DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 17 de decembro de 2007 Páx. 19.757

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE de 7 de decembro de 2007 pola que se modifica a 10 de maio pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios, se convocan para o ano 2007, e se amplía a súa dotación orzamentaria.

Pola orde do 10 de maio de 2007 establecéronse as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios e convocáronse para o ano 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 94, do 16 de maio).

No seu artigo 12, relativo ás axudas á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, dirixidas a auxiliar gastos e investimentos derivados desa instalación establece que a contía máxima desas axudas poderanse incrementar nun 10% nos supostos en que se instale unha muller.

Na súa disposición adicional sexta establécese que a elixibilidade das axudas reguladas nesa orde queda condicionada á aprobación pola Comisión do Plan de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007/2013.

O Marco Nacional de Desenvolvemento Rural 2007-2013 foi aprobado pola Comisión Europea o 24 de outubro de 2007.

Por decisión da Comisión, na súa interpretación do artigo 8 do Regulamento (CE) 1698/2005, desapareceu a posibilidade de incrementar as axudas de primeira instalación en 10 puntos porcentuais cando a beneficiaria sexa muller, podéndose só incluír a posibilidade de aplicar esta condición como criterio de preferencia na selección dos expedientes.

Por outra banda, no seu artigo 30, relativo ao financiamento destas axudas, detállase a aplicación orzamentaria e o importe económico previsto para elas. Tendo en conta o elevado número e dimensión das solicitudes de axuda que se recibiron e a necesidade dun maior financiamento, cómpre ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente, coa finalidade de poder amparar as solicitudes de axuda presentadas polos agricultores e gandeiros da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran co establecido na orde desta consellaría citada anteriormente.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/ 1998

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Modifícase a redacción do artigo 12 da orde desta consellaría (Diario Oficial de Galicia nº 94, do 16 de maio) do 10 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios e se convocan para o ano 2007, quedando o texto tal e como segue:

«Artigo 12º.-Axudas á primeira instalación.

A axuda á primeira instalación de agricultores/as mozos/as, dirixidas a auxiliar gastos e investimentos derivados dela consistirá en:

1. Unha prima por explotación, nunha contía máxima de 20.000 euros que se poderá substituír, total ou parcialmente, por unha bonificación de xuro equivalente.

Unha bonificación de xuros, que poderá aplicarse sobre o xuro preferente na súa totalidade, por un importe non superior a 20.000 euros dun préstamo formalizado no marco dos convenios financeiros que se establezan entre a Consellería do Medio Rural e as entidades financeiras, o importe deste préstamo non poderá superar o 90% do gasto total e será compatible coas axudas do número 1.

A contía máxima das axudas expresadas anteriormente poderase incrementar nun 10% nos seguintes casos:

a) Cando se xere na explotación, polo menos, 1 UTA asalariada adicional á da persoa que se instala; e

b) Cando a explotación estea situada nun concello dos cualificados de montaña de acordo co inciso i) da letra a) do artigo 36 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005.

Artigo 2º.-Modifícase a redacción do artigo 18 da orde desta consellaría (Diario Oficial de Galicia nº 94, do 16 de maio) do 10 de maio de 2007 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios e se convocan para o ano 2007, quedando o texto tal e como segue:

«Artigo 18º.-Criterios de prioridade.

Posto que as axudas previstas nesta orde se concederán en réxime de concorrencia competitiva, en función das dispoñibilidades orzamentarias, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación e coa seguinte puntuación máxima por criterio:

1. Plans de mellora:

O conxunto de solicitudes para investimentos en explotacións agrarias clasificarase en tres grupos distinguindo as de produción ecolóxica e as de investimentos en superficies de uso en común do resto das solicitudes.

Posteriormente a cada un destes grupos aplicaráselles os seguintes criterios de prioridade:

a) Titularidade dunha explotación prioritaria ata: 2 puntos

b) Orientación produtiva da explotación de vacún de leite ata: 1 punto.

c) Diversificación da produción ata: 2 puntos.

d) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.

e) Tipo de investimento ata: 3 puntos.

f) Investimento por UTA ata: 4 puntos.

g) Tipo de axuda ligada a préstamo ata: 3 puntos.

h) Explotacións de produción ecolóxica ata: 2 puntos.

i) Incorporación de agricultor/a mozo/a ata: 2 puntos.

j) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.

k) Persoas titulares inscritas nalgún rexistro de denominacións de calidade en materia agroalimentaria ata: 2 puntos.

l) Plans de mellora para agricultores/as profesionais: 3 untos.

m) Titular muller: 4 puntos.

2. Axudas á primeira instalación:

a) Instalación do/a mozo/a mediante a modalidade de cotitularidade ata: 1 punto.

b) Viabilidade económica da explotación ata: 2 puntos.

c) Primeira instalación ligada a un plan de mellora ata: 3 puntos.

d) Maior dimensión produtiva da explotación ata: 3 puntos.

e) Axuda ligada ao préstamo ata: 4 puntos.

f) Situación da explotación nun concello de montaña ata: 2 puntos.

g) Instalarse nunha explotación prioritaria ata: 3 puntos.

h) Titular muller: 4 puntos.

Artigo 3º.-Ampliación da dotación orzamentaria.

Modifícase e amplíase a dotación orzamentaria que se recolle no artigo 30 da orde desta consellaría do 10 de maio de 2007 (Diario Oficial de Galicia nº 94, do 16 de maio) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a mellora da eficacia e sustentabilidade das explotacións agrarias e para a incorporación de novos activos agrarios e convócanse para o ano 2007, tal e como se especifica a seguir:

«Artigo 30º.-Financiamento das axudas.

O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. 11.02.712B 770.0, para as axudas previstas na sección primeira número 1: Plans de mellora da devandita orde, na cal existe crédito adecuado para o ano 2007 de dous millóns de euros (2.000.000 €), para o ano 2008 de seis millóns de euros (6.000.000 €), para o ano 2009 de vinte e catro millóns de euros (24.000.000 €) e para o ano 2010 de dezaseis millóns de euros (16.000.000 €). Esta aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. 11.02.712B 770.0, para as axudas previstas na sección primeira número 2: Primeira instalación de agricultores mozos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2007 dun millón de euros (1.000.000 €), para o ano 2008 de cinco millóns de euros (5.000.000 €) e para o ano 2009 de oito millóns de euros (8.000.000 €). Esta aplicación poderase incrementar con fondos adicionais comunitarios e da comunidade autónoma.

3. 11.02.712B 770.1, para axudas ao impulso a explotacións de produtos ecolóxicos, na cal existe crédito adecuado para o ano 2007 dun millón de euros (1.000.000 €).

4. 11.02.713A 773.0, de axudas para a valorización da SAU comunitaria, na cal existe crédito adecuado para o ano 2007 dun millón de euros (1.000.000 €) e para o ano 2008 de dous millóns de euros (2.000.000 €).

No suposto de existiren remanentes nalgunha das aplicacións sinaladas nos puntos 2, 3 e 4 poderíanse utilizar para financiar solicitudes de calquera deles”.

Disposición adicional

Única.- Esta modificación non afecta o prazo que se establece para a presentación de solicitudes de axuda na devandita orde do 10 de maio de 2007.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar as instrucións precisas para o mellor desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2007.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural