DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 11 de decembro de 2007 Páx. 19.504

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de novembro de 2007 pola que se establece o procedemento para tramitación e xestión das solicitudes de formación práctica de alumnos/as de universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia en centros asistenciais adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

A formación práctica dos/as estudantes a través do aproveitamento da experiencia dos/as traballadores/as foise consolidando progresivamente en todas as universidades españolas de forma que hoxe en día ninguén dubida da súa utilidade para poñer en contacto ao/á estudante, futuro/a titulado/a, co mundo do traballo.

O artigo 12 da Lei 44/2003, do 21 novembro, de ordenación das profesións sanitarias, sinala entre os principios reitores da actuación formativa e docente no ámbito das profesións sanitarias a disposición de toda a estrutura do sistema sanitario para ser utilizada na docencia pregraduada, especializada e continuada das persoas profesionais.

A vontade da actual Administración sanitaria de Galicia de establecer e fomentar relacións de cooperación con universidades e institucións públicas e privadas orientadas ao apoio á docencia e a investigación en ciencias da saúde, xunto á importancia da formación práctica para conseguir profesionais sanitarios cunha adecuada visión das necesidades reais ás que deberá dar resposta no seu desempeño profesional futuro, reforzan o interese da Consellería de Sanidade e mais o Servizo Galego de Saúde no establecemento de canles efectivas e eficientes de cooperación educativa cos centros universitarios. A dita importancia faise aínda máis patente cando os/as estudantes, e futuros/as profesionais, residen e teñen o seu domicilio familiar no contorno próximo a eses centros de traballo.

No caso de estudantes dos centros do sistema universitario Galego, os concertos asinados coas respectivas universidades pola Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde establecen o marco para o desenvolvemento desta formación de carácter práctico nas titulacións sanitarias. No entanto, non se dispón ata de agora dun procedemento para a situación de solicitudes feitas desde universidades de fóra da comunidade autónoma.

Ao longo do ano a Consellería de Sanidade recibe múltiples solicitudes procedentes de diferentes centros universitarios de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, demandando colaboración que posibilite aos/ás seus/súas alumnos/as a realización de estadías formativas de carácter práctico en centros asistenciais do sistema sanitario público de Galicia. A dita colaboración non implica gasto nin financiamento específico con cargo á Consellería de Sanidade ni ao Servizo Galego de Saúde, nin establece vínculo laboral nin contractual de ningún tipo do/a estudante co sistema sanitario.

As ditas solicitudes recibidas, na súa práctica totalidade, refírense a estudantes das titulacións universitarias correspondentes as profesións definidas na Lei 44/2003, do 21 novembro, de ordenación das profesións sanitarias, son especialmente numerosas en período preestival, por se prever a súa realización en período non lectivo, e con frecuencia atinxen a un só/a alumno/a, cuxo lugar de residencia no verán pertence ao ámbito xeográfico da nosa comunidade autónoma.

O notable incremento de solicitudes para a realización de prácticas clínicas desde varias universidades españolas para estudantes universitarios, en centros sanitarios da rede pública da Comunidade Autónoma de Galicia, presenta a necesidade de establecer un procedemento áxil que dea cobertura legal, académica e garanta outros aspectos de calidade asistencial e docente derivados da realización dos programas de prácticas.

Dispor dun procedemento establecido, a disposición de todos os/as interesados/as, afonda na garantía de dereitos dos/as cidadáns, neste caso como futuros profesionais sanitarios e na transparencia e equidade das accións levadas adiante pola Consellería de Sanidade.

Esta necesidade faise especialmente evidente cando as solicitudes de colaboración para a formación práctica de alumnos/as emitidas por un centro universitario teñen un carácter ocasional, puntual e illado e non se prevé que a dita colaboración perdure no tempo por obedecer a necesidades circunstanciais dun só/a alumno/a.

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

O obxecto desta orde é establecer o procedemento para a tramitación e xestión das solicitudes de formación práctica de alumnos/as de universidades non pertencentes ao sistema universitario de Galicia en centros asistenciais adscritos ao Servizo Galego de Saúde.

As prácticas que se van realizar nos centros asistenciais estarán dirixidas a estudantes das titulacións universitarias correspondentes as profesións definidas na Lei 44/2003, do 21 novembro, de ordenación das profesións sanitarias, que no momento da solicitude superasen o 50% dos créditos da súa titulación nos plans renovados ou se encontren nos dous últimos cursos dos plans non renovados.

Esta orde será de aplicación cando a solicitude de colaboración emitida por un centro universitario teña un carácter ocasional, non sendo previsible que a dita colaboración perdure no tempo. En caso contrario, volume considerable de alumnos/as que vaian realizar a formación práctica ou colaboración plurianual, será preciso o establecemento dun convenio para o desenvolvemento dun programa de cooperación educativa segundo o establecido no Real decreto 1497/1981, de 19 de xuño, actualizado polo Real decreto 1845/1994, do 9 de setembro.

Artigo 2º.-Solicitudes.

A solicitude de colaboración procedente dos centros universitarios para a realización de formación práctica nos centros asistenciais adscritos ao Servizo Galego de Saúde deberá ser presentada á Consellería de Sanidade cunha antelación mínima de dous meses á data do inicio da dita estadía práctica.

De ser recibida a dita solicitude directamente por un centro asistencial do sistema sanitario público de Galicia, o devandito centro deberá remitila para súa tramitación á Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade.

A dita solicitude deberá ser formalizada segundo o modelo que figura como anexo I a esta disposición, facendo constar:

a) Identidade do/a alumno/a.

b) Facultade/escola universitaria, titulación e curso.

c) Contidos e obxectivos da formación práctica, especificando se son prácticas integradas nos plans de estudo ou prácticas non incluídas no plan de estudo da titulación pero validables por créditos de libre elección.

d) Centro solicitado para a realización da estadía práctica e área ou servizo de preferencia para a realización desta.

e) Período da estadía práctica, con data de inicio e remate, e duración horaria estimada.

f) Existencia de seguro escolar, e para estudantes maiores de 28 anos póliza de seguro que cubra os accidentes e enfermidades que o/a alumno/a puidera padecer no transcurso do período de prácticas.

g) Compromiso de contratación dunha póliza de responsabilidade civil que ampare a cada alumno/a definitivamente admitido/a, e cubra posibles danos a persoas ou bens que este puidese ocasionar durante a realización das ditas prácticas.

Artigo 3º.-Resolución.

A resolución das solicitudes correspóndelle á Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria, á que compete a selección de centros asistenciais e o establecemento do número definitivo de alumnos/as participantes, unha vez consultados os correspondentes centros e dispositivos asistenciais e tendo en conta criterios de índole didáctica e organizativa.

A aceptación da solicitude, a selección de centros e o número definitivo de alumnos/as estará supeditada á previa satisfacción das demandas de formación práctica en centros asistenciais procedentes do sistema universitario de Galicia, conforme o establecido nos concertos entre a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo e o Servizo Galego de Saúde (publicados por ordes do 18 de xuño e do 20 de decembro de 2001).

En caso de que o número de prazas para formación práctica nun centro asistencial sexa inferior á solicitude inicial, a Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria comunicaralle á universidade solicitante o número definitivo de alumnos/as admitidos, e corresponderalle ao dito centro universitario á selección de alumnos/as solicitantes e a comunicación da súa identidade para a emisión e envío da correspondente resolución a estes por parte da Consellería de Sanidade.

Artigo 4º.-Documentación.

Recibida a resolución o centro universitario disporá dun prazo de dez días hábiles para enviarlle á Consellería de Sanidade a seguinte documentación:

-Certificación de vixencia do Seguro Escolar, ou no caso de estudantes maiores de 28 anos, certificación de vixencia da póliza de seguro que cubra os accidentes e enfermidades que o/a alumno/a puidese sufrir no período de prácticas.

-Copia compulsada da póliza de responsabilidade civil que cubra a realización das prácticas.

A non adecuada acreditación destes seguros no prazo de dez días tras a recepción por parte do centro universitario da resolución implicará a perda de efecto da dita resolución e a imposibilidade para o/a alumno/a de realización das prácticas.

4. Compromiso das partes.

4.1. Compromiso da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde.

-En cada centro sanitario fixarase un plan de formación específico acorde cos contidos e obxectivos establecidos en cada caso pola universidade, que en ningún caso poderá interferir co normal desenvolvemento das actividades asistenciais. A duración mínima das prácticas corresponderase cos anteditos obxectivos e non poderá exceder de 500 horas por curso académico.

-Nos centros asistenciais onde se leve a cabo a formación práctica designarase unha persoa titora con titulación académica suficiente, baixo cuxa supervisión realizará as prácticas cada estudante, e que velará pola formación do/a alumno/a e polo cumprimento do plan específico fixado polo centro. Unha vez que o alumnado remate a súa estancia formativa o/a titor/a designado/a polo centro asistencial emitirá un informe sobre as actividades realizadas por cada alumno/a durante o período de prácticas.

-O dito informe será remitido pola persoa titora asistencial á Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade que dará traslado deste ao centro universitario do/a alumno/a.

-O centro asistencial poderá desistir, mediante resolución motivada, da formación daquel/a alumno/a cuxo baixo grao de aproveitamento, falta de asistencia, interferencia co labor asistencial do centro ou outras causas relacionadas co incumprimento do mencionado compromiso, así o aconsellen. O dito desestimento comunicarase á Subdirección Xeral de Docencia e Investigación Sanitaria da Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria que será quen lle dea traslado á universidade de orixe do/a alumno/a.

4.2. Compromisos dos/as alumnos/as.

-Os/as alumnos/as estarán suxeitos á duración, calendario, horario, lugar e actividade establecidos e gardarán o debido sixilo sobre as tarefas que se estean a realizar durante o seu período de prácticas, aínda despois de que este finalice.

-A realización das prácticas por parte dos/as alumnos/as do curso indicado, non constitúe vínculo laboral nin contractual de ningún tipo entre estes e o Servizo Galego de Saúde. Dado o carácter formativo das prácticas, os/as alumnos/as non poderán asinar nin asumir responsabilidades nin realizar actuacións que requiran cualificación profesional.

4.3. Compromisos da universidade de orixe.

-O centro universitario de procedencia dará cobertura aos accidentes ou enfermidades que o/a alumno/a puidese padecer no transcurso das prácticas, así como aos danos que este puidese ocasionar durante a realización das ditas prácticas a persoas ou bens. Para iso contratará os correspondentes seguros que estarán vixentes durante todo o período das estadías formativas respectivas. A Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde non se fan responsables destas continxencias.

-A universidade comprométese a achegar toda a documentación requirida nos prazos establecidos para a recepción do/a alumno/a polo centro. A non adecuada acreditación destes seguros para cada alumno/a concreto/a suporá a imposibilidade para a realización das prácticas.

-Rematada a estadía práctica e recibido o informe sobre as actividades de cada alumno/a, o centro universitario enviará ás persoas profesionais que titorizan a formación práctica, como recoñecemento do seu esforzo, un certificado acreditativo da labor de titorización realizada, segundo o modelo vixente en cada universidade.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2007.

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "23800D001P008.PDF"