DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 26 de decembro de 2007 Páx. 20.190

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PARLAMENTO DE GALICIA

ESTATUTO de persoal do Parlamento de Galicia.

Exposición de motivos.

O Parlamento de Galicia, en canto poder público da Comunidade Autónoma de Galicia, derivado da previsión do artigo 152 da Constitución, dispón de autonomía administrativa que lle permite regular o réxime xurídico do persoal da súa administración.

Como expresión desa prerrogativa, que o Estatuto de autonomía para Galicia contempla no seu artigo 12, e o Regulamento da Cámara reserva na súa disposición derradeira cuarta, a Mesa do Parlamento de Galicia aprobou con data 7 de febreiro de 1984 o Estatuto de persoal que, coas modificacións producidas nos anos 1988, 1995 e 2003, permaneceu vixente ata a actualidade. Esta norma, aprobada con anterioridade á normativa estatal, cumpriu a importante finalidade de instaurar o réxime xeral do persoal da Administración do Parlamento de Galicia. Non obstante, os procesos de reforma operados na función pública e a propia dinámica parlamentaria fixeron desta norma un instrumento obsoleto e inadecuado para atender as novas demandas das funcións parlamentarias.

A experiencia destes vinte e cinco anos de xestión parlamentaria, o grao de desenvolvemento e madureza, as transformacións operadas e a propia evolución da actual Administración parlamentaria determinan a necesidade de dotarse dun novo marco normativo que reordene a función pública parlamentaria, adaptándoa, no exercicio da dita autonomía organizativa, ás peculiaridades propias desta administración.

Con esta norma vénse dar cumprimento, ademais, a un dos obxectivos previstos no Plan operativo para a implantación dun novo modelo de xestión, aprobado pola Mesa do Parlamento, abordando por primeira vez, dun xeito integral, todos os aspectos que afectan o persoal ao servizo da Administración parlamentaria, rematando así coa necesidade habitual de acudir supletoriamente a diferentes normas alleas, e mesmo á analoxía, para resolver as lagoas que frecuentemente xurdían nos procesos de xestión ordinaria do persoal.

Así pois, materias tales como a regulación dos órganos de persoal, o acceso á función pública parlamentaria de acordo cos principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, o recoñecemento dos dereitos profesionais das empregadas e dos empregados, tanto individuais como colectivos, e do seu código de conduta, a definición do sistema de retribucións ou a introdución da mobilidade interadministrativa, que lles permitirá aos funcionarios e ás funcionarias por primeira vez optar a postos de traballo noutras administracións públicas, amplían e consolidan o novo réxime xurídico da función pública parlamentaria.

Un dos aspectos fundamentais desta nova regulación constitúeno as disposicións referentes á planificación e ordenación dos recursos humanos, e en particular a reorganización en corpos, e por razóns de especialización en escalas, cunha clasificación en catro grupos profesionais que permitirá a un gran número de funcionarias e funcionarios, os pertencentes aos actuais grupos E e D, integrarse nos grupos inmediatamente superiores.

Esta racionalización dos réximes funcionariais, xunto con outras moitas medidas, tales como a reserva de prazas vacantes para a súa cobertura mediante promoción interna ou a potenciación de actividades formativas, pretende introducir factores de motivación e implicación persoal, facilitar a carreira administrativa e elevar o grao de profesionalidade das empregadas e dos empregados públicos, o cal redundará, en definitiva, na mellora da calidade dos servizos dunha Administración parlamentaria moderna e eficaz que garanta o principio constitucional da independencia da asemblea lexislativa de Galicia.

Capítulo I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

Este estatuto dítase no exercicio da autonomía organizativa que posúe en canto poder público o Parlamento de Galicia e ten por obxecto regular o réxime xurídico do persoal ao servizo da súa administración.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O disposto neste estatuto aplicarase a todo o persoal que presta servizos na Administración do Parlamento de Galicia mediante unha relación profesional de emprego.

Capítulo II

Clasificación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia e rexistro de persoal

Artigo 3º.-Clases de persoal.

O persoal ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia clasifícase en:

a) Persoal funcionario de carreira.

b) Persoal funcionario interino.

c) Persoal laboral, xa sexa fixo ou temporal.

d) Persoal eventual.

Artigo 4º.-Persoal funcionario de carreira.

1. É persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia o que estea vinculado a ela por unha relación estatutaria regulada polo dereito administrativo para o desenvolvemento dos servizos profesionais retribuídos con cargo ao orzamento da Cámara.

2. As funcións que impliquen a participación no exercicio das potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Administración parlamentaria corresponderanlle ao persoal funcionario de carreira.

Artigo 5º.-Persoal de carácter temporal.

1. É persoal de carácter temporal o persoal funcionario interino ou o persoal laboral da Administración do Parlamento de Galicia que, con carácter transitorio e por razóns de necesidade ou urxencia debidamente xustificadas, é nomeado para prestar servizos en postos de traballo vacantes reservados a persoal funcionario de carreira ou laboral e dotados orzamentariamente, en tanto non sexan provistos con carácter permanente.

2. O cesamento do persoal temporal producirase cando o posto que ocupase sexa provisto por persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo, ben con carácter definitivo ou por adscrición provisional, cando se amortice o posto ou cando desaparezan as razóns de necesidade ou urxencia que motivaron o seu nomeamento.

3. As prazas ocupadas por persoal temporal por razóns de necesidade e urxencia deberán incluírse na oferta de emprego público inmediatamente posterior á permanencia dun ano do persoal temporal no seu posto, sen prexuízo dos supostos de amortización das prazas, para ser obxecto de provisión conforme os procedementos establecidos neste estatuto, agás as prazas ocupadas por interinos/as para substituír a funcionarios/as con dereito á reserva de postos de traballo.

Artigo 6º.-Persoal eventual.

1. É persoal eventual da Administración do Parlamento de Galicia o que, en virtude de libre nomeamento e con carácter non permanente, realiza funcións expresamente cualificadas como de confianza e asesoramento especial para a presidenta ou o presidente, ou para os demais membros da Mesa do Parlamento de Galicia, sendo retribuído con cargo aos créditos orzamentarios consignados para este fin.

En ningún caso poderá adoptar actos ou resolucións que correspondan legalmente aos órganos do Parlamento de Galicia.

2. O persoal eventual será libremente nomeado pola presidenta ou o presidente do Parlamento de Galicia, incluído o que se adscriba aos demais membros da Cámara, logo da proposta, neste caso, do membro deste órgano a cuxo servizo se adscriba.

O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia que sexa nomeado persoal eventual da Presidencia pasará á situación administrativa de servizos especiais.

3. O persoal eventual cesará cando a Presidencia o considere pertinente e, en todo caso, cando cesen nos seus cargos a presidenta ou o presidente, ou o membro da Mesa do Parlamento de Galicia a cuxo servizo foi adscrito, sen prexuízo de que a Mesa poida adoptar as medidas provisionais que xulgue oportunas para os períodos de disolución da Cámara.

A perda da condición de persoal eventual non xerará dereito a indemnización.

4. A prestación de servizos en calidade de persoal eventual nunca poderá ser considerada como mérito para o acceso á condición de persoal funcionario de carreira ou persoal laboral nin tampouco para a promoción interna.

5. O número e as retribucións do persoal eventual deberán figurar nos orzamentos do Parlamento de Galicia.

6. Este persoal en ningún caso poderá ocupar postos nin realizar funcións propias do persoal funcionario do Parlamento.

Artigo 7º.-Persoal laboral.

É persoal laboral da Administración do Parlamento de Galicia o que en virtude de contrato escrito, en calquera das modalidades de contratación de persoal previstas na lexislación laboral, ocupa postos de traballo clasificados como tales na relación de postos de traballo.

Capítulo III

Comezo e extinción da relación de servizo

Artigo 8º.-Adquisición da condición de persoal funcionario de carreira.

1. A condición de persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia adquírese polo cumprimento sucesivo dos seguintes requisitos:

a) Superación do proceso selectivo correspondente.

b) Nomeamento pola presidenta ou o presidente da Cámara e publicación do nomeamento no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

c) Xuramento ou promesa de cumprir fielmente as obrigas do cargo e de gardar e facer gardar a Constitución e o Estatuto de autonomía de Galicia.

d) Toma de posesión dentro do prazo dun mes.

2. Para os efectos do disposto na alínea anterior, non poderá ser nomeado persoal funcionario, quedando anuladas as actuacións, quen non acredite, logo de superado o proceso selectivo, que reúne os requisitos e as condicións esixidos na convocatoria.

3. A falta de toma de posesión dentro do prazo imputable á persoa interesada producirá o decaemento do seu dereito a adquirir a condición de persoal funcionario de carreira nese proceso selectivo.

Artigo 9º.-Causas de extinción da relación de servizo.

Son causas de extinción da relación de servizo:

a) A renuncia á condición funcionarial, que non inhabilitará para un novo ingreso na función pública.

b) A perda da nacionalidade española.

c) A sanción disciplinaria de separación do servizo que adquira firmeza.

d) A pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público que tivera carácter firme.

e) A xubilación.

Artigo 10º.-Renuncia.

1. A renuncia á condición de persoal funcionario deberá ser manifestada libremente por escrito e aceptada expresamente pola Mesa do Parlamento de Galicia.

2. Non poderá ser aceptada a renuncia cando a funcionaria ou o funcionario estea suxeito a un procedemento disciplinario ou procesado pola comisión dalgún delito.

3. A renuncia á condición de persoal funcionario non inhabilita para obter un novo ingreso na Administración do Parlamento de Galicia, a través do procedemento de selección establecido.

Artigo 11º.-Xubilación.

A xubilación do persoal funcionario poderá ser:

a) Voluntaria, por solicitude do persoal funcionario.

b) Forzosa, ao cumprir a idade legalmente establecida.

c) Por incapacidade permanente para o servizo.

Artigo 12º.-Xubilación voluntaria.

Procederá a xubilación voluntaria, por solicitude da persoa interesada, sempre que o persoal funcionario reúna os requisitos e as condicións establecidos no réxime de Seguridade Social que lle sexa aplicable.

Artigo 13º.-Xubilación forzosa.

A xubilación forzosa declararaa de oficio a Mesa do Parlamento de Galicia cando o persoal funcionario cumpra os 65 anos de idade.

Porén, o persoal funcionario poderá prolongar voluntariamente a súa permanencia no servizo activo ata que cumpra como máximo os 70 anos de idade, logo de comunicación por escrito á Mesa do Parlamento de Galicia.

Artigo 14º.-Xubilación por incapacidade permanente para o servizo.

Procederá a xubilación do persoal funcionario cando este padeza incapacidade permanente para o exercicio das funcións propias do seu corpo ou praza. Para isto será preceptiva a incoación do correspondente procedemento de incapacidade, que poderá ser iniciado de oficio, e con audiencia do/a interesado/a, ou por solicitude da persoa interesada.

Artigo 15º.-Rehabilitación da condición de persoal funcionario.

No caso de extinción da relación funcionarial como consecuencia da perda da nacionalidade ou xubilación por incapacidade permanente para o servizo, a persoa interesada poderá solicitar a rehabilitación da súa condición de persoal funcionario, que lle será concedida unha vez desaparecida a causa obxectiva que a motivou.

Capítulo IV

Planificación e ordenación do persoal da Administración do Parlamento de Galicia

Artigo 16º.-Obxectivos.

A Administración do Parlamento de Galicia orientará a planificación dos seus recursos humanos a un adecuado dimensionamento, optimización e distribución dos seus efectivos co fin de acadar a maior eficacia e eficiencia na prestación dos servizos.

Nos instrumentos de planificación que se adopten, estableceranse, entre outras, medidas para a adecuación dos postos de traballo ás necesidades da organización parlamentaria, capacitación, formación, promoción e mobilidade do persoal.

Artigo 17º.-Oferta de emprego público.

As necesidades de recursos humanos con asignación orzamentaria que non poidan ser cubertas co persoal existente e deban proverse mediante persoal de novo ingreso serán obxecto, de ser o caso, de aprobación dunha oferta anual de emprego público, que se publicará no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18º.-Rexistro de persoal.

1. O persoal da Administración do Parlamento de Galicia figurará inscrito no rexistro de persoal, no que constarán todos os actos e circunstancias que afecten a súa carreira administrativa.

2. O rexistro de persoal da Administración do Parlamento de Galicia coordinarase cos rexistros de persoal doutras administracións públicas.

Artigo 19º.-Relación de postos de traballo.

1. A ordenación dos postos de traballo existentes e dotados orzamentariamente realizarase a través da relación de postos de traballo, na que constarán necesariamente os seguintes datos de cada posto:

a) Denominación.

b) Situación na estrutura orgánica.

c) Forma de provisión.

d) Grupo, corpo ou escala a que pertence.

e) Nivel e complemento específico.

f) Requisitos esixidos para o seu desempeño.

2. A relación de postos de traballo será aprobada pola Mesa do Parlamento de Galicia, por proposta da letrada ou letrado oficial maior, e posteriormente publicada no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

3. A creación, modificación e supresión de postos que realice a Mesa do Parlamento de Galicia efectuarase a través da correspondente relación de postos de traballo.

Artigo 20º.-Grupos de clasificación profesional.

O persoal funcionario de carreira intégrase en corpos e por razóns da especialización en escalas, clasificándose, de acordo coa titulación esixida para o ingreso, nos seguintes grupos de clasificación:

-Grupo A: titulación de doutor/a, licenciado/a, enxeñeiro/a, arquitecto/a ou equivalente.

-Grupo B: titulación de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou equivalente.

-Grupo C: titulación de bacharelato, técnico/a superior en formación profesional ou equivalente.

-Grupo D: titulación de graduación en educación secundaria obrigatoria, técnico/a en formación profesional ou equivalente.

Artigo 21º.-Corpos do persoal funcionario de carreira.

Os corpos do persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia son os seguintes:

a) Corpo de letradas e letrados do Parlamento de Galicia.

b) Corpo superior do Parlamento de Galicia.

c) Corpo de xestión do Parlamento de Galicia.

d) Corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

e) Corpo auxiliar do Parlamento de Galicia.

Artigo 22º.-Escalas e prazas singulares.

1. As escalas existentes na Administración do Parlamento de Galicia son as seguintes:

a) A escala técnica de publicacións, que se integra no corpo superior do Parlamento de Galicia.

Corresponderanlle a esta escala as funcións de redacción, corrección e tradución das publicacións, textos e documentos xerados na actividade parlamentaria e nas unidades administrativas da Cámara.

b) A escala de tecnoloxías da información, que se integra no corpo superior do Parlamento de Galicia.

Corresponderanlle a esta escala as funcións de planificación, coordinación e xestión superior dos sistemas informáticos e audiovisuais e das redes de comunicación do Parlamento de Galicia.

c) A escala técnica superior de documentación, que se integra no corpo superior do Parlamento de Galicia.

Corresponderanlle a esta escala as funcións de organización, coordinación e xestión superior dos fondos bibliográficos e documentais e do arquivo do Parlamento de Galicia.

d) A escala técnica de xestión de documentación, que se integra no corpo de xestión do Parlamento de Galicia.

Corresponderanlle a esta escala as funcións de apoio técnico e xestión dos fondos bibliográficos e documentais e do arquivo do Parlamento de Galicia.

e) A escala superior de intervención, que se integra no corpo superior do Parlamento de Galicia.

Corresponderanlle a esta escala as funcións de dirección, planificación, coordinación, xestión e control da actividade económico-financeira da Cámara, así como a organización e dirección da contabilidade pública.

2. Para o ingreso nas anteriores escalas requirirase estar en posesión da titulación universitaria relativa ás especialidades propias de cada escala, segundo se determine na relación de postos de traballo.

3. A Mesa do Parlamento poderá crear dentro de cada corpo, cando así fose necesario por razóns de especialización, novas escalas.

A creación comportará a determinación da súa denominación, funcións e nivel de titulación ou titulacións concretas que se esixa para ingresar nela.

4. O persoal funcionario de carreira pertencente a unha escala poderá participar, segundo se determine nas correspondes convocatorias, nos sistemas de provisión de postos correspondentes ao seu corpo, sempre e cando cumpra os requisitos e condicións esixidos nelas.

5. Cando como consecuencia das facultades de autoorganización da Administración parlamentaria fora preciso suprimir postos correspondentes a algunha escala, asignaráselle ao persoal funcionario que os estivese desempeñando outro posto correspondente ao seu corpo.

Artigo 23º.-Corpo de letradas e letrados do Parlamento de Galicia.

1. Correspóndenlle ao corpo de letradas e letrados do Parlamento de Galicia as funcións de asesoramento xurídico e técnico á Presidencia e á Mesa da Cámara e mais ás mesas das comisións e ás ponencias, así como a redacción, de conformidade cos acordos adoptados por eses órganos, das resolucións, informes e ditames e o levantamento de actas correspondentes; a representación e defensa do Parlamento de Galicia perante os órganos xurisdicionais e o Tribunal Constitucional; as funcións de estudo de nivel superior; e, se é o caso, as funcións de dirección da Administración parlamentaria que lle fosen encomendadas e conforme se determine no Regulamento de organización e funcionamento e nas correspondentes relacións de postos de traballo.

2. O corpo de letradas e letrados do Parlamento de Galicia clasifícase no grupo profesional A e para ingresar nel requírese estar en posesión do título de doutor/a ou licenciado/a en dereito.

Artigo 24º.-Corpo superior do Parlamento de Galicia.

1. Correspóndenlle ao corpo superior do Parlamento de Galicia as funcións de asistencia e asesoramento facultativo superior propio da especialidade correspondente e mais a elaboración de informes, estudos, desenvolvementos técnicos, proxectos normativos e propostas, así como o exercicio de funcións directivas na Administración da Cámara segundo se determine na relación de postos de traballo.

2. O corpo superior do Parlamento de Galicia clasifícase no grupo profesional A.

3. As bases das probas selectivas para ingresar no corpo superior do Parlamento de Galicia determinarán a titulación específica e a especialidade que, se é o caso, deban esixirse para o desempeño dos postos correspondentes.

Artigo 25º.-Corpo de xestión do Parlamento de Galicia.

1. Correspóndenlle ao corpo de xestión do Parlamento de Galicia as funcións de asesoramento facultativo propio da especialidade correspondente; a xestión administrativa e a elaboración de informes, estudos, desenvolvementos técnicos e propostas; e a xefatura das unidades segundo se determine na relación de postos de traballo.

2. O corpo de xestión do Parlamento de Galicia clasifícase no grupo profesional B.

3. As bases das probas selectivas para ingresar no corpo de xestión do Parlamento de Galicia determinarán a titulación específica e a especialidade que, se é o caso, deban esixirse para o desempeño dos postos correspondentes.

Artigo 26º.-Corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

1. Correspóndenlle ao corpo administrativo do Parlamento de Galicia o desempeño de funcións de tramitación administrativa e colaboración, preparatorias, complementarias e derivadas de funcións superiores; a atención de secretarías, a asistencia administrativa, a realización de tarefas de taquigrafía, mecanografía, rexistro, arquivo, tratamento de textos e outras aplicacións informáticas; traballos de edición e transcrición; e calquera outra semellante ou necesaria para o desenvolvemento delas.

2. O corpo administrativo do Parlamento de Galicia clasifícase no grupo profesional C.

Artigo 27º.-Corpo auxiliar do Parlamento de Galicia.

1. Correspóndenlle ao corpo auxiliar do Parlamento de Galicia a realización das tarefas de vixilancia e custodia no interior do Parlamento; o control de tránsito interno, atención e acompañamento de persoas; a asistencia e auxilio durante as sesións e reunións dos órganos da Cámara; a telefonía, correspondencia, reprodución, transporte e distribución de documentos; a prestación de servizos axeitados á natureza das funcións do corpo en arquivos, bibliotecas ou almacéns; a condución de vehículos oficiais; o cumprimento das mensaxes e ordes recibidas en materias relativas ás funcións da Cámara; a colaboración nos actos protocolarios que se organicen no Parlamento de Galicia; as tarefas de apoio ás unidades administrativas ou á actividade parlamentaria que se lle encomende; e calquera outra semellante ou necesaria para o desenvolvemento delas.

2. O corpo auxiliar do Parlamento de Galicia clasifícase no grupo profesional D.

Capítulo V

Provisión de postos e mobilidade

Artigo 28º.-Concurso de méritos.

O sistema ordinario de provisión de postos de traballo será o concurso, que, de ser o caso, terá carácter anual, e no que serán tidos en conta os méritos esixidos na correspondente convocatoria, entre os que constarán o grao persoal, a antigüidade, o traballo desenvolvido en anteriores postos e a formación relativa ao contido dos postos que se van cubrir, como mínimo.

O persoal funcionario de carreira que accedera a un posto de traballo cuxa provisión sexa o sistema de concurso poderá ser removido del por causas sobrevidas ou de supresión ou alteración do deseño do posto de traballo por razóns xustificadas, a través das relacións de postos de traballo.

Tamén se producirá a remoción a consecuencia dunha falta de capacidade sobrevida para o seu desenvolvemento, manifestada polo rendemento insuficiente, que non comporte inhibición e que impida realizar con eficacia as funcións atribuídas. Neste caso, a remoción efectuarase logo de expediente contraditorio, mediante resolución motivada da Mesa do Parlamento, e despois de oída a Xunta de Persoal.

Artigo 29º.-Libre designación.

1. Cubriranse por este sistema os postos directivos, os de asistencia inmediata á Oficialía Maior e ás direccións e aqueloutros que atendendo as súas características especiais así se determinen nas relacións de postos de traballo.

2. A libre designación realizarase mediante convocatoria pública, na que se indicará a denominación, o nivel e localización do posto e os requisitos indispensables para o seu desempeño.

O prazo para a presentación de solicitudes será de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia. A convocatoria resolveraa a Mesa do Parlamento de Galicia, por proposta da letrada ou letrado oficial maior.

3. O persoal funcionario adscrito a un posto de traballo polo procedemento de libre designación poderá cesar con carácter discrecional por decisión do órgano competente para o seu nomeamento.

Artigo 30º.-Desempeño provisional de postos de traballo.

1. O persoal funcionario que cese nun posto de traballo de libre designación e o removido dos que ocupen por concurso ou por supresión ou alteración de postos quedará á disposición da Presidencia do Parlamento de Galicia, atribuíndoselle o desempeño provisional dun posto de traballo correspondente ao seu corpo ou escala.

2. O persoal que cese nos seus postos de traballo conforme o determinado na alínea anterior continuará percibindo durante un prazo máximo de tres meses as retribucións complementarias correspondentes ao posto que viña ocupando.

Artigo 31º.-Desempeño do posto de traballo.

O persoal ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia está obrigado a desempeñar as tarefas propias do seu posto de traballo, así como calquera outra similar ou equivalente que por necesidades do servizo se lle puidera encomendar.

A Administración parlamentaria poderalle asignar ao seu persoal funcións, tarefas ou responsabilidades distintas ás correspondentes ao posto de traballo que desempeñe sempre que resulten adecuadas á súa clasificación, grao e categoría, cando as necesidades do servizo o xustifiquen, e sen mingua nas retribucións.

Para o desenvolvemento eficaz das súas funcións e o correcto desempeño do seu posto de traballo, todo o persoal deberá utilizar os medios e recursos que a Administración do Parlamento de Galicia poña á súa disposición para un desenvolvemento eficaz das súas funcións, tales como as ferramentas ofimáticas e as demais relativas ás tecnoloxías da información.

Artigo 32º.-Comisións de servizo.

1. Poderán acordarse comisións de servizo temporais para o persoal funcionario de carreira, con dereito á reserva do seu posto de traballo, nos seguintes casos:

a) Cando un posto de traballo quede vacante, a letrada ou o letrado oficial maior poderá, no caso de necesidade, proceder a cubrilo durante un prazo máximo dun ano, ou ata a resolución do seguinte concurso, no caso de que non se cubrise con carácter definitivo, con outro funcionario ou funcionaria que reúna os requisitos establecidos na relación de postos de traballo para o seu desempeño.

b) Para participar por tempo non superior a seis meses en misións de cooperación internacional ao servizo de organismos internacionais, entidades ou gobernos estranxeiros ou programas de cooperación internacional, órganos constitucionais ou parlamentos ou asembleas lexislativas das comunidades autónomas.

c) En casos excepcionais, a letrada ou o letrado oficial maior poderalles atribuír aos funcionarios e ás funcionarias o desempeño temporal en comisión de servizos de funcións especiais que non estean asignadas especificamente aos postos incluídos nas relacións de postos de traballo, ou para a realización de tarefas que, por causa do seu maior volume temporal ou outras razóns conxunturais, non poidan ser atendidas con suficiencia polos funcionarios ou funcionarias que desempeñen con carácter permanente os postos de traballo que teñan asignadas as ditas tarefas.

En tal suposto continuarán percibindo as retribucións correspondentes ao seu posto de traballo, sen prexuízo da percepción das indemnizacións por razón do servizo a que teñan dereito, se é o caso.

2. As comisións de servizo serán desempeñadas voluntariamente, agás en supostos excepcionais, cando existan necesidades de servizo debidamente xustificadas, que terán carácter forzoso.

As comisións de servizo de carácter forzoso terán unha duración máxima de seis meses prorrogables por outros seis, asignaranse baixo criterios obxectivos e serán, sempre que sexa posible, de carácter rotatorio.

Na tramitación das comisións de servizo de carácter forzoso daráselle audiencia á Xunta de Persoal.

Artigo 33º.-Mobilidade entre administracións públicas.

