DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 12 de decembro de 2007 Páx. 19.570

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 21 de novembro de 2007 pola que se aproban as áreas de acreditación e se establecen as condicións técnicas que as entidades de control de calidade deberán cumprir na asistencia técnica das obras de edificación do uso administrativo, sanitario, relixioso, residencial, docente, cultural e social.

No Decreto 159/2007, do 26 de xullo, polo que se aproba o sistema de acreditación das entidades de control de calidade na edificación (en adiante as ECCE) e se crea o rexistro único de entidades e laboratorios acreditados na Comunidade Autónoma de Galicia, reguláronse as ECCE, axentes da edificación de gran importancia na calidade da edificación, previstas na Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación cuxa finalidade é prestar asistencia técnica na verificación da calidade do proxecto, dos materiais e de execución de obras e das súas instalacións de acordo co proxecto de edificación e coa normativa aplicable en calquera dos ámbitos da edificación e para calquera fase do proceso edificatorio.

Segundo a disposición derradeira do citado decreto, correspóndelle á Consellería de Vivenda e Solo o deseño e desenvolvemento das áreas de acreditación e condicións técnicas específicas que deberán acadar as entidades de control de calidade para a súa acreditación.

Segundo as directrices previstas, regúlanse as diferentes áreas de acreditación tendo en conta non só o proceso de edificación e a súa concepción técnica senón a vida útil da edificación considerado este último aspecto como relevante para conseguir que os propietarios e os usuarios dos edificios optimicen e prolonguen de xeito adecuado esta.

Tamén se tivo en consideración a recente aprobación do Real decreto 47/2007, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación de eficiencia enerxética de edificios de nova construción, polo que se crea unha área de acreditación específica denominada eficiencia enerxética que xogará un papel esencial na verificación de calidade enerxética das edificacións e, en consecuencia, de calidade construtiva das edificacións.

Por último, establécense tamén os requisitos técnicos que deberán acadar as ECCE nas respectivas áreas, fases e niveis para acadar a corresponte acreditación administrativa, tendo como obxectivo a máxima eficiencia e funcionalidade e seguridade para o conxunto dos axentes da edificación.

Na súa virtude, conforme a proposta da dirección xeral de Fomento e Calidade da Vivenda con base no artigo 5 do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se regula a estrutura orgánica desta consellería, en relación co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e a súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. O obxecto desta orde é a aprobación e regulación das distintas áreas de acreditación nas que as entidades de control de calidade da edificación (en adiante ECCE) poderán desenvolver a súa actividade de asistencia técnica na Comunidade Autónoma de Galicia así como as disposicións técnicas que deberán acadarse para a súa acreditación nelas.

2. O seu ámbito de aplicación son as obras de edificación cuxo uso principal sexa o administrativo, sanitario, relixioso, residencial en todas as súas formas, docente, cultural e social, segundo se establece no grupo A do artigo 2 da Lei 38/1999, do 5 de novembro, de ordenación da edificación.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos desta orde enténdese por:

1. Entidades de control de calidade da edificación (en adiante ECCE) son axentes da edificación que prestan asistencia técnica na verificación de calidade do proxecto, dos materiais e de execución da obra e das súas instalacións de acordo co proxecto da edificación e coa normativa aplicable en calquera dos ámbitos da edificación e para calquera fase do proceso edificatorio.

2. Áreas de acreditación, son as diferentes áreas de coñecemento técnico específico que no ámbito da edificación prevista no artigo 1, unha ECCE poida prestar asistencia técnica.

3. Fases do proceso construtivo son as diferentes etapas na que se desagrega a actividade edificatoria que permitan a materialización dunha edificación e que abarca dende a fase de proxecto ata a súa terminación e posterior utilización do edificio.

4. Niveis, son as exixencias da edificación, en función do seu volume e complexidade técnica, que permiten, segundo as diferentes áreas de acreditación, definir os medios humanos e técnicos que deben cumprir as ECCE na súa acreditación.

Artigo 3º.-Áreas de acreditación.

1. Establécense cinco áreas de acreditación nas que as ECCE poden desenvolver a súa actividade de asistencia técnica ao longo do proceso edificatorio.

2. Segundo os requisitos básicos da edificación, funcionalidade e características dos sistemas e elementos construtivos máis homoxéneos, así como das avaliacións de calidade segundo a normativa vixente, defínense as seguintes áreas:

E. Área de estruturas, campo de asistencia técnica que ten por finalidade verificar o cumprimento por parte do sistema estrutural e cimentacións das edificacións do requisito básico de seguridade estrutural.

