DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 17 de decembro de 2007 Páx. 19.750

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2007, de la Secretaría General de Política Lingüística, pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de doce bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 5, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece como competencia da Comunidade Autónoma galega a promoción e ensino da lingua galega e o fomento da cultura e a investigación.

Dentro do plan de actividades da Secretaría Xeral de Política Lingüística, dependente organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia, de acordo co Decreto 231/2005, do 11 de agosto, para o 2007 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase polo artigo 7 punto 2º.1.3, polas disposicións adicionais segunda c) e cuarta do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

Na súa virtude, e de acordo co establecido no punto c) da disposición adicional segunda do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, apróbanse as seguintes:

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de doce bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos a esta resolución, nos cales se detallan os requisitos específicos que deben reunir os solicitantes.

Segunda.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 927 euros, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 04.60.151A.480.0, por unha contía máxima total de 134.952,40 euros (85.778,40 euros, correspondente ao pagamento das mensualidades de 8 bolsas desde o 15 de xaneiro ata o 31 decembro de 2008, 38.934 euros das mensualidades de 4 bolsas desde o 15 de febreiro ata o 31 de decembro de 2008 e de 10.240 euros para o pagamento da asitencia sanitaria) correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008. En todo caso, o gasto proxectado queda sometido á condición suspensiva da existencia de crédito adecuado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008 e ao disposto na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001.

O pagamento da bolsa realizarase logo do informe do director de investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Terceira.-Duración.

A data de incorporación ao centro será dentro dos cinco días seguintes ao da notificación da adxudicación. Os bolseiros e bolseiras adxudicatarios das bolsas dos anexos do I ao VI comezarán a súa estadía no centro a partir do día 15 de xaneiro de 2008 e dos anexos VII ao IX comezarán a súa estadía a partir do 15 de febreiro de 2008. Os bolseiros ou bolseiras que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro. No suposto de incorporación tardía, aínda que xustificada, reducirase proporcionalmente o importe da contía a percibir.

A concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2008, e poderase prorrogar anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro ou bolseira, sempre que o proxecto a que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderase incrementar de acordo co índice de prezos de consumo que se estableza para cada ano.

Cuarta.-Requisitos.

Os bolseiros e bolseiras deberán cumprir, ademais dos requsitos específicos que para cada proxecto se sinalan nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado ou licenciada.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

d) Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ao coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago-Noia, km 1, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Entregarase unha solicitude por cada proxecto a que a persoa queira presentarse. Só será necesaria unha única documentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de 31 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG, acompañadas da documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículo, no cal deberá constar a experiencia investigadora en proxectos de investigación, xuntando documentación que avale a totalidade dos méritos alegados.

-Acreditación de coñecemento de lingua galega nivel perfeccionamento ou Celga 4.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ao inicio e ao remate da bolsa.

-Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Ao abeiro do establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude polo interesado ou interesada comportará a autorización á secretaría xeral para solicitar as certificacións de non ter débedas que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de que se dite a proposta de resolución da concesión.

Todos os documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas todas as solicitudes daráselle un prazo de 10 días para corrixir a falta de documentación. Transcorridos estes días sen a devandita corrección, arquivaranse os devanditos expedientes.

Sexta.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos e candidatas será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vogais propostos por aquel e nomeados pola secretaria xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro. Esta comisión poderá solicitar informes previos sobre as solicitudes presentadas aos directores dos proxectos de investigación implicados.

O presidente da comisión remitiralle a lista dos candidatos e candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, á secretaria xeral de Política Lingüística, quen resolverá. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a secretaria xeral de Política Lingüística, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros e bolseiras.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Curriculo do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión podera convocar os aspirantes que teñan como mínimo catro puntos na suma dos puntos anteriores a unha entrevista persoal para valorar os seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. Para a selección dos candidatos e candidatas a comisión terá en conta aqueles informes solicitados aos directores dos proxectos de investigación implicados.

Oitava.-Condicións.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o beneficio doutro tipo de bolsas ou axudas.

A secretaria xeral de Política Lingüística poderá conceder ou denegar en función das necesidades do proxecto de investigación a que están adscritos a interrupción da bolsa por petición razoada do interesado ou interesada, logo do informe do seu director de proxecto. A interrupción non poderá ser superior a tres meses ao longo da duración da bolsa e as posibles renovacións, podendo os tres meses dispoñibles fraccionalos en tres bloques de un mes e non dará lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibir as mensualidades correspondentes ao período que dure a súa renuncia.

Se algún dos beneficiarios ou beneficiarias destas bolsas decidise renunciar a ela, fose seleccionado para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao Servizo do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. Caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de aceptación do último nomeamento das bolsas convocadas nesta resolución, a bolsa vacante poderá serlle adxudicada ao candidato seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de que poderá beneficiarse o segundo candidato non poderá exceder o prazo de tres anos contados a partir da data do primerio nomeamento.

Novena.-Esta resolución réxese pola normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003. Así mesmo, réxese polo establecido na Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.

Décima.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de cinco días naturais, comunicarán por escrito ao Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses cinco días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Décima primeira.-Obrigas.

Os bolseiros e bolseiras permanecerán no Centro Ramón Piñeiro, en horario habitual de mañá ou tarde, non sendo cando a natureza do proxecto obrigue a desprazar a investigación a outro lugar. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa, e en todo caso a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes público ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte da bolseira ou bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida e, de ser o caso, o reintegro das cantidades xa cobradas e poderáselle atribuir ao aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou o seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen prestar a súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseiro ou bolseira non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa, coa Xunta de Galicia.

En todo caso, tendo en conta o artigo 11 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, o bolseiro ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Unha vez rematada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Décimo segunda.-Rexistro de axudas e subvencións.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e beneficiarias e o importe das bolsas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, en cumprimento do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a secretaría xeral fará públicos os datos relevantes referidos ás bolsas concedidas. A reserva que o peticionario ou peticionaria poida facer no sentido de non autorizar a obtención ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que comunicarlle expresamente á Administración, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación na convocatoria de bolsas ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Décimo terceira.-Esta resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, perante a secretaría xeral de Política Lingüística, segundo o disposto na disposición adicional segunda d) do Decreto 44/2006, do 2 de marzo (DOG nº 53, do 16 de marzo), de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de dicionarios de literatura.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de dicionarios de literatura que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos/as solicitantes para unha bolsa de dicionarios de termos literarios:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía.

-Sólidos coñecementos de teoría literaria.

-Sólida capacidade de redacción e de síntese en lingua galega.

-Manexo instrumental de idiomas.

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

2. Requisitos específicos dos/as solicitantes para a bolsa de dicionario de literatura galega.

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía galega.

-Sólidos coñecementos de literatura galega.

-Sólida capacidade de redacción e de síntese.

-Manexo instrumental de idiomas.

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

ANEXO II

Unha bolsa para colaborar no proxecto de Cadernos de fraseoloxía galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de cadernos de fraseoloxía galega que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en traducción e interpretación ou en filoloxía galega.

-Contacto inmediato e habitual co mundo rural ou mariñeiro e dominio e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel de mecanografía (polo menos 150 pulsacións por minuto).

-Manexo dun procesador de textos e dunha base de datos.

-Coñecementos fraseolóxicos e experiencia fraseográfica ou lexicográfica.

-Dominio do inglés ou alemán.

ANEXO III

Unha bolsa para colaborar no proxecto Corpus de Referencia do Galego Actual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de corpus de referencia do galego actual que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía ou tradución e interpretación.

-Ter experiencia na introdución de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

-Ter experiencia en gramáticas formais e construción de etiquetadores morfosintácticos e lematizadores.

-Ter experiencia na xestión de bases de datos a nivel de usuario.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto de catalogación dos fondos bibliográficos do Centro Ramón Piñeiro.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na catalogación dos fondos bibliográficos existentes no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en historia ou documentación.

-Acreditar coñecementos e experiencia en traballos de documentación e bibliotecas.

-Coñecemento de programas de xestión de biblioteca.

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

ANEXO V

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía galega.

-Coñecementos de informática en calidade de usuario.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar no proxecto para avaliación e aprendizaxe do galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto para avaliación e aprendizaxe do galego que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía.

-Formación específica en didáctica das linguas.

-Coñecemento do enfoque comunicativo para o ensino de linguas.

-Formación ou experiencia na creación de materiais didácticos baseados en tarefas.

-Valorarase a formación ou experiencia sobre avaliación de coñecemento de linguas.

ANEXO VII

Unha bolsa para colaborar no proxecto de prosa literaria galega medieval vinculado ao Arquivo Galicia Medieval.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de prosa galega medieval que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía.

-Ter coñecementos de informática no nivel de usuario.

-Experiencia investigadora no ámbito da literatura románica medieval, de maneira particular en prosa literaria e historiográfica, e preferentemente nos textos galegos e portugueses medievais.

ANEXO VIII

Dúas bolsas para colaborar no proxecto de lírica medieval vinculado ao Arquivo Galicia Medieval.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de lírica medieval vinculado ao Arquivo Galicia Medieval que se está a realizar no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar as bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en filoloxía.

-Coñecementos de informática a nivel de usuario.

-Ter experiencia investigadora en literatura medieval románica.

-Capacidade para ler/traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval.

ANEXO IX

Unha bolsa para colaborar no proxecto de síntese de voz en galego.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de síntese de voz en galego que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

Requisitos específicos dos/as solicitantes:

Para solicitar a bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado ou licenciada en enxeñaría de telecomunicacións, física ou matemáticas.

-Formación en fonética acústica e tecnoloxía da fala.

-Coñecemento instrumental de idiomas.

Ver referencia pdf "24200D001P006.PDF"