Co fin de facilitar a carreira administrativa, a Administración do Parlamento de Galicia promoverá medidas a través de convenios con outras administracións públicas ou outros instrumentos que faciliten a mobilidade das súas empregadas e empregados públicos, nas que terán especial consideración os casos de mobilidade xeográfica das vítimas de violencia de xénero. Os devanditos convenios serán publicados no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

En tales convenios regularanse as consecuencias da mobilidade administrativa que implicará a integración do funcionariado do Parlamento de Galicia na administración pública de destino, e viceversa.

As empregadas e os empregados públicos procedentes doutras administracións públicas que en virtude da mobilidade interadministrativa pasasen a ocupar postos de traballo na Administración do Parlamento de Galicia integraranse nela, no correspondente corpo ou escala.

Na relación de postos de traballo da Administración parlamentaria determinaranse os postos cuxa provisión poderá efectuarse co persoal funcionario de carreira procedente doutras administracións públicas.

Capítulo VI

Acceso ao emprego público

Artigo 34º.-Principios reitores do acceso ao emprego público.

1. O acceso ao emprego público no Parlamento de Galicia basearase nos principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade das convocatorias e transparencia dos procesos selectivos.

2. A oferta de emprego ou, de ser o caso, as correspondentes convocatorias garantirán a non existencia de requisitos que determinen un prexuízo para as mulleres ou para un colectivo predominantemente feminino.

3. Na composición dos órganos de selección tratarase de acadar a paridade entre mulleres e homes.

Artigo 35º.-Selección do persoal funcionario.

1. O acceso do persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia realizarase a través dos sistemas de oposición ou de concurso oposición e, excepcionalmente, por concurso.

2. Correspóndelle á Mesa do Parlamento de Galicia, por proposta da Presidencia, logo de audiencia da Xunta de Persoal, a aprobación das bases das convocatorias de selección.

3. Para ser admitido/a aos procesos selectivos convocados pola Administración do Parlamento de Galicia será necesario:

a) Posuír a nacionalidade española.

b) Estar en posesión da titulación esixida ou en condicións de obtela na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións correspondentes.

d) Ter feitos os 16 anos e non exceder da idade de xubilación forzosa.

e) Non ter sido obxecto dunha separación de servizo de calquera administración pública mediante expediente disciplinario nin dunha inhabilitación con carácter firme para o exercicio de funcións públicas.

f) Cumprir cos requisitos que se establezan en cada convocatoria.

4. Reservarase como mínimo unha cota dun 5% das prazas convocadas para a súa provisión entre persoas con discapacidade superior ao 33%. En todo caso, reservarase unha praza cando a aplicación da dita porcentaxe dea un resultado inferior á unidade, sempre que o número de prazas convocadas sexa igual ou superior a tres. As prazas correspondentes a esta cota que non se cubran incrementarán as prazas de acceso libre.

Os candidatos e as candidatas deberán reunir os requisitos esixidos na convocatoria e acreditar o grao de discapacidade e a compatibilidade no desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

5. Cando nun determinado corpo, escala, grupo ou categoría se verificase a infrarrepresentación do sexo feminino, na oferta de emprego público ou na correspondente convocatoria, segundo o caso, establecerase que, de existiren méritos iguais entre dúas ou máis persoas candidatas, serán admitidas as mulleres, agás que considerando obxectivamente todas as circunstancias concorrentes nelas existan motivos non discriminatorios para preferir ao home.

Enténdese, para estes efectos, a existencia de infrarrepresentación cando no corpo, escala, grupo ou categoría exista unha diferenza porcentual de, polo menos, vinte puntos entre o número de mulleres e o número de homes.

6. Todas as probas de acceso contemplarán no correspondente temario o estudo e a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 36º.-Selección do persoal laboral.

1. A participación nos procesos selectivos de persoal laboral esixirá a concorrencia dos requisitos enunciados no artigo anterior que sexan aplicables.

2. A contratación do persoal laboral temporal efectuarase conforme os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, axustándose ás normas de xeral aplicación a este tipo de persoal e de acordo cos criterios de selección que determine a Mesa do Parlamento de Galicia, por proposta da Presidencia.

3. Unha vez concluído o proceso selectivo, e de acordo coas bases da convocatoria, a presidenta ou o presidente da Cámara procederá á formalización dos contratos logo de acreditaren as persoas seleccionadas o cumprimento dos requisitos e das condicións da convocatoria.

4. Ao persoal laboral do Parlamento de Galicia aplicaráselle o disposto neste estatuto en ausencia dun convenio propio, en todo o que puidera resultar compatible co seu propio réxime e co previsto na lexislación laboral.

5. Todas as probas de acceso contemplarán no correspondente temario o estudo e a aplicación do principio de igualdade entre mulleres e homes.

Capítulo VII

Carreira e promoción profesional. Avaliación do desempeño

Artigo 37º.-O grao persoal.

O persoal funcionario de carreira adquirirá un grao persoal polo desempeño dun ou máis postos de nivel correspondente durante dous anos continuados ou tres con interrupción. Se durante o tempo en que se desempeña un posto se modificase o seu nivel, o tempo de desempeño computarase co nivel máis alto que tivese o dito posto, para os efectos de validación.

Non obstante, o persoal funcionario de carreira que obteña un posto de traballo superior en máis de dous niveis ao correspondente ao seu grao persoal consolidará cada dous anos de servizos continuados o grao superior en dous niveis ao que posuíse, sen que en ningún caso poida superar o correspondente ao do posto desempeñado.

A adquisición do grao persoal comporta o dereito do citado persoal a percibir, calquera que sexa o posto de traballo que desempeñe, o complemento de destino correspondente ao seu grao persoal. De existiren postos de traballo do mesmo nivel que teñan asignados diferentes complementos de destino, ese dereito entenderase referido á contía do complemento de destino asociado ao posto efectivamente desempeñado, sempre e cando se cumpra o resto dos requisitos e condicións establecidos neste artigo.

Aos postos de traballo que teñan a consideración de altos cargos seralles aplicable o disposto no artigo 33.2º da Lei de orzamentos xerais do Estado para 1991.

Artigo 38º.-Intervalos de niveis.

Os intervalos de niveis dos postos de traballo que correspondan a cada corpo ou escala, de acordo co grupo en que se encontren clasificados, serán os seguintes:

Ver referencia pdf "24800D001P006.PDF"

O persoal funcionario de carreira non poderá desempeñar postos de traballo non incluídos nos niveis do intervalo correspondente ao grupo en que figura clasificado o seu corpo ou escala.

Artigo 39º.-Promoción interna do persoal funcionario de carreira para o acceso a un grupo inmediatamente superior.

1. En cada convocatoria reservarase a totalidade de prazas para a súa provisión mediante promoción interna por persoal funcionario de carreira pertencente ao grupo inmediatamente inferior con titulación suficiente, sendo excluído da realización de exames sobre as materias cuxo coñecemento se acreditase co ingreso no grupo de orixe.

De non se cubriren as prazas mediante promoción interna, serán obxecto dunha convocatoria en quenda libre.

2. Para participar nas probas de promoción interna o persoal funcionario de carreira deberá ter unha antigüidade de, cando menos, dous anos no corpo ou na praza de procedencia, posuír a titulación esixida para ingresar no corpo ou na praza á que se aspira e superar as correspondentes probas selectivas.

3. A promoción interna efectuarase mediante o sistema de concurso oposición, con suxeición aos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade.

4. No suposto de que as probas de promoción interna comprendan valoración de méritos terase en conta expresamente a utilización de licenzas de maternidade, permisos de paternidade, redución de xornada ou excedencias por coidado de familiares dentro do baremo puntuable, na forma que se estableza na convocatoria.

Artigo 40º.-Promoción interna do persoal funcionario de carreira para o acceso a corpos ou escalas do mesmo grupo profesional.

En cada convocatoria reservarase a totalidade das prazas convocadas para a súa provisión por persoal funcionario de carreira pertencente a corpos do mesmo grupo con titulación suficiente, sendo excluído da realización de exames sobre as materias cuxo coñecemento se acreditase co ingreso no corpo de orixe.

De non se cubriren as prazas mediante promoción interna, serán obxecto dunha convocatoria en quenda libre.

No suposto de que as probas de promoción interna comprendan valoración de méritos terase en conta expresamente a utilización de licenzas de maternidade, permisos de paternidade, redución de xornada ou excedencias por coidado de familiares dentro do baremo puntuable, na forma que se estableza na convocatoria.

Artigo 41º.-Avaliación do desempeño.

1. A Administración do Parlamento de Galicia establecerá sistemas obxectivos que permitan avaliar a conduta profesional, o rendemento e a consecución de resultados.

2. A Administración do Parlamento de Galicia, oída a Xunta de Persoal, determinará os efectos da avaliación, en particular na percepción das retribucións complementarias previstas no artigo 52, alínea 3º.c), deste estatuto.

Capítulo VIII

Formación e perfeccionamento

Artigo 42º.-Promoción de actividades formativas.

A Administración do Parlamento de Galicia promoverá actividades de formación e perfeccionamento das súas empregadas e empregados públicos que faciliten a súa promoción profesional, a mellora na prestación nos servizos e a reciclaxe e actualización dos seus coñecementos, así como a adaptación profesional de todos os grupos funcionariais ás novas necesidades da Administración parlamentaria e, en particular, ás derivadas da implantación de novas tecnoloxías da información.

En xeral, os cursos e actividades formativas realizaranse fóra da xornada laboral, sen prexuízo dos permisos que durante a xornada laboral poidan concederse, sempre que non puidera recibirse formación noutro horario e as necesidades do servizo o permitan. Non obstante, os que teñan carácter obrigatorio para as empregadas e os empregados públicos desenvolveranse durante a xornada laboral.

As empregadas e os empregados do Parlamento poderán realizar cursos de formación durante os permisos de maternidade e paternidade, así como durante as excedencias por motivos familiares.

En todas as actividades de formación e perfeccionamento que se organicen existirá un módulo sobre igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero.

Capítulo IX

Situacións administrativas

Artigo 43º.-Clases de situacións administrativas.

1. O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia poderá encontrarse nalgunha das seguintes situacións:

a) Servizo activo.

b) Servizos especiais.

c) Servizos noutras administracións públicas.

d) Excedencia voluntaria.

e) Expectativa de destino.

f) Suspensión de funcións.

2. O persoal laboral rexerase pola normativa laboral no referente á suspensión do contrato de traballo, sen prexuízo da aplicación do réxime de situacións regulado neste estatuto.

Artigo 44º.-Servizo activo.

1. O persoal funcionario de carreira atópase na situación de servizo activo:

a) Cando preste servizos na súa condición de funcionario/a público/a na Administración do Parlamento de Galicia.

b) Cando lle fora conferida unha comisión de servizos de carácter temporal, conforme o establecido no artigo 32º deste estatuto.

2. O persoal funcionario de carreira en situación de servizo activo terá todos os dereitos, deberes e responsabilidades derivados da súa condición de funcionario/a.

Artigo 45º.-Servizos especiais.

O persoal funcionario de carreira pasará á situación de servizos especiais:

1. Cando sexa autorizado para realizar unha misión por período superior a seis meses en organismos internacionais, gobernos ou entidades públicas estranxeiras ou en programas de cooperación internacional ou nos órganos constitucionais, parlamentos ou asembleas lexislativas das comunidades autónomas.

2. Cando adquira a condición de persoal funcionario de carreira ao servizo de organizacións internacionais ou de carácter supranacional.

3. Cando sexa nomeado membro do Goberno ou dos órganos de goberno das comunidades autónomas, membros das institucións da Unión Europea ou das organizacións internacionais, ou sexa nomeado alto cargo das citadas organizacións públicas ou institucións.

4. Cando sexa nomeado para desempeñar postos ou cargos en organismos públicos ou entidades dependentes ou vinculados ás administracións públicas que, de conformidade co que estableza a respectiva administración pública, estean asimilados no seu rango administrativo a altos cargos.

5. Cando sexa elixido polas Cortes Xerais para formar parte dos órganos constitucionais ou doutros que lles corresponda ás cámaras elixir.

6. Cando sexa adscrito ao servizo do Tribunal Constitucional, do poder xudicial ou do Defensor do Pobo e comisionados parlamentarios análogos.

7. Cando acceda á condición de deputado/a ou senador/a das Cortes Xerais.

8. Cando acceda á condición de deputado/a do Parlamento galego ou de membro das asembleas lexislativas das comunidades autónomas ou cando forme parte de órganos que lle corresponda elixir ao Parlamento galego, se percibe retribucións periódicas polo desempeño da función.

Cando non perciba tales retribucións poderá optar entre permanecer na situación de servizo activo ou pasar á de servizos especiais, sen prexuízo da normativa que diten as comunidades autónomas sobre incompatibilidades dos membros de asembleas lexislativas.

9. Cando desempeñe cargos electivos retribuídos e de dedicación exclusiva nas corporacións locais.

10. Cando desempeñe postos de traballo no Gabinete da Presidencia do Parlamento.

11. Cando preste servizo nos gabinetes da Presidencia do Goberno, dos/as ministros/as e dos/as secretarios/as de Estado e non opte por permanecer na situación de servizo activo na súa administración de orixe.

12. Cando sexa nomeado para calquera cargo de carácter político ou de confianza do que derive incompatibilidade para exercer a función pública.

13. Cando preste servizo nos gabinetes da Presidencia da Xunta ou dos/as conselleiros/as, así como no resto de gabinetes da Presidencia de consellos de goberno das comunidades autónomas ou das súas respectivas consellarías e non opte por permanecer na situación de servizo activo na súa administración de orixe.

14. Cando sexa adscrito ao servizo do Valedor do Pobo, nos termos previstos na lei reguladora da dita institución.

15. Cando sexa nomeado membro do Consello de Contas de Galicia ou do Consello Consultivo.

16. Cando así se determine nunha norma con rango de lei.

17. Cando sexa designado asesor/a dos grupos parlamentarios das Cortes Xerais ou das asembleas lexislativas das comunidades autónomas.

18. Cando sexa activado como reservista voluntario para prestar servizos nas Forzas Armadas.

Artigo 46º.-Efectos da situación de servizos especiais.

1. Ao persoal funcionario de carreira en situación de servizos especiais computaráselle o tempo que permaneza en tal situación para os efectos de ascensos, trienios e dereitos pasivos. Poderá, ademais, participar nos concursos para a provisión de postos de traballo.

En todos os casos percibirá as retribucións do posto ou cargo efectivo que desempeñe e non as que lle correspondan como persoal funcionario de carreira. Excepcionalmente, e cando as retribucións polos trienios que tivese recoñecidos non puideran, por causa legal, ser percibidas con cargo aos correspondentes orzamentos, deberá ser retribuído en tal concepto polo Parlamento de Galicia.

2. Ao persoal funcionario de carreira na situación de servizos especiais reservaráselle a praza de destino que ocupase, segundo os seguintes criterios:

a) Cando o posto de traballo desempeñado con anterioridade fora obtido mediante o sistema de libre designación, a reserva será dun posto correspondente ao seu grao persoal. Se o posto de traballo de orixe fose desempeñado por outro/a funcionario/a en comisión de servizos ou permanecese vacante, terá dereito ao dito posto.

b) Cando o posto de traballo fose dos singularizados e fora obtido mediante concurso, reservarase un posto de igual nivel e retribución.

Os postos que se deban reservar para a súa provisión polo persoal funcionario en situación de servizos especiais poderán ser desempeñados, mentres tanto, ben por comisión de servizos ou ben por persoal interino.

Artigo 47º.-Servizos noutras administracións públicas.

O persoal funcionario de carreira que, por medio dos sistemas de concurso, libre designación, transferencia ou adscrición provisional, se é o caso, pase a ocupar postos de traballo noutras administracións públicas someterase ao réxime estatutario vixente na administración en que estea destinado, séndolle aplicable a lexislación en materia de función pública dela, pero conservará a súa condición de persoal funcionario de carreira do Parlamento de Galicia en situación de servizo noutras administracións públicas.

Ese persoal, cando deixe de ocupar postos de traballo nas outras administracións públicas, solicitará o reingreso ao Parlamento de Galicia no prazo máximo dun mes. De non efectuar tal solicitude, pasará á situación administrativa de excedencia voluntaria por interese particular.

No suposto de estar incurso en expediente disciplinario no momento do seu pase a outras administracións públicas, a imposición da sanción de separación do servizo corresponderalles aos órganos competentes da Administración parlamentaria.

Artigo 48º.-Excedencia voluntaria.

O persoal funcionario de carreira será declarado en situación de excedencia voluntaria nos seguintes casos:

1. Por incompatibilidade:

Procederá declarar, de oficio ou a instancia de parte, en situación de excedencia voluntaria ao dito persoal funcionario de carreira cando se atope en situación de servizo activo noutro corpo ou escala da Administración do Parlamento de Galicia ou de calquera das administracións públicas, a non ser que obtivera a oportuna compatibilidade ou pase a prestar servizos en organismos ou entidades do sector público e non lle corresponda quedar noutra situación.

2. Por interese particular:

a) Poderáselle conceder igualmente a excedencia voluntaria ao dito persoal cando o solicite por interese particular, non o impidan as necesidades do servizo e non estivese sometido a expediente disciplinario ou pendente do cumprimento dunha sanción disciplinaria.

Para solicitar o pase á situación prevista nesta letra será preciso ter prestados servizos efectivos en calquera das administracións públicas durante os dous anos inmediatamente anteriores e nela non se poderá permanecer menos de dous anos continuados.

Procederá así mesmo declarar en excedencia voluntaria ao dito persoal cando, terminada a causa que determinou o pase a unha situación distinta á de servizo activo, incumpra a obriga de solicitar o reingreso no prazo establecido regulamentariamente.

O indicado persoal que preste servizos en organismos ou entidades que queden excluídos da consideración do sector público para os efectos da declaración de excedencia voluntaria contemplada no punto 1 deste artigo será declarado na situación de excedencia voluntaria regulada neste punto, sen que lle sexan aplicables os prazos de permanencia nela.

b) Pasará tamén á situación de excedencia voluntaria por interese particular cando cesase na situación de servizos especiais e non solicitase o reingreso no servizo activo no prazo de trinta días desde tal cesamento.

A persoa excedente voluntaria por interese particular á que, solicitado o reingreso, non se lle conceda por falta de posto vacante con dotación orzamentaria continuará na situación de excedencia voluntaria ata que se produza aquel.

3. Por agrupación familiar:

Poderáselles conceder a excedencia voluntaria por agrupación familiar, cunha duración mínima de dous anos e máxima de quince, aos funcionarios e ás funcionarias cando o seu cónxuxe resida noutro municipio por obter e estar desempeñando un posto de traballo de carácter definitivo como funcionario/a de carreira ou como laboral en calquera administración pública ou organismo autónomo.

O excedente voluntario por algunha das tres causas anteriores non terá dereito á reserva de praza nin devengará retribucións, nin lle será computado o tempo permanecido en tal situación para efectos de ascensos, trienios e dereitos pasivos.

4. Excedencia para o coidado de fillos/as e familiares:

O indicado persoal terá dereito a un período de excedencia, de duración non superior a tres anos, para atender o coidado de cada fillo/a, tanto cando sexa por natureza como por adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, contado desde a data de nacemento ou, se é o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terá dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, para atender o coidado dun ou dunha familiar que se atope ao seu cargo, ata o segundo grao inclusive de consanguinidade ou afinidade, que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade ou discapacidade, non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

O período de excedencia será único por cada suxeito causante. Cando un novo suxeito causante dera orixe a unha nova excedencia, o inicio do período dela poñerá fin á que se viñera gozando.

Esta excedencia constitúe un dereito individual. No caso de que dúas funcionarias ou dous funcionarios xeraran o dereito a gozalo polo mesmo suxeito causante, a administración poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas relacionadas co funcionamento dos servizos.

O excedente por causa de coidado de fillos/as e familiares non devengará retribucións, pero o período de permanencia nesta situación computarase para efectos de trienios, de consolidación do grao persoal e dos dereitos pasivos. Durante os dous primeiros anos terá dereito á reserva do posto de traballo que desempeñaba. Transcorrido este período, a dita reserva será para un posto de igual nivel e retribución.

5. Excedencia por razón de violencia sobre o persoal funcionario.

O persoal funcionario vítima de violencia de xénero, para facer efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terá dereito a solicitar a situación de excedencia sen necesidade de ter prestado un tempo mínimo de servizos previos e sen que resulte aplicable ningún prazo de permanencia nela. Durante os seis primeiros meses terá dereito á reserva do posto de traballo que desempeñara, sendo computable o dito período para efectos de ascensos, trienios e dereitos pasivos.

Non obstante, cando das actuacións de tutela xudicial resultase que a efectividade do dereito de protección da vítima o esixe, poderase prorrogar por períodos de tres meses, cun máximo de dezaoito, o período no que, de acordo co parágrafo anterior, se terá dereito á reserva do posto de traballo, con idénticos efectos aos sinalados no dito parágrafo.

Durante os dous primeiros meses desta excedencia o persoal funcionario que estea nesta situación terá dereito a percibir as retribucións íntegras e, de ser o caso, as prestacións familiares por fillo a cargo.

Artigo 49º.-Expectativa de destino.

1. Declararase a situación de expectativa de destino nos casos en que sexa imposible obter o reingreso ao servizo activo cando o persoal funcionario cese na situación de excedencia voluntaria para o coidado de fillos/as e familiares ou suspensión firme.

2. Quen se encontre nesta situación terá dereito a percibir as retribucións básicas que lle correspondan en concepto de soldo e antigüidade, así como o aboamento do tempo que permaneza na dita situación para efectos pasivos e do cómputo da antigüidade. Estará á disposición da Administración do Parlamento de Galicia para o desempeño de funcións de suplencia ou substitución propias do grupo profesional ou corpo ao que pertenza.

Artigo 50º.-Suspensión de funcións.

1. A suspensión de funcións pode ter carácter provisional ou firme. O persoal funcionario declarado en tal situación quedará privado temporalmente do exercicio das súas funcións e dos dereitos inherentes á súa condición.

2. A suspensión provisional poderá acordarse preventivamente, por un período non superior a seis meses, durante a tramitación do procedemento penal ou expediente disciplinario, por posible comisión de faltas graves, que lle instrúa ao persoal funcionario a autoridade competente.

3. Durante o tempo de suspensión provisional o persoal funcionario percibirá as retribucións básicas que lle correspondan.

4. Se o persoal funcionario resultase absolto no procedemento criminal ou expediente disciplinario, ou se a sanción que se lle impuxese fose inferior á suspensión, o tempo de duración desta computaráselle como servizo activo, debendo reincorporarse inmediatamente ao seu posto de traballo, con recoñecemento de todos os dereitos económicos e demais que procedan desde a data de efectividade da suspensión.

5. A suspensión terá carácter firme cando se impoña en virtude de condena criminal ou sanción disciplinaria. A súa duración non poderá exceder de seis anos.

6. Ao persoal funcionario en situación de suspenso de funcións con carácter firme non se lle reservará a praza nin o destino.

Artigo 51º.-Reingreso ao servizo activo.

1. O reingreso ao servizo activo do persoal funcionario de carreira que non teña reservada unha praza efectuarase necesariamente con ocasión da existencia dun posto vacante e mediante a súa participación nas convocatorias de concurso ou de libre designación para a provisión de postos de traballo.

Así mesmo, o reingreso poderá efectuarse por adscrición a un posto, que terá necesariamente o carácter de provisional, condicionado ás necesidades do servizo e sempre que se reúnan os requisitos para o desempeño do posto.

O posto asignado con carácter provisional convocarase para a súa provisión definitiva no prazo máximo dun ano, e o/a funcionario/a reingresado/a con destino provisional terá a obriga de participar na convocatoria.

No suposto de incumprir a obriga de participar no concurso no que se inclúa o posto que ocupa provisionalmente, será declarado de oficio na situación de excedencia voluntaria.

2. Quen se atope en situación de suspensión de funcións en firme, neste caso ao ter cumprido o tempo de suspensión, está obrigado a solicitar o reingreso, que lle será concedido, se existiran vacantes, con carácter provisional e ata que obteña destino con carácter definitivo, a través de concurso de traslados, estando obrigado a participar en todos os que se convoquen ata que iso se produza, e de non facelo será declarado en situación de excedencia voluntaria por interese particular.

3. A orde de prelación no reingreso ao servizo activo será a seguinte:

a) Suspensos/as.

b) Excedentes voluntarios/as das alíneas 5, 4, 3, 1 e 2 do artigo 48º deste estatuto, por esta orde.

c) Declarados/as en situación de servizos noutras administracións públicas.

Capítulo X

Sistema retributivo

Artigo 52º.-Retribucións do persoal funcionario de carreira.

1. As retribucións do persoal funcionario de carreira clasifícanse en básicas e complementarias.

2. Son retribucións básicas:

a) O soldo asignado a cada grupo profesional.

b) Os trienios, que consisten nunha cantidade que será igual para cada grupo profesional, por cada tres anos de servizo.

Cando o persoal funcionario preste servizos sucesivamente en diferentes grupos, terá dereito a seguir percibindo os trienios devengados nos anteriores co valor correspondente a aquel en que se perfeccionaron.

Cando se cambie de adscrición de grupo antes de completar un trienio, a fracción do tempo transcorrida considerarase como tempo de servizos prestados no novo grupo.

c) As pagas extraordinarias, que serán dúas ao ano, por importe cada unha dunha mensualidade de retribucións básicas e complementarias, que se farán efectivas nos meses de xuño e decembro.

