DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Luns, 24 de decembro de 2007 Páx. 20.087

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 15/2007, do 13 de decembro, de creación do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia

Preámbulo.

De conformidade co disposto no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencias de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e foi asumida mediante o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou, en virtude da devandita competencia, a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia farase por lei do Parlamento galego.

A enxeñaría química é unha área de coñecemento cunha importante repercusión na nosa sociedade, pola súa incidencia no mercado e pola súa estreita vinculación con valores que se atopan constitucionalmente recoñecidos, como a saúde das persoas e a calidade de vida, o respecto ao ambiente e o desenvolvemento tecnolóxico. O labor desenvolvido por estas persoas profesionais supón importantes contribucións nos campos da enerxía, dos materiais, dos produtos farmacéuticos, dos produtos químicos para a agricultura, das tecnoloxías para a protección e a mellora do ambiente, da biotecnoloxía e da biomedicina e mais da xestión e do tratamento de residuos, entre outros. A innegable influencia na saúde, no ambiente e no necesario progreso industrial destas actividades industriais fai conveniente que se regule o acceso á profesión e a ordenación desta, mediante a creación dun colexio que represente as persoas profesionais perante os poderes públicos e no que sexa a propia xente da profesión quen se

faga responsable de establecer as normas que se deben observar no exercicio da súa actividade, para salvagardar os citados valores constitucionalmente recoñecidos.

Respecto da titulación oficial necesaria para o exercicio da profesión, o Real decreto 923/1992, do 17 de xullo, estableceu o título universitario oficial de enxeñeiro químico/enxeñeira química e as directrices xerais propias dos plans de estudo conducentes á súa obtención. As ensinanzas que se cursan para a obtención do título oficial procuran unha formación adecuada nas bases teóricas e nas tecnoloxías propias desta enxeñaría.

Coa creación do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia, solicitado pola Asociación Galega de Enxeñeiros Químicos, garantirase a adecuación, no exercicio da profesión, ás normas e ás regras que aseguren a protección dos dereitos e intereses da cidadanía, así como as eventuais responsabilidades nas que poidan incorrer as devanditas persoas profesionais no desenvolvemento da súa actividade.

De conformidade co establecido no artigo 5.1º.1 da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, o expediente de creación do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia someteuse ao preceptivo informe deste órgano consultivo.

Por todo o exposto, considérase oportuna e necesaria a creación deste colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público respecto das actividades profesionais que engloba a enxeñaría química, da que o seu exercicio está condicionado á posesión do título oficial de enxeñeiro químico/enxeñeira química, que acredita a cualificación e habilita legalmente para o seu exercicio.

A lei divídese nun preámbulo, en catro artigos titulados, respectivamente, obxecto, ámbito territorial, ámbito persoal e do uso do galego nas comunicacións, nunha disposición adicional, dúas disposicións transitorias e unha disposición derradeira.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2º do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, promulgo no nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia, como corporación de dereito público, con personalidade xurídica de seu e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos fins que lle son propios e o exercicio das súas funcións desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito de actuación do colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

1. Poderanse integrar no Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia as persoas profesionais que estean en posesión do título universitario oficial de enxeñeiro químico/enxeñeira química, obtido de conformidade co disposto no Real decreto 923/1992, do 17 de xullo, ou de título estranxeiro equivalente debidamente homologado.

2. Será requisito para exercer a profesión de enxeñaría química no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia a incorporación ao Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal radique nesta comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Do uso do galego nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións externas e internas, segundo o establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na regulación da normalización lingüística.

Disposición adicional

Única.-Sobre a colexiación obrigatoria.

Quedan exceptuadas da incorporación obrigatoria ao Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia as persoas profesionais tituladas vinculadas coa Administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, para o exercicio de funcións puramente administrativas e para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa administración.

Disposicións transitorias

Primeira.-Designación da comisión xestora e aprobación duns estatutos profesionais.

A Asociación Galega de Enxeñeiros Químicos designará unha comisión xestora, cunha representación equilibrada de mulleres e homes, que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, aprobará uns estatutos provisionais do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da cal formarán parte todas as persoas profesionais que, consonte o disposto nesta lei, poidan adquirir a condición de colexiadas.

O contido dos estatutos integrará o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, procurando a eliminación das discriminacións por mor do xénero.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

Segunda.-Aprobación definitiva dos estatutos.

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará os estatutos definitivos do Colexio Oficial de Enxeñeiras e Enxeñeiros Químicos de Galicia, no contido dos cales se integrará o principio de igualdade de oportunidades, procurando a eliminación das discriminacións por mor do xénero, e mais elixirá os membros dos órganos colexiais de goberno, procurando unha composición equilibrada de mulleres e homes.

2. Os devanditos estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, seranlles remitidos á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia. O decreto de aprobación e os correspondentes estatutos publicaranse no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Entrada en vigor.

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente