DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 245 Xoves, 20 de decembro de 2007 Páx. 19.931

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de decembro de 2007 pola que se resolve a concesión de premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que remate os seus estudos universitarios no ano 2007 nas universidades do sistema universitario de Galicia.

A Orde do 20 de abril de 2007, DOG do 9 de maio de 2007, convocaba os premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado que rematase os estudos universitarios no ano 2007 nas universidades do sistema universitario de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 8 das bases da convocatoria, desde o día 19 ao 31 de outubro de 2007, expuxéronse as listas provisionais de solicitudes admitidas e excluídas, podendo durante ese mesmo prazo os interesados formular as reclamacións para emendar erros e falta de documentos ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

Rematado este prazo, as solicitudes admitidas foron estudadas pola comisión avaliadora nomeada na propia orde de convocatoria.

En consecuencia, atendendo á proposta elaborada pola citada comisión, esta consellería

RESOLVE:

Artigo 1º

Concederlle o premio fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia ao alumnado universitario que rematou os seus estudos no ano 2007 nas universidades do SUG e que se relacionan no anexo I desta orde. O alumnado premiado recibirá unha contribución en metálico de 3.500 euros.

Artigo 2º

Denegarlle o premio aos solicitantes que figuran relacionados no anexo II desta orde e que foron admitidos para participar neste concurso, polas causas que nel se sinalan.

Artigo 3º

O incumprimento total ou parcial por parte dos beneficiarios de calquera das condicións establecidas na orde de convocatoria do 20 de abril 2007 constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro total ou parcial, polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4º

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "24500D002P011.PDF"

Ver referencia pdf "24500D003P014.PDF"