3. Son retribucións complementarias:

a) O complemento de destino correspondente ao nivel do posto que se desempeñe.

b) O complemento específico, destinado a retribuír as condicións particulares dos postos atendendo a súa especial dedicación, responsabilidade, incompatibilidade, perigosidade ou penosidade. En ningún caso poderá asignarse máis dun complemento específico a cada posto de traballo.

c) O complemento de produtividade, destinado a retribuír o especial rendemento, a actividade extraordinaria e o interese ou a iniciativa coa que se desempeñe o traballo.

Para a asignación deste complemento requirirase a existencia de sistemas obxectivos que permitan avaliar o desempeño ou medir o rendemento.

As cantidades que perciba o persoal funcionario por este concepto serán públicas.

d) As gratificacións por servizos extraordinarios, fóra da xornada normal, que en ningún caso poderán ser fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo.

4. O persoal funcionario de carreira percibirá as indemnizacións correspondentes por razón do servizo.

Artigo 53º.-Retribucións do persoal funcionario interino.

1. O persoal funcionario interino percibirá as retribucións básicas correspondentes ao grupo de adscrición e as retribucións complementarias correspondentes ao posto de traballo que desempeñe.

2. Recoñeceráselle os trienios correspondentes aos servizos prestados antes da entrada en vigor deste estatuto, que terán efectos retributivos unicamente a partir da súa entrada en vigor.

Artigo 54º.-Retribucións do persoal laboral.

As retribucións do persoal laboral determinaranse a través da negociación colectiva e nas cláusulas dos seus contratos, respectando as regras da lexislación laboral común.

Artigo 55º.-Dedución de retribucións.

1. Sen prexuízo da sanción disciplinaria que poida corresponder, a parte da xornada non realizada dará lugar á dedución proporcional de haberes, que non terá carácter sancionador.

2. Quen exercite o dereito de folga non devengará nin percibirá as retribucións correspondentes ao tempo en que permanecese nesa situación, sen que a dedución de haberes que se efectúe teña carácter de sanción disciplinaria nin afecte ao réxime respectivo das súas prestacións sociais.

Artigo 56º.-Relación de proporcionalidade entre retribucións.

As retribucións do persoal funcionario deberán gardar entre si a seguinte relación de proporcionalidade:

a) Non poderá existir unha diferenza superior á proporción de 1 a 3 entre as retribucións básicas dos membros dos corpos que as teñan menores e maiores, respectivamente.

b) En igualdade de condicións de antigüidade e prestación de servizos e destino, non poderá existir unha diferenza superior á proporción de 1 a 4 entre as retribucións globais totais íntegras dos membros dos corpos que as teñan menores e maiores, respectivamente.

Capítulo XI

Vacacións, licenzas e permisos

Artigo 57º.-Vacacións.

1. O persoal funcionario terá dereito a gozar dunha vacación retribuída dun mes ou dos días que en proporción lle correspondan se o tempo de servizo foi menor.

2. Así mesmo, terá dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo, engadíndose un día hábil ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un máximo de catro. Non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais.

Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior.

3. O calendario de vacacións elaborarase anualmente, téndose en conta as necesidades dos servizos.

4. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación poderán acumularse ao período de vacacións, mesmo despois da finalización do ano natural, ao que aquelas correspondan.

5. Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou maiores dependentes ao seu coidado.

Artigo 58º.-Licenzas.

Poderán concederse licenzas nos seguintes casos e condicións:

1. Por matrimonio, o persoal funcionario terá dereito a unha licenza retribuída de quince días naturais ininterrompidos.

2. Por embarazo, nas condicións e duración previstas na lexislación xeral.

3. Por asuntos propios poderán concederse licenzas sen retribución dunha duración acumulada que non poderá exceder de seis meses cada dous anos. A concesión de licenzas por asuntos propios subordinarase, en todo caso, ás necesidades do servizo.

4. As licenzas por enfermidade fixaranse de acordo co réxime da Seguridade Social a que pertenza o/a funcionario/a.

5. Poderán concederse licenzas para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa administración pública, logo do informe favorable do/a superior/a xerárquico/a, devengando o/a funcionario/a as retribucións básicas e o complemento familiar.

Se as licenzas se concedesen por interese do Parlamento de Galicia, os/as funcionarios/as terán dereito a percibir a totalidade das súas retribucións.

Artigo 59º.-Permisos.

1. Concederanse permisos polas seguintes causas xustificadas:

a) Polo nacemento, acollida ou adopción dun fillo ou filla e polo falecemento, accidente ou enfermidade grave dun ou dunha familiar dentro do primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, tres días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e cinco días hábiles cando sexa en distinta localidade.

Cando se trate do falecemento, accidente ou enfermidade grave dun ou dunha familiar dentro do segundo grao de consanguinidade ou afinidade, o permiso será de dous días hábiles cando o suceso se produza na mesma localidade e catro días hábiles cando sexa en distinta localidade.

b) Por traslado de domicilio sen cambio de residencia, un día na mesma localidade e dous días se hai cambio de localidade. Se a unidade familiar está composta por dous ou máis membros, o permiso será de dous días, sen cambio de localidade, e catro se existe cambio.

c) Para realizar funcións sindicais, de formación sindical ou de representación do persoal, nos termos legalmente establecidos.

d) Para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude e avaliación en centros oficiais, durante os días da súa celebración, máis o tempo imprescindible para o desprazamento, se é o caso.

e) O persoal funcionario cun fillo ou filla menor de doce meses terá dereito a unha hora diaria de ausencia do traballo. Este período de tempo poderá dividirse en dúas fraccións ou substituírse por unha redución de xornada dunha hora.

Este dereito poderá ser exercido indistintamente polo pai ou a nai, no caso de que ambos traballen.

O persoal funcionario poderá optar por substituír esta redución de xornada por unha ampliación do permiso de paternidade ou maternidade de catro semanas ininterrompidas.

f) Quen, por razóns de garda legal, teña ao seu coidado directo algún ou algunha menor de doce anos, unha persoa de idade avanzada que requira especial dedicación ou unha persoa diminuída psíquica ou física que non desempeñe actividade retribuída terá dereito a unha diminución de ata un medio da xornada de traballo, coa redución proporcional das súas retribucións.

Terá o mesmo dereito previsto no parágrafo anterior o persoal funcionario que precise encargarse do coidado directo dun ou dunha familiar ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns da súa avanzada idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo e que non desempeñe actividades retribuídas.

g) O persoal funcionario ao que lle falte menos de cinco anos para cumprir a idade de xubilación forzosa ou que tendo feitos 55 anos de idade reúna trinta anos de servizos efectivos no Parlamento de Galicia ou en calquera outra administración pública poderá solicitar a redución da súa xornada de traballo ata un medio, coa conseguinte redución proporcional de retribucións. Tamén poderá solicitar esta redución de xornada, de maneira temporal, o persoal funcionario que a precise por razón de enfermidade. Concederase esta redución horaria só cando as necesidades do servizo o permitan.

Nos casos en que resulte compatible coa natureza do posto de traballo que se desempeña e coas necesidades do servizo, o persoal funcionario poderá solicitar por interese particular o recoñecemento dunha xornada reducida ininterrompida desde as 9.00 horas ata as 14.00 horas, de luns a venres, co aboamento do 75% das retribucións íntegras.

h) O persoal funcionario que teña fillos/as discapacitados/as terá dereito á flexibilización do seu horario fixo en dúas horas, de xeito que lle permita conciliar os horarios dos centros de educación especial ou outros onde o fillo ou filla recibe atención.

i) As funcionarias embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, polo tempo necesario para a súa práctica e logo da xustificación da necesidade de realización delas dentro da xornada de traballo.

j) Polo tempo indispensable, e como máximo de tres meses de duración, nos supostos de adopción internacional cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ou nais ao país de orixe do adoptado ou adoptada.

O persoal que goce deste permiso percibirá tan só as retribucións básicas mentres dure aquel.

k) Polo tempo necesario para someterse a técnicas de fecundación asistida e logo da xustificación da necesidade dentro da xornada de traballo.

l) Polo tempo indispensable para efectuar revisións médicas e acompañar ás revisións médicas a fillas e fillos, cónxuxes ou parellas de feito e ás persoas maiores ao seu cargo. Este permiso concederase cando sexa imprescindible e requirirá ademais da posterior xustificación documental de tales circunstancias e a acreditación da imposibilidade de acudir fóra da xornada laboral.

m) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal.

n) O persoal funcionario que participe como candidato en campañas electorais terá dereito a un permiso durante o tempo que duren estas, con plenitude de dereitos económicos.

2. Poderá dispoñerse de ata nove días ao ano, como máximo, de permiso para asuntos persoais sen xustificación, atendendo sempre as necesidades do servizo.

Ademais destes días, o persoal funcionario terá dereito ao gozo de dous días adicionais ao cumprir o sexto trienio, incrementándose nun día adicional por cada trienio cumprido a partir do oitavo.

3. No suposto de parto, a duración do permiso será de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no caso de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do/a segundo/a. O permiso distribuirase a opción da funcionaria sempre e cando seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto.

No caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se é o caso, da parte que reste do permiso.

Malia o anterior, e sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao parto de descanso obrigatorio para a nai, no caso de que a nai e o pai traballen, esta, ao iniciar o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai goce dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto, ben de xeito simultáneo ou sucesivo co da nai, agás que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para a súa saúde.

Nos casos de parto prematuro e naqueles en que, por calquera outra causa, o/a neonato/a tivera que permanecer hospitalizado/a a continuación do parto, o permiso poderá computarse, por instancia da nai ou, no seu defecto, do pai, a partir da data de alta hospitalaria. Exclúense deste cómputo as primeiras seis semanas posteriores ao parto, de descanso obrigatorio para a nai.

Nos supostos de adopción ou acollida, tanto preadoptiva como permanente, de menores de ata seis anos, o permiso terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliables no suposto de adopción e acollida múltiple en dúas semanas máis por cada fillo/a a partir do/a segundo/a, contado por elección do persoal funcionario, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollida ou ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción. A duración do permiso será, así mesmo, de dezaseis semanas nos supostos de adopción ou acollida de menores maiores de seis anos de idade cando se trate de menores discapacitados/as ou minusválidos/as ou que por circunstancias ou experiencias persoais ou por proviren do estranxeiro teñan especiais dificultades de inserción social e familiar, debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes.

No caso de que a nai e o pai traballen, o permiso distribuirase por opción das persoas interesadas, que poderán gozalo de forma simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos.

Nos casos de gozo simultáneo de períodos de descanso, a suma destes non poderá exceder das dezaseis semanas previstas nas alíneas anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os permisos a que se refire esta alínea poderán gozarase no réxime de xornada completa ou a tempo parcial, por solicitude do persoal funcionario, e se o permiten as necesidades do servizo, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ou nais ao país de orixe do adoptado ou adoptada, o permiso previsto para cada caso neste artigo poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución pola que se constitúe a adopción.

4. O funcionario terá dereito a un permiso de paternidade, sexa cal sexa a situación laboral da nai, de quince días naturais de duración, computable desde o nacemento, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente. O dito permiso será acumulable a calquera outro dereito recoñecido na normativa de aplicación, inclusive o permiso de nacemento. O permiso de paternidade computarase desde a finalización do permiso de nacemento no caso de se acumularse a el.

O pai non terá dereito ao permiso se as persoas proxenitoras non estiveran casadas nin estiveran unidas de feito en análoga relación de afectividade ou se non se lle recoñeceu, en resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio iniciado antes do gozo do permiso, a garda do/a neonato/a. En todos eses casos a nai, se fora persoal ao servizo do Parlamento de Galicia, poderá utilizar, calquera que sexa a situación laboral do pai, este permiso con carácter ininterrompido desde a finalización do permiso de maternidade. Tamén poderá utilizalo, en iguais termos, se o pai falecera antes do gozo íntegro do dito permiso ou se a filiación paterna non estivera determinada.

5. Nos casos nos que as funcionarias vítimas de violencia de xénero tiveran que ausentarse por isto do seu posto de traballo, estas faltas de asistencia, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións en que así o determinen os servizos sociais de atención ou saúde, segundo proceda.

As funcionarias vítimas de violencia sobre a muller, para faceren efectiva a súa protección ou o seu dereito á asistencia social integral, terán dereito á redución da xornada coa diminución proporcional da retribución ou á reordenación do tempo de traballo, a través da adaptación do horario, da aplicación do horario flexible ou doutras formas de ordenación do tempo de traballo que lles poidan ser aplicadas, nos termos que para estes supostos estableza a Administración do Parlamento de Galicia.

6. Para atender o coidado dun ou dunha familiar en primeiro grao, por razón de enfermidade moi grave, o persoal funcionario terá dereito a solicitar unha redución de ata o cincuenta por cento da xornada laboral, de carácter retribuído, polo prazo máximo dun mes, prorrogable en circunstancias excepcionais, e atendendo a extrema gravidade da enfermidade padecida, ata un período máximo de dous meses.

Capítulo XII

Representación, participación, negociación colectiva e dereito de reunión

Artigo 60º.-Natureza da Xunta de Persoal.

A Xunta de Persoal é o órgano colexiado de representación do persoal funcionario ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia perante os seus órganos de dirección, nos termos establecidos neste estatuto.

Artigo 61º.-Composición da Xunta de Persoal.

1. A Xunta de Persoal está composta polo número de membros que determina a normativa específica aplicable e elixirá de entre eles unha presidenta ou presidente e unha secretaria ou secretario.

2. A Xunta de Persoal elaborará o seu propio Regulamento de réxime interior, do que lle remitirá copia, así como das súas modificacións, á Mesa do Parlamento de Galicia. O regulamento e as súas modificacións deberanse aprobar cos votos favorables de, cando menos, os dous terzos dos seus membros.

Artigo 62º.-Facultades.

Correspóndenlle á Xunta de Persoal as seguintes facultades:

1. Ser informada, trimestralmente, sobre a política de persoal da Administración do Parlamento de Galicia, tendo dereito, neste sentido, a solicitar e recibir canta documentación sexa necesaria para o exercicio da súa función.

2. Emitir informe, por solicitude da Administración parlamentaria, sobre as seguintes materias:

a) Traslado total ou parcial das instalacións.

b) Plans de formación de persoal.

c) Implantación ou revisión dos sistemas de organización e dos métodos de traballo.

3. Ser informada de todas as sancións impostas por faltas moi graves.

4. Ter coñecemento e ser oída nas seguintes materias:

a) Establecemento da xornada laboral e do horario de traballo.

b) Réxime de permisos, vacacións e licenzas.

c) Cantidades que perciba o persoal funcionario como complemento de produtividade.

5. Ser informada, cando menos trimestralmente, das estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, dos accidentes en acto de servizo e as enfermidades profesionais e as súas consecuencias, dos índices de sinistralidade, réxime e aplicación das incompatibilidades, dos estudos periódicos ou especiais do ambiente e das condicións de traballo, así como dos mecanismos de prevención que se utilizan.

A totalidade das estatísticas e investigacións que se realicen con eventual repercusión en cuestións de xénero desagregarán os seus datos atendendo o sexo e as circunstancias vinculadas ao xénero, como a asunción de cargas parentais e familiares.

6. Vixiar o cumprimento das normas vixentes en materia de condicións de traballo, Seguridade Social e emprego e mais exercer, se é o caso, as accións legais oportunas perante os organismos competentes.

7. Vixiar e controlar as condicións de seguranza e hixiene no traballo.

8. Colaborar coa Administración parlamentaria para conseguir o establecemento de cantas medidas procuren o mantemento ou o incremento da produtividade.

9. Participar na xestión de obras sociais para o persoal establecidas na Administración parlamentaria.

10. Informar os seus representados e representadas en todos os temas e cuestións aos que se refire a súa actuación.

Artigo 63º.-Lexitimación e deber de sixilo.

1. Recoñéceselle á Xunta de Persoal, colexiadamente, e por decisión maioritaria dos seus membros, lexitimación para iniciar, como parte interesada, os correspondentes procedementos administrativos e exercer as accións en vía administrativa ou xudicial en todo o relativo ao ámbito das súas funcións.

2. A Xunta de Persoal, así como os seus membros, observarán sixilo profesional en todo o referente aos temas que a Mesa do Parlamento de Galicia sinale expresamente como de carácter reservado, aínda despois de rematar o mandato. En todo caso, ningún documento entregado pola Administración parlamentaria poderá utilizarse fóra do estrito ámbito desta ou para fins distintos aos que motivaron a súa entrega.

Artigo 64º.-Garantías e dereitos.

1. Os membros da Xunta de Persoal, como representantes legais do persoal funcionario, dispoñerán no exercicio da súa función representativa das seguintes garantías e dereitos:

a) Ao acceso e á libre circulación polas dependencias administrativas do Parlamento de Galicia, sen que perturben o normal funcionamento dos correspondentes servizos.

b) Á distribución libre nesas mesmas dependencias de todo tipo de publicacións, xa se refiran a cuestións profesionais ou sindicais, sen perturbar o normal funcionamento da actividade funcionarial.

c) A ser oída nos expedientes disciplinarios aos que puidesen ser sometidos os seus membros durante o tempo do seu mandato e durante o ano inmediatamente posterior, sen prexuízo da audiencia á persoa interesada regulada no procedemento sancionador.

d) A un crédito de horas mensuais dentro da xornada de traballo e retribuídas como de traballo efectivo, para utilizaren en actividades sindicais relacionadas co persoal ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia, de acordo coa seguinte escala:

-Ata 100 funcionarios/as: 15.

-De 101 a 200 funcionarios/as: 20.

Os membros da Xunta de Persoal poderán proceder, con carácter extraordinario e logo de comunicación ao órgano competente en materia de persoal, á súa acumulación, sempre que esta se produza dentro do mes natural.

e) A non seren trasladados nin sancionados durante o exercicio das súas funcións nin dentro do ano seguinte á expiración do seu mandato, agás no caso de que se produza por revogación ou dimisión, sempre que o traslado ou a sanción se baseen na acción da funcionaria ou funcionario no exercicio da súa representación.

f) Así mesmo, non poderán ser discriminados na súa promoción económica ou profesional en razón, precisamente, do desempeño da súa representación.

2. A Administración do Parlamento de Galicia facilitaralle á Xunta de Persoal os medios materiais para levar a cabo as súas funcións.

Artigo 65º.-Mesa de Negociación da Administración do Parlamento de Galicia.

A participación na determinación das condicións de traballo do persoal da Administración do Parlamento de Galicia efectuarase mediante a constitución dunha Mesa de Negociación na que estarán presentes as persoas representantes da Administración parlamentaria e a Xunta de Persoal, así como unha persoa representante de cada un dos sindicatos máis representativos no ámbito do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 66º.-Convocatoria de Mesa de Negociación.

A Mesa de Negociación reunirase, cando menos, unha vez ao ano e, en todo caso, cando o acorde a Mesa do Parlamento de Galicia ou o soliciten a Xunta de Persoal ou as organizacións sindicais que forman parte da Mesa de Negociación.

Artigo 67º.-Materias obxecto de negociación.

Serán obxecto de negociación, no seu ámbito respectivo e en relación coas competencias da Administración do Parlamento de Galicia, as seguintes materias:

a) O incremento das retribucións do persoal da Administración do Parlamento de Galicia que proceda incluír no proxecto de orzamentos do Parlamento de Galicia cada ano.

b) A determinación e aplicación das retribucións do persoal da Administración do Parlamento de Galicia.

c) A preparación e o deseño dos plans de oferta de emprego.

d) A clasificación dos postos de traballo.

e) A determinación dos programas e medidas para a acción de promoción interna, formación e perfeccionamento do persoal.

f) A determinación das prestacións e pensións e, en xeral, todas aquelas materias que afecten, dalgún xeito, a mellora das condicións de vida do persoal funcionario xubilado.

g) Os sistemas de ingreso, provisión e promoción profesional do persoal.

h) As propostas sobre dereitos sindicais e de participación.

i) As medidas sobre seguranza e saúde laboral.

j) As referidas ao calendario laboral, horarios, xornadas, vacacións, permisos e licenzas.

k) Todas aquelas materias que afecten, dalgún xeito, o acceso á condición de persoal da Administración do Parlamento de Galicia, a carreira administrativa, as retribucións e a Seguridade Social cuxa regulación esixa a aprobación dunha norma polos órganos competentes do Parlamento de Galicia ou da súa administración.

l) As materias de índole económica, de prestación de servizos, sindical e de participación, asistencial e, en xeral, cantas outras afecten as condicións de traballo e o ámbito de relacións do persoal e das organizacións sindicais ou profesionais coa Administración parlamentaria.

Artigo 68º.-Proceso de negociación.

O proceso de negociación abrirase na data que de común acordo fixen a Mesa do Parlamento de Galicia, a Xunta de Persoal e os sindicatos que teñan a condición de máis representativos na Comunidade Autónoma de Galicia, e comprenderá, de entre as materias relacionadas no artigo anterior, as que as partes consideren oportuno.

Artigo 69º.-Materias excluídas da negociación.

Quedan excluídas da obrigatoriedade da negociación ou consulta, se é o caso, as decisións da Cámara e da súa administración que afecten as súas potestades de organización, o exercicio do dereito da cidadanía ante o persoal funcionario, as funcións dos parlamentarios e parlamentarias e o procedemento de formación dos actos e das disposicións administrativas.

Cando as consecuencias das decisións da Administración parlamentaria que afecten as súas potestades de organización teñan repercusión sobre as condicións de traballo do funcionariado público contempladas no artigo 67º, procederá a consulta ás organizacións sindicais a que se refire este estatuto e á Xunta de Persoal.

Quedan tamén excluídas da obrigatoriedade de negociación as seguintes materias:

a) A regulación do exercicio dos dereitos da cidadanía e dos usuarios e usuarias dos servizos públicos, así como o procedemento de formación dos actos e das disposicións administrativas.

b) Os poderes de verificación e control propios da relación xerárquica.

c) A regulación e determinación concreta, en cada caso, dos sistemas, criterios, órganos e procedementos de acceso ao emprego público e a promoción profesional.

Artigo 70º.-Acordos.

1. Logo de concluír o proceso de negociación, os acordos acadados en relación coa determinación das condicións de traballo do persoal funcionario remitiránselle á Mesa do Parlamento de Galicia para, se é o caso, a súa aprobación e publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

2. Nos puntos nos que non se produzan acordos na Mesa de Negociación, ou cando o acordo acadado nela non sexa ratificado pola Mesa do Parlamento de Galicia, este órgano establecerá as condicións de traballo do persoal funcionario, sen prexuízo da mediación que poida preverse na lexislación específica aplicable.

Artigo 71º.-Convocatoria de reunión do persoal.

Están lexitimados para convocar unha reunión:

a) As organizacións sindicais, directamente ou a través dos delegados ou delegadas sindicais.

b) A Xunta de Persoal.

c) Un número de funcionarias ou funcionarios equivalente, cando menos, ao 40% do colectivo convocado.

Artigo 72º.-Reunións fóra da xornada laboral.

As reunións no centro de traballo realizaranse fóra do horario laboral, logo de autorización pola letrada ou letrado oficial maior.

Artigo 73º.-Reunións dentro da xornada laboral.

1. As reunións dentro da xornada laboral só poderán ser autorizadas pola Mesa do Parlamento de Galicia ou pola letrada ou letrado oficial maior cando comprendan a totalidade do persoal funcionario ata un máximo de trinta e seis horas anuais. Destas, dezaoito corresponderanlles ás seccións sindicais e o resto á Xunta de Persoal.

2. A realización de reunións non poderá en ningún caso prexudicar a prestación dos servizos da Cámara. Para tal efecto, a letrada ou letrado oficial maior establecerá os servizos mínimos que necesariamente deban cubrirse durante o tempo que duren aquelas.

Artigo 74º.-Requisitos da convocatoria.

1. Serán requisitos para convocar unha reunión os seguintes:

a) Comunicarlle por escrito a súa realización á letrada ou letrado oficial maior cunha antelación mínima de dous días hábiles.

b) Neste escrito indicarase:

-O día, lugar e hora do seu desenvolvemento.

-A orde do día.

-Os datos das persoas asinantes que acrediten estar lexitimadas para convocar a reunión de conformidade co artigo 71º.

2. Se antes das vinte e catro horas anteriores á realización da devandita reunión a letrada ou letrado oficial maior non formulase obxección a ela mediante resolución motivada, esta poderá ter lugar sen outro requisito posterior.

3. As persoas convocantes da reunión serán responsables do seu normal desenvolvemento.

Artigo 75º.-Constitución da asemblea e acordos.

1. Para que a asemblea poida adoptar calquera acordo deberá estar presente ou representado por escrito a metade máis un do persoal funcionario. Este requisito será innecesario na segunda convocatoria, que se desenvolverá aos trinta minutos da hora fixada para a primeira e sempre que asista a ela un terzo do persoal funcionario en servizo activo, para o que se levantará acta circunstanciada por parte do secretario ou secretaria da Xunta de Persoal ou, no seu defecto, pola funcionaria ou funcionario máis novo que asista, e que acredite a existencia do dito quórum.

2. Os acordos serán válidos logo de seren aprobados por maioría simple das persoas presentes.

3. As votacións poderán facerse a man alzada, agás cando alguén solicite a votación secreta.

Capítulo XIII

Dereitos e deberes do persoal funcionario

Artigo 76º.-Dereitos individuais.

1. O persoal funcionario ten os seguintes dereitos profesionais:

a) Ao mantemento da súa condición funcionarial, sen prexuízo da posible remoción do seu posto de traballo, nos supostos e segundo os procedementos establecidos neste estatuto.

b) Ao desempeño efectivo das funcións ou tarefas propias da súa condición profesional.

c) Á carreira entendida como a promoción profesional conforme o establecido neste estatuto.

d) A ser avaliado no exercicio das súas funcións mediante sistemas obxectivos.

e) A percibir as retribucións e as indemnizacións por razón de servizo que correspondan.

f) Á formación e cualificación profesional.

g) A ser informado polos superiores xerárquicos das tarefas ou labores que ten que desempeñar e a participar na consecución dos obxectivos atribuídos á unidade onde preste os seus servizos.

h) A que sexan respectadas a súa intimidade, orientación sexual e dignidade no traballo e á non discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, xénero, sexo, relixión, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

i) Ás vacacións, horarios, licenzas e permisos, nos termos e condicións expostos neste estatuto ou nas normas que o desenvolvan.

j) Á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nos termos e condicións expostos neste estatuto ou nas normas que o desenvolvan.

k) A recibir por parte da Administración parlamentaria protección eficaz en materia de seguranza e saúde no traballo.

l) A recibir asistencia e protección da Administración parlamentaria no exercicio da súas tarefas, funcións ou cargos.

m) Á xubilación nos termos e condicións establecidos neste estatuto.

n) Ás prestacións da Seguridade Social correspondentes ao réxime que lle sexa aplicable. No caso de incapacidade laboral transitoria, o persoal funcionario do Parlamento de Galicia terá dereito a percibir o cen por cento das súas retribucións mentres se atopa na dita situación.

o) A coñecer e acceder ao seu expediente individual.

2. O réxime de dereitos contido na alínea anterior seralle aplicable ao persoal laboral en canto tales dereitos non veñan regulados na súa normativa laboral específica.

Artigo 77º.-Dereitos colectivos.

1. O persoal funcionario ten os seguintes dereitos colectivos nos termos establecidos na Constitución e nas leis:

a) Á libre sindicación.

b) Á actividade sindical.

c) Á libre asociación profesional.

d) Á folga, co límite das garantías de mantemento dos servizos esenciais do Parlamento de Galicia e da súa administración.

e) Á negociación colectiva e á participación na determinación das condicións de traballo.

f) Á reunión.

2. Os dereitos expresados seranlle aplicables ao persoal laboral nos mesmos termos que establece a alínea 2 do artigo anterior.

Artigo 78º.-Deberes do persoal funcionario.

1. O persoal funcionario está obrigado a:

a) Gardar fidelidade á Constitución e ao Estatuto de autonomía de Galicia e respectar o ordenamento xurídico.

b) Exercer as súas tarefas, funcións e cargos con lealdade institucional e imparcialidade e mais servir con obxectividade aos intereses do Parlamento de Galicia e da súa administración.

c) Cumprir con dilixencia as instrucións profesionais recibidas por vía xerárquica.

d) Realizar coa debida aplicación e dentro dos prazos establecidos as funcións ou tarefas que se lle asignen relativas ás competencias e obxectivos da unidade na que traballe.

e) Manter actualizada a súa formación profesional, para o correcto desenvolvemento da súa actividade profesional.

f) Asistir aos cursos e actividades formativas que a Administración do Parlamento de Galicia programe para a actualización e adquisición de novos coñecementos necesarios para un mellor desenvolvemento das funcións dos postos de traballo.

g) Cumprir a xornada e o horario establecidos.

h) Manter sixilo dos asuntos que coñeza por razón dos seus cargos ou funcións e non facer uso indebido da información obtida.

i) Gardar segredo verbo daquela información cuxa difusión estea prohibida legalmente.

j) Cumprir o réxime de incompatibilidades.

k) Tratar con atención e deferencia as deputadas e os deputados e a cidadanía en xeral.

l) Observar as normas de seguranza e saúde laboral.

m) Non intervir en negocios xurídicos con persoas ou entidades que poidan supoñer un risco de provocar conflitos de intereses co seu posto público.

n) Velar pola conservación e o uso correcto dos locais, material, documentos e información ao seu cargo.

ñ) Administrar os recursos e bens da Administración do Parlamento de Galicia con austeridade, velar pola súa conservación e non utilizalos en proveito propio nin exercer os seus labores de forma que poida obter un beneficio ilexítimo para si mesmo ou para outras persoas. Rexeitar agasallos, favores e servizos en condicións vantaxosas que vaian máis aló dos usos habituais, sociais e de cortesía, sen prexuízo do establecido no Código penal.

o) Tratar con atención e respecto a cidadanía, os seus superiores e superioras e os restantes empregados e empregadas públicos, evitando toda actuación que poida producir discriminación por razón de nacemento, orixe racial ou étnica, xénero, sexo, relixión, opinión, discapacidade, idade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

p) Desempeñar as tarefas correspondentes ao seu posto de traballo de forma dilixente e cumprindo a xornada e o horario establecidos.

q) Obedecer as instrucións e ordes profesionais dos superiores e superioras, agás que constitúan unha infracción manifesta do ordenamento xurídico, en cuxo caso poñeranas inmediatamente en coñecemento dos órganos de inspección procedentes.

r) Garantir a constancia e permanencia dos documentos para a súa transmisión e entrega ás posteriores persoas responsables.

s) Atender en caso de folga os servizos esenciais establecidos pola Mesa do Parlamento de Galicia.

t) Actuar con absoluta imparcialidade política no cumprimento da súa función e absterse da realización de actuacións políticas dentro da Cámara.

2. O disposto na alínea anterior seralle aplicable ao persoal laboral ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia.

Capítulo XIV

Incompatibilidades

Artigo 79º.-Réxime de incompatibilidades.

1. O persoal funcionario do Parlamento de Galicia non poderá compatibilizar as súas actividades co desempeño, por si ou mediante substitución, dun segundo posto de traballo, cargo ou actividade no sector público, agás nos supostos expresamente previstos neste estatuto.

2. O persoal funcionario do Parlamento de Galicia non poderá exercer, por si ou mediante substitución, actividades privadas, incluídas as de carácter profesional, sexan por conta allea ou baixo a dependencia ou ao servizo de entidades ou particulares, que se relacionen directamente coas que desenvolva no Parlamento de Galicia.

3. O desempeño dun posto de traballo polo persoal incluído no ámbito de aplicación deste estatuto será incompatible co exercicio de calquera cargo, profesión ou actividade pública ou privada que poida impedir ou menoscabar o estrito cumprimento dos seus deberes ou comprometer a súa imparcialidade ou independencia.

Artigo 80º.-Actividades no sector público.

1. Para efectos do previsto no artigo 79º.1, considerarase actividade no sector público a desenvolvida polos membros electivos do Parlamento europeo, membros electivos das asembleas lexislativas das comunidades autónomas e das corporacións locais, altos cargos e restante persoal dos órganos constitucionais e de todas as administracións públicas, incluída a Administración de xustiza, así como dos entes, organismos e empresas delas dependentes, entendéndose comprendidas as entidades colaboradoras e as concertadas da Seguridade Social na prestación sanitaria.

2. O persoal funcionario do Parlamento de Galicia non poderá pertencer a consellos de administración ou órganos de goberno de entidades ou empresas públicas ou privadas en representación do sector público.

3. Agás nos supostos previstos neste estatuto, non se poderá percibir máis dunha remuneración con cargo aos orzamentos das administracións públicas e dos entes, organismos e empresas delas dependentes ou con cargo aos dos órganos constitucionais ou que resulte da aplicación de arancel, nin exercer opción por percepcións correspondentes a postos incompatibles. Para estes efectos, entenderase por remuneración calquera dereito de contido económico derivado, directa ou indirectamente, dunha prestación ou servizo persoal, sexa a súa contía fixa ou variable e o seu devengo periódico ou ocasional.

Artigo 81º.-Actividades incompatibles.

1. O persoal funcionario en servizo activo do Parlamento de Galicia non poderá exercer en ningún caso as actividades seguintes:

a) O desempeño de actividades privadas, incluídas as de carácter profesional, sexa por conta propia ou baixo a dependencia ou ao servizo de entidades ou particulares, nos asuntos en que estea intervindo, interviñese nos dous últimos anos ou teña que intervir por razón do posto público. Inclúense en especial nesta incompatibilidade as actividades profesionais prestadas a persoas ás que se estea obrigado a atender no desempeño do posto público.

b) A pertenza a consellos de administración ou órganos reitores de empresas ou entidades privadas, sempre que a actividade delas estea directamente relacionada co Parlamento de Galicia.

c) O desempeño por si ou persoa interposta de cargos de toda orde en empresas ou sociedades concesionarias, contratistas de obras, servizos ou subministracións, arrendatarias ou administradoras de monopolios, ou con participación ou aval do sector público, calquera que sexa a configuración xurídica daquelas.

d) A participación superior ao 10 % no capital das empresas ou sociedades a que se refire o parágrafo anterior.

e) O exercicio de actividades privadas lucrativas, mercantís, profesionais ou industriais, sempre que puidera comprometer a imparcialidade ou independencia do persoal funcionario ou impedir ou menoscabar o cumprimento dos seus deberes.

f) O asesoramento a partidos políticos, grupos parlamentarios, sindicatos, asociacións empresariais ou calquera tipo de grupo ou asociación que teña relación directa coas funcións desenvolvidas polo Parlamento de Galicia.

g) A intervención profesional en recursos de inconstitucionalidade.

h) A intervención profesional, en recursos contencioso-electorais de calquera clase, en cuestións, litixiosas ou non, que enfronten entre si a partidos políticos con representación parlamentaria, a centrais sindicais ou a estas con organizacións empresariais.

i) A intervención profesional, procesual ou non, fronte ou contra o propio Parlamento de Galicia.

j) O asesoramento a persoas públicas ou privadas na elaboración de proxectos de lei ou textos, normativos ou non, que deban ser aprobados polo Consello da Xunta de Galicia para a súa remisión ao Parlamento de Galicia, ou que se atopen xa en trámite de discusión parlamentaria, así como a actividade de publicación sobre as materias afectadas por tales circunstancias.

k) A elaboración de informes ou ditames para as administracións públicas.

2. O persoal funcionario do Parlamento de Galicia non poderá invocar ou facer uso da súa condición pública para o exercicio de actividade mercantil, industrial ou profesional.

Artigo 82º.-Recoñecemento de compatibilidades.

1. Excepto o previsto no artigo 83º deste estatuto, o exercicio de todo tipo de actividades profesionais públicas ou privadas, laborais, mercantís ou industriais requirirá o previo recoñecemento de compatibilidade.

2. O persoal funcionario que desexe obter o dito recoñecemento presentará a correspondente solicitude dirixida á Mesa do Parlamento de Galicia, na que se conterán detalladamente todos os datos necesarios para o pronunciamento. A resolución motivada que recoñeza a compatibilidade ou declare a incompatibilidade correspóndelle á dita Mesa, logo do informe da letrada ou letrado oficial maior.

3. O recoñecemento da compatibilidade habilitará para o exercicio da actividade declarada compatible nos termos da propia resolución. En todo caso, o dito recoñecemento non poderá modificar a xornada de traballo e horario da persoa interesada e quedará automaticamente sen efecto en caso de cambio de posto no sector público ou privado.

4. Non poderá recoñecerse ningunha compatibilidade para actividades privadas a quen se lle autorizase a compatibilidade para un segundo posto ou actividade públicos sempre que a suma de xornadas de ambos sexa igual ou superior á máxima ou á ordinaria do Parlamento de Galicia.

Artigo 83º.-Actividades compatibles.

1. Quedan exceptuadas da necesidade de obter o recoñecemento da compatibilidade as actividades particulares que, no exercicio dun dereito legalmente recoñecido, realicen para si as persoas directamente interesadas.

2. Quedan igualmente exceptuadas da autorización de compatibilidade correspondente as seguintes actividades:

a) As derivadas da administración do patrimonio persoal ou familiar, sen prexuízo do disposto no artigo 80º deste estatuto.

b) A dirección de seminarios ou o ditado de cursos ou conferencias en centros oficiais destinados á formación de funcionariado ou profesorado, cando non teñan carácter permanente ou habitual nin supoñan máis de setenta e cinco horas ao ano.

c) A participación en tribunais cualificadores de probas selectivas para o ingreso no Parlamento de Galicia.

d) A participación do persoal docente en tribunais para exames, probas ou avaliacións distintas das que habitualmente lle correspondan na forma establecida.

e) A produción e creación literaria, artística, científica e técnica, así como as publicacións derivadas daquelas, sempre que non se orixinen como consecuencia dunha relación de emprego ou de prestación de servizos.

f) A participación ocasional en coloquios e programas en calquera medio de comunicación social.

g) A colaboración e a asistencia ocasional a congresos, seminarios, conferencias ou cursos de carácter profesional.

h) A actividade titorial nos centros asociados da Universidade Nacional de Educación a Distancia, agás para o persoal incluído na alínea 4 do artigo 81º deste estatuto, sempre que non afecte o horario de traballo e en tanto non se modifique o réxime da dita actividade.

Artigo 84º.-Actividades compatibles logo de recoñecemento de compatibilidade.

1. Logo do correspondente recoñecemento de compatibilidade, o persoal funcionario do Parlamento de Galicia poderá ser titular de prazas en servizo activo ou contratado no ámbito público docente ou de investigación de carácter universitario. En todo caso desempeñaranse en réxime de dedicación non superior a tempo parcial e sen que poidan prexudicar a prestación do servizo no Parlamento de Galicia. A percepción de haberes con motivo da compatibilidade no ámbito público docente ou de investigación de carácter universitario estará condicionada ao cumprimento dos límites cuantitativos que establece o artigo 7 da Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, aplicado na forma que resulte equivalente no Parlamento de Galicia.

A superación destes límites, en cómputo anual, require en cada caso acordo expreso da Mesa do Parlamento de Galicia.

Os servizos prestados no segundo posto ou actividade non se computarán para efectos de trienios nin de dereitos pasivos, podendo suspenderse a cotización para este último efecto. As pagas extraordinarias, así como as prestacións de carácter familiar, só poderán percibirse por un dos postos, calquera que sexa a súa natureza.

Os servizos prestados no segundo posto ou actividade tampouco se computarán para efectos de pensións de Seguridade Social na medida en que poidan superarse as prestacións correspondentes a calquera dos postos compatibilizados, desempeñados en réxime de xornada ordinaria, podendo adecuarse a cotización na forma que regulamentariamente se determine.

No caso de que, como consecuencia dos límites cuantitativos, non se poidan percibir haberes, só se poderán percibir as cantidades correspondentes en concepto de indemnización.

2. A Mesa do Parlamento de Galicia poderá autorizar, por razóns de notorio interese público, unha segunda actividade no sector público, que só poderá desempeñarse a tempo parcial e con duración determinada nas condicións establecidas pola lexislación laboral. Para o exercicio da segunda actividade será indispensable a previa e expresa autorización de compatibilidade, que non supoñerá modificación de xornada de traballo e horarios dos dous postos e que se condiciona ao seu estrito cumprimento en ambos.

O desempeño deste posto de traballo no sector público é incompatible coa percepción de pensións de xubilación ou retiro por dereitos pasivos ou por calquera réxime de Seguridade Social público e obrigatorio. A percepción das pensións indicadas quedará en suspenso polo tempo que dure o desempeño do dito posto, sen que iso afecte as súas actualizacións. Por excepción, no ámbito laboral, será compatible a pensión de xubilación parcial cun posto de traballo a tempo parcial.

3. Poderá autorizarse ao persoal funcionario do Parlamento de Galicia, excepcionalmente, a compatibilidade para o exercicio de actividades de investigación, de carácter non permanente, ou de asesoramento en supostos concretos que non correspondan ás funcións de persoal adscrito ás respectivas administracións públicas. A excepcionalidade acreditarase pola asignación do encargo en concurso público ou por requirir especiais cualificacións que só posúan persoas afectadas polo ámbito deste estatuto, e a autorización desta compatibilidade estará suxeita aos requisitos e esixencias do artigo 7 da Lei 53/1984, de 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, aplicado na forma que resulte equivalente no Parlamento de Galicia. A superación dos límites a que se refire o citado precepto, en cómputo anual, require en cada caso acordo expreso da Mesa do Parlamento de Galicia.

Artigo 85º.-Opción no caso de incompatibilidade.

1. Quen acceda por calquera título a un novo posto do sector público que conforme este estatuto resulte incompatible co que viñera desempeñando deberá optar por un deles dentro do prazo de toma de posesión. A falta de opción no prazo sinalado, entenderase que opta polo novo posto, pasando á situación de excedencia no que viñera desempeñando.

2. Se se trata de postos susceptibles de compatibilidade tras autorización, deberá instala nos dez primeiros días do aludido prazo de toma de posesión, entendéndose este prorrogado en tanto recae resolución.

Artigo 86º.-Condicións de exercicio dunha actividade compatible.

1. O exercicio polo persoal funcionario de calquera actividade compatible non servirá de escusa á asistencia ao lugar de traballo que requira o seu posto ou cargo, nin ao atraso, neglixencia ou descoido no desempeño deles.

2. Sen prexuízo do disposto neste estatuto, no relativo ao réxime disciplinario, os órganos aos que competa a dirección ou xefatura dos distintos servizos coidarán, baixo a súa responsabilidade, de previr ou corrixir, se é o caso, as incompatibilidades en que poida incorrer o persoal funcionario que deles dependa.

Capítulo XV

Réxime disciplinario

Artigo 87º.-Responsabilidade disciplinaria.

O persoal ao servizo da Administración do Parlamento de Galicia incorrerá en responsabilidade disciplinaria pola comisión de faltas derivadas do incumprimento dos seus deberes, de acordo co previsto neste estatuto.

Artigo 88º.-Clases de faltas.

1. As faltas disciplinarias serán as mesmas que as establecidas con carácter xeral para a función pública de Galicia.

2. As faltas disciplinarias clasifícanse en moi graves, graves ou leves.

Artigo 89º.-Sancións.

1. As sancións disciplinarias son as mesmas que as establecidas con carácter xeral para a función pública de Galicia.

2. As sancións graduaranse de acordo coa intencionalidade da autora ou autor, a perturbación causada no servizo, a gravidade dos danos ocasionados, o descrédito para a imaxe pública do Parlamento de Galicia e da súa administración e a reincidencia.

Existirá reincidencia cando no termo dun ano desde que recaese resolución sancionadora firme a presunta persoa infractora cometera outra infracción da mesma natureza.

Artigo 90º.-Procedemento sancionador.

1. O procedemento sancionador, e en xeral todos os aspectos non regulados expresamente neste estatuto relativos ao réxime sancionador, substanciaranse conforme as normas establecidas con carácter xeral para a función pública de Galicia.

2. A incoación dos expedientes e a imposición das sancións por faltas graves e moi graves corresponderanlle á Mesa do Parlamento de Galicia.

3. As sancións por falta leve non darán lugar á instrución de expediente, aínda que deberá dárselle audiencia, en todo caso, á presunta persoa infractora. Correspóndelle á letrada ou letrado oficial maior a súa imposición.

4. Daráselle traslado da incoación dos expedientes sancionadores por faltas moi graves á Xunta de Persoal, que poderá emitir un informe que non terá carácter vinculante para a administración.

Artigo 91º.-Recursos.

As sancións impostas pola letrada ou letrado oficial maior serán recorribles en alzada perante a Mesa do Parlamento de Galicia.

Contra as sancións impostas pola Mesa do Parlamento de Galicia, que poñerán fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ou directamente recurso contencioso-administrativo na forma establecida na lexislación específica aplicable.

Disposiciones transitorias

Primeira.-Integración do persoal funcionario de carreira do grupo A.

1. O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular de prazas de letrada ou letrado, clasificadas no grupo profesional A, queda integrado desde a entrada en vigor deste estatuto e para todos os efectos no corpo de letradas e letrados do Parlamento de Galicia.

2. O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular de prazas, distintas das de letrada ou letrado, clasificadas no grupo profesional A queda integrado desde a entrada en vigor deste estatuto e para todos os efectos no corpo superior do Parlamento de Galicia.

Segunda.-Integración do persoal funcionario de carreira do grupo B.

O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular de prazas clasificadas no grupo profesional B queda integrado desde a entrada en vigor deste estatuto e para todos os efectos no corpo de xestión do Parlamento de Galicia.

Terceira.-Integración do persoal funcionario de carreira do grupo C.

O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular das prazas clasificadas no grupo profesional C queda integrado desde a entrada en vigor deste estatuto e para todos os efectos no corpo administrativo do Parlamento de Galicia.

Cuarta.-Integración do persoal funcionario de carreira do grupo D.

Decláranse a extinguir as prazas de ingreso denominadas auxiliar administrativo/a, operador/a de consola e auxiliar gravador/a, clasificadas no grupo profesional D, que se adscriben como tales prazas a extinguir ao corpo administrativo da Administración do Parlamento de Galicia.

As persoas titulares desas prazas poderán permanecer nas súas prazas de orixe con esa mesma clasificación profesional e coas funcións relativas aos seus postos de traballo ou integrarse no corpo administrativo do Parlamento de Galicia, logo de asistir a un curso de formación que a Administración do Parlamento de Galicia promoverá para tal fin e superar unha proba que versará sobre os contidos impartidos nese curso.

Quinta.-Integración do persoal funcionario de carreira do grupo E.

Declárase a extinguir o grupo profesional E da Administración do Parlamento de Galicia, quedando adscritas ao grupo profesional D todas as prazas clasificadas no grupo profesional E.

O persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular das actuais prazas clasificadas no grupo profesional E poderá permanecer neste grupo profesional ou integrarase no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia, logo de asistir a un curso de formación que a Administración do Parlamento de Galicia promoverá para tal fin e superar unha proba que versará sobre os contidos impartidos nese curso.

O funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia titular da praza singular de ingreso denominada xefe do parque móbil, clasificada no grupo profesional D e para cuxo ingreso lle foi esixida a titulación requirida para este grupo, queda integrado desde a entrada en vigor deste estatuto e para todos os efectos no corpo auxiliar do Parlamento de Galicia.

Sexta.-Integración nas escalas.

1. O persoal funcionario de carreira titular das actuais prazas de tradutor/a-corrector/a e de redactor/a, clasificadas no grupo profesional A, queda integrado na escala técnica de publicacións.

Declárase a extinguir a actual praza de redactor/a clasificada no grupo profesional B, quedando integrada a súa titular, ao abeiro do disposto na disposición transitoria segunda, no corpo de xestión do Parlamento de Galicia. Dadas as idénticas denominacións e funcións especializadas desta e das outras prazas de redactores/as, adscríbese á escala técnica de publicacións do Parlamento de Galicia.

2. O persoal funcionario de carreira titular das actuais prazas de xefe/a do servizo e xefe/a adxunto/a do Servizo de Tecnoloxías da Información, clasificadas no grupo profesional A, queda integrado na escala técnica de tecnoloxías da información.

3. O persoal funcionario de carreira titular das prazas de bibliotecarios/as-documentalistas, clasificadas no grupo profesional A, queda integrado na escala técnica superior de documentación.

4. A funcionaria de carreira titular da praza de axudante de documentación, clasificada no grupo profesional B, queda integrada na escala técnica de xestión de documentación.

5. O funcionario de carreira titular da praza de director/a de Intervención Xeral e Asuntos Económicos queda integrado na escala superior de intervención.

Sétima.-Adecuación da relación de postos de traballo ao estatuto.

No prazo de dous meses desde a entrada en vigor deste estatuto, a Mesa do Parlamento de Galicia, logo de audiencia da Xunta de Persoal, adecuará a relación de postos de traballo vixente ás previsións establecidas nel.

Oitava.-Publicidade da integración.

No prazo de dez días hábiles seguintes ao acordo de adecuación previsto na disposición transitoria sétima, por resolución da Presidencia publicarase no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia a relación do persoal funcionario de carreira da Administración do Parlamento de Galicia integrado nos corpos e escalas correspondentes e a do que permanecendo como titular de prazas ou en grupos profesionais que se declaran a extinguir se adscribe aos corpos e escalas correspondentes.

Novena.

Nos procesos de promoción interna e concursos que afecten o persoal pertencente ao corpo administrativo valorarase en maior medida o tempo de servizos prestados no actual grupo profesional C que o desenvolvido no actual grupo profesional D.

Disposición derrogatoria

Derrogación do Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia de 1984 e doutras disposicións.

1. Queda derrogado o Estatuto de persoal do Parlamento de Galicia aprobado por acordo da Mesa da Cámara do 7 de febreiro de 1984.

2. Quedan derrogadas as normas en materia de representación, participación e determinación das condicións de traballo do persoal ao servizo do Parlamento, texto refundido aprobado por acordo da Mesa da Cámara do 21 de outubro de 2002.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultades da Mesa do Parlamento de Galicia.

Facúltase a Mesa do Parlamento de Galicia para ditar cantas disposicións considere necesarias para o desenvolvemento deste estatuto de persoal e adoptar acordos que puideran ampliar os dereitos das empregadas e empregados públicos do Parlamento de Galicia.

Segunda.-Dereito supletorio.

No non previsto neste estatuto e nas disposicións regulamentarias que a Mesa do Parlamento de Galicia dite no seu desenvolvemento, e sempre que resulte compatible co regulado neles, aplicarase supletoriamente a normativa da función pública de Galicia e a do Estado, por esta orde.

Terceira.-Entrada en vigor.

Este estatuto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de novembro de dous mil sete.

Dolores Villarino Santiago

Presidenta do Parlamento de Galicia