C. Área de construción, campo de asistencia técnica que ten por finalidade verificar o cumprimento por parte dos sistemas, elementos construtivos e materiais dos requisitos básicos da edificación seguintes:

Seguridade de utilización, seguridade en caso de incendio, salubridade, protección contra o ruído, aforro de enerxía, así como todos aqueles aspectos funcionais dos elementos construtivos que permitan un uso satisfactorio do edificio.

I. Área de instalacións, que comprende todos os sistemas de acondicionamento da edificación obxecto do control así como todos os aspectos funcionais destas que permiten un uso satisfactorio dos edificios.

CT. Área de concepción técnica integral, que engloba ademais das áreas anteriores, todas aquelas actuacións no campo da asistencia técnica que teñan por finalidade prever as necesidades sustentables, funcionais, espaciais e prestacionais da edificación, que permitan o cumprimento tanto da normativa sectorial como técnica aplicable, ademais de poder colaborar na xestión do proceso edificatorio.

EE. Área de eficiencia enerxética, na que se verificarán as clasificacións enerxéticas das edificacións.

3. Cada área de acreditación está estruturada polas especificacións técnicas que se establecen en cada un dos niveis que a dividen e que se recollen no artigo seguinte.

4. Todas as verificacións, análise e avaliacións efectuadas pola ECCE deberán estar rexidas pola normativa técnica vixente e de aplicación a cada fase de proceso edificatorio.

Artigo 4º.-Fases e niveis.

1. As ECCE deberán acreditarse dentro de cada unha das áreas de acreditación para cada unha das fases do proceso edificatorio e de acordo co nivel que lles corresponda segundo o volume e/ou complexidade técnica da edificación que se vai verificar.

2. As fases nas que se divide o proceso edificatorio serán as seguintes:

P. Proxecto, fase na cal a ECCE verifica e avalía a solución técnica recollida no proxecto básico e/ou de execución segundo a normativa técnica aplicable.

O. Obra, fase na cal a ECCE inspecciona e determina a adecuación do executado ao proxecto de execución e á normativa técnica aplicable.

M. Mantemento, fase na cal a ECCE verifica e avalía o plan de mantemento do edificio construído, así como efectuar a inspección e a análise determinando as accións correctoras fronte ás distintas patoloxías detectadas durante o proceso edificatorio ou que se manifesten posteriormente á construción do edificio).

3. Establécense niveis en función do volume e complexidade técnica da obra e que están relacionados directamente coa área e fase do proceso edificatorio, o cal indica a acreditación mínima necesaria que deberá posuír as ECCE para desenvolver o seu labor nunha obra e momento construtivo concreto.

Tendo en conta o grao de complexidade e volume de obra indicadas establécense os seguintes niveis:

-N1. Nivel 1 (exixencia básica).

-N2. Nivel 2 (exixencia intermedia).

-N3. Nivel 3 (exixencia máxima).

Determínanse a continuación as especificacións técnicas correspondentes aos niveis de cada unha das áreas:

3.1. E. Área de estruturas.

N1. Nivel 1: edificios de nova planta de ata tres (3) alturas e un (1) soto, cuxos sistemas estruturais e cimentacións cumpren as especificacións dos documentos básicos de seguridade estrutural (DBSE) do código técnico da edificación (CTE), e non conteñan na súa configuración estrutural:

-Estruturas de aceiro laminado.

-Forxados ou vigas con luces maiores de 6,5 m entre eixes estruturais.

-Terreos con pendente superior ao 15%.

-Cimentacións sobre recheos, materiais expansivos, nivel freático a menos de 2 m da superficie.

-Muros de contención superiores a 3 m.

-Pozos de cimentación superiores a 3 m.

N2. Nivel 2: edificios rehabilitados ou de nova planta de ata dez (10) alturas con dous (2) sotos como máximo, cuxos sistemas estruturais e cimentacións cumpren as especificacións dos documentos básicos de seguridade estrutural (DBSE) do código técnico da edificación (CTE) que non conteñan na súa configuración estrutural:

-Luces de elementos de formigón maiores de 9 m e 15 m en estrutura metálica.

-Cimentacións sobre recheos, materiais expansivos.

-Cimentacións especiais por estacas, microestacas, inxeccións, lousas compensadas, etc.

N3. Nivel 3: as edificacións que nos seus sistemas estruturais e cimentacións utilicen solucións alternativas ás previsións recollidas nos DBSE do CTE de calquera tipoloxía estrutural e sistema de cimentación.

3.2. C. Área construción.

N1 Nivel 1: as edificacións cuxas solucións construtivas cumpran os DB do CTE coas seguintes excepcións:

-Muros en contacto co terreo cun grao de impermeabilidade maior que 1 (GI>1).

-Solos en contacto co terreo cun grao de impermeabilidade maior que 2 (GI>2).

-Fachadas con revestimento exterior cun grao de impermeabilidade maior que 2 (GI>2).

-Fachadas sen revestimento exterior cun grao de impermeabilidade maior que 1 (GI>1).

-Sistema de partición lixeiros/secos.

N2. Nivel 2: todo tipo de edificacións, coa excepción daquelas que introduzan criterios de:

-Innovación tecnolóxica/construtiva.

Edificacións con solucións construtivas alternativas aos previstos nos DBSE.

-Sustentabilidade edificatoria.

Edificios cun grao de prefabricación que comprende as estruturas e cerramentos ademais de recintos especializados.

-Avaliacións de calidade construtiva.

Edificacións sometidas a algún sistema de avaliación integral de calidade construtiva, regulada pola Consellería de Vivenda e Solo.

N3. Nivel 3: inclúese neste nivel o resto das edificacións.

3.3. I. Área de instalacións.

N1. Nivel 1: instalacións de edificios destinados a uso residencial en todas as súas formas, administrativo, sanitario, relixioso, docente, cultural e social. Quedan excluídos deste grupo os usos anteriores se existen:

-Instalacións de alta tensión.

-Grupo electróxeno.

-Centro de transformación.

-Instalación térmica >70 Kw.

N2. Nivel 2: inclúense neste nivel todo tipo de instalacións en edificios, coas seguintes excepcións:

-Hospitais.

-Grandes centros comerciais > 2.500 m2.

-Edificios de pública concorrencia (auditorios, teatros, cines, etc.).

-Piscinas cubertas e balnearios.

N3. Nivel 3: inclúense neste nivel todo tipo de instalacións en edificios, con excepción das instalacións industriais.

3.4. CT. Área concepción técnica integral.

N3. Nivel 3: establécese un único nivel, dada a alta cualificación técnica necesaria para o desenvolvemento dos traballos. O ámbito de aplicación afecta a todo tipo de edificacións.

3.5. EE. Área eficiencia enerxética.

N1. Nivel 1: inclúense neste nivel os edificios cuxa cualificación enerxética sexa por medio da opción simplificada, Calener VYP ou sistema alternativo simplificado.

N2. Nivel 2: inclúense neste nivel os edificios cuxa cualificación enerxética sexa por medio da opción prestacional, Calener GT ou sistema alternativo prestacional.

No anexo I quedan recollidos os cadros correspondentes ás áreas, fases e niveis.

Artigo 5º.-Incompatibilidades.

Se unha ECCE realiza nunha obra traballos de verificación da calidade do proxecto, dos materiais, da execución da obra e as súas instalacións de acordo co preceptuado nesta orde non poderá realizar outras tarefas de asistencia técnica na obra distintas das de verificación, co fin de garantir a independencia e imparcialidade a que está obrigada, de acordo co artigo 5.2º do Decreto 159/2007, do 26 de xullo.

Artigo 6º.-Seguro de responsabilidade civil.

1. A ECCE poderá dispor dun seguro de responsabilidade civil que cubra a súa actividade en calquera das áreas de acreditación nas que actúe.

2. As coberturas mínimas do devandito seguro variarán en función dos niveis en que actúe a ECCE, establecéndose as seguintes coberturas:

Nivel 1: 600.000 €.

Nivel 2: 1.800.000 €.

Nivel 3: 3.000.000 €.

3. Cando a ECCE interveña na área de acreditación de estruturas, as coberturas mínimas do seguro de responsabilidade civil incrementaranse nos niveis 1 e 2 en 600.000 € cada un.

4. No seguro da ECCE incluirase todos os técnicos que subscriban informes ou interveñan no proceso de asistencia técnica.

Capítulo II

Sistema de calidade

Artigo 7º.-Exixencias.

1. As ECCE deberán ter implantado un sistema de calidade apropiado ao tipo, alcance e volume do traballo realizado.

Este sistema de calidade debe estar completamente documentado. Para tal efecto debe existir un manual da calidade, que será específico para cada centro de traballo, e que conterá a información requirida no anexo D da norma UNE-EN 17020:2004.

2. A dirección da ECCE debe definir e documentar a súa política, obxectivos e compromisos en materia de calidade da asistencia técnica, e debe asegurar que esta política é entendida, implantada e mantida ao día en todos os niveis da organización. Ademais, debe designar unha persoa con autoridade e responsabilidade en canto ao aseguramento da calidade dentro da entidade, que cumpra as condicións do artigo 9º.

3. Requisitos que debe cumprir o sistema de calidade das ECCE:

a) O sistema de calidade debe manterse dun xeito actualizado baixo a responsabilidade da persoa designada como responsable de calidade.

b) A ECCE debe manter un sistema de control de toda a documentación relacionada coas súas actividades, debendo asegurar que:

1. As edicións vixentes da documentación de calidade estean dispoñibles.

2. Todos os documentos, e os seus posteriores cambios ou modificacións, son revisados e aprobados polas persoas autorizadas.

3. O cadro de aprobacións debe ser, pola súa vez, aprobado pola dirección da ECCE.

4. Os documentos anulados retíranse en toda a entidade, aínda que se debe arquivar unha copia durante un período de, polo menos, 15 anos.

c) A ECCE debe ter implantado un sistema xeral de auditorías internas de calidade planificadas e documentadas para verificar a conformidade cos criterios exixidos nesta orde e determinar a eficacia do sistema de calidade. O persoal que realice as auditorías debe estar debidamente cualificado. Estas auditorías deben ter unha periodicidade mínima anual.

d) A ECCE debe dispoñer de procedementos documentados para tratar o retorno de información e as accións correctivas nos casos en que sexan detectadas anomalías no sistema de calidade ou na realización das inspeccións.

e) A dirección da ECCE debe realizar a revisión do sistema de calidade polo menos unha vez ao ano, de tal maneira que quede asegurada a súa continua idoneidade e eficiencia. Os resultados de tales revisións deben documentarse no «Informe de revisión anual do sistema de calidade».

Capítulo III

Condicións técnicas das áreas de acreditación

Sección primeira

Medios humanos

Artigo 8º.-Condicións xerais.

1. Son obrigas da entidade de control de calidade da edificación (ECCE):

a) Ter unha estrutura organizativa que sexa capaz de manter a súa aptitude para desempeñar satisfactoriamente as súas funcións técnicas.

-A ECCE deberá facilitar o organigrama correspondente á estrutura organizativa encargada de desenvolver as tarefas de asistencia técnica nas áreas que se acrediten.

-O devandito organigrama deberá conter polo menos un/unha director/a-xerente, un/unha supervisor/a técnico/a, un/unha responsable de calidade, persoal técnico axeitado para as diferentes áreas de acreditación e persoal administrativo adecuado ao volume de traballo e as áreas de acreditación.

b) Definir e documentar as responsabilidades e informar sobre a estrutura xerárquica da organización.

A responsabilidade de que as actividades de verificación sexan realizadas de conformidade con esta orde será do/a director/a-xerente, o/a cal deberá ter un contrato laboral vixente.

c) Describir cada posto de traballo que afecte a calidade dos servizos de verificación.

Estas descricións de postos de traballo deben documentarse e manterse actualizadas, incluíndo os requisitos de coñecementos técnicos e experiencia, e os de formación inicial e periódica, segundo as áreas nas que se desenvolva o traballo.

d) Situación do persoal da ECCE:

-O/a director/a-xerente, o/a cal deberá ter un contrato laboral vixente.

-Como mínimo, o 90% do persoal técnico en equipo deberá ter contrato laboral vixente a tempo completo ou, se é o caso, axeitado á súa carga de traballo, segundo o anexo II, coa competencia e experiencia adecuadas para realizar polos seus medios as funcións propias da acreditación correspondente.

-O resto do persoal técnico deberá ter formalizado contrato de colaboración, onde se garanta a súa independencia e exclusividade de acordo co Decreto 159/2007.

e) A ECCE contará cun sistema de formación documentado que garanta a formación do persoal técnico e administrativo, establecéndose as etapas de formación para cada membro da estrutura organizativa definida anteriormente. A formación estará titorada en todo momento por un/unha supervisor/a técnico/a de rango superior e coa experiencia especificada nas distintas áreas de acreditación.

Artigo 9º.-Condicións particulares.

As entidades de control contarán con:

A) Un/unha director/a-xerente que deberá desenvolver as funcións de coordinación, dirección e asumirá a responsabilidade do correcto desenvolvemento dos labores de control velando pola independencia, o rigor documental, confidencialidade, imparcialidade, mantendo o sistema de calidade e a formación do persoal.

O/a director/a-xerente deberá asinar os informes técnicos que rexeite a ECCE cando desenvolva as tarefas de supervisor/a técnico/a prevista na letra B deste artigo.

B) Un/unha supervisor/a técnico/a que será a figura con titulación e experiencia, acorde á área na que deba desenvolver as súas funcións, que supervisará os traballos levados a cabo polos técnicos, velando pola obxectividade e rigorosidade na fase de comprobación e inspección, e verificando a correcta redacción de informes. Así mesmo, prestará o apoio técnico necesario ao resto do persoal intervindo especialmente no seguimento do devandito persoal en fase de formación.

No caso de que a ECCE só estea acreditada nunha única área o supervisor técnico poderá desempeñar as funcións de director/a-xerente.

Se é o caso, non poderá acumular o supervisor técnico máis de dúas áreas de acreditación.

O/a supervisor/a técnico/a asinará todos os informes técnicos que realice a ECCE na área correspondente.

C) Responsable de calidade: a dirección da ECCE debe designar unha persoa que, con independencia doutras obrigas, debe ter autoridade e responsabilidade definidas para o aseguramento da calidade, conforme o previsto na norma UNE-EN 17020. O/a responsable de calidade debe ter acceso directo á dirección da ECCE.

D) O persoal técnico das ECCE nas áreas de acreditación nas que non sexa posible cumprir coa experiencia solicitada no anexo II desta orde, poderá substituír este cumprimento coa presentación dun Programa de formación específico que deberá ser avaliado polo órgano acreditador e que no ámbito das ECCE de eficiencia enerxética deberá contar co informe preceptivo da Consellería de Innovación e Industria.

En calquera caso, o persoal técnico responsable dos informes de resultados e a súa emisión debe cumprir os seguintes requisitos:

E) Ter a titulación universitaria con adecuación curricular da súa formación académica na materia na que emita e subscriba o seu informe, e sempre de acordo coas especificacións indicadas para cada área de acreditación.

F) Posuír a cualificación, formación e experiencia apropiadas, e un coñecemento satisfactorio dos requisitos exixidos.

G) Deberá ter un coñecemento axeitado dos métodos e procedementos establecidos polas ECCE das verificacións que se van realizar.

H) Todo o persoal técnico e administrativo que participe no desenvolvemento dos traballos que desempeñe a ECCE deberá presentar os orixinais dos curriculum vitae debidamente asinados.

Artigo 10º.-Cualificación e cuantificación da experiencia.

1. Para cada área e fase do proceso construtivo defínense un máximo de tres (3) niveis de clasificación que determinan a exixencia técnica da ECCE.

2. Co obxecto de determinar a experiencia do persoal técnico encargado de desempeñar as funcións de control nas distintas áreas de acreditación, establécense os seguintes requisitos:

2.1. Un/unha técnico/a sen experiencia acreditada, poderá desenvolver as súas funcións no nivel 1 durante un (1) ano controlando un mínimo de dez (10) edificacións, en compañía doutro/a técnico/a cunha experiencia mínima dun (1) ano neste nivel, considerarase este período como formación. Transcorrido este período, o/a técnico/a poderá desempeñar as súas funcións en solitario e acceder ao nivel 2 cando alcance os anos de experiencia requiridos en cada caso.

2.2. Cando un/unha técnico/a cunha experiencia acreditada acceda ao nivel 2, este/a poderá desenvolver as súas funcións durante un (1) ano controlando durante este período un mínimo de dez (10) edificacións, en compañía doutro/a técnico/a que deberá contar cunha experiencia mínima de dous (2) anos neste nivel, considerarase este período como formación. Transcorrido este período, o/a técnico/a poderá desempeñar as súas funcións en solitario. Poderá acceder ao nivel 3, cando alcance a experiencia requirida en cada caso controlando polo menos outras cinco (5) edificacións.

2.3. Cando un/unha técnico/a cunha experiencia acreditada acceda ao nivel 3, este poderá desenvolver as súas funcións durante un (1) ano controlando durante este período un mínimo de dez (10) edificacións, en compañía doutro/a técnico/a que deberá contar cunha experiencia mínima de dous (2) anos neste nivel, considerarase este período como formación. Transcorrido este período o/a técnico/a poderá desempeñar as súas funcións en solitario.

3. Un/unha técnico/a poderá exercer as funcións de supervisor/a, cando permaneza no estatus superior un mínimo de tres (3) anos controlando polo menos vinte (20) edificacións e posuír unha experiencia profesional total de dez (10) anos.

4. A acreditación da experiencia dos/das técnicos/as realizarase mediante a titulación académica e a presentación de informes orixinais coa sinatura do/da técnico/a correspondente. O contido dos devanditos informes avalará a experiencia do técnico na área, fase e nivel no que pretende acreditarse.

5. A figura do supervisor estará presente en todas as facetas da ECCE, independentemente da experiencia que posúan técnicos.

6. A experiencia acreditarase presentando os rexistros de calidade e documentos orixinais asinados polo/a técnico/a para o que se solicita a acreditación, e que xustifiquen que o/a técnico/a desenvolveu traballos equivalentes aos propios da área, fase do proceso edificatorio e estatus para o que se pretende acreditar.

7. A experiencia de cada un/unha dos/das técnicos/as nas distintas áreas especifícase no anexo II.

Sección segunda

Medios materias e equipamentos

Artigo 11º.-Obrigas respecto á dispoñibilidade e xestión de medios e equipamentos.

1. A entidade de control de calidade da edificación (ECCE) debe ter os medios e equipamentos axeitados que permitan levar a cabo as actividades relacionadas cos servizos de asistencia técnica para os que estean acreditados.

2. A ECCE deberá contar con regras claras, que deberán estar debidamente identificadas, que permitan o acceso e uso dos medios e equipamentos que utilice.

3. A ECCE asegurarase da adecuación continuada dos usos de medios e equipamentos, polo que disporá dos sistemas de verificacións e mantemento correspondentes.

4. En canto á utilización dos ordenadores e programas informáticos, a ECCE deberá asegurar ademais:

-Que o software informático é validado para confirmar a súa adecuación ao uso.

-Que se establezan e implementen procedementos para protexer a integridade, mantemento e seguridade dos datos.

5. Deberá levar un rexistro dos medios e equipamentos así como das incidencias que durante o seu funcionamento puidesen desenvolverse.

Sección terceira

Procedementos e métodos de verificación

Artigo 12º.-Procedementos xerais.

1. As ECCE disporán da normativa e regulamentación técnica vixente actualizada, que sexa de aplicación ás áreas de acreditación nas que está acreditada.

2. As ECCE deberán utilizar procedementos e métodos de verificación xerais que garantan a correcta execución dos traballos. Estes procedementos deben estar debidamente documentados.

3. A ECCE deberá dispor, polo menos, dos seguintes procedementos xerais para:

-A elaboración de procedementos.

-O control de documentos.

-O retorno de información e accións correctoras.

-A revisión pola dirección do sistema de calidade.

-A identificación e rastrexabilidade.

-A calibración, mantemento e verificación de equipamentos e programas informáticos.

-O tratamento de non-conformidade.

-Accións correctoras e preventivas.

-Auditorías.

-Contratacións de traballos específicos e subcontratacións.

-Control dos rexistros.

-Selección e formación do persoal.

-Outros procedementos e instrucións, ou referencias a outros procedementos ou instrucións.

4. Todas as instrucións, normas ou procedementos escritos, follas de traballo, listas de comprobación e datos de referencia, relacionados coas verificacións, deben manterse actualizados e ser doadamente accesibles para o persoal da ECCE.

Artigo 13º.-Procedementos específicos de verificación.

1. As ECCE deberán utilizar procedementos e métodos de verificación para realizar todas as revisións e inspeccións para as que está acreditada.

2. Deberán preverse coa debida separación os métodos e procedementos para a verificación da calidade dos proxectos, materiais, a execución da obra das edificacións, as instalación dos edificios e aqueloutros de verificación da calidade para áreas de acreditación específicas.

3. De acordo co especificado no punto anterior, polo menos deberán elaborarse os seguintes procedementos específicos de verificación:

3.1. Na área de acreditación E. Área de estruturas:

Na fase P. Proxecto:

-Verificación e valoración de estudos xeotécnicos.

-Verificación das exixencias básicas de seguridade estrutural nas estruturas de formigón.

-Verificación da exixencia básica de seguridade estrutural nas estruturas de aceiro.

-Verificación da exixencia básica de seguridade nas estruturas de fábrica.

-Verificación da exixencia básica de seguridade estrutural nas estruturas de madeira.

-Verificación e asistencia técnica do Plan de control de calidade da estrutura por tecnoloxías.

Na fase O. Obra:

-Control e seguimento da execución das estruturas por tecnoloxías.

-Seguimento do Plan de control de estruturas por tecnoloxías.

-Verificación da documentación estrutural da execución da obra.

Na fase M. Mantemento:

-Elaboración do plan de uso, conservación e mantemento de estruturas por tecnoloxías.

-Verificación e seguimento do Plan de uso, conservación e mantemento de estruturas por tecnoloxías.

3.2. Na área de acreditación C. Área de construción:

Na fase P. Proxecto:

-Verificación da exixencia básica de seguridade de utilización.

-Verificación da exixencia básica de seguridade en caso de incendios.

-Verificación da exixencia básica de salubridade.

-Verificación da exixencia de protección contra o ruído.

-Verificación da exixencia de aforro enerxético e illamento térmico.

-Verificación doutros aspectos funcionais dos elementos construtivos que permitan un uso satisfactorio do edificio.

-Verificación e asistencia técnica do Plan de control de calidade no cumprimento das exixencias de seguridade e salubridade.

Na fase O. Obra:

-Control e seguimento de execución de materias, sistemas e elementos construtivos no cumprimento das exixencias básicas de seguridade e salubridade.

-Seguimento do Plan de control de calidade das exixencias de seguridade e salubridade.

-Verificación da documentación de execución de obra correspondente.

Na fase M. Mantemento:

-Elaboración do Plan de uso, conservación e mantemento da edificación.

-Verificación e seguimento do Plan de uso, conservación e mantemento da edificación.

3.3. Na área de acreditación I. Área de instalacións:

Na fase P. Proxecto:

-Verificación das exixencias de rendemento enerxético das instalacións.

-Verificación do cumprimento da regulamentación técnica de electricidade.

-Verificación do cumprimento da regulamentación técnica de telecomunicacións.

-Verificación do cumprimento da regulamentación técnica de transporte.

-Verificación do cumprimento da regulamentación técnica de gases.

-Verificación do cumprimento da regulamentación técnica de instalacións especiais.

-Verificación e asistencia técnica do Plan de control de calidade das instalacións.

Na fase O. Obra:

-Control e seguimento da execución das instalacións.

-Plan de control de calidade das instalacións.

-Verificación da documentación de instalacións na obra executada.

Na fase M. Mantemento:

-Elaboración do Plan de uso, conservación e mantemento das instalacións de edificación.

-Verificación e seguimento do Plan de uso, conservación e mantemento das instalacións de edificación.

3.4. Na área de acreditación CT. Área de concepción técnica integral ademais dos programas específicos correspondentes ás áreas de E. Estruturas, C. Construcción, I. Instalación, relacionadas, deberán preverse programas específicos para:

Na fase P. Proxecto:

-Planificación e verificación da integridade e coherencia dos proxectos de edificación.

-Programación de necesidades sustentables funcionais e espaciais.

-Xestión de custos na edificación.

-Análise e avaliación de riscos na seguridade e saúde.

-Verificación e asistencia técnica do Plan de control de calidade integral da edificación.

Na fase O. Obra:

-Planificación de obras de edificación.

-Xestión de calidade na execución.

-Seguimento do Plan de control de calidade.

-Verificación e coordinación da documentación de obra executada.

Na fase M. Mantemento:

-Elaboración de plans de mantemento integrais da edificación.

-Verificación e seguimento dos plans integrais da edificación.

3.5. Na área de acreditación EE. Área de eficiencia enerxética:

Na fase P. Proxecto:

-Verificación da certificación da eficiencia enerxética en fase de proxecto.

-Avaliación de rehabilitacións enerxéticas.

Na fase O. Obra:

-Verificación da certificación da eficiencia enerxética en fase de execución e obra terminada.

-Estudo de auditoría enerxética na edificación.

-Análises enerxéticas de materiais e solucións construtivas.

4. Estes procedementos entregaranse na Dirección Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda para a súa verificación. Se é o caso, poderán regularse os procedementos de verificación para determinadas áreas e procesos pola administración competente.

Artigo 14º.-Identificación de proxectos e obras.

1. A ECCE debe garantir que os proxectos e as obras son identificados individualmente para evitar en todo momento confusión con relación á súa identidade.

2. Calquera anormalidade aparente detectada polo/a técnico/a ou ben notificada a este/a debe rexistrarse antes do comezo da revisión. A ECCE debe consultar o seu cliente antes de iniciar o traballo cando exista algunha dúbida ou non se adecue a descrición subministrada respecto do proxecto ou obra que se vai revisar ou controlar.

Sección cuarta

Informes de verificación, rexistro e arquivo

Artigo 15º.-Informes.

1. O traballo realizado pola ECCE debe estar recollido en informes, nos que se reflectirán os resultados e incidencias obtidos ao realizar as revisións, así como as conclusións ás que se chegase.

2. A ECCE levará un Libro de rexistro de informes e obras, no que figurará, para cada informe que se realice:

a) Un número de referencia.

b) Os datos do/a peticionario/a do servizo prestado.

c) Identificación da obra ou proxecto, do obxecto da verificación.

d) Datas de encargo e de emisión ou realización do servizo.

e) Identificación do/a técnico/a que elaborou o informe ou realizou o servizo.

3. En calquera caso as ECCE estarán obrigadas a emitir un informe final unha vez concluído cada servizo. O informe final deberá conter, polo menos, a seguinte información:

a) Datos de identificación da ECCE, con indicación expresa da área, clase e nivel en que estea acreditada, e número de inscrición no rexistro e data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Datos de identificación do/a peticionario/a, sinalándose o interese deste/a no proceso construtivo obxecto do servizo.

c) Datos de identificación da obra de edificación ou do proxecto, coas seguintes especificacións:

-Localización.

-Tipo de actuación.

-Características de uso, edificatorias e urbanísticas.

-Identificación dos axentes intervenientes.

d) Cando se realicen cálculos por ordenador, nos informes identificarase o programa utilizado, título, versión e data.

e) Exporanse os antecedentes onde, de forma analizada, se salientará a documentación, información e instrucións recibidas sobre o obxecto da verificación, así como as informacións solicitadas ao respecto.

f) Relación das verificacións previas efectuadas, na que se reflectirá o número, obxecto de cada unha de elas, datas de realización e o/a técnico/a responsable destas.

g) Observacións, reparos, correccións ou incidencias constatadas durante a actividade de verificación e conclusións, de acordo cos seguintes criterios:

1. Reflectiranse, de forma pormenorizada, as deficiencias, imprevisións, erros e anomalías detectadas, analizando estas, de xeito independente, de modo que se posibilite a mellor e máis rápida identificación, facilitando a corrección das deficiencias e permitindo unha comprobación máis áxil e efectiva, unha vez efectuadas as correccións.

2. Cada observación formulada deberá ser clara, obxectiva, fundamentada e detallada. En principio farase indicación da deficiencia de que se trate de modo concreto e puntual, facendo referencia ao documento, páxina, epígrafe, número e nome de plano, capítulo, prezo, partida, con expresión de código, número e denominación, etc., onde se observase, ao obxecto de facilitar a súa inmediata localización e contribuír a unha corrección máis rápida.

3. Deberase especificar a norma, disposición, prescrición, etc., e epígrafe ou artigo de estas que, se é o caso, se infrinxe e a desviación que supón para as determinacións do proxecto ou obra.

4. Cando se trate de observacións que afecten os requisitos básicos de seguridade establecidos na Lei de ordenación da edificación, sobre determinadas solucións construtivas ou disposicións técnicas que se consideren inadecuadas e non estean reguladas por normas de obrigado cumprimento, deberán razoarse tecnicamente as deficiencias que se poden orixinar con estas.

5. No caso de discrepancias entre distintos documentos de parámetros dimensionais, descricións e definicións, deberán especificarse os textos ou algarismos que entran en contradición.

6. Cando se considere necesario solicitaranse as aclaracións, estudos ou ampliacións de datos que se precisen.

h) Data de emisión.

i) Nome, titulación, colexiación e sinatura do/a técnico/a responsable da verificación.

j) Os informes deberán posuír un número de identificación único e deberán ir numerados en cada unha das súas páxinas con referencia ao número total destas.

k) As correccións ou adicións a un informe técnico emitido someteranse ás mesmas formalidades establecidas no número seis.

Artigo 17º.-Arquivo de documentación.

1. As ECCE manterán arquivados os documentos referidos a cada informe ou servizo realizado, para permitir avaliar de xeito satisfactorio a verificación, durante un período mínimo de quince anos desde a data de recepción positiva da obra.

2. Todos os rexistros deberán conservarse en lugar seguro e serán tratados de forma confidencial, co fin de salvagardar os intereses do/a cliente/a.

Sección quinta

Subcontratación

Artigo 18º.-Libro de rexistro de subcontratacións.

As ECCE deberán rexistrar e conservar os datos sobre a competencia e adecuación dos seus subcontratistas, así como manter un libro de rexistro de todas as súas subcontratacións, debidamente actualizado e á disposición do organismo acreditador.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

Ver referencia pdf "23900D002P010.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES