DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2007 Páx. 19.942

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 14 de decembro de 2007 pola que se convoca o Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2008.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o Curso Superior de Técnico de Urbanismo 2008.

1. Obxectivos.

Este curso pretende afondar, desde unha perspectiva xeral e en particular desde o punto de vista da lexislación galega -co fin de adaptar o contido do curso á singular realidade da nosa comunidade-, nos coñecementos teóricos e prácticos de dúas pezas clave do urbanismo: a planificación e a xestión urbanísticas.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

-Módulo I: normativa territorial e urbanística.

1. Réxime urbanístico do solo (Lei 8/2007 en relación coa LOUGA).

2. Lexislación urbanística galega.

3. Outra lexislación de especial incidencia no territorio.

-Módulo II: análise territorial e urbanística.

1. Cuestións ambientais.

2. Marco sociopolítico.

3. Problemática económica.

-Módulo III: planificación urbanística.

1. Clases de instrumentos de ordenación. Disposicións xerais.

2. Normas de aplicación directa. Normas subsidiarias e complementarias de planeamento.

3. Plan Xeral de Ordenación Municipal.

4. Plans de desenvolvemento.

a) Plans de sectorización.

b) Plans parciais.

c) Plans especiais

5. Elaboración e aprobación dos instrumentos de ordenación. Efectos.

-Módulo IV: execución urbanística.

1. Xestión urbanística.

2. Intervención no mercado inmobiliario.

3. Intervención dos actos de uso do solo.

4. Disciplina urbanística.

-Módulo V: obradoiros.

1. Obradoiro de planeamento: xeral e de desenvolvemento.

2. Casos prácticos: do réxime transitorio e da execución urbanística.

3. Prazas: 40.

4. Destinatarios.

4.1. A metade das prazas (20) ten como destinatario o persoal das diferentes administracións públicas de Galicia: funcionarios de carreira ou persoal interino dos grupos A e B que estean en posesión do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro superior e persoal laboral dos grupos I e II que se encontre en posesión de calquera dos títulos anteriormente citados.

Este curso valoraráselles con 1,5 puntos a aqueles alumnos/as aprobados/as que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se determinan os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local, en cumprimento do disposto na Orde do 10 de agosto de 1994, do Ministerio para as Administracións Públicas, e tamén do establecido no Decreto 136/1987 da Xunta de Galicia, do 5 de xuño, sobre a determinación dos méritos que corresponde fixar á comunidade autónoma nos concursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

4.2. Poderán optar á outra metade das prazas os profesionais que dispoñan do título de licenciado (dereito, ciencias políticas, xeografía, socioloxía, etc.), arquitecto superior ou enxeñeiro superior (agrónomo, camiños, etc.). Os arquitectos dos concellos que teñan contrato de asistencia técnica encadraranse dentro deste grupo.

As prazas de calquera dos grupos que non sexan cubertas sumaranse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de mil trescentos euros (1.300 €) para todos aqueles solicitantes que pertenzan ás diferentes administracións públicas de Galicia, que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual, realicen tarefas que estean vinculadas directamente co urbanismo.

O importe anterior poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 50% do total (650 €) pagarase ao matricularse e o 50% restante (650 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de xuño de 2008.

5.2. O importe da matrícula é de dous mil seiscentos euros (2.600 €) para os demais peticionarios.

Ao igual que no punto anterior, este importe poderase facer efectivo na súa totalidade no momento de formalizar a matrícula ou en dous prazos. Neste último caso, o 50% do total (1.300 €) pagarase ao matricularse e o 50% restante (1.300 €) farase efectivo entre o 1 e o 15 de xuño de 2008.

O pagamento da taxa de matriculación deberá efectuarse dentro dos cinco (5) días seguintes ao da comunicación por parte da EGAP da aceptación dos alumnos no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP proporcionaralle ao alumnado admitido no curso o impreso para formalizar o pagamento da matrícula.

A EGAP non procederá en ningún caso á devolución das cantidades aboadas.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de alumnos deste curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo para inscrición no curso comezará o día 2 de xaneiro de 2008 e finalizará o día 18 de xaneiro de 2008.

Para inscribirse, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará, a partir do día 2 de xaneiro, na páxina web da EGAP co seguinte enderezo: http://egap.xunta.es/cursoUrbanismo.

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

a) Se o peticionario é funcionario ou persoal laboral da Administración pública:

-Fotocopia do DNI.

-Dúas fotos a cor de tamaño carné.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro.

-Certificado expedido polo responsable de persoal do organismo de que dependa o solicitante, en que se indique a situación profesional deste.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

b) Para o resto dos peticionarios:

-Fotocopia do DNI.

-Dúas fotos a cor de tamaño carné.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro.

-Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Poderase pedir a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente documentados. A non-presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do solicitante previamente seleccionado.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con independencia e discrecionalidade técnica con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

a) Se os solicitantes son funcionarios, persoal interino ou persoal laboral das administracións públicas de Galicia:

Daráselles prioridade a aqueles casos en que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o traballador no desempeño do seu posto de traballo e as materias obxecto deste curso, o que se acreditará mediante as certificacións e acreditacións curriculares correspondentes.

b) Se os solicitantes non forman parte do persoal ao servizo das administracións públicas:

Gozarán de preferencia aqueles solicitantes que acrediten documentalmente que a súa actividade profesional mantén relación directa co urbanismo e, que ademais, poidan demostrar, por medio do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo. Valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia expresada: doutoramento; cursos de urbanismo; formar parte de equipos redactores de planificación en xeral e de documentos de xestión e desenvolvemento urbanístico; asistencia técnica a concellos e docencia universitaria na materia.

En calquera caso, esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública, contidos na Resolución do 30 de xaneiro de 2007 da EGAP, publicada no DOG nº 27, do 7 de febreiro.

A comisión poderá establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos grupos de traballo que se establezan, de acordo coas solicitudes recibidas. Así mesmo, resolverá as alegacións e reclamacións que se puidesen suscitar.

10. Publicación da lista de seleccionados e prazo de presentación de alegacións.

A lista de seleccionados publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres (3) días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Lista de espera.

A comisión fixará unha lista de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas. As persoas que non figuren na devandita lista de espera, ou ben se encontran nun posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do mencionado certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar dous traballos: un traballo en grupo que se elaborará baixo a dirección dos monitores dos obradoiros durante o período docente e un traballo individual sobre unha materia relacionada coa actividade convocada, cuxa proposta deberá ser aprobada previamente polos directores académicos. Os traballos serán obxecto de exposición pública e o individual será avaliado por un tribunal designado para o efecto, unha vez rematada a docencia.

O prazo de entrega do traballo fixarase durante a realización do curso e seralles comunicado aos alumnos coa suficiente antelación. Se tras a exposición pública do traballo, o tribunal considera que non acada unha calidade mínima, o alumno deberá presentar de novo o traballo e expoñelo na data que a dirección do curso lle indique.

A superación deste curso queda supeditada a dous factores: a que os alumnos acudan con regularidade ao curso, cunha porcentaxe de asistencia que deberá ser superior ao 85% das horas programadas, e tamén a que o seu traballo alcance unha calidade mínima. Os participantes que non cumpran os requisitos quedarán eliminados sexa cal for a causa, e perderán todos os dereitos.

Unicamente se poderá autorizar a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar esta o 15% das horas lectivas. Neste caso acreditarase documentalmente ante o servizo competente da EGAP ou ante o coordinador do curso, nun prazo máximo de dez (10) días despois de que esta ausencia se produza.

13. Desenvolvemento.

O curso realizarase na Escola Galega de Administración Pública; rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, entre o 28 de febreiro e o 20 de novembro de 2008. Está previsto, ademais, que durante a súa realización se organicen visitas a varios concellos.

A súa duración será de 216 horas, que se distribuirán a razón de oito (8) horas por semana -ordinariamente os xoves das 10.00 ás 14.30 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos que participen no curso terán que anotar a hora de chegada e de saída. As ausencias ocasionais do curso constarán como incidencia dentro de cada sesión para os efectos do cómputo correspondente. Poderanse realizar tamén controis de asistencia extraordinarios en calquera momento do desenvolvemento do curso.

14. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si facultade de modificar o programa e a de interpretación para resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

A dirección do curso resolverá as incidencias de carácter xeral que se poidan producir durante o desenvolvemento do curso.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director