DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2007 Páx. 19.936

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 29 de novembro de 2007 pola que se crea o ficheiro de datos de carácter persoal de titulados de centros oficiais de formación dependentes desta consellería.

A Constitución española, no seu artigo 18.4º, dispón que a lei limitará o uso da informática para garantir a honra e a intimidade persoal e familiar dos cidadáns e o pleno exercicio dos seus dereitos.

Neste sentido, a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, regula o tratamento deste tipo de datos rexistrados en soporte físico, así como o uso posterior destes datos polos sectores público e privado. Neste marco, é obxecto desta regulación a garantía e protección dos dereitos fundamentais e liberdades públicas das persoas físicas e, especialmente, da súa honra e intimidade persoal familiar.

O artigo 20.1º de devandita lei dispón que a creación, modificación e supresión dos ficheiros das administracións públicas so se poderá facer por medio dunha disposición xeral publicada no Boletín Oficial del Estado ou diario oficial correspondente.

O ficheiro de datos de carácter persoal de titulados de centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos créase coa finalidade de realizar un estudo de impacto das súas accións formativas.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, que foi modificada na súa denominación mediante a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia, e modificada parcialmente no seu contido pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, e o Decreto 500/2005, do 15 de setembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Mediante a presente orde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos crea os ficheiros automatizados de datos de carácter persoal de titulados de centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo se relaciona no anexo.

Artigo 2º.-Contido.

A información que, de acordo co artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, se exixe para as disposicións de creación de ficheiros está contida no anexo desta resolución.

Artigo 3º.-Finalidade e uso dos ficheiros.

Os datos de carácter persoal e profesional rexistrados nos ficheiros automatizados da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos creados pola presente orde só serán utilizados para os fins expresamente previstos no anexo e polo persoal debidamente autorizado.

Artigo 4º.-Cesión de datos.

Os datos só poderán ser cedidos nos supostos e nas condicións expresamente previstos na normativa vixente.

Artigo 5º.-Órganos responsables dos ficheiros.

Serán responsables dos ficheiros os órganos que figuran no anexo. Así mesmo, no citado anexo enuméranse as unidades ante as cales se exercerán os dereitos de acceso, rectificación e cancelación.

Artigo 6º.-Medidas de seguranza.

As medidas de seguranza dos ficheiros están especificadas no correspondente documento de seguranza en función do nivel en que estes se clasifiquen.

O titular do órgano responsable deste ficheiro adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a súa confidencialidade e os dereitos e obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas observarase, ademais, o disposto na normativa vixente sobre materia estatística.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

Ficheiro de titulados de centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos

a) Nome do ficheiro: titulados de centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

b) Finalidade do ficheiro e uso previsto: realización de estudos de impacto das accións formativas dos centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

c) Estrutura básica: o ficheiro inclúe os seguintes datos:

-Datos de carácter identificativo dos titulados: nome e apelidos, enderezo (postal e electrónico), teléfono e fax.

-Datos de características persoais dos titulados: data e lugar de nacemento.

-Datos académicos e profesionais: titulación académica, idiomas, profesión, experiencia profesional.

d) Órgano responsable do ficheiro: a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

e) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que figuran no ficheiro poderán exercerse, de ser o caso, ante a unidade ou dependencia responsable do ficheiro, sita na Rúa dos Irmandiños, s/n, Salgueiriños, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

f) Procedencia dos datos: os datos deste ficheiro son facilitados polo propio interesado ou o seu representante legal.

g) Procedemento de recolla de datos: a través dos formularios de matrícula nos centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

h) Cesión de datos: prevese a cesión para facer estudos de avaliación de impacto das accións formativas desenvolvidas contempladas no programa formativo da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Non se prevén transferencias internacionais.

i) Persoas e/ou colectivos afectados: alumnos e antigos alumnos dos cursos impartidos nos centros oficiais de formación dependentes da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.