sociais, a limitación indicada na alínea anterior unicamente será aplicable unha vez superado o 5% das dotacións iniciais dos capítulos VI e VII. Esa porcentaxe será do 20% para o Servizo Galego de Saúde.

No caso de que as transferencias realizadas baixo este suposto incrementasen créditos do capítulo I destinados ao asinamento de contratos de duración determinada previstos no Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 15 do Estatuto dos traballadores, cando a modalidade de contratación fose a de realización de obra ou servizo prevista na letra a) do artigo 1 da citada disposición, será necesaria a existencia de informe previo e favorable da Dirección Xeral da Función Pública sobre a adecuación da modalidade de contratación que se pretende.

Tres.-Con vixencia exclusiva para o exercicio do ano 2008 non poderán realizarse transferencias de crédito que incrementen os autorizados inicialmente nas aplicacións orzamentarias do subconcepto 226.02, «Publicidade e propaganda».

Esa limitación non afectará o Servizo Galego de Saúde cando a transferencia teña a súa causa na necesidade de facer público calquera tipo de modificación no funcionamento dos servizos que deba ser coñecida polos usuarios.

Catro.-As limitacións sobre transferencias de crédito contidas nas letras b) e c) do artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non afectarán as transferencias de crédito que se refiran aos artigos 43 e 73 da clasificación económica do gasto. Con independencia do anterior, esas mesmas limitacións entenderanse referidas, no orzamento do Servizo Galego de Saúde, ao orzamento individualizado de cada un dos centros de gasto e non aos orzamentos totais.

Cinco.-Ás transferencias de crédito que afecten unicamente a clasificación orgánica e que se efectúen entre centros de gasto do Servizo Galego de Saúde non lles serán aplicables as limitacións previstas no artigo 68 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, por teren a consideración de simples redistribucións de crédito.

Para os efectos do sinalado no parágrafo anterior terán tamén a condición de redistribucións de créditos as transferencias dentro dos centros que teñan a consideración de área sanitaria, sempre que non afecten a clasificación económica.

Seis.-Ás transferencias de crédito que afecten ás aplicacións do Servizo Galego de Saúde e que financien a sociedades mercantís e entes públicos de carácter sanitario non lles serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68.1º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Sete.-Sen prexuízo do establecido no artigo 68.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como nas alíneas anteriores deste artigo, o importe máximo das transferencias de crédito que se autoricen para cada consellería durante este exercicio non poderá diminuír as consignacións iniciais, ao nivel de vinculación legalmente establecido, en máis dun 20%.

O indicado no parágrafo anterior non será aplicable nos seguintes casos:

a) Cando teñan por obxecto incrementar conceptos do capítulo I de gastos.

b) Cando se refiran á sección 23, «Gastos de diversas consellerías».

c) Cando se refiran ao centro de xestión 5001 do Servizo Galego de Saúde.

d) Cando se refiran a fondos propios que pasen a cofinanciar proxectos con fondos europeos.

e) Cando se refiran aos créditos consignados no concepto 500, «Fondo de continxencia da Lei 5/2002», do orzamento de gastos do Servizo Galego de Saúde.

f) Cando se refiran a axudas ou subvencións, no caso de que a orde de convocatoria pola que se rexe a súa concesión asigne o gasto a diversas aplicacións orzamentarias e non sexa posible determinar previamente a contía imputable a cada unha delas.

g) As que se refiren aos artigos 43 e 73 da clasificación económica do gasto.

h) Cando teñan por obxecto atender gastos extraordinarios derivados de catástrofes, sinistros ou outras actuacións de natureza análoga e carácter excepcional.

Artigo 9º.-Adecuación de créditos.

Para facilitar a consecución do equilibrio económico-financeiro na execución do orzamento para o ano 2008, os créditos incluídos nos estados de gastos poderán experimentar os axustes necesarios para acomodar o seu importe ao dos recursos, na medida en que estes últimos difiran dos inicialmente previstos nos orzamentos de ingresos da Administración xeral da Comunidade Autónoma ou dos seus organismos autónomos.

Sen prexuízo do indicado no artigo 5.q) desta lei, o Consello da Xunta adoptará, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, os acordos de non dispoñibilidade de crédito que sexan precisos para cumprir o previsto no parágrafo anterior.

Artigo 10º.-Transferencia de remanentes líquidos de tesouraría.

Os organismos autónomos e as sociedades públicas de carácter non mercantil da Comunidade Autónoma transferiranlle ao orzamento da Administración xeral da Comunidade Autónoma o importe do remanente de tesouraría non afectado resultante da liquidación do anterior exercicio orzamentario.

A Consellería de Economía e Facenda poderá xerar crédito con este importe no programa 621B, «Imprevistos e funcións non clasificadas».

Non obstante, e coa finalidade de evitar que se produzan estes remanentes, a Consellería de Economía e Facenda poderalles limitar os libramentos de fondos a estas entidades en función do seu nivel de execución orzamentaria.

Artigo 11º.-Consello de Contas.

Con suxeición ás limitacións e requisitos establecidos con carácter xeral, as ampliacións e transferencias de crédito que correspondan a competencias do conselleiro de Economía e Facenda poderán ser autorizadas polo Consello de Contas dentro do seu propio orzamento.

As modificacións autorizadas deberán ser comunicadas para a súa instrumentación á Dirección Xeral de Orzamentos.

Título II

Gastos de persoal

Capítulo I

Retribucións do persoal

Artigo 12º.-Bases da actividade económica en materia de gastos de persoal.

Un.-As retribucións íntegras do persoal ao servizo da Comunidade Autónoma, incluídas as que en concepto de pagas extraordinarias correspondesen en aplicación do artigo 12.Dous da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, non poderán experimentar no ano 2008 un incremento global superior ao 2% con respecto ás establecidas no exercicio de 2007, en termos de homoxeneidade para os dous períodos de comparación, tanto polo que respecta a efectivos de persoal coma á súa antigüidade.

Dous.-Adicionalmente ao previsto na alínea Un deste artigo, a masa salarial dos funcionarios en servizo activo aos que lles resulte aplicable o réxime retributivo da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, así como a do resto do persoal sometido a réxime administrativo e estatutario, experimentará un incremento do 1%, que se distribuirá na forma que se determine, nas normas ditadas en desenvolvemento desta lei, co obxecto de lograr progresivamente unha acomodación das retribucións complementarias, excluídas a produtividade e as gratificacións por servizos extraordinarios, que permita a súa percepción en catorce pagas ao ano, doce ordinarias e dúas adicionais nos meses de xuño e decembro.

Así mesmo, a masa salarial do persoal laboral experimentará o incremento necesario para facer posible a aplicación a este dunha contía anual equivalente á que resulte para os funcionarios públicos, de acordo co disposto no parágrafo anterior desta alínea.

Tres.-Para o cálculo dos límites aos que se refire a alínea anterior, aplicarase a porcentaxe sobre o gasto correspondente ao conxunto das retribucións devengadas polo persoal funcionario nos seguintes conceptos retributivos: retribucións básicas e complementarias e a masa salarial correspondente ao persoal sometido á lexislación laboral definida no artigo 14 desta lei, sen computar para estes efectos os gastos de acción social, agás no caso do incremento previsto na alínea Un.

Non computarán, para os efectos do sinalado na alínea anterior, a indemnización por residencia e a indemnización por destino no estranxeiro.

Catro.-As retribucións que percibirán no ano 2008 os funcionarios aos que resulta aplicable o artigo 76 do estatuto básico do empregado público incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, modificada pola Lei 13/2007, do 27 de xullo, nos termos da disposición derradeira cuarta do citado estatuto básico, no concepto de soldo e trienios que corresponda ao grupo ou subgrupo en que se atope clasificado o corpo ou escala a que pertenza o funcionario, referidas a doce mensualidades, serán as seguintes:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Cinco.-Para efectos do disposto na alínea anterior, as retribucións que percibirán os funcionarios públicos que ata a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 viñan referenciadas aos grupos e subgrupos de titulación previstos na Lei 4/1988, da función pública de Galicia, pasan a estar referenciadas aos grupos de clasificación profesional establecidos no artigo 76 e na disposición transitoria terceira da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público, sen experimentar outras variacións que as derivadas dos incrementos previstos nesta lei. As equivalencias entre ambos os sistemas de clasificación son as seguintes:

Grupo A Lei 4/1988 Subgrupo A1 Lei 7/2007

Grupo B Lei 4/1988 Subgrupo A2 Lei 7/2007

Grupo C Lei 4/1988 Subgrupo C1 Lei 7/2007

Grupo D Lei 4/1988 Subgrupo C2 Lei 7/2007

Grupo E Lei 4/1988 Agrupacións profesionais

Lei 7/2007

Seis.-Os acordos, convenios ou pactos que impliquen crecementos retributivos superiores deberán axustarse ao establecido neste artigo, resultando inaplicables no caso contrario.

Sete.-O disposto nas alíneas precedentes entenderase sen prexuízo das adecuacións retributivas que con carácter singular e excepcional resulten imprescindibles polo contido dos postos de traballo, pola variación do número de efectivos asignados a cada programa ou polo grao de consecución dos seus obxectivos.

Oito.-Este artigo aplicaráselle ao persoal ao servizo de:

a) Os órganos estatutarios de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 12.2º do Estatuto de autonomía de Galicia para o Parlamento.

b) A Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos.

c) As universidades de Galicia.

d) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma.

e) As restantes sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 13º.-Criterios retributivos aplicables ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma non sometido á lexislación laboral.

Un.-As retribucións básicas e as complementarias de carácter fixo e periódico experimentarán un incremento do 2 % con respecto ás establecidas no exercicio de 2007, sen prexuízo, se é o caso, da adecuación destas últimas cando sexa necesaria para asegurar que a retribución total de cada posto de traballo garde a relación procedente coa súa especial dificultade técnica, dedicación, responsabilidade, perigosidade e penosidade.

As pagas extraordinarias do persoal incluído no ámbito de aplicación deste artigo e que se percibirán nos meses de xuño e decembro serán dunha mensualidade do soldo, trienios, se é o caso, e complemento de destino ou concepto ou contía equivalente en función do réxime retributivo dos colectivos aos que este artigo resulte aplicable.

Dous.-O conxunto das restantes retribucións complementarias, se é o caso, experimentará así mesmo un incremento do 2% con respecto ao do exercicio de 2007, sen prexuízo das modificacións que deriven da variación do número de efectivos asignados a cada programa, do grao de consecución dos obxectivos fixados para aquel e do resultado individual da súa aplicación.

Tres.-Os complementos persoais e transitorios e as demais retribucións que teñan análogo carácter rexeranse pola súa normativa específica e polo disposto nesta lei.

Catro.-As indemnizacións por razón do servizo rexeranse pola súa normativa específica.

Cinco.-As prestacións familiares establecidas pola normativa específica do réxime especial da Seguridade Social dos funcionarios civís do Estado, das Forzas Armadas e da Administración de xustiza, extensiva, preceptivamente, a determinados funcionarios da Comunidade Autónoma, liquidaránselles aos beneficiarios conforme o que determinen as leis anuais de orzamentos xerais do Estado ou calquera outra disposición que as regule.

Artigo 14º.-Criterios retributivos en materia de persoal laboral.

A masa salarial do persoal laboral dos entes e organismos que se indican na alínea Oito do artigo 12 desta lei non poderá experimentar un crecemento global superior ao 2% respecto da correspondente ao ano 2007, sen prexuízo do disposto nas alíneas Un, respecto das pagas extraordinarias, e Dous do artigo 12 desta lei e do que puidese derivar da consecución dos obxectivos asignados a cada ente ou organismo mediante o incremento da produtividade ou a modificación dos sistemas de organización do traballo ou clasificación profesional.

O previsto no parágrafo anterior representa o límite máximo da masa salarial, cuxa distribución e aplicación individual se producirá a través da negociación colectiva.

Entenderase por masa salarial, para os efectos desta lei, o conxunto das retribucións salariais e extrasalariais e mais os gastos de acción social devengados durante o ano 2007 polo persoal laboral afectado, co límite das contías sobre as que emitiu informe favorable a Consellería de Economía e Facenda para o devandito exercicio orzamentario, exceptuándose en todo caso:

a) As prestacións e indemnizacións da Seguridade Social.

b) As cotizacións ao sistema da Seguridade Social a cargo do empregador.

c) As indemnizacións correspondentes a traslados, suspensións ou despedimentos.

d) As indemnizacións ou os suplidos por gastos que tivese que realizar o traballador.

As variacións da masa salarial bruta calcularanse en termos de homoxeneidade respecto dos dous períodos obxecto de comparación, tanto no que respecta a efectivos reais do persoal laboral e antigüidade deste coma ao réxime privativo de traballo, xornada legal ou contractual, horas extraordinarias efectuadas e outras condicións laborais, computándose, en consecuencia, por separado as cantidades que correspondan á variación de tales conceptos. Con cargo á masa salarial así obtida para o ano 2008 deberase satisfacer a totalidade das retribucións do persoal laboral derivadas dos convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2008 e todas as que se produzan ao longo do exercicio, agás as que lle corresponde devengar ao devandito persoal no citado ano polo concepto de antigüidade.

As indemnizacións ou os suplidos deste persoal non poderán experimentar crecementos superiores aos que se establezan con carácter xeral para o persoal non laboral da Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 15º.-Retribucións dos altos cargos.

Un.-As retribucións totais e exclusivas dos altos cargos, incluídas as pagas extraordinarias, fíxanse para o ano 2008 nas seguintes contías, sen prexuízo da percepción de catorce mensualidades da retribución por antigüidade que puidese corresponderlles de conformidade coa normativa vixente:

Presidente: 84.659,21 euros.

Vicepresidentes: 79.548,00 euros.

Conselleiros: 69.782,88 euros.

Secretarios xerais, directores xerais e asimilados: 55.556,04 euros.

Os secretarios xerais, directores xerais e asimilados percibirán un importe adicional de 1.235,83 euros nos meses de xuño e decembro, como consecuencia da aplicación no ano 2008 do criterio establecido no punto 2 da disposición adicional décimo segunda da Lei 6/2002, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2003. A cantidade indicada incrementarase nun importe equivalente ao que resulte da aplicación do establecido na alínea Dous do artigo 12 desta lei para os funcionarios en activo.

Dous.-As retribucións dos membros do Consello de Contas de Galicia serán as establecidas na alínea Un deste artigo para os conselleiros, agás as correspondentes ao conselleiro maior, que se fixan para o ano 2008 en 74.261,76 euros.

