DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Venres, 21 de decembro de 2007 Páx. 19.991

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 17 de decembro de 2007 pola que se establecen os criterios para a elaboración do Programa individual de atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de compatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Unha vez en vigor o Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, resulta necesario abordar o seu desenvolvemento normativo, nomeadamente no que atinxe ao contido e elaboración do programa individual de atención, co fin de facer efectivo o acceso aos servizos e prestacións ás persoas recoñecidas en situación de dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este desenvolvemento normativo resulta necesario para acadar a plena aplicación na Comunidade Autónoma galega das previsións contidas na propia Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e na súa normativa de desenvolvemento, constituída fundamentalmente polo Real decreto 504/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia, Real decreto 614/2007, do 11 de maio, sobre nivel mínimo de protección do sistema para a autonomía persoal e atención á dependencia garantido pola Administración xeral do Estado, Real decreto 615/2007, do 11 de maio, polo que se regula a Seguridade Social dos coidadores das persoas en situación de dependencia e Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, sobre criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e as contías das prestacións económicas da citada Lei 39/2006.

As devanditas normas estatais veñen recoller os diversos acordos adoptados no seo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, entre eles, a regulación das intensidades dos servizos e a contía das prestacións económicas recoñecibles ás persoas que se atopen en situación de gran dependencia ou dependencia severa.

Non obstante, as ditas normas deberán ser completadas por futuros acordos do propio Consello Territorial do Sistema, nomeadamente no que atinxe aos criterios de participación das persoas beneficiarias no custo dos servizos en función da súa capacidade económica persoal, así como no que atinxe á incidencia desta na determinación da contía das prestacións económicas que lle sexan recoñecidas.

A futura adopción de tales acordos non pode impedir a regulación autonómica destas materias, sequera con carácter provisional, toda vez que esta resulta imprescindible para posibilitar ás persoas recoñecidas en situación de gran dependencia, o acceso, este ano 2007, aos servizos e prestacións do sistema, tal e como prescribe a disposición derradeira primeira da propia Lei 39/2006.

Nesta materia, correspóndelle ao Departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais, a través das súas delegacións provinciais, de conformidade co previsto no artigo 4 do Decreto 176/2007 citado, a tramitación dos procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia -a valoración da situación de dependencia, a resolución do recoñecemento da situación de dependencia, a prescrición de servizos e prestacións económicas, a aprobación do programa individual de atención, así como efectuar as correspondentes revisións. Igualmente, correspóndelle a xestión das prestacións económicas establecidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

O artigo 14.2º do Decreto 176/2007, establece que a resolución de recoñecemento da situación de dependencia determinará: a) o grao e nivel de dependencia da persoa solicitante, b) os servizos e/ou prestacións económicas que, se é o caso, correspondan a aquela conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e c) cando cumpra, en función das circunstancias concorrentes, o prazo máximo en que deba efectuarse a primeira revisión do grao e nivel que se declare. Igualmente, o citado decreto, no punto 7º do citado artigo 14, condiciona a efectividade do acceso ao servizo e/ou prestación económica do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia determinados na resolución de recoñecemento á aprobación do correspondente Programa individual de atención, que se deberá producir no prazo máximo de seis meses desde a notificación da citada resolución á persoa interesada.

O Decreto 176/2007 citado, contén, no seu artigo 15, a regulación básica do Programa individual de atención; previsión esta que cómpre desenvolver a través desta orde co establecemento dos criterios necesarios para a súa correcta elaboración, contido e aplicación, co obxecto de posibilitar o efectivo acceso das persoas beneficiarias aos servizos e prestacións do sistema nos termos establecidos no artigo 14 do devandito decreto.

Para tales efectos abórdase a regulación das intensidades de protección dos servizos, do réxime de compatibilidades dos servizos e prestacións e dos criterios de aplicación das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, todo iso no marco dos acordos adoptados para o efecto no seo do Consello Territorial do Sistema e aprobados por Real decreto 727/2007, do 8 de xuño.

A necesidade de resolver os procedementos en curso e a necesidade de atender debidamente ás situacións de dependencia que, de conformidade co previsto no Decreto 176/2007, se están a recoñecer, obrigan á adopción de medidas de carácter provisional que permitan determinar a capacidade económica para os efectos de fixar a achega das persoas beneficiarias ao financiamento dos servizos e prestacións, especialmente no que atinxe ás prestacións económicas creadas ex novo, e cuxa contía máxima quedou fixada polo Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, sobre os criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e a contía das prestacións económicas da Lei 39/2006, do 14 de decembro. Todo iso sen prexuízo do carácter revisable da contía de tales prestacións se así o require a aplicación dos criterios que no seu momento poida establecer o Consello Territorial do Sistema.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas pola disposición derradeira segunda do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia e polo artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro, 2/2007, do 28 de marzo e 12/2007, do 27 de xullo,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, no relativo á elaboración, contido e aplicación do Programa individual de atención.

2. Igualmente, esta orde ten por obxecto establecer as intensidades de protección dos servizos, o réxime de compatibilidade entre os servizos e prestacións económicas, así como regular os criterios para a xestión das prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Prestacións segundo o grao e o nivel de dependencia.

Para os efectos do previsto no artigo 14.2º e no artigo 15 do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia, aos graos II e III de dependencia poderán corresponderlle os seguintes servizos e prestacións:

a) Grao III, nivel 1 e 2. Gran dependencia.

a).1. Servizos:

De prevención e de promoción da autonomía persoal.

De teleasistencia.

De axuda no fogar.

De centro de día.

De centro de noite.

De atención residencial.

a).2. Prestacións económicas:

Libranza para coidados no contorno familiar.

Libranza para a asistencia persoal.

Libranza para a adquisición de servizos.

b) Grao II, nivel 1 e 2. Dependencia severa.

b).1. Servizos:

De prevención e de promoción da autonomía persoal.

De teleasistencia.

De axuda no fogar.

De centro de día.

De centro de noite.

De atención residencial.

b).2. Prestacións económicas:

Libranza para coidados no contorno familiar.

Libranza para a adquisición de servizos.

Artigo 3º.-Obrigas das persoas beneficiarias.

1. As persoas beneficiarias estarán obrigadas a:

a) Facilitar toda a información e datos que lle sexan requiridos e que resulten necesarios para recoñecer ou manter o dereito ás prestacións do sistema.

b) Destinar as prestacións económicas ás finalidades para as que foron recoñecidas, así como a xustificar a súa aplicación.

c) Efectuar o pagamento da súa participación no custo dos servizos que reciba desde a data da súa efectividade na contía que, tendo en conta os criterios establecidos nesta orde, se fixe no seu programa individual de atención.

d) Comunicarlle á delegación provincial correspondente do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais calquera variación ou circunstancia que poida afectar o dereito, o contido ou a intensidade das prestacións que tivese recoñecidas, no prazo de trinta días contados desde que a devandita variación se produza.

e) Comunicarlle, coa suficiente antelación, á delegación provincial correspondente do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais e para os efectos da aplicación do previsto no artigo 3 do Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, os traslados de residencia, temporais superiores a trinta días ou definitivos, que se produzan dentro da mesma ou diferente localidade, a outra comunidade autónoma e ao estranxeiro.

2. Se a persoa beneficiaria incumprise as obrigas establecidas no punto anterior e, como consecuencia de tal incumprimento, se derivasen contías indebidamente percibidas da prestación económica recoñecida, unha interrupción da participación ou unha participación insuficiente no custo dos servizos, estará obrigada ao seu reintegro ou aboamento da diferenza que corresponda; todo iso sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador que, se é o caso, corresponda.

Capítulo II

Programa individual de atención

Sección 1ª

Procedemento de elaboración do Programa individual de atención

Artigo 4º.-A proposta de plan de coidados.

1. No marco do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema, e no prazo máximo dos quince días seguintes ao da súa adopción, deberá darse traslado da resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia aos servizos sociais de atención primaria e/ou especializada do sistema público do ámbito social e sanitario de referencia da persoa solicitante.

Sempre que a efectividade do dereito aos servizos e prestacións económicas previstos na devandita resolución se deba producir no ano en que esta se tivese ditado, conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, os servizos sociais de atención primaria e/ou especializada de referencia da persoa solicitante procederán á elaboración da proposta de plan de coidados correspondente a esta.

2. A proposta de plan de coidados deberá adecuar, se é o caso, os servizos e/ou prestacións económicas determinados pola delegación provincial correspondente na resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia ás necesidades da persoa beneficiaria e á oferta de servizos existente no seu contorno. Para tal efecto, e de conformidade co previsto no artigo 15 do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, darase participación á persoa beneficiaria e, se é o caso, á persoa que a represente, nos termos establecidos no artigo seguinte.

Artigo 5º.-A participación da persoa beneficiaria.

A persoa beneficiaria ou a persoa que desempeñe a súa representación e, de ser o caso, a súa familia, participarán no proceso de elaboración da proposta de plan de coidados. A participación realizarase mediante consulta e, se é o caso, mediante elección, entre as alternativas propostas en función das dispoñibilidades existentes na rede pública de servizos sociais.

Artigo 6º.-Remisión da proposta de plan de coidados á delegación provincial respectiva.

Os servizos sociais de atención primaria e/ou especializada de referencia da persoa solicitante remitirán á correspondente delegación provincial do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais, ademais da proposta de plan de coidados, as declaracións e demais documentación acreditativa do trámite de consulta.

A dita remisión deberá producirse no prazo máximo de dous meses desde a recepción da comunicación da resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 7º.-Elaboración da proposta de programa individual de atención.

1. Á vista da proposta de plan de coidados e analizada a demais documentación sinalada no artigo anterior, os órganos de valoración e asesoramento da dependencia elaborarán a proposta de programa individual de atención da persoa beneficiaria.

2. A devandita proposta incluirá as modalidades de intervención que se adecúen ás necesidades persoais do/a beneficiario/a de entre os servizos e prestacións previstos na resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia. Para estes efectos, teranse en conta os recursos dispoñibles, podéndose solicitar do sistema público de servizos sociais os informes que se consideren convenientes.

A proposta de Programa individual de atención deberá determinar, igualmente, tanto a intensidade do servizo como a contía da prestación económica que foran procedentes e, se é o caso, a participación da persoa beneficiaria no custo do servizo recoñecido.

3. Unha vez elaborada, a proposta de Programa individual de atención e demais documentación que integra o expediente elevarase polo respectivo órgano de valoración e asesoramento da dependencia ao titular da delegación provincial correspondente para os efectos, se procede, da súa aprobación.

Sección 2ª

Aprobación do Programa individual de atención

Artigo 8º.-Resolución de aprobación do Programa individual de atención.

1. Recibida a proposta sobre o Programa individual de atención e demais documentación que conste no expediente, a persoa titular da correspondente delegación provincial do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais ditará, logo das comprobacións que procedan, resolución pola que se aproba o Programa individual de atención.

2. O Programa individual de atención terá o seguinte contido:

a) Datos da persoa en situación de dependencia.

b) Servizo ou servizos recoñecidos, con indicación das condicións específicas da súa prestación, así como da participación que no custo do servizo lle puidera corresponder á persoa en situación de dependencia, segundo a súa capacidade económica.

c) Se é o caso, de non ser posible o acceso a un servizo público, concertado ou conveniado de atención e coidado, libranza vinculada á adquisición dun servizo, indicando a data da súa efectividade e contía desta, segundo a capacidade económica persoal da persoa beneficiaria.

d) Excepcionalmente, a libranza para coidados no contorno familiar, cando a persoa beneficiaria sexa atendida no seu contorno familiar e se reúnan as condicións axeitadas de convivencia e habitabilidade da vivenda, con indicación dos datos persoais da persoa coidadora e demais condicións específicas de acceso a dita prestación.

e) Se é o caso, libranza de asistencia persoal, con indicación das condicións específicas de acceso á dita prestación.

3. A resolución de aprobación do Programa individual de atención deberase producir no prazo máximo de seis meses desde a notificación da resolución de recoñecemento da situación de dependencia á persoa interesada.

4. A resolución de aprobación do Programa individual de atención notificaráselle á persoa beneficiaria ou á persoa que desempeñe a súa representación e comunicarase aos servizos sociais públicos de atención primaria e/ou especializada de referencia para os efectos de participar no seu seguimento, sen prexuízo, neste último caso, das facultades que, respecto do seguimento do Programa individual de atención correspóndenlles aos órganos de valoración e asesoramento da dependencia nos termos establecidos no artigo 6.1º d) do Decreto 176/2007, do 6 de setembro.

5. De conformidade co previsto na disposición adicional primeira do Decreto 176/2007, do 6 de setembro, cando o dereito de acceso aos servizos e prestacións correspondentes, conforme o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, deba facerse efectivo nun ano distinto a aquel no que se teña ditado a resolución sobre o recoñecemento da situación de dependencia, o prazo para a resolución de aprobación do Programa individual de atención comezará contado desde o 1 de xaneiro do ano de implantación segundo o devandito calendario.

Artigo 9º.-Réxime de impugnación.

A resolución pola que se aproba o Programa individual de atención non pon fin á vía administrativa. Contra ela poderase interpoñer recurso de alzada perante a persoa titular do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto no capítulo II do título VII da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Capítulo III

Catálogo e intensidade da protección dos servizos

Artigo 10º.-O catálogo galego de servizos.

1. Constitúen o Catálogo galego de servizos do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia o conxunto de servizos sociais de promoción da autonomía persoal e de atención á dependencia, integrados no sistema galego de servizos sociais, segundo a seguinte tipoloxía:

a) Os servizos de prevención da situación de dependencia e os de promoción da autonomía persoal.

b) Servizo de teleasistencia.

c) Servizo de axuda no fogar.

d) Servizo de centro de día e centro de noite.

e) Servizo de atención residencial.

2. Os servizos establecidos no número anterior prestaranse a través dos centros e servizos de carácter público, así como a través dos centros e servizos privados concertados debidamente acreditados.

3. As persoas en situación de dependencia que, segundo o calendario previsto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, teñan recoñecido o dereito ao acceso aos servizos do sistema, terán prioridade sobre o resto de persoas que teñan solicitudes pendentes de resolución para o acceso ao servizo de que se trate.

4. En todo caso, os servizos terán carácter prioritario respecto das prestacións económicas.

5. A efectividade do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia nacerá a partir do día seguinte á data de solicitude do recoñecemento da situación de dependencia ou do día primeiro de xaneiro do ano en que a Lei 39/2006, do 14 de decembro, fixe a efectividade para o grado e nivel de que se trate.

Se o beneficiario non estivera recibindo o servizo que se lle recoñece de entre os previstos no catálogo, en praza pública ou concertada, no momento da solicitude, a data de efectos será aquela en que se incorpore ou comece a prestarse o servizo de maneira efectiva.

Artigo 11º.-Intensidade dos servizos.

A intensidade dos servizos do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia establecerase no correspondente Programa individual de atención e determinarase polo contido prestacional de cada un dos servizos asistenciais e pola súa duración ou extensión segundo o grao e nivel de dependencia recoñecido, nos termos establecidos nos artigos seguintes.

Artigo 12º.-Intensidade dos servizos de prevención das situacións de dependencia.

1. As persoas en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos recibirán servizos de prevención co obxecto de previr o agravamento do seu grao e nivel de dependencia, incluíndo esta atención nos programas de teleasistencia, axuda a domicilio, dos centros de día e de atención residencial.

2. Os plans autonómicos de prevención da situación de dependencia e de promoción da autonomía persoal determinarán as intensidades destes servizos.

Artigo 13º.-Intensidade dos servizos de promoción da autonomía persoal.

1. Os servizos de promoción da autonomía persoal teñen por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir, de acordo coas normas e preferencias propias, e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria.

2. No que se refire ás persoas con discapacidade intelectual ou enfermidade mental, en relación a outros apoios para a súa autonomía persoal, os servizos de promoción da autonomía persoal incluirán actuacións de fomento de habilidades sociais, de lecer participativo e de facilitación da integración no proceso ocupacional-laboral.

3. A intensidade deste servizo determinarase nos plans autonómicos de prevención da situación de dependencia e promoción da autonomía persoal.

Artigo 14º.-Intensidade do servizo de teleasistencia.

1. O servizo de teleasistencia para a atención ás persoas en situación de dependencia ten por finalidade facilitar asistencia mediante o uso de tecnoloxías da comunicación e da información, con apoio dos medios persoais necesarios, en resposta inmediata ante situacións de emerxencia, de inseguridade, de soidade ou de illamento, co fin de favorecer a súa permanencia no seu medio habitual.

2. Este servizo de teleasistencia comprende as seguintes medidas:

a) Apoio inmediato, a través da liña telefónica, a demandas ante situacións de soidade, angustia, accidentes domésticos, caídas e enfermidades.

b) Seguimento permanente desde o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas.

c) Mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, doméstica ou social.

d) Funcións de axenda co obxecto de lembrarlle á persoa beneficiaria datos importantes sobre a súa saúde, toma de medicacións, realización de xestións ou outras actividades de análoga natureza.

3. O devandito servizo de teleasistencia suspenderase temporalmente durante o internamento da persoa beneficiaria nunha institución sanitaria ou durante a súa estadía temporal nun centro residencial.

4. O servizo de teleasistencia para a atención ás persoas en situación de dependencia prestarase as vinte e catro horas do día, durante todo o ano, en todos os graos e niveis de dependencia.

Artigo 15º.-Intensidade do servizo de axuda no fogar.

1. O servizo de axuda no fogar é o conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia co fin de atender as súas necesidades da vida diaria e/ou incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu domicilio o maior tempo posible.

2. O servizo de axuda no fogar comprende as seguintes actuacións:

a) Atención de carácter persoal na realización das actividades da vida diaria:

-Apoio e asistencia para levantarse, deitarse, hixiene persoal, vestirse, comer e aqueloutras actividades relacionadas co coidado e a atención persoal, tales como cambios posturais, mobilizacións, orientación temporo-espacial e apoio á incontinencia.

-Actividades de atención persoal, acompañamento, apoio psicosocial e desenvolvemento de hábitos saudables.

b) Atención das necesidades domésticas, que poderá comprender as actividades de limpeza da casa, compra de alimentos e produtos de uso común, cociña, lavado, ferro, repaso de roupa e outros.

Parte da atención doméstica poderá realizarse mediante servizos de comidas ou de lavandaría a domicilio.

3. A intensidade do servizo de axuda no fogar determinarase, igualmente, pola súa duración, mediante a determinación no correspondente programa individual de atención do número de horas mensuais de servizos asistenciais, segundo o grao e nivel de dependencia, de conformidade coa seguinte táboa:

a) Grao II. Dependencia severa horas de atención

Nivel 2 entre 40 e 55 horas mensuais

Nivel 1 entre 30 e 40 horas mensuais

b) Grao III. Gran dependencia horas de atención

Nivel 2 entre 70 e 90 horas mensuais

Nivel 1 entre 55 e 70 horas mensuais

Artigo 16º.-Intensidade do servizo de centro de día e de noite.

1. O servizo de centro de día ou de noite é aquel que lles ofrece unha atención integral durante o período diúrno ou nocturno ás persoas en situación de dependencia co obxectivo de mellorar ou manter o mellor nivel posible de autonomía persoal, así como apoiar as súas familias ou persoas coidadoras.

2. O servizo de centro de día comprende os seguintes servizos e programas de intervención:

a) Servizos de asistencia nas actividades básicas da vida diaria (ABVD), servizo de manutención, de prevención, de asesoramento e orientación para a promoción da autonomía, de atención social, de rehabilitación menor, de atención médica e de enfermaría, de atención psicolóxica, de terapia ocupacional e de rehabilitación funcional.

b) Programas de intervención especializada.

3. O servizo de centro de noite ten por finalidade dar resposta ás necesidades da persoa en situación de dependencia que precise atención durante a noite, e poderase prestar en centros de carácter específico ou en centros residenciais debidamente acreditados para a súa prestación sempre que, neste último suposto, a praza correspondente non estea ocupada ou reservada en réxime residencial ordinario.

4. Cando sexa necesario polas dificultades de mobilidade da persoa beneficiaria, o correspondente programa individual de atención poderá incorporar un servizo complementario de transporte adaptado para a asistencia ao centro de día e/ou de noite.

5. O servizo de centro de día e de noite suspenderase temporalmente como consecuencia do internamento da persoa beneficiaria en institucións sanitarias ou sociais. Para estes efectos, tales circunstancias deberán ser obxecto de comunicación nos termos establecidos no artigo 3º desta orde.

Artigo 17º.-Intensidade do servizo de atención residencial.

1. O servizo de atención residencial é aquel que lles ofrece unha atención integral e continuada de carácter personalizado e social ás persoas en situación de dependencia. Poderá ter carácter permanente, cando o centro residencial sexa a residencia habitual da persoa, ou temporal, cando se atendan estadías temporais de convalecencia ou durante vacacións, fins de semana e enfermidades ou períodos de descanso dos coidadores non profesionais.

2. O servizo de atención residencial comprende os seguintes servizos e programas de intervención:

a) Servizos de aloxamento, manutención, asistencia nas actividades básicas da vida diaria (ABVD), de prevención, de asesoramento e orientación para a promoción da autonomía, de coordinación cos servizos sanitarios, de rehabilitación funcional e fisioterapia, de atención médica e de enfermaría, de atención psicolóxica, de terapia ocupacional e de logopedia.

b) Programas de intervención especializada segundo o tipo de discapacidades.

3. O servizo de estadías temporais en centros residenciais poderase prestar nos centros residenciais debidamente acreditados para o efecto e sempre que a praza correspondente non estea ocupada ou reservada en réxime residencial ordinario.

O servizo de estadías temporais non terá unha duración superior a corenta e cinco días ao ano e estará en función da existencia de prazas residenciais dispoñibles nos centros e do número de persoas atendidas mediante coidados no contorno familiar.

A persoa en situación de dependencia gozará, nestes casos, dos mesmos dereitos e obrigas que as persoas residentes con carácter permanente durante o tempo en que permaneza neste servizo.

4. O servizo de atención residencial permanente suspenderase temporalmente como consecuencia do ingreso da persoa beneficiaria en institucións sanitarias ou por convivencia familiar. Neste último suposto o período de suspensión non poderá ser superior a corenta e cinco días ao ano.

Para estes efectos, tales circunstancias deberán ser obxecto de comunicación nos termos establecidos no artigo 3º desta orde.

Capítulo IV

Réxime de compatibilidades dos servizos

Artigo 18º.-Réxime de compatibilidades.

O réxime de compatibilidades para cada un dos servizos é o seguinte:

1. O servizo de teleasistencia será compatible con todos os servizos salvo co servizo de atención residencial.

2. O servizo de axuda no fogar será compatible cos seguintes servizos:

a) Servizo de teleasistencia.

b) Servizo de centro de día.

c) Servizo de centro de noite.

3. O servizo de centro de día será compatible cos seguintes servizos:

a) Servizo de teleasistencia.

b) Servizo de axuda no fogar.

c) Servizo de centro de noite.

d) Servizo de atención residencial cando no servizo de centro de día se presten servizos de carácter específico que a persoa en situación de dependencia poida requirir, de conformidade co establecido no seu programa individual de atención.

4. O servizo de centro de noite é compatible cos seguintes servizos:

a) Servizo de teleasistencia.

b) Servizo de axuda no fogar.

c) Servizo de centro de día.

5. O servizo de atención residencial será compatible co servizo de centro de día en que se presten servizos de carácter específico que a persoa en situación de dependencia poida requirir, de conformidade co establecido no seu programa individual de atención.

Capítulo V

Prestacións económicas

Sección 1ª

Tipoloxía de prestacións económicas

Artigo 19º.-Prestacións económicas.

1. Son prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia aquelas de carácter periódico destinadas a cofinanciar os gastos derivados da atención ás persoas en situación de dependencia e da promoción da autonomía persoal.

2. As prestacións económicas do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia son as seguintes:

Libranza para coidados no contorno familiar.

Libranza para a asistencia persoal.

Libranza para a adquisición de servizos.

3. As prestacións económicas son incompatibles entre si, sen prexuízo das previsións contidas nos seguintes puntos:

a) A libranza vinculada á adquisición dun servizo será compatible cos seguintes servizos e prestacións económicas:

-Servizo de teleasistencia.

-Libranza de coidados no contorno familiar durante os períodos de respiro da persoa coidadora.

b) A libranza de coidados no contorno familiar será compatible cos seguintes servizos e prestacións económicas:

-Servizo de teleasistencia.

-Servizos de axuda no fogar, centro de día e de noite e atención residencial, así como coa libranza vinculada á adquisición dun servizo desta última natureza, durante os períodos de respiro da persoa coidadora.

c) A libranza de asistencia persoal é compatible cos seguintes servizos e prestacións económicas:

-Servizo de teleasistencia.

-Servizos de axuda no fogar, centro de día e de noite e atención residencial, durante os períodos de respiro da persoa asistente.

Artigo 20º.-A libranza para a adquisición de servizos.

1. A libranza para a adquisición de servizos consiste nunha contía económica de carácter periódico que ten por obxecto proporcionarlle á persoa beneficiaria os recursos económicos necesarios para contribuír aos custos dos servizos establecidos no catálogo e prestados por entidades privadas titulares de centros ou que desenvolvan programas debidamente acreditados para a atención á dependencia, cando se acredite a inexistencia de prazas ou non sexa posible o acceso aos servizos públicos ou concertados do sistema.

2. Para os efectos do previsto no artigo anterior, entenderase como supostos de inexistencia de praza aqueles en que non existan prazas dispoñibles ou, cando existindo praza, esta non resulte axeitada ás necesidades da persoa en situación de dependencia de conformidade co disposto no seu programa individual de atención. Así mesmo, considerarase que o acceso aos centros do sistema non é posible cando non exista un medio de transporte axeitado ás necesidades da persoa en situación de dependencia ou o afastamento do centro desaconselle o desprazamento da persoa beneficiaria desde o seu domicilio.

3. En ningún caso se recoñecerá o pagamento de dúas prestacións económicas vinculadas á adquisición de servizos. Non obstante o anterior, a libranza recoñecida poderase destinar á adquisición de dous ou máis servizos segundo a intensidade que se determine no programa individual de atención da persoa beneficiaria, sempre que estes teñan carácter compatible.

4. Son condicións necesarias para o acceso á libranza para a adquisición de servizos as seguintes:

a) Que a persoa beneficiaria teña recoñecida a situación de dependencia nalgún dos graos e niveis que se requiran para o acceso ao/s servizo/s ao/s que se vincula a prestación.

b) Que o programa individual de atención da persoa beneficiaria determine a adecuación desta prestación.

c) Que a persoa beneficiaria obteña efectivamente a prestación do servizo en centro ou por entidade privada debidamente acreditados para a atención á dependencia.

Artigo 21º.-A libranza para coidados no contorno familiar.

1. A libranza para coidados no contorno familiar consiste nunha contía económica de periodicidade mensual cuxa finalidade é proporcionarlle á persoa beneficiaria recursos económicos para contribuír á cobertura dos gastos derivados da atención prestada polo coidador non profesional, co obxecto de posibilitar a permanencia da persoa beneficiaria no seu domicilio habitual.

2. As condicións para o acceso á prestación serán as seguintes:

a) Que a persoa beneficiaria teña recoñecida a situación de dependencia.

b) Que o Programa individual de atención da persoa beneficiaria determine a adecuación desta prestación.

c) Que a atención e coidados que debe prestar o coidador non profesional e a súa formación se adecúen ás necesidades da persoa dependente en función do que estableza o seu Programa individual de atención.

d) Que os coidados que deriven da situación de dependencia da persoa beneficiaria se estean prestando no seu domicilio habitual.

e) Que a vivenda reúna as condicións adecuadas de habitabilidade para o desenvolvemento dos coidados necesarios.

f) Que a persoa beneficiaria dispoña de condicións adecuadas de convivencia na súa vivenda ou no seu contorno.

3. Reciben a denominación de coidadores non profesionais aquelas persoas que se encargan do coidado e atención das persoas en situación de dependencia na súa vivenda habitual e reúnan os requisitos previstos a continuación:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Residir legalmente en España.

c) Ser cónxuxe, familiar por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o terceiro grao de parentesco.

d) Reunir as condicións de idoneidade que se establezan para prestar o coidado e atención de forma axeitada.

e) Non estar vinculada a un servizo de atención profesionalizada.

f) Reunir as condicións de afiliación, alta e cotización á Seguridade Social na forma establecida no Real decreto 615/2007, do 11 de maio, polo que se regula a Seguridade Social dos coidadores das persoas en situación de dependencia.

4. De conformidade co establecido no artigo 1 do Real decreto 615/2007, do 11 de maio, o Programa individual de atención poderá autorizar o coidado por unha persoa que, sen cumprir o requisito referido ao grao de parentesco sinalado no punto anterior, resida no municipio da persoa en situación de dependencia ou nun concello próximo, e o fixera durante o período previo dun ano contado desde a data de presentación da solicitude de recoñecemento da situación de dependencia.

Artigo 22º.-A libranza de asistencia persoal.

1. A libranza de asistencia persoal consiste nunha contía económica de periodicidade mensual que ten por obxecto proporcionarlles ás persoas beneficiarias en situación de gran dependencia recursos económicos que contribúan á cobertura dos gastos derivados da contratación dun asistente persoal que lles facilite o acceso á educación e ao traballo e lles posibilite unha maior autonomía no exercicio das actividades básicas da vida diaria.

2. As condicións para o acceso á prestación serán as seguintes:

a) Que a persoa beneficiaria teña recoñecido o grao de gran dependencia, en calquera dos seus niveis.

b) Que a persoa beneficiaria teña capacidade para determinar os servizos que require, para exercer o seu control e impartir instrucións ao asistente persoal de como levalos a cabo.

c) Que o Programa individual de atención da persoa beneficiaria determine a adecuación desta prestación.

d) Que a persoa encargada da asistencia persoal preste os seus servizos mediante contrato con empresa prestadora destes servizos, ou directamente mediante contrato laboral ou de prestación de servizos coa persoa beneficiaria, no cal se incluirán as condicións e directrices para a prestación do servizo propostas pola persoa beneficiaria e, de ser o caso, a cláusula de confidencialidade que se estableza.

3. O/a asistente/a persoal, como traballador/a que presta servizos á persoa beneficiaria coa finalidade establecida neste artigo, deberá reunir os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 18 anos.

b) Residir legalmente en España.

c) Reunir as condicións de idoneidade que se establezan para prestar os servizos derivados da asistencia persoal.

d) No suposto en que a relación entre a persoa beneficiaria e a persoa que presta a asistencia persoal derive dun contrato laboral ou de prestación de servizos, esta última terá que acreditar o cumprimento das súas obrigas de afiliación, alta e cotización no correspondente réxime da Seguridade Social.

e) Cando a asistencia persoal se realice a través de empresas prestadoras destes servizos, estas deberán contar coas autorizacións previstas no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

Sección 2ª

Xestión das prestacións económicas

Artigo 23º.-Órganos competentes para a xestión das prestacións económicas.

De conformidade co previsto no Decreto 176/2007, do 6 de setembro, a xestión das prestacións económicas a que se refiren os artigos anteriores corresponderá ás delegacións provinciais do departamento da Administración autonómica con competencias en materia de servizos sociais.

Artigo 24º.-Determinación da contía das prestacións económicas.

1. A contía das prestacións económicas será a establecida anualmente polo Goberno mediante real decreto, logo de acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, para os grados e niveis con dereito ás prestacións, e actualizarase en función do incremento do índice de prezos ao consumo.

De conformidade co establecido no Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, as contías máximas das prestacións económicas correspondentes ao grao III, gran dependencia, niveis 1 e 2, son as que se determinan no anexo I desta orde, cuxo contido se actualizará anualmente nos termos previstos no parágrafo anterior.

2. O importe da prestación económica que se lle recoñecerá a cada persoa beneficiaria determinarase aplicándolle á contía vixente para cada ano un coeficiente redutor, calculado de acordo coa súa capacidade económica.

3. Para os efectos do previsto no número anterior, a contía das prestacións económicas percibiranse integramente ou reducirase de acordo coa seguinte táboa

Ver referencia pdf "24600D001P007.PDF"

4. O importe das prestacións económicas que se fixe para cada persoa beneficiaria en situación de dependencia de grado III, en calquera dos seus niveis, non poderá ser inferior á contía fixada na Lei de orzamentos xerais do Estado para a pensión non contributiva.

5. A determinación da contía individual da libranza para a adquisición dun servizo, para coidados no contorno familiar e de asistencia persoal efectuarase en función da dedicación horaria dos coidados, de acordo coa táboa que se establece a continuación, de forma que na dedicación completa se percibirá a prestación íntegra, na dedicación parcial o 50% e na dedicación media a contía que se percibirá será proporcional ao número de horas de coidados.

Ver referencia pdf "24600D001P007.PDF"

Artigo 25º.-Deducións por prestacións de análoga natureza e finalidade.

Da contía da prestación económica que resultase da aplicación das normas anteriores, deberá deducirse calquera outra prestación de análoga natureza e finalidade establecida nos réximes públicos de protección social. En particular, e de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 14 do Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, deduciranse as seguintes:

a) O complemento de gran invalidez, regulado no artigo 139.4º do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

b) O complemento da asignación económica por fillo a cargo maior de 18 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 75% previsto no artigo 182 bis.2.c, do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social.

c) O complemento por necesidade de terceira persoa da pensión de invalidez non contributiva, previsto no artigo 145.6º do citado Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.

d) O subsidio por axuda de terceira persoa, previsto no artigo 12.2º c) da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social dos minusválidos.

Artigo 26º.-Determinación da capacidade económica.

1. De acordo co artigo 14.7º da Lei 39/2006, do 14 de decembro, para os efectos desta orde e en canto non fixe o Consello Territorial os criterios para a súa determinación, a capacidade económica das persoas beneficiarias das prestacións económicas calcularase en atención á súa renda e patrimonio.

2. A renda do beneficiario valorarase atendendo aos ingresos netos que perciba, que comprenderán os rendementos de traballo, incluídas pensións e prestacións de previsión social, calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos das actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais.

No caso de que a persoa beneficiaria tivese cónxuxe ou parella de feito, entenderase como renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os dous membros da parella.

Cando a persoa beneficiaria tivese ao seu cargo o cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade, que dependesen economicamente dela, a súa capacidade económica determinarase dividindo a súa renda e patrimonio entre o número de persoas tidas en conta ademais do beneficiario.

3. Enténdese por patrimonio o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa en situación de dependencia.

Para a estimación do valor deste aplicaranse as normas establecidas para o imposto sobre o patrimonio con dedución das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como as débedas e obrigas persoais das cales deba responder.

Considéranse exentos do cómputo a vivenda habitual e os bens e dereitos cualificados como exentos na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ata o límite que determine a lexislación sobre o patrimonio aplicable cando o beneficiario reciba prestacións económicas e deba continuar residindo no seu domicilio ou ben cando residindo nun centro residencial tivese ao seu cargo o seu cónxuxe, ascendente ou persoa de idade inferior a 25 anos ou maiores en situación de discapacidade que continúe en vivindo nel.

4. A capacidade económica da persoa solicitante será a correspondente á súa renda, modificada á alza pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto que supere o mínimo exento para a realización da declaración do imposto sobre o patrimonio a partir dos 65 anos de idade, un 3% dos 35 aos 65 anos e un 1% os menores de 35 anos.

5. A ocultación ou falsificación de datos sobre a capacidade económica poderá dar lugar á suspensión temporal ou á extinción da prestación do servizo, así como, no caso das prestacións económicas, á devolución das cantidades percibidas indebidamente.

Artigo 27º.-Aboamento das prestacións económicas.

1. A efectividade do dereito ás prestacións económicas nacerá a partir do día seguinte ao da data de solicitude do recoñecemento da situación de dependencia da persoa beneficiaria. Se o beneficiario non estivese recibindo a atención que determina o Programa individual de atención no momento da solicitude, a data de efectos será aquela en que se inicie de maneira efectiva o servizo no centro, por parte do coidador non profesional ou asistente persoal, segundo o caso, cos requisitos exixidos nesta orde.

2. Se a persoa beneficiaria fose recoñecida como dependente nun grao e nivel cuxa efectividade se pospuxese, segundo o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, o dereito ás prestacións que no seu caso se lle recoñezan será efectivo a partir do día primeiro de xaneiro do ano en que a citada lei fixa a efectividade para o dito grao e nivel.

3. O disposto nos puntos anteriores aplicarase sempre que na data prevista para a efectividade se reúnan os requisitos establecidos para cada prestación económica. No caso contrario, os efectos económicos produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte a que concorran estes.

4. O aboamento das prestacións económicas a que se refire esta orde realizarase en doce mensualidades anuais e, preferentemente, mediante transferencia bancaria á conta designada pola persoa beneficiaria ou, de ser o caso, ás persoas que teñen a súa representación.

Disposicións adicionais

Primeira.-Axudas económicas para facilitar a autonomía persoal.

O departamento da Administración autonómica competente en materia de servizos sociais poderá, nos termos da disposición adicional terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, establecer axudas económicas co fin de facilitar a autonomía persoal. Tales axudas terán a condición de subvencións e irán destinadas:

a) A apoiar a persoa con axudas técnicas ou instrumentos necesarios para o normal desenvolvemento da súa vida ordinaria.

b) A facilitar a accesibilidade e adaptacións no fogar que contribúan a mellorar a súa capacidade de desprazamento na vivenda.

Segunda.-Acreditación dos centros e servizos.

Respecto do procedemento relativo á acreditación dos centros e servizos que desenvolvan as súas actividades no ámbito da autonomía persoal e atención á dependencia, observarase o disposto no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, e na súa normativa de desenvolvemento.

Terceira.-Incompatibilidade dos servizos e das prestacións económicas periódicas co programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial, regulado no Decreto 176/2000, do 21 de xuño.

Os servizos e as prestacións económicas periódicas previstas no sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia son incompatibles co programa do cheque asistencial.

Para estes efectos, naqueles supostos en que unha persoa estea desfrutando da axuda correspondente ao programa do cheque asistencial en calquera das súas modalidades e, de conformidade coa normativa de aplicación, obteña o recoñecemento da súa situación de dependencia e resulte beneficiaria, nos termos establecidos no seu programa individual de atención, dos servizos e/ou prestacións económicas do sistema, será dada de baixa de oficio como persoa beneficiaria do programa do cheque asistencial.

Disposicións transitorias

Primeira.-Continuidade na prestación de servizos das persoas recoñecidas en situación de dependencia.

As persoas recoñecidas en situación de dependencia que, no momento da entrada en vigor desta orde, estean sendo atendidas nun centro ou programa público ou privado con prazas concertadas ou conveniadas coa Administración autonómica, poderán optar, dentro das posibilidades que determine o seu Programa individual de atención, pola permanencia no antedito centro ou programa.

No suposto en que, no momento da entrada en vigor desta orde, as persoas recoñecidas en situación de dependencia estean sendo atendidas nun centro ou programa privado non concertado que conte con prazas para persoas dependentes, poderán optar, dentro das posibilidades que determine o seu Programa individual de atención, pola libranza para a adquisición de servizos co fin de facilitar a súa permanencia no antedito centro ou programa e garantir así a continuidade na atención, e sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que as persoas recoñecidas en situación de dependencia ocupen prazas para persoas asistidas, persoas con discapacidade gravemente afectadas ou prazas para persoas con dependencia.

b) Que os centros en que estean sendo atendidas correspondan coas tipoloxías de centro de día de persoas maiores ou de persoas con discapacidade, fogar residencial, mini-residencia, residencia e gran centro residencial de atención ás persoas maiores e residencias para persoas con discapacidade gravemente afectadas.

Segunda.-Participación das persoas beneficiarias no custo dos servizos.

As persoas que teñan dereito á prestación dun servizo e se atopen atendidas ou se incorporen, en centros ou servizos de titularidade pública e/ou concertados ou conveniados seguirán efectuando a contribución económica na forma e contía en que o viñesen facendo en canto non se estableza a regulación da participación das persoas beneficiarias no custo dos servizos de acordo aos criterios que fixe o Consello Territorial do Sistema de Autonomía e Atención á Dependencia.

Nos mesmos termos establecidos no punto anterior, os concellos aplicarán o sistema de participación da persoa beneficiaria no custo do servizo de acordo co previsto no artigo 12 da Orde do 22 de xullo de 1996 pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

Terceira.-Acreditación dos centros e programas para a prestación de servizos de atención á dependencia.

1. En canto non entre en vigor a normativa autonómica relativa á acreditación, poderán prestarlles servizos de atención á dependencia ás persoas de novo ingreso todos os centros e programas de iniciativa privada no número de prazas que teñan conveniadas ou concertadas coa Administración autonómica para persoas en situación de dependencia.

2. Nos mesmos termos previstos no punto anterior, poderán prestarse servizos de atención á dependencia ás persoas de novo ingreso:

a) A través de todos os programas de iniciativa privada que conten coa autorización de inicio de actividades, de conformidade co disposto no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.

b) No caso do programa de axuda no fogar, a través de todas aquelas entidades que conten co permiso de inicio de actividades e se atopen incluídas no programa do cheque asistencial para a axuda no fogar segundo os correspondentes ámbitos de actuación.

c) A través de todos os centros de iniciativa privada que conten con permiso de inicio de actividades e respondan ás seguintes tipoloxías: centro de día de persoas maiores ou de persoas con discapacidade, fogar residencial, mini-residencia, residencia e gran centro residencial de atención ás persoas maiores e residencias para persoas con discapacidade gravemente afectadas no número de prazas autorizadas para a atención ás persoas en situación de dependencia.

d) O servizo de atención residencial temporal poderá prestarse naqueles centros que conten con prazas incluídas no programa de estadías temporais. O servizo de centro de noite realizarase naqueles centros aos cales, de conformidade co disposto no Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais, se lles conceda autorización de inicio de actividades para prestalo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Autorízase a persoa titular do centro directivo competente en materia de acción social para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Segunda.-Vixencia da norma.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

Ver referencia pdf "24600D001P007.PDF"