DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 27 de decembro de 2007 Páx. 20.255

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 20 de decembro de 2007 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se substitúe a función interventora por un sistema de control financeiro permanente no ámbito do Servizo Galego de Saúde.

Adoptado acordo polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 20 de decembro de 2007 polo que se substitúe no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das súas institucións, centros e servizos, a función interventora por un sistema de control financeiro permanente.

Para darlle cumprimento ao disposto no punto décimo segundo do acordo e de conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 79/2007, do 19 de abril polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Facenda,

DISPOÑO:

Darlle publicidade a este acordo, que se insire como anexo.

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2007.

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

ANEXO

Acordo polo que se substitúe a función interventora por un sistema de control financeiro permanente

no ámbito do Servizo Galego de Saúde

Primeiro.-Substitución da función interventora por un sistema de control financeiro permanente.

De conformidade co establecido no artigo 54.2º da Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, acórdase a substitución no ámbito do Servizo Galego de Saúde e das súas institucións, centros e servizos da función interventora por un sistema de control financeiro permanente.

O sistema de control financeiro permanente rexerase polo disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (TRLRFOG), neste acordo, e nas súas normas de desenvolvemento, especialmente nas normas de auditoría do sector público e as circulares e instrucións que dite a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Segundo.-Finalidade do control financeiro permanente.

1. Control financeiro permanente ten por finalidade comprobar de forma continuada e próxima no tempo que a xestión económico-financeira do Servizo Galego de Saúde se adecua aos principios de legalidade, economía, eficacia e eficiencia.

2. Respecto da execución dos programas e obxectivos orzamentarios, o control financeiro terá como obxecto, o seguimento da execución orzamentaria, o exame, a análise e a avaliación dos sistemas e procedementos de seguimento de obxectivos aplicados polos órganos xestores, así como de cantos documentos e antecedentes resulten necesarios para determinar o grao de fiabilidade dos datos contidos nos informes que, con relación á execución dos programas, deban render os órganos xestores responsables.

Para estes efectos, os órganos xestores deberán de establecer un sistema de seguimento de obxectivos adaptado ás necesidades propias da súa xestión.

Terceiro.-Órganos competentes.

1. O control financeiro permanente no ámbito do Servizo Galego de Saúde corresponde á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto no artigo 94.3º do TRLRFOG.

2. A subdirección da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma con competencias en materia de control financeiro permanente exercerá a coordinación das actuacións e velará pola adecuada calidade das auditorías e actuacións de control financeiro realizadas.

3. A dirección, o exercicio e a materialización do control financeiro permanente serán levados a cabo por órganos e persoal dependentes da Intervención Xeral e designados para tal efecto.

4. Cando os medios de que dispón a Intervención Xeral non sexan suficientes para a adecuada realización do control financeiro permanente poderase acudir á contratación de auditores externos para a realización de determinados servizos de apoio de acordo co disposto na normativa vixente en materia de contratación.

Cuarto.-Formas de exercicio.

1. O control financeiro permanente exercerase de xeito continuado durante o exercicio económico, mediante a realización das auditorías reguladas no artigo 104 do TRLRFOG. ou mediante outros tipos de control aplicables.

2. Entre outras poderanse utilizar coma técnicas de control as seguintes:

a) O exame de rexistros contables, contas ou estados financeiros, mediante a aplicación de concretos procedementos de análise.

b) A exame de operacións individualizadas e concretas.

c) A verificación de aspectos parciais e concretos dunha serie de actos

d) A comprobación material de investimentos e outros activos.

e) A revisión dos sistemas informáticos de xestión económico-financeira, que abranguerá o exame das funcións e operacións efectuadas nestes, co obxecto de verificar que a información responde aos principios de fiabilidade, integridade, precisión e dispoñibilidade.

f) Aquelas outras comprobacións que se determinen pola IXCA en atención ás características especiais das actividades realizadas polo Servizo Galego de Saúde.

3. A elección da técnica de control utilizada realizarase en función dos obxectivos e alcance que en cada caso se aproben no plan anual de actuacións.

4. No exercicio das súas funcións os órganos de control poderán requirir información referida a:

-Dereitos e obrigas, compras e vendas.

-Investimentos e outros contratos

-Cobramentos e pagamentos.

-Composición e detalle de saldos en contabilidade.

-Operacións que se vaian realizar ou en curso de especial significación ou importancia.

-Existencias de fondos, de materiais e de bens de calquera natureza.

-Calquera outro aspecto financeiro ou organizativo que se considere de interese en atención ás características propias do Servizo Galego de Saúde. As intervencións delegadas terán acceso directo aos sistemas de información dos que deriven as ditas contas e estados.

Quinto.-Data de inicio.

1. O sistema de control financeiro permanente comezará a aplicarse o 1 de xaneiro de 2008.

2. A partir do 1 de xaneiro de 2008 as intervencións delegadas absteranse de realizar ningún tipo de actuación correspondente á función interventora.

3. O disposto no punto anterior non afecta a emisión dos informes que, á marxe da función interventora, deben realizar as intervención en disposición das normas vixentes, nin as actuacións que, se é o caso se deban realizar en 2008 en relación co cerrramento do exercicio 2007.

Sexto.-Plan anual de actuación de control financeiro permanente no Servizo Galego de Saúde.

1. A subdirección xeral competente en materia de control financeiro permanente elaborará anualmente un plan de actuacións de acordo coas propostas remitidas polos órganos de control que teñan encomendado o exercicio das actuacións de control financeiro permanente.

2. O plan de actuación anual determinará as actuacións de control financeiro permanente a efectuar en cada exercicio, o alcance específico fixado para as mesmas e os concretos órganos aos que se lles encomenda o seu desenvolvemento.

3. O plan deberá elaborarse nos dous primeiros meses de cada exercicio e elevarase ao/á interventor/a xeral da comunidade autónoma no primeiro trimestre de cada ano para a súa aprobación.

4. Unha vez aprobado o plan o/a interventor/a xeral da comunidade autónoma poderá acordar de xeito motivado a súa modificación mediante a inclusión de novos controis, á modificación dos controis previstos ou a non realización dalgún control específico, co obxecto de procurar a mellor realización dos obxectivos fixados no plan de actuacións.

5. Así mesmo, poderá acordar de xeito motivado a substitución dun órgano de control por outro co obxecto de garantir a correcta execución dos controis previstos.

6. Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, o/a interventor/a xeral da comunidade autónoma poderá acordar a realización de auditorías ou controis específicos de caracter ordinario nos termos previstos no TRLRFOG e na súa normativa de desenvolvemento.

Sétimo.-Desenvolvemento das actuacións.

1. A aplicación do sistema de control financeiro permanente terá caracter permanente e continuado no tempo e non requirirá de acordo expreso da Intervención Xeral para a súa iniciación.

2. O control financeiro permanente exercerase con plena autonomía respecto dos órganos responsables da xestión controlada.

3. As autoridades e xestores, así como as entidades que colaboran na xestión, estarán obrigados a prestar a debida colaboración e apoio ao persoal encargado da realización do control, facilitando a documentación e información necesaria así como o acceso aos sistemas de información dos cales deriven as actuacións obxecto de control.

4. O persoal que exerza o control financeiro permanente deberán gardar o debido segredos profesional sobre os asuntos que coñezan no desenvolvemento das súas funcións.

5. Os datos, informes ou antecedentes obtidos no exercicio do control só poderán ser utilizados para os fins de control, sen prexuízo do disposto nas leis en relación coa exixencia das responsabilidades de calquera tipo que, se e o caso, poidan ser exixidas como consecuencia dos feitos detectados.

Oitavo.-Informes provisionais e definitivos.

1. As actuacións dos interventores que exerzan funcións de control financeiro permanente concretaranse en informes, que recollerán as conclusións e recomendacións que delas se deduzan. Estes informes serán asinados polo interventor actuante.

2. Os informes poderán ser provisionais ou definitivos.

3. Unha vez elaborado, o interventor actuante remitirá o informe provisional ao titular da xestión. No prazo de quince días hábiles desde a recepción do informe provisional, o xestor formulará as alegacións que coide oportunas.

No caso de existir deficiencias admitidas polo órgano xestor, este indicará as medidas necesarias e o calendario previsto para emendalas.

Transcorrido o prazo sinalado sen a presentación de alegacións o informe provisional elevarase a definitivo.

4. Os informes definitivos recollerán as alegacións efectuadas polo xestor e a súa valoración polo interventor actuante.

Noveno.-Destinatarios dos informes.

1. O/a interventor/a actuante remitirá o informe definitivo ao/á titular do servizo ou centro controlado.

2. O/a interventor/a actuante remitirá unha copia do informe definitivo ao/a interventor/a xeral da comunidade autónoma a través da subdirección xeral competente en materia de control financeiro permanente.

3. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma remitirá unha copia do informe definitivo ao/á presidente/a do Servizo Galego de Saúde, ao/á titular da consellería competente en materia de sanidade e ao/á conselleiro/a competente en materia de economía e facenda.

4. Os destinatarios indicados anteriormente son responsables do bo uso e custodia dos informes.

Décimo.-Seguimento de propostas e recomendacións.

1. A Intervención Xeral levará a cabo un seguimento das deficiencias detectadas e das medidas propostas polo xestor para á súa rectificación.

2. Para estes efectos, os órganos xestores deberán comunicar ao órgano que desenvolveu o control as medidas que se vaian adoptando para solucionar as deficiencias postas de manifesto e, se é o caso, o grao de cumprimento dos prazos establecidos nas súas alegacións.

3. No caso de que estas medidas non sexan adoptadas ou non se cumpran os prazos establecidos, o órgano de control o poñerá en coñecemento da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma para os efectos da elaboración do informe de actuación a que se refire o artigo seguinte.

Undécimo.-Informes de actuación.

1. A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma poderá realizar informes de actuación en relación cos aspectos relevantes deducidos do control. No informe a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma deberá propor medidas concretas de actuación encamiñadas á rectificación de situacións anómalas detectadas nos controis realizados.

2. Os informes de actuación realizaranse especialmente nos seguintes casos:

a) Cando apreciase deficiencias e os titulares da xestión controlada non realicen alegacións ou, presentadas estas, non indiquen as medidas necesarias e o calendario previsto para a súa solución.

b) Cando manifesten discrepancias coas conclusións e recomendacións e non sexan aceptadas polo órgano de control.

c) Cando tendo manifestado a súa conformidade, non adopten as medidas para solucionar as deficiencias postas de manifesto.

3. O informe de actuación remitirase ao/á presidente/a do Servizo Galego de Saúde e, se é o caso, ao/á titular da consellería competente en materia de sanidade . A Intervención Xeral elevará unha copia do informe ao conselleiro de Economía e Facenda.

4. No caso de desconformidade coas propostas formuladas pola Intervención Xeral, o titular da consellería competente en materia de sanidade remitirallas ao conselleiro de Economía e Facenda, motivando as causas da discrepancia.

5. No caso de que os órganos xestores non adoptaran as medidas oportunas ou cando do contido dos informes se deduzan circunstancias de especial relevancia, o conselleiro de Economía e Facenda poderá someter o contido dos informes á consideración do Consello da Xunta de Galicia.

Décimo segundo.-Circulares e instrucións.

A Intervención Xeral da Comunidade Autónoma desenvolverá as circulares ou instrucións necesarias para o correcto funcionamento do control financeiro permanente, de acordo co disposto no Decreto lexislativo 1/1999 e neste acordo.

Décimo terceiro.-Outras actuacións.

Autorízase á Consellería de Economía e Facenda para o desenvolvemento e execución deste acordo.