Tres.-As retribucións totais dos altos cargos do Consello Consultivo de Galicia, incluídas as pagas extraordinarias, quedan establecidas para o ano 2008 nas seguintes contías:

Presidente: 74.261,76 euros.

Conselleiros: 69.782,88 euros.

Catro.-As retribucións dos integrantes do Tribunal Galego de Defensa da Competencia serán para o ano 2008 as seguintes, incluídas as pagas extraordinarias:

Presidente: 74.261,76 euros.

Vogais: 69.782,88 euros.

Cinco.-As retribucións dos presidentes e vicepresidentes e, se é o caso, as dos directores xerais das sociedades públicas ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, serán autorizadas inicialmente polo conselleiro de Economía e Facenda, por proposta do titular da consellaría á que se atopen adscritos.

Artigo 16º.-Complemento persoal.

O persoal funcionario designado para ocupar postos incluídos nos anexos de persoal dos orzamentos da Administración xeral e dos seus organismos autónomos que dean lugar á consideración de alto cargo e que no momento do seu nomeamento mantivese unha relación de servizo permanente, non contractual, con algunha administración pública non poderá percibir retribucións inferiores ás que tiña asignadas no posto de procedencia.

Cando se produza esa circunstancia, o persoal indicado terá dereito a percibir un complemento persoal equivalente á diferenza entre a totalidade dos conceptos retributivos, básicos e complementarios, do posto de orixe, con exclusión das gratificacións por servizos extraordinarios, en cómputo anual, e as retribucións do mesmo carácter que lle correspondan polo posto que ocupe na Administración autonómica galega.

O complemento indicado, que se percibirá ata o momento do cesamento no cargo, actualizarase, se é o caso, na mesma porcentaxe que corresponda ao incremento retributivo atribuído con carácter xeral na Lei de orzamentos de cada exercicio.

O recoñecemento do dereito á percepción deste complemento será realizado en cada caso pola Dirección Xeral da Función Pública.

Artigo 17º.-Retribucións dos delegados provinciais e territoriais dos departamentos da Xunta de Galicia.

As retribucións dos delegados provinciais e territoriais dos distintos departamentos da Xunta de Galicia para o ano 2008 serán idénticas na súa contía ás dos subdirectores xerais.

Así mesmo, terán dereito a percibir os trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 18º.-Retribucións dos delegados da Xunta de Galicia no exterior.

As retribucións dos delegados da Xunta de Galicia no exterior serán idénticas na súa contía ás dos subdirectores xerais, sen prexuízo do dereito ás indemnizacións, axudas de custo e aplicacións de coeficientes por razón de servizo que puideran corresponderlles por residencia no estranxeiro. Así mesmo terán dereito a percibir os trienios que puidesen ter recoñecidos como funcionarios e persoal ao servizo das administracións públicas.

Artigo 19º.-Retribucións dos funcionarios da Comunidade Autónoma incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público.

Un.-De conformidade co establecido no artigo 12 desta lei, as retribucións que percibirán no ano 2008 os funcionarios incluídos no ámbito de aplicación da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, nos termos da disposición derradeira cuarta da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público, que desempeñan postos de traballo para os que o Goberno da Comunidade Autónoma aprobou a aplicación do réxime retributivo previsto na devandita lei serán as seguintes:

a) O soldo e os trienios que correspondan ao grupo ou subgrupo no que se atope clasificado o corpo ou a escala a que pertenza o funcionario, de acordo coas contías reflectidas no artigo 12.Catro desta lei referidas a doce mensualidades.

b) As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano, percibiranse de acordo co previsto no artigo 15 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1989. O importe de cada unha destas pagas será dunha mensualidade do soldo, trienios e complemento de destino.

Cando os funcionarios prestasen unha xornada de traballo reducida durante os seis meses anteriores aos meses de xuño e decembro, o importe da paga extraordinaria experimentará a correspondente redución proporcional.

c) O complemento de destino correspondente ao nivel do posto de traballo que se desempeñe, de acordo coas seguintes contías referidas a doce mensualidades:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

No ámbito da docencia universitaria, a contía do complemento de destino fixada na escala anterior poderá ser modificada nos casos nos que así proceda, de acordo coa normativa vixente, sen que isto implique variación do nivel de complemento de destino asignado ao posto de traballo.

d) O complemento específico que, se é o caso, estea fixado ao posto que se desempeñe experimentará na súa contía un incremento do 2% con respecto ao aprobado para o exercicio do ano 2007, sen prexuízo do previsto no artigo 12.Dous desta lei.

e) O complemento de produtividade que, se é o caso, se destine a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou iniciativa con que o funcionario desempeñe o seu traballo, nos termos establecidos no artigo 64.3.c) da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

O complemento de produtividade establecerase de acordo con criterios obxectivos que aprobe o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría correspondente e logo do informe das consellarías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, unha vez escoitados os órganos de representación dos traballadores. Os complementos de produtividade débense facer públicos nos centros de traballo.

As contías asignadas por complemento de produtividade durante un período de tempo non orixinarán ningún tipo de dereito individual respecto das valoracións ou apreciacións correspondentes a períodos sucesivos.

f) As gratificacións por servizos extraordinarios que concederá o Consello da Xunta por proposta do departamento correspondente e dentro dos créditos asignados para tal fin.

Estas gratificacións terán carácter excepcional e soamente poderán ser recoñecidas polos servizos extraordinarios prestados fóra da xornada normal de traballo, sen que, en ningún caso, poidan ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo.

g) Os complementos persoais e transitorios recoñecidos en cumprimento do disposto no artigo 10 da Lei 13/1988, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1989.

Estes complementos persoais e transitorios serán absorbidos por calquera mellora retributiva que se produza no ano 2008, incluídas as derivadas do cambio de posto de traballo. En ningún caso se considerarán os trienios, o complemento de produtividade nin as gratificacións por servizos extraordinarios, para estes efectos.

Incluso no caso de que o cambio de posto de traballo determine unha diminución das retribucións manterase o complemento persoal transitorio fixado ao producirse a aplicación do novo sistema, á absorción do cal se lle imputará calquera mellora retributiva ulterior, mesmo a que poida derivar do cambio de posto de traballo.

Para os efectos da absorción prevista nos parágrafos anteriores, o incremento de retribucións de carácter xeral que se establece nesta lei só se computará no 50% do seu importe, entendendo que teñen este carácter o soldo, referido a catorce mensualidades, o complemento de destino e o específico.

Dous.-Os funcionarios interinos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 7/2007, do 12 de abril, pola que se aproba o estatuto básico do empregado público, percibirán a totalidade das retribucións básicas, incluídos trienios e pagas extraordinarias, e a totalidade das retribucións complementarias que correspondan ao posto de traballo para o que sexan nomeados, excluídos os que estean vinculados á condición de funcionario de carreira.

Tres.-O complemento de produtividade poderá atribuírselles, se é o caso, aos funcionarios interinos aos que se refire a alínea anterior, así como ao persoal laboral temporal e aos funcionarios en prácticas cando estas se realicen desempeñando un posto de traballo e estea autorizada a aplicación do devandito complemento ao persoal funcionario que desempeñe análogos postos de traballo, agás que o dito complemento estea vinculado á condición de funcionario de carreira.

Artigo 20º.-Retribucións do persoal ao servizo das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Un.-En aplicación do previsto na disposición transitoria sexta.1.a) da Lei 55/2003, do estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, o persoal incluído no ámbito de aplicación do Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro, sobre retribucións do persoal estatutario do Instituto Nacional da Saúde, percibirá as retribucións básicas e o complemento de destino nas contías sinaladas para os devanditos conceptos retributivos no artigo 19.Un.a), b) e c) desta lei, sen prexuízo do establecido na disposición transitoria segunda.Dous do devandito real decreto lei e de que a contía anual do complemento de destino se satisfaga en catorce mensualidades.

O importe das retribucións correspondentes ao complemento específico, ao complemento de atención continuada e mais ao complemento de penosidade, responsabilidade e dificultade que, se é o caso, lle correspondan ao referido persoal experimentará o incremento do 2% respecto do importe aprobado para o exercicio de 2007, sen prexuízo da percepción adicional dun incremento equivalente ao establecido na alínea Dous do artigo 12 desta lei.

A contía individual do complemento de produtividade determinarase conforme os criterios sinalados no artigo 2.Tres.c) e na disposición transitoria terceira do Real decreto lei 3/1987 e no artigo 43.2º da Lei 55/2003, e nas demais normas ditadas para o seu desenvolvemento.

Dous.-As retribucións do restante persoal estatutario, funcionario e laboral das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde experimentarán o incremento previsto no artigo 12 desta lei.

Tres.-O complemento retributivo de carreira profesional rexerase pola súa normativa específica.

Artigo 21º.-Execución do acordo sobre medidas retributivas.

O Acordo da Mesa Xeral de Negociación da Comunidade Autónoma e o Comité Intercentros do persoal laboral da Xunta de Galicia sobre medidas retributivas, asinado o 11 de xuño de 2007 entre as organizacións sindicais -CIG, CC.OO., UGT e CSI-CSIF- e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, será executado con cargo aos créditos consignados no capítulo I.

Capítulo II

Outras disposicións en materia de réxime do persoal activo

Artigo 22º.-Prohibición de ingresos atípicos.

Os empregados públicos comprendidos dentro do ámbito de aplicación desta lei, con excepción daqueles sometidos ao réxime de arancel, non poderán percibir ningunha participación nos tributos, nas comisións ou noutros ingresos de calquera natureza que lle correspondan á administración ou a calquera poder público como contraprestación de calquera servizo ou xurisdición, nin participación ou premio en multas impostas aínda que estivesen normativamente atribuídas a eles, debendo percibir unicamente as remuneracións do correspondente réxime retributivo, sen prexuízo do que resulte da aplicación do sistema de incompatibilidades e do disposto na normativa específica sobre gozo de vivenda por razón do traballo ou cargo desempeñado.

Artigo 23º.-Relacións de postos de traballo.

As relacións de postos de traballo vixentes o 1 de xaneiro do ano 2008 poderán ser obxecto das modificacións necesarias para axustalas ás previsións orzamentarias que se deducen do anexo de persoal desta lei, así como para axustar aquelas á creación, de ser o caso, de prazas derivadas da condición de indefinición da relación laboral previstas tanto na disposición transitoria terceira da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública, na súa modificación operada pola Lei 13/2007, do 27 de xullo, coma na disposición transitoria novena bis do IV Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia, segundo o procedemento que se determine.

Se a persoa declarada laboral indefinida non estivese adscrita a un posto de traballo, este incluirase na relación de postos de traballo da consellaría ou organismo afectado, de tal xeito que, unha vez modificada esta, a persoa afectada pola sentenza será adscrita ao posto de nova creación. Posteriormente procederase á súa inmediata cobertura polo procedemento legal ou regulamentariamente previsto.

Artigo 24º.-Outras normas comúns.

Un.-Cando as retribucións percibidas no ano 2007 non se correspondesen coas establecidas con carácter xeral no título II da Lei 14/2006, do 28 de decembro, e non sexan aplicables as establecidas no mesmo título desta lei, experimentarán no ano 2008 un incremento do 2% sobre as percibidas no ano anterior.

Dous.-Na Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos, nos casos de adscrición durante o ano 2008 dun funcionario suxeito a un réxime retributivo distinto do correspondente ao posto de traballo a que se adscribe, o devandito funcionario percibirá as retribucións que correspondan ao posto de traballo que desempeñe, logo da oportuna asimilación que autorice a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por proposta das consellarías interesadas.

Só para os efectos da asimilación á que se refire o parágrafo anterior, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza poderá autorizar que a contía da retribución por antigüidade sexa a que proceda de acordo co réxime retributivo de orixe do funcionario.

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza comunicaralle estas autorizacións á Consellería de Economía e Facenda para o seu coñecemento.

Tres.-As referencias relativas a retribucións contidas nesta lei enténdense sempre feitas a retribucións íntegras.

Catro.-As referencias contidas na normativa vixente relativas a haberes líquidos, para os efectos do cálculo de anticipos reintegrables aos funcionarios, entenderanse feitas ás retribucións básicas e complementarias que perciban estes nos seus importes líquidos.

Artigo 25º.-Requisitos para a determinación ou modificación de retribucións do persoal laboral e non funcionario.

Un.-Será necesario informe favorable emitido conxuntamente polas consellarías de Economía e Facenda e de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para determinar ou modificar as condicións retributivas do persoal non funcionario e laboral ao servizo de:

a) Os órganos estatutarios de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 12.2º do Estatuto de autonomía de Galicia para o Parlamento.

b) A Administración da Comunidade Autónoma e dos seus organismos autónomos.

c) As universidades de Galicia.

d) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma.

e) As restantes sociedades públicas autonómicas ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Dous.-Con carácter previo ás negociacións de convenios ou acordos colectivos que se subscriban no ano 2008, deberase solicitar da Consellería de Economía e Facenda a correspondente autorización de masa salarial, que cuantifique o límite máximo das obrigas que poidan contraerse como consecuencia dos devanditos pactos, achegando para o efecto a certificación das retribucións salariais satisfeitas e devengadas durante o ano 2007.

Cando se trate de persoal non suxeito a convenio colectivo cuxas retribucións veñan determinadas en todo ou en parte mediante contrato individual, deberánselle comunicar á Consellería de Economía e Facenda as retribucións satisfeitas e devengadas durante o ano 2007.

Para a determinación das retribucións de postos de traballo de nova creación bastará coa emisión do informe ao que se refire a alínea Un deste artigo.

Tres.-Para os efectos das alíneas anteriores, entenderase por determinación ou modificación das condicións retributivas do persoal non funcionario as seguintes actuacións:

a) O asinamento de convenios colectivos subscritos polos organismos sinalados na alínea Un anterior, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.

b) A aplicación de convenios colectivos de ámbito sectorial, así como as súas revisións e as adhesións ou extensións a eles.

c) A fixación de retribucións mediante contrato individual, xa se trate de persoal fixo ou contratado por tempo determinado, cando non veñan reguladas en todo ou en parte mediante convenio colectivo.

d) O outorgamento de calquera clase de melloras salariais de tipo unilateral con carácter individual ou colectivo, aínda que deriven da aplicación extensiva do réxime retributivo dos funcionarios públicos.

e) Determinación das retribucións correspondentes ao persoal contratado no exterior.

Catro.-Co fin de emitir o informe sinalado na alínea Un deste artigo, as consellarías, os organismos e os entes remitiranlles á Consellería de Economía e Facenda e á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza o correspondente proxecto, con carácter previo ao seu acordo ou asinamento no caso dos convenios colectivos ou contratos individuais, xunto coa achega da valoración de todos os seus aspectos económicos.

Cinco.-O sinalado informe será realizado no prazo máximo de quince días, que se contarán desde a data de recepción do proxecto e da súa valoración, e versará sobre todos aqueles extremos dos que deriven consecuencias directas ou indirectas en materia de gasto público, tanto para o ano 2008 coma para exercicios futuros, e, especialmente, no que se refire á determinación da masa salarial correspondente e ao control do seu crecemento, sen prexuízo do disposto nos artigos 13 e 14 desta lei.

Seis.-Serán nulos de pleno dereito os acordos adoptados nesta materia con omisión do trámite de informe ou en contra dun informe desfavorable, así como os pactos que impliquen crecementos salariais para exercicios sucesivos contrarios ao que determinen as futuras leis de orzamentos.

Sete.-Non se poderán autorizar gastos derivados da aplicación das retribucións para o ano 2008 sen o cumprimento dos requisitos establecidos neste artigo.

Artigo 26º.-Persoal de alta dirección dos organismos autónomos e das sociedades públicas da Comunidade Autónoma.

Nos contratos laborais do persoal de alta dirección das entidades ás que se refire este artigo non se poderán fixar indemnizacións, en razón da extinción da relación xurídica coa entidade correspondente, de contía superior á fixada na lexislación reguladora desta relación laboral de carácter especial.

Artigo 27º.-Contratación de persoal laboral de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos.

Un.-Os departamentos da Xunta de Galicia e os organismos autónomos poderán formalizar durante o ano 2008 contratacións de persoal de carácter temporal para a realización de obras ou servizos, sempre que se dea a concorrencia dos seguintes requisitos:

a) Que a contratación teña por obxecto a execución de obras por administración directa e con aplicación da lexislación de contratos do Estado, ou a realización de servizos que teñan a natureza de investimentos.

b) Que tales obras ou servizos correspondan a investimentos previstos e aprobados nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

c) Que pola natureza das obras ou dos servizos non poidan ser executados por persoal fixo.

d) Que se refiran a obras e proxectos concretos.

Do cumprimento dos anteriores requisitos deberase deixar constancia no correspondente expediente de contratación.

Dous.-Os contratos teranse que formalizar seguindo as prescricións dos artigos 15 e 17 do Estatuto dos traballadores e conforme o disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Nos contratos farase constar a obra ou o servizo para a realización do cal se formaliza o contrato e o tempo de duración, así como o resto das formalidades que impón a lexislación sobre contratos laborais, eventuais ou temporais. Os incumprimentos destas obrigas formais, así como a asignación de persoal contratado para funcións distintas das que se determinen nos contratos, dos que puidesen derivar dereitos de fixeza para o persoal contratado, poderán dar lugar á exixencia de responsabilidades, segundo o artigo 122 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

O gasto xerado por estas contratacións, con excepción das suxeitas normativamente ao Real decreto 1435/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos, así como o gasto que corresponda ás contratacións de persoal temporal dedicado á extinción de incendios forestais e ás contratacións de persoal temporal asociado a proxectos de investigación, imputaranse ao concepto correspondente do artigo 13 no programa e na consellaría de que se trate.

Tres.-A realización destes contratos será obxecto de fiscalización previa nos casos nos que esta resulte preceptiva, de conformidade co establecido nos artigos 94 a 117 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. A intervención delegada do departamento certificará, despois da proposta fundamentada do xestor, que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria que corresponda computado sempre na súa proxección anual.

Catro.-A contratación poderá exceder do exercicio orzamentario cando se trate de obras ou servizos que pasen do devandito exercicio e correspondan a proxectos de investimento de carácter plurianual que cumpran os requisitos que para estes se prevén no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Cinco.-O servizo xurídico do departamento, organismo ou entidade emitirá informe sobre os contratos con carácter previo á súa formalización e, en especial, pronunciarase sobre a modalidade de contratación utilizada e a observancia nas cláusulas do contrato dos requisitos e das formalidades exixidos pola lexislación laboral.

Seis.-Non se poderán realizar contratacións de persoal de carácter temporal para a realización de obras ou servizos previstos no anexo de investimentos sen autorización previa da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Sete.-Os contratos que se iniciasen durante o exercicio de 1999 ou anteriores e que teñan unha data de finalización posterior ao 31 de decembro de 1999 poderán continuar imputándose ao capítulo VI do orzamento de gastos do correspondente departamento ata o seu termo.

Artigo 28º.-Nomeamento de profesores interinos a tempo parcial en centros docentes non universitarios.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá efectuar, nos centros docentes non universitarios, o nomeamento de profesores interinos con horarios de traballo inferiores aos establecidos con carácter xeral, que percibirán as retribucións básicas e complementarias de forma proporcional á xornada traballada.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria tratará de completar o horario docente do persoal interino, compartindo, de ser necesario, varios centros de ensino, para minimizar deste xeito o número de prazas ofertadas segundo o parágrafo anterior.

No caso de ser necesario o nomeamento para prazas a tempo parcial, daráselle preferencia para optar a estas ao profesorado que voluntariamente queira acceder a elas, sobre todo a aquelas persoas que aleguen necesidades de conciliación da vida familiar e laboral.

Artigo 29º.-Profesores de corpos docentes.

Sen prexuízo do establecido con carácter xeral no artigo 68, punto 5, da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, e en atención ás peculiaridades do persoal docente, recoñecidas polo artigo 1, punto 2, da referida lei, os profesores dos corpos docentes previstos no ámbito de xestión da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderán percibir ata o total das súas retribucións tanto básicas coma complementarias cando sexan autorizados para o gozo de licenzas por estudos durante o curso escolar, nos supostos, termos, prazos e condicións que determine a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co informe favorable da Consellería de Economía e Facenda e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Artigo 30º.-Oferta de emprego público para o ano 2008.

Un.-O Consello da Xunta poderá autorizar, por proposta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ou, se é o caso, das consellarías competentes na materia e co informe favorable da Consellería de Economía e Facenda, a convocatoria de prazas vacantes que se considere que poidan afectar ao funcionamento dos servizos públicos esenciais, e que se concentrarán nos sectores, funcións e categorías profesionais que se consideren absolutamente prioritarios, sen que o número das prazas de novo ingreso poida ser superior ao 100% da taxa de reposición de efectivos. Para estes efectos consideraranse efectivos aqueles que veñan desempeñando a súa actividade en servizos que teñen carácter permanente na Comunidade Autónoma. En todo caso, a oferta de emprego incluirá todos os postos e prazas desempeñados por persoal laboral contratado ou persoal interino nomeado, ao que se refire a letra a) da alínea 1 do artigo 10 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado

público, no exercicio anterior, excepto aqueles sobre os que exista unha reserva do posto ou que estean incursos en procesos de provisión. Con este fin, realizaranse as adecuacións nos orzamentos que resulten precisas e sempre de acordo co previsto no artigo 9 desta lei.

A limitación a que se fai referencia na alínea anterior non será aplicable:

a) Á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria en relación co número de prazas para o acceso ao corpo de funcionarios docentes para o desenvolvemento da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar en relación co número de prazas de persoal para o desenvolvemento da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

Nos termos establecidos no artigo 70.1 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, poderán, con autorización conxunta das consellarías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda, convocarse ata un 10% de prazas adicionais da oferta de emprego público.

Dous.-Malia o disposto na alínea Un deste artigo, poderanse convocar os postos ou as prazas que, estando orzamentariamente dotados e incluídos nas correspondentes relacións de postos de traballo, catálogos ou cadros de persoal, se encontren desempeñados interina ou temporalmente con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2007.

Tres.-Durante o ano 2008 non se procederá á contratación de novo persoal temporal nin ao nomeamento de funcionarios interinos do artigo 10.1 da Lei 7/2007, no ámbito ao que se refire a alínea Un do artigo anterior, agás en casos excepcionais e para cubrir necesidades urxentes e inaprazables, con autorización conxunta das consellerías de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e de Economía e Facenda. De calquera xeito, as prazas correspondentes aos nomeamentos a que se refire o artigo 10.1.a) da Lei 7/2007 e contratacións de persoal laboral temporal por vacante computarán para os efectos de cumprir o límite máximo da taxa de reposición de efectivos na oferta de emprego público do mesmo ano a aquel no que se produza o devandito nomeamento e, se non fose posible, na seguinte oferta de emprego público, agás que se decida a súa amortización.

Ao adecuarse estritamente ás necesidades do servizo e co límite máximo das previsións orzamentarias que se establecen para o efecto, non será necesaria esa autorización para as contratacións ou nomeamentos seguintes:

a) Persoal docente, persoal non-docente e persoal laboral que preste servizos nos centros docentes.

b) Persoal que preste servizos en institucións sanitarias dependentes do Servizo Galego de Saúde.

c) Persoal laboral de centros e residencias de servizos sociais.

d) Persoal laboral e persoal funcionario adscrito ao servizo de defensa contra incendios forestais.

Así mesmo, e sempre dentro das limitacións orzamentarias previstas, non requirirán autorización previa as contratacións ou nomeamentos para substitucións do persoal que resulten imprescindibles para o bo funcionamento dos servizos.

Catro.-As convocatorias de prazas vacantes dos entes públicos aos que se refire o artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e das sociedades de carácter mercantil dependentes do ente público Compañía de Radio-Televisión de Galicia deberán ser autorizadas conxuntamente pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e pola Consellería de Economía e Facenda.

Título III

Operacións de endebedamento e garantía

Capítulo I

Operacións de crédito

Artigo 31º.-Operacións de endebedamento por prazo superior a un ano.

Un.-A posición neta debedora da Comunidade Autónoma non se incrementará durante o ano 2008.

Para estes efectos, inclúese a posición neta debedora de todos os organismos autónomos, sociedades mercantís e entidades de calquera condición que conforme a normativa aplicable en materia de estabilidade orzamentaria estean incluídos dentro do sector das administracións públicas e consoliden o seu endebedamento co da Comunidade Autónoma conforme as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

Independentemente do anterior, e co obxecto de optimizar a carga financeira global, o endebedamento da Comunidade Autónoma poderá incrementarse coa finalidade de amortizar o endebedamento dos organismos, entes e sociedades indicadas no parágrafo precedente, no mesmo importe que se amortice. Os ingresos derivados deste aumento de endebedamento deberán xerar créditos no capítulo VIII do orzamento de gastos da Administración xeral, e conseguintemente poderáselles outorgar préstamos polos mesmos importes ás entidades aludidas.

Dous.-A posición neta debedora será efectiva ao termo do exercicio, podendo ser excedida no curso deste, e quedará automaticamente revisada:

a) Polas desviacións que poidan xurdir entre as previsións de ingresos incondicionados contidas nesta lei e a súa evolución real.

b) Polo importe necesario para financiar aqueles gastos de investimento que puidesen ser obxecto de minoración como consecuencia das necesidades de liquidez derivadas dos diferentes ritmos dos fluxos financeiros de fondos procedentes das transferencias da Administración do Estado e da Unión Europea.

Como límite máximo das operacións indicadas no parágrafo anterior, que serán canceladas na medida en que se realicen efectivamente os correspondentes ingresos, establécese o 1,5% do importe total do orzamento consolidado da Comunidade Autónoma.

c) Na contía máxima do endebedamento autorizado nas leis de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2006 e 2007 que non fora utilizado, sempre que estea dentro dos límites establecidos nos programas de endebedamento acordados co Ministerio de Economía e Facenda e se destine á corrección dun eventual saldo contable orzamentario negativo.

d) Na contía necesaria para a adquisición de activos financeiros por parte do Instituto Galego de Promoción Económica, por un importe máximo de 30.000.000 de euros. Eses activos deberán ter a rendibilidade económica precisa para ser considerados como tales en termos do sistema europeo de contas nacionais e rexionais.

Tres.-A posición neta debedora poderá ser igualmente revisada, logo da autorización do Parlamento de Galicia, cando concorran circunstancias económicas imprevistas ao abeiro do establecido no artigo 8.6º da Lei orgánica 5/2001, do 13 de decembro, complementaria á Lei xeral de estabilidade orzamentaria, modificada pola Lei orgánica 3/2006, do 26 de maio.

Catro.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda para formalizar durante o ano 2008 as operacións de endebedamento ás que se refire este artigo. A formalización poderá realizarse de maneira fraccionada, en función das necesidades de financiamento da Comunidade Autónoma. Estas operacións poderán instrumentarse mediante a emisión de débeda pública, a concertación de créditos ou calquera outro instrumento financeiro dispoñible no mercado.

Igualmente é facultado para converter ou renegociar as operación de endebedamento xa formalizadas, co obxecto de conseguir a xestión máis adecuada do conxunto do endebedamento da Comunidade Autónoma.

Artigo 32º.-Débeda da tesouraría.

Un.-A Comunidade Autónoma, para a atención de necesidades da Administración xeral, poderá concertar ou emitir operacións de débeda de tesouraría, por prazo inferior a un ano, conforme o disposto no artigo 31 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, ata un importe que non supere o 15% da consignación que figura no orzamento da Administración xeral como ingresos correntes incondicionados, entendendo como tal a suma dos capítulos I, II e III e o concepto 400, agás o subconcepto 05.

Dous.-Autorízase o conselleiro de Economía e Facenda a determinar as condicións concretas e a formalizar as operacións de crédito ou emisión de débeda pública, en calquera das súas modalidades, referidas na alínea anterior.

Artigo 33º.-Outras operacións financeiras.

A formalización de calquera operación de carácter financeiro a medio ou longo prazo non referida nos artigos precedentes, como instrumentos de leasing, factoring, renting e outros, por parte dos departamentos da Administración xeral e dos organismos autónomos, sociedades mercantís e entidades de calquera condición que en materia de estabilidade orzamentaria estean comprendidas no perímetro de consolidación conforme as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais, cando o seu importe acumulado exceda dos 200.000 euros, deberá contar coa correspondente autorización da Consellería de Economía e Facenda, para efectos de acadar o financiamento máis apropiado e as mellores condicións en cada caso.

Artigo 34º.-Endebedamento dos organismos autónomos e das sociedades públicas.

Un.-Os organismos autónomos, as sociedades mercantís e as entidades de calquera condición que conforme a normativa aplicable en materia de estabilidade orzamentaria estean incluídos dentro do sector das administracións públicas e consoliden o seu endebedamento co da Comunidade Autónoma conforme as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais, así como calquera unidade participada pola Comunidade Autónoma con representación directa ou indirecta, maioritaria, poderán concertar operacións para atender necesidades transitorias de tesouraría, con prazo de reembolso non superior a un ano, cun límite máximo do 10% da súa previsión inicial de ingresos correntes ou de explotación. A superación dese límite deberá ser autorizada pola Consellería de Economía e Facenda.

Independentemente do anterior, o saldo vivo a 31 de decembro de 2008 non poderá superar por estas operacións o saldo vivo a 31 de decembro do exercicio anterior, agás autorización expresa da Consellería de Economía e Facenda.

Dous.-Para concertar calquera tipo de operacións de endebedamento a longo prazo ou de cobertura sobre elas, os organismos autónomos, as sociedades mercantís e as entidades de calquera condición que conforme a normativa aplicable en materia de estabilidade orzamentaria estean incluídos dentro do sector das administracións públicas e consoliden o seu endebedamento co da Comunidade Autónoma conforme as normas do sistema europeo de contas nacionais e rexionais, así como calquera unidade participada pola Comunidade Autónoma con representación directa ou indirecta, maioritaria, deberán conseguir a autorización previa da Consellería de Economía e Facenda, que se estenderá igualmente á posibilidade de dispoñer total ou parcialmente, nunha soa vez ou en momentos sucesivos, do importe da operación concertada, en función das necesidades de créditos que se produzan ao longo do exercicio.

En consonancia co anterior, a devandita consellaría asesorará as mencionadas entidades nas distintas operacións financeiras co obxecto de elixir o instrumento máis apropiado, obter as mellores condicións dos mercados financeiros e conseguir unha mellor administración do conxunto do endebedamento da Comunidade Autónoma.

Tres.-En todo caso as disposicións das operacións financeiras previstas neste artigo deberanlle ser comunicadas á Consellería de Economía e Facenda no prazo máximo dun mes.

Catro.-O endebedamento autorizado ao Instituto Galego de Promoción Económica na alínea Dous do artigo 31 terá por obxecto o financiamento de actividades que lle son propias e consecuentemente outorgará préstamos a pequenas e medianas empresas. O importe autorizado poderá ser disposto nunha ou sucesivas operacións, sen que en ningún caso o importe acumulado disposto sexa superior ao importe global dos préstamos outorgados e dispostos ás pequenas e medianas empresas.

Cinco.-Con independencia do indicado nas alíneas anteriores, autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo a concertar con entidades financeiras préstamos hipotecarios subrogables con destino ao financiamento de actuacións en materia de vivenda, non podendo establecerse ningún tipo de cláusula da que derive responsabilidade do referido instituto unha vez realizada a subrogación.

O importe dos créditos hipotecarios vivos no ano 2008 non poderá superar en ningún caso os 24.000.000 de euros. Non obstante, o volume da débeda viva á fin do exercicio non excederá o do 31 de decembro do ano anterior, agás con autorización expresa da Consellería de Economía e Facenda.

Capítulo II

Afianzamento por aval

Artigo 35º.-Avais.

Un.-Con carácter xeral e de conformidade co disposto no artigo 41 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, o importe máximo dos avais que a Xunta de Galicia poderá conceder durante o ano 2008 será de 30.000.000 de euros.

De conformidade co disposto no artigo 45 do mesmo texto legal, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá conceder durante o ano 2008 avais en contía que non supere en ningún momento o saldo efectivo vixente de 300.000.000 de euros.

Co obxecto de atender proxectos de axuda ao desenvolvemento no exterior, e dentro do saldo indicado no parágrafo anterior, o Instituto Galego de Promoción Económica poderá avalar operacións de crédito ata 30.000.000 de euros.

Dous.-O Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, poderá acordar, logo de petición fundada dos interesados á consellaría correspondente, e por instancia desta, o inexercicio das accións de regreso que ao abeiro do artigo 10.2 do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulación de avais do Instituto Galego de Promoción Económica, lle corresponden á Comunidade Autónoma como consecuencia da prestación por aquel de avais ou contraavais, cando, de se faceren efectivas aquelas, afectase grave ou substancialmente o mantemento da capacidade produtiva ou do nivel de emprego ou de renda de calquera dos sectores ou subsectores básicos da economía galega.

Título IV

Xestión orzamentaria

Capítulo único

Dos procedementos de xestión orzamentaria

Artigo 36º.-Intervención limitada.

Un.-A contía á que se refire o artigo 97.1.a) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, queda establecida no importe fixado para ter a consideración de contratos menores de subministración na lexislación reguladora da contratación das administracións públicas.

Dous.-Con independencia do establecido no artigo 97.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non estarán sometidas a intervención previa as modificacións nos contratos administrativos especiais de transporte escolar producidas como consecuencia de cambios nas rutas, sempre que a súa contía non supere o 20% do prezo do contrato/día que se vai modificar nin que o importe anual que represente a modificación supere os 18.000 €.

Malia o indicado no parágrafo anterior, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma comprobará, antes da fiscalización do primeiro pagamento, o cumprimento de todos os requisitos exixidos para autorizar e comprometer o gasto.

Artigo 37º.-Fiscalización de nomeamentos ou de contratos para substitución de persoal.

A fiscalización de nomeamentos e de contratos para substitucións de persoal por razóns de necesidade e de urxencia conxuntural realizarase con carácter previo á alta en nómina, mediante a verificación da adecuación do proceso de selección coa normativa vixente e da existencia de nomeamento ou de contrato, así como de crédito adecuado e suficiente.

Artigo 38º.-Identificación dos proxectos de investimento.

As modificacións dos programas de investimento que impliquen o inicio de novos proxectos ou a variación dos existentes requirirán a asignación dun novo código pola Dirección Xeral de Orzamentos da Consellería de Economía e Facenda, logo da tramitación da oportuna modificación polo órgano competente segundo o previsto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 39º.-Gastos plurianuais.

Os gastos plurianuais que poidan ser autorizados conforme o establecido no artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, deberán axustarse igualmente ás determinacións que estableza a Xunta de Galicia por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, e quedarán condicionados ás dispoñibilidades orzamentarias de cada exercicio.

Artigo 40º.-Autorización do Consello da Xunta para contratar.

Requirirá autorización previa por parte do Consello da Xunta a tramitación de expedientes de gasto dos capítulos II e VI por contía superior a 3.500.000 euros. Logo de obterse a autorización, a aprobación do gasto corresponderalle ao órgano de contratación do departamento, organismo ou sociedade pública que xestione o crédito.

Artigo 41º.-Tratamento dos créditos para expropiacións.

Os créditos destinados ao pagamento de expropiacións autorizadas con motivo da realización de expedientes de obras financiadas con fondos propios que á fin do anterior exercicio non fosen executados darán lugar, ao pechamento deste, á emisión de documentos «ADOK» en formalización con imputación á conta extraorzamentaria, e serán considerados no ano 2008 como ingresos do artigo 68, «Reintegros de operacións de capital», podendo dar lugar á xeración de crédito no subconcepto de expropiacións do capítulo VI de gastos.

Artigo 42º.-Tratamento do crédito destinado ao pagamento da prima adicional da póliza de responsabilidade civil e patrimonial sanitaria.

O crédito destinado ao pagamento da prima adicional da póliza de responsabilidade civil e patrimonial sanitaria da Xunta de Galicia que se instrumente no concepto «Primas de seguros» da sección «Gastos de diversas consellarías» que á fin do anterior exercicio non fose executado dará lugar, ao pechamento deste, á emisión dun documento «ADOK» en formalización con imputación á conta extraorzamentaria, e terá a condición de ingreso do capítulo III no exercicio de 2008 coa finalidade de xerar crédito nas dotacións que para ese obxecto figuren no estado de gastos.

Artigo 43º.-Revisións de prezos contidos en concertos ou convenios.

Con carácter xeral, as revisións de prezos que se establezan nos concertos ou convenios que subscriban durante o ano 2008 a Administración xeral da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos ou as entidades de dereito público previstas no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, non poderán referenciarse por riba da evolución do índice de prezos ao consumo de Galicia. Igualmente, as revisións de prezos e tarifas que afecten a concertos ou convenios xa subscritos non poderán experimentar un incremento superior ao do IPC galego do anterior exercicio.

Excepcionalmente, por causas plenamente xustificadas ou por alteracións das condicións dos concertos ou convenios, o conselleiro de Economía e Facenda, por proposta do departamento correspondente, poderá autorizar a inclusión de cláusulas de revisión por contía diferente á indicada no parágrafo anterior.

Artigo 44º.-Concesión directa de axudas e subvencións.

A resolución de concesión de subvencións correntes que con carácter excepcional se realicen ao abeiro do disposto no artigo 19.4.c) e 26.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, requirirá autorización do Consello da Xunta cando a súa contía supere o importe de 6.010 euros por beneficiario e ano, ou as concedidas por cada departamento da Administración autonómica excedan globalmente de 60.100 euros no exercicio, exceptuadas as que vaian ser formalizadas mediante convenio ou instrumento bilateral, ás que lles será aplicable o réxime xeral previsto no artigo 26.3 da dita Lei 9/2007. Os importes anteriores elevaranse a 12.000 euros e 120.300 euros, respectivamente, para a sección 04, servizo 10, Secretaría Xeral da Presidencia.

Artigo 45º.-Obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións.

Un.-Quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou ser debedor por resolución de procedencia de reintegro os beneficiarios das subvencións seguintes:

a) As libradas a favor da Comunidade Autónoma, das súas sociedades públicas e das fundacións do sector público autonómico, así como dos órganos estatutarios de Galicia.

b) As libradas a favor da Administración do Estado, dos seus organismos autónomos e das entidades públicas dela dependentes, así como dos órganos constitucionais.

c) As libradas a favor das universidades.

d) As libradas a favor das corporacións locais e dos seus organismos autónomos.

e) As bolsas e axudas destinadas expresamente a financiar estudos en centros de formación públicos e privados, cando as perciban directamente as persoas individuais beneficiarias.

f) As subvencións ou axudas con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao artigo 48, «Familias e institucións sen fins de lucro», e aquelas que non superen os 1.500 euros individualmente e se concedan con cargo ao artigo 78, «Familias e institucións sen fins de lucro», do orzamento de gastos.

g) As subvencións ou axudas que se concedan con cargo ao artigo 77 do orzamento de gastos, cando non superen por beneficiario e axuda o importe de 1.500 euros.

h) As concedidas aos beneficiarios para a mellora da condición de financiamento que se paguen a través das entidades financeiras correspondentes.

i) As axudas que se concedan con carácter de compensación ou indemnizatorio.

j) As concedidas ás persoas xurídicas estranxeiras en materia de cooperación exterior.

Dous.-Quedan exceptuados da obriga de presentación de garantías que establece o artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, os centros tecnolóxicos que sexan recoñecidos como tales pola consellaría competente en materia de investigación, desenvolvemento e innovación.

Artigo 46º.-Pagamento de axudas e subvencións.

O pagamento das bolsas que se concedan a persoas físicas beneficiarias directas destinadas expresamente a financiar estudos e investigación en centros públicos ou privados, con aboamentos que se efectúen a través de nóminas mensuais, poderá efectuarse de forma anticipada, con suxeición ao establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 47º.-Convocatorias de axudas e subvencións.

O prazo de presentación de solicitudes de concesión de subvencións establecidas nas correspondentes convocatorias conforme o establecido no artigo 20.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en ningún caso será inferior a un mes. O prazo indicado non será aplicable cando a convocatoria veña prefixada por unha normativa de carácter estatal.

Artigo 48º.-Expedientes de dotación artística.

Á entrada en vigor desta lei, o 80% dos créditos afectados á realización de traballos de dotación artística, nas aplicacións correspondentes a proxectos técnicos de obras novas do capítulo VI non financiados polo Fondo de Compensación Interterritorial nin con fondos finalistas ou procedentes da Unión Europea, nin con fondos propios que cofinancien, será obxecto de retención e transferido seguidamente á Consellería de Cultura e Deporte para a finalidade determinada na Lei 12/1991, do 14 de novembro, de traballos de dotación artística nas obras públicas e nos camiños de Santiago da Comunidade Autónoma de Galicia.

A transferencia indicada terá carácter de a conta sobre a liquidación definitiva da porcentaxe que de acordo coa devandita Lei 12/1991 lles corresponde aos traballos de dotación artística, e non lle serán aplicables as limitacións establecidas no artigo 68 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e na alínea Sete do artigo 8 desta lei.

Artigo 49º.-Módulo económico de distribución de fondos públicos para sostemento de centros concertados.

Un.-De acordo co establecido nas alíneas segunda e terceira do artigo 117 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, o importe do módulo económico por unidade escolar, para efectos de distribución da contía global dos fondos públicos destinados ao sostemento dos centros concertados para o ano 2008, é o fixado no anexo 2 desta lei.

Dous.-As retribucións de persoal docente terán efectividade desde o 1 de xaneiro de 2008 sen prexuízo da data na que se asinen as táboas salariais para 2008 do V Convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, e a Administración autonómica pode aceptar pagamentos a conta, logo de solicitude expresa e coincidente de todas as organizacións patronais e consulta coas sindicais, ata o momento no que se produza o asinamento das correspondentes táboas, considerándose que estes pagamentos a conta terán efecto a partir do 1 de xaneiro de 2008.

As contías sinaladas para salarios de persoal docente, incluídas cargas sociais, serán aboadas directamente pola administración, mediante pagamento delegado, sen prexuízo da relación laboral entre o profesorado e o titular do centro respectivo. A distribución dos importes que integran os «gastos variables» efectuarase de acordo co establecido nas disposicións reguladoras do réxime de concertos.

O compoñente do módulo destinado a «outros gastos» terá efectos a partir do 1 de xaneiro de 2008. As contías correspondentes a este módulo aboaranse mensualmente, e os centros poden xustificar a súa aplicación ao rematar o correspondente exercicio económico de forma conxunta para todas as ensinanzas concertadas do centro.

Tres.-Os centros que impartan os catro cursos da educación secundaria obrigatoria serán dotados do financiamento dos servizos de orientación educativa. Esta dotación realizarase sobre a base de calcular o equivalente a unha xornada completa do profesional axeitado a estas funcións, en función do número de unidades de educación secundaria obrigatoria que teña concertadas o centro e ata un máximo de vinte e cinco horas por centro. Os custos do orientador, que se incluirán na nómina de pagamento delegado do centro, serán os correspondentes ao salario, gastos variables e complemento retributivo segundo o establecido nos módulos económicos por unidade escolar do primeiro e segundo curso ou de terceiro e cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, respectivamente.

Catro.-Facúltase o Consello da Xunta para fixar as relacións profesor/unidade concertadas adecuadas para impartir o plan de estudos vixente en cada nivel obxecto do concerto, calculadas con base nas xornadas de profesor con vinte e cinco horas semanais. Así mesmo tamén se autoriza o Consello da Xunta para modificar os módulos económicos fixados no anexo 2 desta lei, en aplicación das melloras que se aproben para o ensino concertado en 2008 e dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

A administración non asumirá os incrementos retributivos, as reducións horarias ou calquera outra circunstancia que conduza a superar o previsto nos módulos económicos do anexo 2 desta lei, agás o establecido na Resolución do 1 de abril de 2005 pola que se ordena a publicación do acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as organizacións patronais e sindicais do ensino privado concertado da Comunidade Autónoma de Galicia sobre a paga extraordinaria por antigüidade na empresa autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 24 de febreiro de 2005.

Cinco.-A relación profesor/unidade dos centros concertados poderá ser incrementada en función do número total de profesores afectados polas medidas de recolocación que se viñesen adoptando ata o momento da entrada en vigor desta lei e se atopen na nómina de pagamento delegado.

Título V

Corporacións locais

Capítulo único

Financiamento e cooperación económica coas corporacións locais

Artigo 50º.-Créditos asignados ás corporacións locais.

O montante total dos créditos que se asignan ás corporacións locais nestes orzamentos, derivados da súa participación nos tributos do Estado, do Fondo de Cooperación Local e da subscrición de convenios e a concesión de subvencións, ascende a 1.239.131.882 euros.

Artigo 51º.-Participación das corporacións locais nos tributos do Estado.

O crédito orzamentario inicial destinado ao pagamento das entregas a conta correspondentes aos concellos e ás deputacións provinciais pola súa participación nos tributos do Estado ascende a 830.379.888 euros.

Artigo 52º.-Fondo de Cooperación Local.

Un.-A achega da Xunta de Galicia, con recursos propios, ao financiamento das entidades locais farase efectiva a través do Fondo de Cooperación Local, como instrumento de participación específico daquelas nos tributos da Comunidade Autónoma.

Dous.-Conforme o indicado na disposición adicional oitava da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, a porcentaxe, debidamente homoxeneizada, de participación do Fondo de Cooperación Local na recadación líquida dos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da Administración xeral queda establecida no 2,5692135% para o exercicio de 2008.

Esa porcentaxe desagrégase da forma seguinte:

-Un 1,8945459% corresponde a un fondo principal que será obxecto de distribución entre todos os municipios de Galicia.

-Un 0,3599439% corresponde ao fondo adicional establecido na disposición adicional sexta da Lei 13/2004, do 29 de decembro, para a súa distribución entre os concellos con poboación inferior a 15.000 habitantes.

-Un 0,3147237% asígnaselle ao fondo complementario establecido nos artigos 49.Dous da Lei 7/2005, do 29 de decembro, e 47.Tres da Lei 14/2006, do 28 de decembro.

Tres.-Adicionalmente, como consecuencia do acordo subscrito entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias, para o pacto local, o fondo complementario incrementarase en 6.000.000 de euros para o ano 2008.

Catro.-Polo que respecta aos fondos principal e adicional mencionados na alínea Un deste artigo, os criterios de distribución continuarán sendo, en tanto non sexan modificados pola Comisión Galega de Cooperación Local, os establecidos no Decreto 5/2004, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Fondo de Cooperación Local durante o período 2002-2004, e esténdense ao ano 2008 as referencias incluídas na citada disposición sobre o ano 2004.

No referente á distribución do fondo complementario continuarán aplicándose, en tanto non sexan modificados pola Comisión Galega de Cooperación Local, os criterios establecidos no Decreto 197/2006, do 19 de outubro, polo se regula a distribución do fondo complementario do Fondo de Cooperación Local para o ano 2006.

Cinco.-A Comunidade Autónoma poderá reter das cantidades que lles correspondan aos concellos como participación no Fondo de Cooperación Local, para a súa posterior compensación, o importe das débedas firmes, líquidas e exixibles, contraídas polos concellos coa Comunidade Autónoma, cos seus organismos autónomos e coas entidades de dereito público da Comunidade Autónoma que non teñan que adecuar por lei a súa actividade ao ordenamento xurídico privado.

Artigo 53º.-Transferencias derivadas de convenios ou subvencións.

As transferencias ás entidades locais de Galicia, derivadas da subscrición de convenios ou da concesión de subvencións, que figuran recollidas nos diferentes programas de gasto destes orzamentos ascenden a 289.252.927 euros, coa distribución funcional que figura no anexo 3.

Título VI

Normas tributarias

Capítulo I

Tributos propios

Artigo 54º.-Taxas.

Un.-Elévanse os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia, ata a cantidade que resulte da aplicación do coeficiente do 1,02 ás contías exixibles á entrada en vigor desta lei, exceptuando as tarifas que experimenten algunha modificación na contía no número Dous deste artigo; este coeficiente seralles de aplicación tanto ás contías, de carácter mínimo ou máximo, coma ás deducións, que se establecen en todo tipo de tarifas, tanto de taxas de contía fixa coma variable.

Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.

Exceptúanse do incremento establecido anteriormente aquelas taxas que se recadan mediante efectos timbrados.

Dous.-Introdúcense as seguintes modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, na súa redacción vixente:

1) Modifícase o punto 2 do artigo 26, quedando redactado como segue:

«2. No suposto das tarifas 08 e 36 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas, relacionadas no anexo 2, constitúe o feito impoñible a prestación das actividades realizadas polos suxeitos aos que fai referencia a alínea anterior para preservar a saúde pública e a sanidade animal, mediante a práctica de inspeccións e controis sanitarios de animais e as súas carnes frescas destinadas ao consumo, así como doutros produtos de orixe animal, efectuados polos facultativos dos servizos correspondentes, tanto nos locais ou establecementos de sacrificio e inspección sanitaria de matadoiros, salas de despezamento e instalacións de transformación da caza situados en territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, coma os demais controis e análises realizadas nos centros habilitados para o efecto.

Para os efectos da exacción do tributo, as actividades de inspección e control sanitario que se inclúen dentro do feito impoñible da tarifa 08 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas catalóganse da seguinte forma:

a) Inspeccións e controis sanitarios en matadoiros.

b) Inspeccións e controis sanitarios nas salas de despezamento.

c) Control das operacións levadas a cabo nas instalacións de transformación da caza.

Para os efectos da exacción do tributo, as actividades de inspección e control sanitario que se inclúen dentro do feito impoñible da tarifa 36 da modalidade de actuacións administrativo-facultativas catalóganse da seguinte forma:

-Control de determinadas substancias e residuos en animais e os seus produtos, na forma prevista pola normativa vixente».

2) Modifícase o punto 4 do artigo 27, quedando redactado como segue:

«4. Un. Son suxeitos pasivos obrigados ao pagamento, segundo a tarifa de que se trate, as seguintes persoas ou entidades:

1. Na tarifa 08 da modalidade administrativo-facultativa, relacionada no anexo 2:

a) No caso da tarifa relativa ás inspeccións e aos controis sanitarios en matadoiros, os titulares da explotación dos establecementos onde se leve a cabo o sacrificio ou se practique a inspección.

b) Na tarifa relativa ás inspeccións e aos controis sanitarios nas salas de despezamento:

1) As mesmas persoas ou entidades determinadas na letra a) anterior, cando as operacións de despezamento se realicen no mesmo matadoiro.

2) Os titulares da explotación dos establecementos dedicados á operación de despezamento de forma independente, nos demais casos.

c) Na tarifa relativa aos controis nas instalacións de transformación da caza, os titulares da explotación dos citados establecementos.

2. Na tarifa 36 da modalidade administrativo-facultativa, relacionada no anexo 2:

Na tarifa relativa ao control de substancias e residuos en animais e os seus produtos, os titulares da explotación dos establecementos onde se leven a cabo os citados controis e análises.

Dous.-Os suxeitos pasivos anteriores deberanlles trasladar, cargando o seu importe en factura, a taxa correspondente aos interesados que solicitasen a prestación do servizo ou para os que se realicen as operacións de sacrificio, despezamento, transformación da caza ou control de determinadas substancias e residuos animais e os seus produtos descritos no artigo 26.2, e procederán posteriormente ao seu ingreso a favor da Comunidade Autónoma, na forma que regulamentariamente se estableza.

No caso de que o interesado, á súa vez, lle adquirise o gando en vivo a un terceiro, para sacrificio, poderá exixir deste o importe da taxa correspondente ao concepto da tarifa 36 da modalidade administrativo-facultativa.

Tres.-Entenderase que son interesados non só as persoas físicas ou xurídicas que soliciten os mencionados servizos, senón tamén as herdanzas xacentes, as comunidades de bens e as demais entidades que, aínda que non teñan personalidade xurídica de seu, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado».

3) Modifícase o punto 2 do artigo 31, quedando redactado como segue:

«2. A taxa que corresponde satisfacer polas tarifas 08 e 36 da modalidade administrativo-facultativa devengarase no momento no que se leven a cabo as actividades de inspección e control sanitario de animais e os seus produtos, nos establecementos ou nas instalacións nos que se desenvolven estas, sen prexuízo de que se exixa o seu previo pagamento cando a realización do control sanitario se inicie por solicitude do suxeito pasivo ou do interesado.

Na tarifa 08 da modalidade administrativo-facultativa, no caso de que nun mesmo establecemento e por solicitude do interesado se realicen en forma sucesiva as operacións de sacrificio e despezamento, o total da contía da taxa determinarase de forma acumulada ao inicio do proceso, con independencia do momento do devengo das cotas correspondentes, sen prexuízo do previsto nas regras de acumulación».

4) Modifícase a letra d) do artigo 40, quedando redactada como segue:

«d) Cando a ocupación do dominio público portuario teña como destino a construción ou a explotación de fábricas de xeo, naves de redes ou lonxas coas súas correspondentes cámaras de frío, así como a explotación de naves de titularidade da administración destinadas total ou parcialmente a almacenaxe de caixas, vestiarios ou cámaras de frío, para o sector pesqueiro ou marisqueiro, a contía da taxa correspondente a estas ocupacións para os usos mencionados terá unha bonificación do 90%».

5) Modifícase a subalínea 01 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«01 Autorización de explotación ou primeiro boletín de instalación ou primeira autorización de instalación e localización:

-Máquinas tipo A: 46,83 €.

-Máquinas tipo A especial: 57,14 €.

-Máquinas tipo B: 93,59 €.

-Máquinas tipo C: 187,05 €».

6) Modifícase a subalínea 02 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«02 Modificacións no contido da autorización:

-Baixa temporal ou suspensión provisional, alta por rehabilitación de baixa temporal ou reinicio da explotación da máquina en suspensión provisional, troco, cambio de titularidade ou transmisión da máquina, traslado de ámbito territorial, troco de xogo en máquina de vídeo ou calquera outra circunstancia que altere o contido da autorización, excepto a baixa definitiva: 44,18 €.

-Baixa definitiva: 20 €».

7) Modifícase a subalínea 03 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«03 Cambios no boletín de instalación e baixa deste, ou cambios na autorización de instalación e localización, ou cambios de titularidade do negocio desenvolvido no establecemento que dispón dunha autorización de instalación e localización ou denuncia da validez da autorización de instalación e localización:

-Máquinas tipo A: 17,73 €.

-Máquinas tipo A especial: 22,86 €.

-Máquinas tipo B: 44,18 €.

-Máquinas tipo C: 88,27 €».

8) Modifícase a subalínea 07 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«07 Comunicación de instalación da máquina ou dilixenciado da comunicación de instalación da máquina:

-Máquinas tipo A: 10,83 €.

-Máquinas tipo A especial: 13,72 €.

-Máquinas tipo B: 21,65 €.

-Máquinas tipo C: 43,30 €».

9) Modifícase a subalínea 08 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«08 Homologación ou modificación dos modelos de máquinas recreativas e de xogo:

01 Homologacións ou modificacións segundo o Decreto 106/1998, do 12 de febreiro:

-Máquinas tipo A: 72,15 €.

-Máquinas tipo A especial: 91,42 €.

-Máquinas tipo B: 180,40 €.

-Máquinas tipo C: 216,46 €.

02 Homologación e inscrición no Rexistro de Modelos:

-Primeira inscrición:

-Máquinas tipo A: 72,15 €.

-Máquinas tipo A especial: 91,42 €.

-Máquinas tipo B: 180,40 €.

-Máquinas tipo C: 216,46 €.

-Modificacións substanciais da inscrición segundo o tipo de máquina: o 100% da contía sinalada no número 02.

-Modificacións non substanciais da inscrición segundo o tipo de máquina: o 50% da contía sinalada no número 02.

-Cancelación da inscrición segundo o tipo de máquina: o 100% da contía sinalada no número 02.

-Autorización da cesión da inscrición segundo o tipo de máquina: o 100% da contía sinalada no número 02.

-Homologación de tarxetas prepagamento para máquinas tipo B: 180,40 €.

-Homologación de fichas, tarxetas magnéticas prepagamento ou outros soportes físicos autorizados para máquinas tipo C: 216,46 €».

10) Modifícase a subalínea 09 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«09 Actuacións en materia de interconexión de máquinas de xogo:

01 Homologación ou modificación de dispositivos de interconexión de máquinas de xogo segundo o Decreto 106/1998, do 12 de febreiro:

-Máquinas tipo B: 90,98 €.

-Máquinas tipo C: 125,38 €.

02 Homologación de sistemas de interconexión de máquinas de xogo:

-Máquinas tipo B: 90,98 €.

-Máquinas tipo C: 125,38 €.

03 Autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas de xogo segundo o tipo de máquina: o 100% da contía sinalada no número 02.

04 Autorización de instalación do centro de control do sistema de interconexión de máquinas de xogo tipo B entre establecementos: 1.500 €.

05 Autorización de instalación do centro de control do sistema de interconexión de máquinas de xogo tipo C entre casinos: 1.500 €».

11) Modifícase a subalínea 10 da alínea 07 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«10 Inscrición provisional de modelos de máquinas recreativas ou de azar ou proba de prototipo de modelos:

-Inscrición provisional: 67,43 €.

-Proba de prototipo de modelos. Cada unidade de prototipo: 46,83 €».

12) Engádeselle a subalínea 14 á alínea 07 do anexo 1, coa seguinte redacción:

«14 Comunicación de exhibición de prototipos de modelos en feiras e exposicións:

-Máquinas tipo A: 10,83 €.

-Máquinas tipo A especial: 13,72 €.

-Máquinas tipo B: 21,65 €.

-Máquinas tipo C: 43,30 €».

13) Modifícase a alínea 08 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«08 Empresas fabricantes e importadoras, empresas comercializadoras, empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos, empresas titulares de salóns recreativos e de xogo, empresas prestadoras de servizos de interconexión e establecementos autorizados.

01 Autorización e/ou inscrición no rexistro: 233,77 €.

02 Modificacións: 93,59 €.

03 Cancelación da inscrición: 44,18 €».

14) Modifícase a subalínea 02 da alínea 09 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«02 Permiso de apertura: 373,96 €».

15) Modifícase a subalínea 03 da alínea 09 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«03 Modificación da autorización de instalación:

-Modificacións substanciais: 187,05 €.

-Modificacións non-substanciais: 93,52 €».

16) Modifícase a subalínea 04 da alínea 09 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«04 Consulta previa de viabilidade da instalación dun salón e/ou outras autorizacións: 90,98 €».

17) Engádeselle a subalínea 08 á alínea 11 do anexo 1, coa seguinte redacción:

«08 Autorización para a realización de torneos/campionatos dos distintos xogos autorizados: 100 €».

18) Engádeselle a subalínea 09 á alínea 11 do anexo 1, coa seguinte redacción:

«09 Autorización da publicidade de torneos/campionatos autorizados, ou outra publicidade acorde coas regras da competencia e os usos mercantís: 250 €».

19) Engádeselle a subalínea 04 á alínea 15 do anexo 1, coa seguinte redacción:

«04 Inscrición para a realización do exame do cazador e mais a expedición do certificado, de ser o caso: 10 €».

20) Suprímese a alínea 18 do anexo 1.

21) Suprímese a alínea 30 do anexo 1.

22) Modifícase a alínea 33 do anexo 1, quedando redactada como segue:

«33 Actuacións do Rexistro da Propiedade Intelectual.

01 Tramitación de solicitudes de inscrición, anotación ou cancelación.

-Con carácter xeral:

-Cando o autor e o titular son a mesma persoa: 10,46 €.

-Cando o autor e o titular son distintas persoas: 26,14 €.

-Casos específicos: obras audiovisuais, programas de ordenador, bases de datos, páxinas web e multimedia.

-Cando o autor e o titular son a mesma persoa: 16,73 €.

-Cando o autor e o titular son distintas persoas: 31,37 €.

-Por colección de obras: musicais, poemas, fotografías, etc.

-Polo conxunto da obra: 10,46 €.

-Por cada unha das obras contidas: 1,05 €.

-Por obras colectivas: 73,19 €.

02 Publicidade rexistral:

-Expedición de certificado: 10,46 €.

-Expedición de nota simple: 4,28 €.

-Expedición de copias certificadas de documentos en soporte papel:

-Ata 10 páxinas: 10,46 €.

-A partir das seguintes (por cada páxina): 0,10 €.

-Expedición de copia certificada en soporte distinto ao papel: 7,32 €.

03 Transmisións:

-Tramitación de solicitudes de inscrición por transmisión de dereitos xa inscritos (segunda e sucesivas inscricións): 41,82 €.

-Tramitación de solicitudes de inscrición por transmisión mortis causa: 31,37 €.

04 Traslado de expediente: 31,37 €».

23) Engádeselle a alínea 46 ao anexo 1, coa seguinte redacción:

«46 Actuacións en materia de fundacións.

01 Inscrición inicial do acordo de constitución: 34,69 €.

02 Inscrición de modificación de estatutos: 17,36 €.

03 Inscrición de modificación do órgano de goberno (cesamentos, nomeamentos, substitucións, aceptacións): 17,36 €.

04 Inscrición de delegacións de facultades, revogacións e apoderamentos: 17,36 €.

05 Inscrición de fusión, escisión e extinción de fundacións: 17,36 €.

06 Inscrición de alleamento, gravame e arrendamento de bens: 17,36 €.

07 Inscrición de accións de responsabilidade contra os membros do padroado: 17,36 €.

08 Inscrición de delegación de fundacións estranxeiras: 34,69 €.

09 Inscrición de intervencións temporais sobre as fundacións: 17,36 €.

10 Outras inscricións: 7,32 €.

11 Obtención de informacións ou certificacións do rexistro:

-Primeiro folio: 3,47 €.

-Seguintes folios (por unidade): 1,72 €.

12 Expedición de listaxes de fundacións:

-Primeiro folio: 3,47 €.

-Seguintes folios (por unidade): 1,72 €.

13 Anotacións de calquera clase nos expedientes ou subministración de datos non incluídos nas alíneas anteriores: 7,32 €.

14 Expedición de copia de estatutos: 17,36 €.

15 Dilixenciado de libros (actas, diario, contas, etc.): 4,77 €».

24) Engádeselle a alínea 47 ao anexo 1, coa seguinte redacción:

«47 Inscrición no Rexistro de Empresas Operadoras do Transporte Marítimo:

-Primeira inscrición: 70 €.

-Modificacións da primeira inscrición: 53 €».

25) Modifícase a subalínea 01 da alínea 01 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«01 Autorización, transmisión, rehabilitación, troco e exención: 26,14 €».

26) Modifícase a subalínea 02 da alínea 01 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«02 Prórroga, visado, expedicións de copias ou duplicados e modificación: 20,98 €».

27) Modifícase a subalínea 07 da alínea 01 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«07 Actuacións relativas ás concesións de servizos de transporte regular permanente ou temporal de uso xeral:

-Outorgamento e ampliación das concesións:

Por cada km medio diario: 0,595475 €.

O número medio diario de quilómetros percorridos será o resultado de dividir o número de quilómetros por percorrer nas expedicións previstas ao longo do ano na concesión ou ampliación solicitada por 365:

-Modificación das condicións da concesión:

Por cada modificación: 52,30 €.

-Visado dos cadros de tarifas: 26,14 €».

28) Suprímese a subalínea 09 da alínea 01 do anexo 2.

29) Modifícase a subalínea 10 da alínea 01 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«10 Prórroga, visado ou modificación das autorizacións da subalínea 08: 20,98 €».

30) Engádense as subalíneas 14, 15, 16, 17 e 18 á alínea 01 do anexo 2, coa seguinte redacción:

«14 Autorización de centros de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada:

-Autorización inicial: 300 €.

-Visado: 150 €.

15 Homologación de cursos de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada ou renovación da homologación:

-Cualificación inicial ordinaria: 150 €.

-Cualificación inicial acelerada: 150 €.

-Formación continua: 100 €.

16 Comunicación da realización de cursos de formación de condutores de determinados vehículos destinados ao transporte por estrada:

-Cualificación inicial ordinaria: 100 €.

-Cualificación inicial acelerada: 70 €.

-Formación continua: 50 €.

17 Obtención da aptitude profesional acreditativa da cualificación inicial:

-Inscrición para a realización do exame: 20,98 €.

-Expedición do certificado de cualificación inicial: 20,98 €.

18 Expedición da tarxeta de cualificación do condutor ou renovación desta: 20 €».

31) Engádenselle as subalíneas 14, 15 e 16 á alínea 05 do anexo 2, coa seguinte redacción:

«14 Inscrición no rexistro oficial de persoas provedoras de material forestal de reprodución de Galicia:

-Primeira inscrición: 18,81 €.

-Modificación da primeira inscrición: 4,77 €.

15 Inscrición no rexistro de campos de plantas nai de Galicia:

-Primeira inscrición: 22,93 €.

-Modificación da primeira inscrición: 4,77 €.

16 Control, inspección, expedición de certificado patrón e inscrición no rexistro. 11,34 €».

32) Modifícase a subalínea 20 da alínea 07 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«20 Subministración de marcas e documentos de identificación do gando bovino, ovino, cabrún e equino:

-Por cada acto administrativo de subministración: 0,735588 €.

-Por unidade de identificación subministrada: 0,385309 €.

-Por transpoñedor de identificación do gando equino subministrado: 1,90 €».

33) Engádeselle a subalínea 28 á alínea 07 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«28 Formación en materia de benestar animal.

01 Autorización de entidades para a impartición de cursos: 133,14 €.

02 Renovación da autorización anterior: o 50% da tarifa anterior.

03 Expedición do certificado de competencia para condutores/as e coidadores/as de vehículos de estrada de transporte de animais vivos: 9,46 €.

04 Acreditación de formación en materia de benestar animal: 5 €».

34) Modifícase a alínea 08 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«08 Inspeccións e controis sanitarios oficiais de carnes frescas e carnes de coello e caza.

A. Cota tributaria.

A cota tributaria exixirase ao contribuínte por cada unha das operacións relativas a:

Sacrificio de animais.

Operacións de despezamento.

Operacións nas instalacións de transformación de caza.

Non obstante, cando concorran nun mesmo establecemento as operacións de sacrificio e despezamento, o importe total da taxa exixible comprenderá o das cotas das dúas fases acumuladas na forma prevista nas regras de acumulación.

As cotas exixibles ao suxeito pasivo pola realización de actividades de inspección e control de operacións de sacrificio realizadas en matadoiros e as realizadas nas instalacións de transformación de caza determinaranse en función do número de animais sacrificados.

As cotas exixibles pola realización de actividades de inspección e control de operacións de despezamento determinaranse en función do número de toneladas sometidas ás devanditas operacións. Para estes efectos tomarase como referencia o peso real da carne antes de despezar, incluídos os ósos.

01 Polas actuacións conxuntas de inspección e control sanitario en matadoiros aplicaranse os seguintes tipos de gravame por cada animal sacrificado nos establecementos ou nas instalacións debidamente autorizados correspondentes tanto ás actuacións sanitarias coma ás administrativas que lles son inherentes:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

02 Polas inspeccións e os controis sanitarios nas salas de despezamento, incluída a etiquetaxe e marcaxe de pezas obtidas das canais, aplicaranse os seguintes tipos de gravame por tm de carne:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

03 Polas operacións de control e inspección das operacións de transformación da caza aplicaranse os seguintes tipos de gravame por cada animal:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

O importe da taxa correspondente non poderá ser obxecto de restitución a terceiros por mor da exportación de carnes, xa sexa en forma directa ou indirecta.

B. Regras relativas á acumulación de cotas.

As cotas tributarias devengadas en cada caso deberanse acumular cando concorra a circunstancia dunha integración de todas ou algunhas das fases de devengo nun mesmo establecemento, de acordo coas seguintes regras:

a) A taxa que se debe percibir será igual ao importe acumulado das cotas tributarias devengadas polas operacións citadas ata a última fase do proceso.

b) Se a taxa percibida no matadoiro cubrise igualmente a totalidade dos gastos de inspección por operacións de despezamento, non se percibirá ningunha taxa por esta última operación.

c) Se a taxa percibida na sala de despezamento cubrise igualmente a totalidade dos gastos das operacións nas instalacións de transformación da caza, non se percibirá ningunha taxa por esta última operación.

Entenderase que a taxa percibida polo sacrificio cobre igualmente os gastos de control das operacións de despezamento cando a situación dos locais nos que se desenvolvan estas lles permita aos técnicos facultativos levaren a cabo o control de todas elas sen un incremento apreciable do tempo que normalmente sería necesario dedicar, por si só, ás operacións de sacrificio. Do mesmo xeito, entenderase que a taxa percibida polas operacións de despezamento cobren igualmente os custos das operacións de transformación da caza, cando a situación das salas de despezamento e de transformación nas que se desenvolvan estas lles permita aos técnicos facultativos levaren a cabo o control de todas elas sen un incremento apreciable do tempo que normalmente sería necesario dedicar, por si só, ás operacións de despezamento.

C. Liquidación e ingreso.

O ingreso, en cada caso, realizarase mediante autoliquidación do suxeito pasivo correspondente, na forma e nos prazos que se establezan regulamentariamente.

Os suxeitos pasivos das taxas trasladarán estas cargándolles o seu importe total nas correspondentes facturas aos interesados, practicando as liquidacións procedentes consonte o sinalado na alínea B anterior.

As devanditas liquidacións deberán ser rexistradas nun libro oficial habilitado para o efecto e autorizado pola autoridade sanitaria correspondente. A omisión deste requisito dará orixe á imposición das sancións de orde tributaria que correspondan, con independencia das que se poidan determinar ao tipificar as condutas dos titulares das explotacións na orde sanitaria.

No caso de que a inspección sanitaria de aves de curral vivas se realice na explotación de orixe, a parte da cota tributaria correspondente a esta inspección ascenderá ao 20% do total e percibirase na devandita explotación».

35) Engádese a subalínea 12 á alínea 12 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«12 Autorización e inscrición no rexistro de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano:

-Primeira autorización: 120 €.

-Renovación da autorización: 50 €».

36) Modifícase a subalínea 05 da alínea 19 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«05 Apertura e clasificación, cambios de categoría, titularidade, ampliacións, modificacións, reformas e calquera outro suxeito á autorización turística de restaurantes, cafetarías, furanchos, cafés, bares e discotecas, salas de festas e empresas de catering e de colectividades:

-Primeira autorización: 76,50 €.

-Renovación da autorización: 38,25 €».

37) Modifícase a subalínea 03 da alínea 22 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«03 Acreditación de laboratorios de ensaios de control de calidade:

-Por acreditación nunha área: 599,19 €.

-Por acreditación en máis dunha área: 776,12 €.

-Por acreditación posterior por área a maiores: 422,26 €».

38) Engádeselle a subalínea 07 á alínea 22 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«07 Acreditación de entidades de control de calidade da edificación (ECCE):

-Por cada área de acreditación, excepto CT e EE: 912,92 €.

-Por acreditación na área de CT: 1.620,63 €.

-Por acreditación na área de EE: 1.266,78 €»

39) Modifícase a alínea 27 do anexo 2, quedando redactada como segue:

«27 Programas e centros de servizos sociais

01 Autorización de apertura e posta en funcionamento de centros de servizos sociais. (Fase de visita de inspección logo de rematar as obras e emisión do informe previo ao permiso de inicio de actividade): 137,68 €.

02 Acreditación de centros e programas de servizos sociais: 100 €».

40) Engádeselle a alínea 61 ao anexo 3, coa seguinte redacción:

«61 Informes sobre fenómenos meteorolóxicos específicos.

01 Informe de descrición da situación meteorolóxica por localidade e día: 10 €.

02 Informe de descrición da situación meteorolóxica nunha localidade nun determinado mes: 30 €».

41) Modifícase a regra décimo terceira da tarifa X 5 contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3, quedando redactada como segue:

«Décimo terceira.-Nas instalacións deportivas construídas por Portos de Galicia e xestionadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa, poderase aplicar, para as embarcacións en tránsito, unha redución na contía da tarifa de ata o 15%, dependendo da composición e porte da frota afectada, sempre que o xestor se subrogue na obriga de pagamento dos suxeitos pasivos. Neste caso, o xestor da instalación entregaralle a Portos de Galicia a documentación que por este organismo lle sexa requirida, consonte o procedemento e formato que se determine».

42) Modifícase a letra b) contida no punto 3.B) contido na subalínea 03 da alínea 99 do anexo 3, quedando redactada como segue:

«b) A cota da taxa no caso da letra f) non será superior ao 7%».

Artigo 55º.-Canon de saneamento. Modificación da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia.

Modifícase o número 1º do artigo 40 da Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, que queda redactado como segue:

«1. O tipo de gravame expresarase en euros/m3 ou en euros pola unidade de contaminación en función da base impoñible á que teña que aplicarse.

Establécense os seguintes valores do tipo de gravame do canon:

a) Usos industriais ou asimilados:

-Tipo xeral por volume: 0,344 euros/m3.

-Materias en suspensión: 0,201 euros/kg.

-Sales solubles: 3.231 euros/S/cm m3.

-Materia oxidable: 0,403 euros/kg.

-Metais: 9,079 euros/kg equimetal.

-Materias inhibidoras: 0,042 euros/equitox.

b) Usos domésticos: 0,205 euros/ m3».

Capítulo II

Tributos cedidos

Sección primeira

Tributos sobre o xogo

Artigo 56º.-Taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar.

No uso das competencias atribuídas pola Lei 18/2002, do 1 de xullo, do réxime de cesión de tributos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia e de fixación do alcance e condicións da devandita cesión, e consonte o disposto na letra c) do punto 1 do artigo 42 da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, e en virtude do establecido no artigo 5.Dous.4 da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo, modifícanse os tipos de gravame e as cotas fixas da taxa sobre xogos de sorte, envite ou azar, no sentido que a seguir se indica:

Un.-Nos casinos de xogo aplicarase a seguinte tarifa:

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Dous.-Nos casos de explotación de máquinas ou aparellos automáticos aptos para a realización dos xogos, a cota determinarase en función da clasificación das máquinas realizada pola Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, segundo as normas seguintes:

A) Máquinas tipo A especial:

Cota anual: 500 euros.

B) Máquinas tipo B ou recreativas con premio.

a) Cota anual: 3.660 euros.

b) Cando se trate de máquinas ou aparellos automáticos tipo B nos que poidan intervir dous ou máis xogadores de forma simultánea e sempre que o xogo de cada un deles sexa independente do realizado por outros xogadores, serán aplicables as seguintes cotas:

-Máquinas ou aparellos de dous xogadores: dúas cotas de acordo co previsto na alínea a).

-Máquinas ou aparellos de tres ou máis xogadores: 7.492 euros máis o resultado de multiplicar por 3.012 o produto do número de xogadores polo prezo autorizado para a partida.

C) Máquinas tipo C ou de azar.

Cota anual: 5.340 euros.

No caso de modificación do prezo máximo de 0,20 euros autorizado para a partida en máquinas de tipo B ou recreativas con premio, as cotas tributarias establecidas na letra B) anterior incrementaranse en 18,44 euros por cada céntimo de euro no que se incremente o novo prezo máximo autorizado.

Se a modificación se producira con posterioridade ao devengo da taxa, os suxeitos pasivos que exploten máquinas con permisos de data anterior a aquela en que se autorice a suba deberán autoliquidar e ingresar a diferenza de cota que corresponda na forma e prazos que determine a Consellería de Economía e Facenda.

Malia o previsto no parágrafo anterior, a autoliquidación e ingreso será só do 50% da diferenza, se a modificación do prezo máximo autorizado para a partida se produce despois do 30 de xuño.

Sección segunda

Normas de aplicación de tributos

Artigo 57º.-Solicitude de beneficios fiscais.

Nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, os beneficios fiscais que dependan do cumprimento polo contribuínte de calquera requisito nun momento posterior ao devengo deberán solicitalos na presentación da declaración do imposto, e non poderá rectificarse con posterioridade, agás que a rectificación se presente no período regulamentario de declaración.

Artigo 58º.-Acreditación da presentación e pagamento dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Para os efectos do disposto no artigo 53.3º da Lei 21/2001, do 27 de decembro, pola que se regulan as medidas fiscais e administrativas do novo sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con estatuto de autonomía, así como nos artigos 254 e 256 da Lei hipotecaria, 122 do Real decreto 828/1995, do 29 de maio, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e 100 do Real decreto 1629/1991, do 8 de novembro, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre sucesións e doazóns, os xustificantes que acreditan a presentación e pagamento destes impostos serán os que se determinen por orde do conselleiro de Economía e Facenda en desenvolvemento específico desta norma.

Artigo 59º.-Comprobación de valores. Norma xeral.

Para efectuar a comprobación de valores para os efectos dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, a Administración tributaria poderá utilizar, indistintamente, calquera dos medios previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, xeral tributaria.

Artigo 60º.-Estimación por referencia aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.b) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria poderá ben aplicar coeficientes multiplicadores aos valores contidos no rexistro do catastro inmobiliario ou ben referirse directamente aos valores que figuren nos rexistros oficiais de carácter fiscal. Neste último caso, a Administración tributaria poderá declarar o recoñecemento como rexistro oficial de carácter fiscal calquera rexistro elaborado ou asumido como oficial pola Xunta de Galicia que inclúa valores de inmobles, sempre que se aproben e publiquen mediante orde da Consellería de Economía e Facenda. Na aplicación dos valores procedentes destes rexistros, poderase proceder á súa actualización mediante os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.

Artigo 61º.-Prezos medios de mercado nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Un.-Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.c) da Lei 58/2003, xeral tributaria, a Administración tributaria aprobará e publicará a metodoloxía empregada no seu cálculo, que incluirá as táboas dos propios prezos medios resultantes ou ben as táboas das compoñentes ou valores básicos (solo, construción e gastos/beneficios), así como dos coeficientes singularizadores en adaptación dos prezos medios á realidade física do ben por valorar. Esta normativa técnica aprobarase mediante orde da Consellería de Economía e Facenda.

As táboas actualizaranse periodicamente conforme as variacións do mercado inmobiliario, podendo adoptarse, para este caso, os índices de variación de prezos inmobiliarios publicados polas distintas administracións públicas ou por institucións especializadas en estatística inmobiliaria.

Será suficiente a motivación da comprobación de valor que inclúa unha correcta identificación do ben, unha aplicación do prezo medio que corresponda e unha adaptación deste ao caso concreto a través dos coeficientes singularizadores que determine a normativa técnica sinalada no parágrafo primeiro.

Dous.-As comprobacións de valor dos inmobles a través de prezos medios de mercado poderán realizarse de forma automatizada a través de técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos de acordo co establecido no artigo 96 da Lei 58/2003, xeral tributaria.

Artigo 62º.-Ditame de peritos da administración.

Nas comprobacións de valor de inmobles polo medio establecido no artigo 57.1º.e) da Lei 58/2003, xeral tributaria, estas poderán tomar como referencia, para os efectos de motivación suficiente, os valores contidos nos rexistros oficiais de carácter fiscal do artigo 60 desta lei ou os valores básicos e prezos medios de mercado a que alude a normativa técnica mencionada no artigo 61 desta lei.

Artigo 63º.-Normas xerais da taxación pericial contraditoria.

Un.-Nos tributos xestionados pola Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia, e en corrección do resultado obtido na comprobación de valores, os interesados poderán promover a práctica da taxación pericial contraditoria mediante solicitude presentada dentro do prazo da primeira reclamación que proceda contra a liquidación efectuada sobre a base dos valores comprobados administrativamente.

Se o interesado estimase que a notificación non contén expresión suficiente dos datos e motivos tidos en conta para elevar os valores declarados e denunciara a omisión en recurso de reposición ou en reclamación económico-administrativa reservando para si o dereito a promover taxación pericial contraditoria, o prazo a que se refire o parágrafo anterior contarase desde a data de firmeza en vía administrativa do acordo que resolva o recurso ou a reclamación interposta.

Dous.-No suposto de que a taxación pericial fose promovida polos transmitentes, o escrito de solicitude deberá presentarse dentro dos quince días seguintes á notificación separada dos valores resultantes da comprobación.

Tres.-A presentación da solicitude de taxación pericial contraditoria, ou a reserva do dereito a promovela a que se refire a alínea 1, no caso de notificación conxunta dos valores e das liquidacións que os tiveran en conta, determinará a suspensión do ingreso das liquidacións practicadas e dos prazos de reclamación contra estas.

Artigo 64º.-Procedemento da taxación pericial contraditoria.

A tramitación da taxación pericial contraditoria axustarase ás seguintes regras:

1ª O órgano competente trasladará aos interesados a valoración motivada que figure no expediente referida ao ben obxecto da taxación, calquera que fora o medio de comprobación utilizado de entre os sinalados no artigo 57 da Lei 58/2003, xeral tributaria, concedéndolles un prazo de dez días para que poidan proceder ao nomeamento dun perito, que deberá ter título axeitado á natureza dos bens e dereitos por valorar. Designado o perito polo contribuínte, entregaráselle a relación de bens e dereitos para que nun novo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á recepción da relación, emita ditame debidamente motivado.

2ª Transcorrido o prazo de dez días sen facer a designación de perito, ou transcorrido o prazo dun mes sen emitir o ditame pericial, considerarase que desiste do seu dereito a promover a taxación pericial contraditoria, darase por rematado o procedemento e entenderase a conformidade do interesado co valor comprobado. Neste caso, confirmarase a liquidación inicial, cos correspondentes xuros de mora, e non poderá promoverse unha nova taxación pericial contraditoria.

3ª Se a diferenza entre o valor comprobado pola Administración e a taxación practicada polo perito designado polo obrigado tributario, considerada en valores absolutos, é igual ou inferior a 120.000 euros e ao 10 por 100 da devandita taxación, esta última servirá de base para a liquidación se fose maior que o valor declarado, ou este valor no caso contrario. A liquidación que se xire levará os correspondentes xuros de mora. Neste suposto darase por rematado o procedemento e non poderá efectuar con respecto ao mesmo feito impoñible nova comprobación de valores a Administración tributaria sobre os mesmos bens e dereitos.

4ª Se a diferenza sinalada na alínea anterior é superior, deberá designarse un perito terceiro conforme o seguinte procedemento:

a) Cada delegado territorial da Consellería de Economía e Facenda solicitaralles no mes de xaneiro de cada ano aos distintos colexios, asociacións ou corporacións profesionais legalmente recoñecidos o envío dunha lista de colexiados ou asociados que teñan centralizada a xestión administrativa e a dirección das súas actividades no ámbito territorial da delegación da Consellería de Economía e Facenda correspondente, e que estean dispostos a actuar como peritos terceiros, que se agruparán por orde alfabética en diferentes listas tendo en conta a natureza dos bens e dereitos por valorar. Elixido por sorteo público un de cada lista, as designacións efectuaranse por orde correlativa. Cando non exista colexio, asociación ou corporación profesional competente pola natureza dos bens ou dereitos por valorar ou profesionais dispostos a actuar como peritos terceiros, poderáselle solicitar ao Banco de España a designación dunha sociedade de taxación inscrita no correspondente rexistro oficial.

Será necesaria a aceptación expresa polo perito elixido por sorteo, nun prazo de cinco días desde a comunicación da súa proposta de designación. A Administración tributaria competente poderá establecer honorarios estandarizados para os peritos terceiros que deban ser designados. A devandita aceptación determinará, así mesmo, a aceptación dos honorarios aprobados pola Administración.

b) Realizada a designación, remitiráselle á persoa ou entidade designada a relación de bens e dereitos por valorar e copia tanto da valoración da Administración coma da efectuada polo perito designado polo obrigado tributario, para que no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte da entrega, proceda a confirmar algunha delas ou realice unha nova valoración, que será definitiva.

No caso de que o perito terceiro non emita a valoración no prazo establecido no parágrafo anterior, poderase deixar sen efecto a súa designación, sen prexuízo das responsabilidades que resulten exixibles pola falta de emisión do ditame en prazo. No caso de que se deixe sen efecto a designación, deberase notificar esta circunstancia ao perito terceiro e ao obrigado tributario, e procederase, se é o caso, á liberación dos depósitos dos seus honorarios e ao nomeamento doutro perito terceiro por orde correlativa.

A renuncia do perito terceiro ou a falta de presentación en prazo impedirán a súa designación no exercicio corrente e nos dous posteriores a este.

No caso de que a valoración realizada polo perito terceiro posúa defectos de motivación, e tal circunstancia sexa apreciada en vía de recurso por un órgano administrativo ou xudicial, a Administración tributaria procederá ou ben á remisión da documentación para a realización dunha nova valoración ao mesmo perito ou ben ao nomeamento dun novo, de acordo co procedemento e prazos sinalados neste artigo. No primeiro suposto non procederá a realización de novo depósito nin novo pagamento de honorarios. No segundo caso procederá a devolución polo perito dos honorarios satisfeitos.

c) Os honorarios do perito do obrigado tributario serán satisfeitos por este. Cando a diferenza entre a taxación practicada polo perito terceiro e o valor declarado, considerada en valores absolutos, supere o 20 por 100 do valor declarado, os gastos do terceiro perito serán aboados polo obrigado tributario e, no caso contrario, correrán a cargo da Administración. Neste suposto, aquel terá dereito a ser reintegrado dos gastos ocasionados polo depósito ao que se refire o parágrafo seguinte.

O perito terceiro poderá exixir que, previamente ao desempeño do seu labor, se faga provisión de importe dos seus honorarios mediante depósito na Caixa de Depósitos da Delegación Territorial da Consellería de Economía e Facenda na que se tramite a taxación pericial contraditoria, no prazo de dez días. A falta de depósito por calquera das partes supoñerá a aceptación da valoración realizada polo perito da outra, calquera que fose a diferenza entre ambas as dúas valoracións, e darase por rematado o procedemento. A liquidación que se dite tomará a valoración que corresponda e non poderá promoverse novamente a taxación pericial contraditoria por parte do obrigado tributario ou, se é o caso, non poderá efectuar unha nova comprobación de valor a Administración tributaria sobre os mesmos bens ou dereitos.

Entregada na Administración tributaria competente a valoración polo perito terceiro, comunicarase ao obrigado tributario e concederáselle un prazo de quince días para xustificar o pagamento dos honorarios ao seu cargo. Se é o caso, autorizarase a disposición da provisión dos honorarios depositados.

5ª A valoración do perito terceiro servirá de base á liquidación que proceda cos límites do valor declarado e o valor comprobado inicialmente pola Administración tributaria.

6ª Unha vez rematado o procedemento, a Administración tributaria competente notificará no prazo dun mes a liquidación que corresponda á valoración que deba tomarse como base en cada caso, así como a dos xuros de mora que correspondan.

O incumprimento do prazo ao que se refire o parágrafo anterior determinará que non se exixan xuros de mora desde que se produza o devandito incumprimento.

Coa notificación da liquidación iniciarase o prazo previsto no artigo 62.2º da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, para que o ingreso sexa efectuado, así como o cómputo do prazo para interpoñer o recurso ou reclamación económico-administrativa contra a liquidación no caso de que o devandito prazo fose suspendido pola presentación da solicitude de taxación pericial contraditoria.

Disposicións adicionais

Primeira.-Información ao Parlamento.

Un.-A Consellería de Economía e Facenda facilitaralle trimestralmente á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento información referente ás seguintes actuacións:

a) As ampliacións de crédito realizadas para atender o pagamento de obrigas derivadas de crebas de operacións de crédito avaladas pola Comunidade Autónoma.

b) As operacións de endebedamento por prazo superior a un ano formalizadas pola Comunidade Autónoma e polos seus organismos autónomos ou sociedades públicas, conforme as autorizacións contidas nesta lei.

c) Os avais amortizados, pagamentos efectuados por falidos, importes recuperados e risco acumulado, tanto polo que respecta aos avais concedidos pola Comunidade Autónoma coma polos seus organismos autónomos e sociedades públicas.

d) As autorizacións de revisións de prezos en concertos ou convenios que superen o incremento do índice de prezos ao consumo.

e) A enumeración nominal e individualizada das concesións de subvencións ou axudas autorizadas polo Consello da Xunta ás que se refire o artigo 44 desta lei.

f) Os plans a que se refire a disposición adicional segunda desta lei.

Dous.-A Consellería de Economía e Facenda comunicaralle á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, nun prazo de trinta días:

a) A realización das adaptacións técnicas dos orzamentos autorizadas conforme o previsto na letra s) do artigo 5º desta lei.

b) As modificacións efectuadas consonte o indicado no artigo 9º.

c) Os orzamentos dos organismos autónomos e das sociedades públicas que poidan entrar en funcionamento ao longo do ano 2008.

Tres.-A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A., comunicaralle mensualmente á Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento os plans económico-financeiros que subscriba no desenvolvemento da súa actividade.

Segunda.-Sociedades públicas.

As entidades públicas e sociedades mercantís ás que se refire o artigo 12 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que, se é o caso, poidan presentar perdas de explotación están obrigadas a elaborar un plan coa finalidade de restablecer a situación de equilibrio nos seus orzamentos.

O citado plan deberáselle remitir á Consellería de Economía e Facenda para a súa aprobación, dentro dos tres meses seguintes a aquel no que se detectase a situación de desequilibrio ou, en todo caso, a partir da aprobación das contas anuais nas que esta circunstancia se reflicta.

Terceira.-Autorización de orzamentos en sociedades de nova creación.

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, a aprobar os orzamentos de explotación e capital previstos no artigo 83 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, das sociedades públicas que se constitúan ou entren en funcionamento ao longo do ano 2008.

Cuarta.-Propostas normativas que comporten crecemento do gasto.

A formulación de iniciativas lexislativas por parte da Xunta de Galicia, así como a aprobación de normas de rango regulamentario, requirirán a previa dispoñibilidade dunha memoria económico-financeira que avalíe adecuadamente os custos que esas propostas poidan representar, e que considere as posibilidades ou alternativas existentes para o seu financiamento cando delas poida derivar un incremento do gasto público.

Quinta.-Propostas normativas que impliquen ampliación do sector público.

As propostas normativas da Xunta de Galicia que prevexan a creación de organismos autónomos, sociedades públicas e demais entes que formen parte do sector público da Comunidade Autónoma establecerán necesariamente o réxime que os afecta en materia de persoal, patrimonio e contratación, así como a natureza dos recursos económicos con que se dotan para o cumprimento da súa finalidade.

Os proxectos normativos deberán ir acompañados dunha proposta de estatuto, se é o caso, así como dunha memoria xustificativa sobre a oportunidade da súa creación coas vantaxes sobre a situación anterior. Terán o contido que regulamentariamente estableza o Consello da Xunta por proposta da Consellería de Economía e Facenda.

Sexta.-Modificación dos cadros de persoal do Servizo Galego de Saúde.

Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde a autorización das modificacións, dentro de cada centro de xestión, dos cadros de persoal estatutario, de persoal MIR e de calquera outro tipo de persoal de institucións sanitarias dependentes do organismo non incluídos nas relacións de postos de traballo, sempre que a modificación acordada non supoña un incremento dos créditos do artigo correspondente do devandito centro.

En idénticas condicións correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde a autorización da modificación prevista no parágrafo anterior dos cadros de persoal funcionario sanitario pertencentes ás clases de médicos, practicantes e matronas titulares.

En todo caso, daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda unha vez tramitada a correspondente modificación.

Sétima.-Prestacións familiares por coidado de fillos menores.

Aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, teñan ao seu cargo fillos menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, por razón dos ingresos obtidos durante o ano 2006, nin eles nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período.

A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, que exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu gozo, sen que o mesmo fillo poida dar lugar a máis dunha prestación.

Oitava.-Alleamento de solo empresarial polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Autorízase o Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos supostos de alleamento de terreos destinados a creación de solo industrial, así como parcelas ou parques empresariais terminados que se realicen a favor das sociedades públicas con participación maioritaria polo anterior organismo, para que o alleamento se poida efectuar con pagamento aprazado, non superior a dez anos e sen repercusión de intereses.

Novena.-Fondo extraordinario de axudas aos beneficiarios de pensións non contributivas.

Créase un fondo extraordinario de axudas económicas con destino ás persoas beneficiarias de pensións de xubilación e invalidez na súa modalidade non contributiva, dotado con 5.000.000 de euros, que se financiará con cargo á aplicación orzamentaria 23.02.621B.480.0.

O Consello da Xunta, por proposta do departamento competente en materia de benestar social e logo do informe da Consellería de Economía e Facenda, aprobará as normas de desenvolvemento necesarias para a determinación do importe, recoñecemento do dereito e pagamento das axudas, que se establecen para o ano 2008.

Disposicións transitorias

Primeira.-Portos de Galicia. Redución da contía da tarifa X-5.

Nas instalacións deportivas construídas por Portos de Galicia e xestionadas por particulares mediante a correspondente concesión ou autorización administrativa que á entrada en vigor desta lei incluísen nos pregos de condicións a redución da contía da tarifa X-5 de ata o 15% por subrogarse nas obrigas de pagamento dos suxeitos pasivos que utilicen as instalacións manterase esta redución mentres estea vixente ese título administrativo. No caso de modificación ou prórroga deste, aplicarase o disposto na regra décimo terceira da tarifa X-5, contida na subalínea 01 da alínea 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Imposto sobre sucesións e doazóns.

Para a aplicación da redución contida no artigo 53 da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, ás doazóns devengadas desde o 1 de xaneiro de 2007, e ata que remate o prazo regulamentario de declaración do IRPF correspondente ao exercicio 2007, a referencia que se fai á «base impoñible total, menos os mínimos persoal e familiar» entenderase realizada á base impoñible definida no artigo 15.3º do texto refundido da Lei do IRPF, aprobada polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Axencias galegas. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Engádese unha nova disposición adicional quinta ao texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, coa redacción seguinte:

«Quinta.-Axencias públicas autonómicas.

1. As axencias públicas autonómicas son entidades instrumentais de dereito público, dotadas de personalidade xurídica pública, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, facultadas para exercer potestades administrativas, que son creadas polo Consello da Xunta para o cumprimento dos programas correspondentes ás políticas públicas que desenvolva a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia no ámbito das súas competencias.

A creación das axencias públicas autonómicas require autorización por lei e prodúcese coa aprobación do seu estatuto por decreto do Consello da Xunta por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da iniciativa da consellaría competente por razón da materia.

A consellaría competente por razón da materia que desexe exercer a iniciativa prevista na alínea anterior elaborará unha memoria e un proxecto de estatutos.

A memoria deberá precisar o obxecto da axencia que se vai crear, xustificando os obxectivos que se perseguen coa súa creación e as consecuencias organizativas e económico-financeiras derivadas da súa creación. Ademais, a memoria deberá incorporar o plan inicial de actuación da axencia.

O proxecto de estatutos deberá indicar, en todo caso, as funcións e facultades atribuídas á axencia, a súa estrutura orgánica, os medios que se lle adscriben e a súa duración temporal.

A supresión das axencias públicas autonómicas e a modificación dos seus estatutos levaranse a cabo por decreto do Consello da Xunta por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da iniciativa da consellaría competente por razón da materia.

2. O marco básico de xestión e tratamento orzamentario das axencias públicas autonómicas rexerase polo que se establece a seguir.

A actuación das axencias públicas autonómicas producirase consonte o seu contrato de xestión. Este contrato de xestión deberá conter en todo caso: o seu período de vixencia; os obxectivos por acadar e os resultados para obter; os plans temporais para acadar os obxectivos e proxectos asociados ás estratexias definidas así como os indicadores da avaliación; os efectos asociados ao grao de cumprimento e/ou incumprimento dos obxectivos con indicación dos mecanismos que permitan a exixencia de responsabilidade dos órganos de xestión executivos e, se é o caso, do persoal directivo, e o procedemento que se seguirá na cobertura dos déficits económico-patrimoniais que se é o caso puidesen producirse e as consecuencias da responsabilidade na xestión que deriven deles.

O contrato de xestión será aprobado por orde conxunta da consellaría de adscrición e da Consellería de Economía e Facenda, por proposta do órgano competente de cada axencia.

O primeiro contrato de xestión farase como máximo no prazo de tres meses desde a constitución da axencia; namentres a axencia actuará segundo o plan inicial contido na memoria de creación. Os posteriores contratos serán aprobados no último trimestre de vixencia do anterior.

As axencias públicas autonómicas fináncianse cos seguintes recursos:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Xunta.

b) Os ingresos propios que perciban como contraprestación polas actividades que poidan realizar, en virtude de contratos, convenios ou disposición legal, para outras entidades públicas, privadas ou persoas físicas.

c) O alleamento dos bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo co establecido na lexislación patrimonial da Comunidade Autónoma.

d) O rendemento procedente dos seus bens e valores.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas e legados e demais achegas a título gratuíto de entidades privadas e particulares.

f) Os ingresos recibidos de persoas físicas e xurídicas como consecuencia de patrocinio de actividades ou instalacións.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que estean autorizadas a percibir.

h) Calquera outro recurso que puidera serlles atribuído.

Os recursos que deriven da alíneas b), e), f) e g) que non estivesen previstos inicialmente no orzamento das axencias públicas poderanse destinar a financiar maiores gastos por acordo do órgano competente delas, consonte o establecido nos seus estatutos.

O recurso ao endebedamento a longo prazo está prohibido nas axencias públicas autonómicas, agás disposición legal en contra. Pola Lei de orzamentos de cada exercicio autorizarase o límite do endebedamento a curto prazo.

O órgano competente, de acordo co establecido nos seus estatutos, das axencias públicas autonómicas elaborará e aprobará o anteproxecto de orzamento. O anteproxecto será remitido para exame á consellaría de adscrición, que posteriormente llo fará chegar en tempo e prazo á Consellería de Economía e Facenda, para a súa consolidación dentro do sector público galego, aprobación polo Consello da Xunta e posterior elevación ao Parlamento de Galicia.

A estrutura do orzamento das axencias públicas e a documentación que acompañará a este serán establecidas pola Consellería de Economía e Facenda.

Os orzamentos das axencias públicas autonómicas que se constitúan de conformidade co establecido na normativa aplicable a elas terán carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal, que en todo caso teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

Correspóndelle ao conselleiro de Economía e Facenda, por proposta dos órganos competentes das axencias, a autorización das variacións da contía global do orzamento así como as que afecten a gastos de persoal. A autorización das restantes variacións, mesmo na contía global cando sexan financiadas con recursos derivados das letras b), e), f) e g) deste número, por riba dos inicialmente orzados e sempre que existan garantías bastantes da súa efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, corresponderalle ao órgano competente da axencia conforme o seu estatuto, e posteriormente daráselle conta á Consellería de Economía e Facenda.

Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse da forma prevista no contrato de xestión.

Correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma establecer os criterios que precise a aplicación da normativa contable ás axencias públicas autonómicas, nos termos establecidos pola lexislación orzamentaria para as entidades do sector público galego.

O control externo da xestión económico-financeira das axencias públicas correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

O control interno da actividade económico-financeira das axencias públicas autonómicas correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, e realizarase baixo as modalidades de control financeiro permanente e de auditoría pública, nas condicións e nos termos establecidos nesta lei.

Sen prexuízo do control establecido no parágrafo anterior, as axencias públicas estarán sometidas a un control de eficacia por parte do departamento de adscrición.

O seu réxime económico-financeiro, no non previsto nesta disposición adicional, rexerase polo das disposicións desta lei. A contratación das axencias públicas autonómicas rexerase pola normativa aplicable ao sector público.»

Segunda.-Axudas a persoas con hemofilia ou coagulopatías conxénitas afectadas polo VHC.

Nos termos establecidos na disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, serán feitas efectivas as axudas destinadas a persoas con hemofilia ou coagulopatías conxénitas afectadas polo VHC que corresponde aboar no exercicio de 2008.

Terceira.-Desenvolvemento da lei.

Facúltase a Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e a execución de canto se prevé nesta lei.

Cuarta.-Vixencia.

As disposicións desta lei terán vixencia exclusiva para o ano 2008, agás os artigos 39, 54, 55, 56, 57, 58, 59, 60, 61, 62, 63 e 64, a disposición adicional quinta e a disposición derradeira primeira, que terán vixencia indefinida.

Quinta.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2008.

Santiago de Compostela, vinte e seis de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ver referencia pdf "25100D001P005.PDF"

Ver referencia pdf "25100D002P047.PDF"