DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2007 Páx. 19.937

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2007 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dezaseis bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que: «Compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego».

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2008 figura a convocatoria pública de bolsas de colaboración para proxectos de investigación sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse dezaseis bolsas de colaboración en proxectos de investigación concretos que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e que se inclúen como anexos a esta resolución, nos cales se detallan os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes.

Segunda.-Duración.

A data de incorporación ao Consello da Cultura Galega será dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da adxudicación. Os bolseiros e as bolseiras comezarán a súa actividade a partir do día 1 de febreiro de 2008. A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro.

Os bolseiros e as bolseiras que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada polo presidente do Consello da Cultura Galega.

Terceira.-Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de oitocentos cincuenta euros (850) coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se prevé existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 03.01.111D.480.0, por unha contía máxima total de cento cincuenta e nove mil douscentos oitenta euros (159.280) -dos que 149.600 € corresponden ao pagamento das mensualidades a partir do 1 de febreiro ata o 31 de decembro e 9.680 € ao pagamento da asistencia sanitaria- correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. En todo o caso o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente logo do informe de quen coordine ou titorice a investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación académica requirida no anexo correspondente nun prazo non superior aos cinco anos.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter desfrutado dunha bolsa do Consello da Cultura Galega por un período superior ou igual a doce meses, nin ter renunciado a ela sen unha causa de forza maior, ao xuízo do Consello da Cultura Galega, logo de iniciado o período de vixencia.

e) Non ter sido separada/o do servizo de ningunha administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

f) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ao presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entregarase unha solicitude por cada proxecto ao cal a persoa se queira presentar. Só será necesaria unha única documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, xunto coa documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa en que figure a nota media numérica do expediente.

-Curriculum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionada/o, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de que a/o solicitante non foi separada/o do servizo de ningunha Administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración da persoa solicitante das axudas pedidas para o mesmo fin ás administracións públicas.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas todas as solicitudes darase un prazo de dez días para corrixir a falta de documentación, coa indicación de que transcorridos estes días sen a devandita corrección se arquivarán os expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos e das candidatas será realizada por unha comisión de valoración. A comisión de valoración será nomeada pola Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

Esta comisión estará formada por dous membros da comisión executiva e o coordinador da sección ou o director do arquivo ou proxecto que solicite a bolsa. Este último pode, pola súa vez, delegar nun membro da sección ou comisión técnica correspondente.

O presidente da comisión elevaralle ao presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados e suplentes, se é o caso, para a adxudicación da bolsa.

Finalmente, o presidente do Consello da Cultura Galega fará pública a relación das persoas seleccionadas (titulares e suplentes) por orde de puntuación e as bolsas adxudicaranse por resolución do presidente do Consello da Cultura Galega, que lles será debidamente notificada ás persoas solicitantes. Esta resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que o ditou ou poderá ser impugnada directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O presidente do Consello da Cultura Galega poderá declarar deserta a convocatoria se considera que ningún dos candidatos e ningunha das candidatas resulta idóneo/a.

A resolución do presidente do Consello da Cultura Galega adoptaráselle no prazo de tres meses, contados desde a data de remate de presentación de solicitudes das bolsas, e a falta de resolución producirá efectos desestimatorios.

No caso de que, adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias, adxudicarase automaticamente a axuda á seguinte persoa aspirante en puntuación e procederase do mesmo modo nas renuncias consecutivas.

As resolucións de adxudicación incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, segundo a autorización da persoa solicitante que figure na convocatoria correspondente.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros e bolseiras.

-Expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Curriculum vitae da persoa solicitante, experiencia investigadora e colaboración en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente.

En caso de empate terase en conta o expediente académico e en segundo lugar o curriculum vitae.

Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez que os beneficiarios e as beneficiarias reciban as notificacións de concesión das bolsas, comunicaranlle por escrito ao presidente do Consello da Cultura Galega a aceptación ou renuncia a elas nun prazo de cinco días. Se transcorrido ese prazo non se fixese manifestación expresa en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa e procederase automaticamente á adxudicación da axuda ao seguinte aspirante en puntuación.

Novena.-Obrigas das beneficiarias e dos beneficiarios.

Para xustificar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a bolsa e a aplicación dos fondos percibidos, os beneficiarios ou beneficiarias presentarán, dentro do mes seguinte ao remate da bolsa, unha memoria descritiva sobre o proxecto de investigación que están realizando.

Os beneficiarios ou beneficiarias están obrigados a facilitar a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control de destino das bolsas.

No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario ou peticionaria deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Décima.-Réxime de colaboración.

As bolseiras e os bolseiros realizarán a súa actividade no Consello da Cultura Galega baixo a dirección de quen coordine ou titorice os proxectos.

Os bolseiros e as bolseiras permanecerán no Consello da Cultura Galega, en horario habitual de presenza de mañá ou tarde.

A bolseiras e os bolseiros desenvolverán o seu labor cos medios técnicos do Consello da Cultura Galega. Para a utilización do material resultante das actividades deberán contar coa autorización expresa e previa do Consello da Cultura Galega.

As bolsas non implican relación funcionarial nin laboral co Consello da Cultura Galega, nin compromiso que se estenda máis alá do seu ámbito de duración.

Décimo primeira.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de que os beneficiarios ou beneficiarias das bolsas incumprisen algunhas das tarefas estipuladas, o Consello da Cultura Galega instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e poderá anular os beneficios concedidos e solicitar a devolución das cantidades percibidas, se as houber, no prazo que establece o Regulamento xeral de recadación.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segunda.-Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o presidente do Consello da Cultura Galega, segundo o disposto na Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben as persoas interesadas poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo terceira.-Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Santiago de Compostela,11 de decembro de 2007.

Ramón Villares Paz

Presidente

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciada/o en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de servizos lingüísticos ou de normalización lingüística, ou en actividades de dinamización lingüística e estudos ou traballos de sociolingüística galega.

-Posuír coñecementos de Access e Excel.

-Posuír coñecementos da internet.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar no Arquivo

da Emigración Galega

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo da Emigración Galega, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado/a en xeografía e historia.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de biblioteconomía e documentación.

-Ter experiencia en estudos sobre os movementos migratorios.

-Ter coñecementos de informática.

ANEXO III

Dúas bolsas para participar no programa Arquivo de Comunicación

Estas bolsas teñen como finalidade participar no programa Arquivo de Comunicación, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciada/o en xornalismo, publicidade e relacións públicas ou comunicación audiovisual.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos informáticos e de xornalismo dixital.

-Posuír coñecementos en estudos de comunicación.

-Ter coñecementos de idiomas.

ANEXO IV

Dúas bolsas para colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa 1.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ter estudos específicos de técnica/o de son (grao superior de técnica/o de son-FP ou outra titulación similar).

Valorarase como mérito:

Posuír coñecementos de programas de edición e de gravación de audio-dixital.

Bolsa 2.

Para solicitar a bolsa a que se refire a presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser diplomado/a en biblioteconomía e documentación ou licenciada/o en documentación.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc con materiais especiais.

-Posuír coñecementos do programa de catalogación AbsysNET.

-Posuír coñecementos de informática.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar na Área

de Documentación

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na Área de Documentación do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser diplomado/a en biblioteconomía e documentación ou licenciada/o en documentación.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de catalogación en formatos Marc con materiais especiais.

-Posuír coñecementos do programa de catalogación AbsysNET.

-Posuír coñecementos de informática.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar na Área

de Publicacións

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na Área de Publicacións do Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado/a en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de tradución e corrección.

-Posuír coñecementos de edición de textos.

-Posuír coñecementos de informática.

ANEXO VII

Dúas bolsas para colaborar na área de Xestión Cultural

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar nas actividades de Xestión Cultural que se están levando a cabo no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

- Ser licenciada/o en humanidades, ciencias sociais ou ciencias da información.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de xestión cultural.

-Posuír coñecementos de informática.

-Ter coñecementos de idiomas.

ANEXO VIII

Dúas bolsas para colaborar no web corporativo do Consello da Cultura Galega

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar na elaboración, planificación, xestión e produción dos sitios web do Consello da Cultura Galega.

Bolsa 1.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciada/o en xornalismo, publicidade e relacións públicas ou comunicación audiovisual.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de edición de web, tratamento de imaxes dixitais e vídeo dixital.

-Posuír coñecementos de informática.

-Ter coñecementos de xornalismo dixital.

-Ter coñecementos de idiomas.

Bolsa 2.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta presente convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Titulación FP2 - Informática

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecementos de redes corporativas, servidores e mantemento de equipos.

-Posuír coñecementos de xestión de intranets, aplicacións de bancos de datos e linguaxe QSL.

ANEXO IX

Unha bolsa para colaborar na área de Informes

Esta bolsa ten como finalidade colaborar nas actividades da área de Informes que se están levando a cabo no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base desta resolución:

-Ser licenciada/o en matemáticas, en socioloxía, en psicoloxía ou ciencias económicas.

Valorarase como mérito:

-Posuír coñecemento de métodos de investigación social.

-Posuír coñecemento de Excel.

-Posuír coñecemento de SPSS.

ANEXO X

Unha bolsa para colaborar no proxecto Sarmiento

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto para a edición da obra de Martín Sarmiento, que se está a desenvolver no Consello da Cultura Galega.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciada/o en filoloxía galega.

Valorarase como mérito:

-Posuír experiencia en edición e revisión de textos.

-Ter coñecementos de informática.

Documentación presentada

Procedemento.

Bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

-Certificación académica persoal completa en que consta a nota media numérica.

-Curriculum vitae, acompañado de cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada de non ter sido separado/a do servizo de ningunha administración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario, así como de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.