DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 243 Martes, 18 de decembro de 2007 Páx. 19.812

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas e a derrogación de determinados preceptos das ordes do 30 de xullo e 8 de setembro de 1998.

O Real decreto 4189/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de agricultura e pesca, transfírelle a esta comunidade autónoma as competencias, funcións e servizos en materia de ensinanzas profesionais náutico-pesqueiras.

O Real decreto 662/1997, do 12 de maio, establece os requisitos mínimos para exercer a actividade profesional de patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente.

O Real decreto 1378/1997, do 29 de agosto, sobre ampliación de funcións e servizos traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1283/1987, do 2 de outubro, acorda traspasar a esta comunidade autónoma a expedición de tarxetas profesionais.

A Orde do 8 de setembro de 1998 regula o procedemento para a obtención, entre outros, dos títulos de competencia de mariñeiro, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia, establecéndose a obriga de exame para tramitar a tarxeta de identidade profesional marítima.

O Real decreto 89/1996, do 26 de xaneiro, sobre o traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia das funcións e servizos en materia de ensinanzas náutico-deportivas, transfírelle á comunidade autónoma, entre outras funcións, a realización dos exames para a obtención dos títulos para o goberno das embarcacións de lecer.

A Orde do 17 de xuño de 1997 do Ministerio de Fomento regula as condicións para o goberno das embarcacións de lecer.

A Orde do 30 de xullo de 1998 regula a realización dos exames e prácticas de seguranza e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Desde a publicación das normativas referidas nos parágrafos anteriores producíronse cambios referentes á obtención de titulacións náutico-pesqueiras e náutico-deportivas. Estas novas circunstancias aconsellan unha nova regulación de certos aspectos referentes aos tribunais para a obtención de titulacións náutico-pesqueiras e náutico-deportivas.

Polo exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Para a obtención dos certificados de aptitude necesarios para a obtención dos títulos tanto profesionais náutico-pesqueiros como náutico-deportivos e posterior tramitación das tarxetas de identidade acreditativas deles, será preciso superar o exame correspondente perante un tribunal formado por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, segundo se desenvolve na presente orde.

2. Correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro fixar todas as convocatorias de exame e designar os membros dos tribunais cualificadores dos exames conducentes tanto á obtención de titulacións marítimo-pesqueiras como náutico-deportivas.

Artigo 2º

Os tribunais cualificadores que se designen para a obtención de titulacións profesionais marítimo-pesqueiras, terán as seguintes composicións:

1. Tribunais de competencia de mariñeiro.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Un vogal.

Un dos membros do tribunal, polo menos, deberá ter titulación profesional mínima de capitán de pesca.

2. Tribunais de patrón local de pesca.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Un vogal para a sección de ponte e común, que deberá estar en posesión da titulación profesional mínima de capitán de pesca.

-Un vogal para a sección de máquinas, que deberá estar en posesión de titulación profesional mínima de diplomado en máquinas navais ou equivalente para os efectos de docencia.

3. Tribunais de patrón costeiro polivalente.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Un vogal para a sección de ponte e común, que deberá estar en posesión de titulación profesional mínima de capitán de pesca.

-Un vogal para a sección de máquinas, que deberá estar en posesión de titulación profesional mínima de diplomado en máquinas navais ou equivalente para os efectos de docencia.

Artigo 3º

Os tribunais designados para os exames teóricos e prácticos de titulacións náutico-deportivas terán as seguintes composicións:

1. Exames teóricos.

1.1. Tribunais de patrón para navegación básica e patrón de embarcacións de lecer.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Dous vogais.

Os vogais dos tribunais terán titulación náutica e preferentemente titulación náutica superior.

1.2. Tribunais de patrón de iate e de capitán de iate.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Catro vogais.

Os vogais dos tribunais terán titulación náutica e, polo menos, a metade deles titulación náutica superior.

2. Exames prácticos.

-Un presidente.

-Un secretario.

-Dous vogais.

Os membros dos tribunais terán preferentemente titulación náutica superior.

Artigo 4º

No caso das convocatorias ordinarias ou especiais, de ser necesario, polo número de inscritos, poderase nomear vogais colaboradores.

Artigo 5º

No caso de petición de exame para unha convocatoria extraordinaria solicitada para unha ou máis titulacións, se o número de alumnos inscritos fose reducido, poderase constituír un único tribunal para realizar conxuntamente as probas de patrón de navegación básica e patrón de embarcacións de lecer e outro para as de patrón de iate e capitán de iate.

No caso de convocatorias extraordinarias solicitadas polas escolas homologadas, de non reunir cada unha delas o número mínimo de alumnos que establece o artigo 3 da Orde do 30 de xullo de 1998, pola que se regula a realización dos exames e prácticas de seguranza e navegación para a obtención dos títulos para o goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse unir e solicitar unha convocatoria conxunta de exame cun mesmo tribunal.

Artigo 6º

Para todo o non disposto na presente orde os tribunais rexeranse polo establecido no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Quedan derrogados os artigos 19, 20 e 21 da Orde do 8 de setembro de 1998 (DOG nº 188, do 28 de setembro) pola que se regula o procedemento para a obtención dos títulos de competencia de mariñeiro, mariñeiro-cociñeiro, radiotelefonista naval restrinxido, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Queda derrogado o artigo 9 da Orde do 30 de xullo de 1998 (DOG nº 158, do 17 de agosto) pola que se regulamenta a realización dos exames e prácticas de seguranza e navegación para a obtención dos títulos para goberno de embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para a publicación daquelas disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos