DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.468

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 20 de novembro de 2007 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión de axudas destinadas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables en Galicia, establecidas pola Resolución do 26 de abril de 2007.

O Instituto Enerxético de Galicia ditou a Resolución do 26 de abril de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2007 (DOG número 101, do 28 de maio).

Nos parágrafos primeiro e terceiro do artigo 3 da devandita resolución disponse que as subvencións outorgarán con cargo aos orzamentos establecidos nos respectivos convenios asinados entre o IDAE e o Instituto Enerxético de Galicia, de acordo coa dotación consignada nos orzamentos xerais do Estado, e ás cantidades consignadas nos orzamentos do Instituto Enerxético de Galicia, con cargo á conta contable 7500000, para proxectos de aforro e eficiencia enerxéticas e de enerxías renovables.

Así mesmo, no parágrafo terceiro do artigo 3º establécese a posibilidade de que as cantidades indicadas na mencionada resolución se poderían incrementar nun total de 2.029.927 euros, dependendo do criterio relativo á facilidade e resultados da aplicación do convenio subscrito entre o Inega y o IDAE o día 9 de marzo de 2007.

En consecuencia, como existen outras dotacións que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos destinados ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida Resolución do 26 de abril de 2007, coa finalidade de facer chegar estas ao maior número de beneficiarios posibles.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.-Amplíase o importe das axudas que se van conceder ao abeiro da Resolución do 26 de abril de 2007, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións e axudas a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e proxectos de enerxías renovables correspondentes ao exercicio 2007, e modifícanse o parágrafo terceiro do artigo 3 e o artigo 4 da devandita resolución, que quedan redactados deste xeito:

«Estas cantidades poderían incrementarse nun total de 3.090.487 euros, dependendo do criterio relativo á facilidade e resultados da aplicación do convenio subscrito entre o Inega y o IDAE o día 9 de marzo de 2007».

«En función do grao de execución do orzamento ao cal se refire o punto tres deste artigo, e de acordo co establecido nos convenios de colaboración realizados entre o Inega e o IDAE o día 9 de marzo de 2007, con anterioridade ao 31 de decembro de 2007, os gastos estarán formalmente comprometidos mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia de ordes de axudas, sinatura de convenios con terceiros, contratos de adquisición de bens ou servizos, ou outros actos xurídicos equivalentes nun total de 3.090.487 euros, destinados a proxectos do sector industria e servizos públicos».

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2007.

Xoán Ramón Doldán García

Director do Instituto Enerxético de Galicia