DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.461

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2007 pola que se convoca unha bolsa de perfeccionamento de investigación especializada na análise de datos cuantitativos en materias relacionadas coas políticas públicas.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública para a súa posterior difusión.

Para levar a cabo esta función, resulta oportuno convocar unha bolsa para titulados superiores que, ademais de seren doutores, teñan experiencia investigadora e desexen perfeccionar os seus coñecementos en métodos e técnicas de investigación social aplicada.

En execución do plan de actividades da escola para o ano 2008, e de conformidade coa referida disposición, resolvo convocar unha bolsa segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria dunha bolsa de perfeccionamento de investigación especializada na análise de datos cuantitativos en materias relacionadas coas políticas públicas, dirixida ás persoas que estean en posesión do título oficial de doutor en ciencias políticas, socioloxía ou psicoloxía, conten con experiencia e formación no manexo de técnicas estatísticas e psicométricas na investigación social aplicada e desexen perfeccionar a súa formación na utilización destas técnicas.

A bolsa regulada nesta resolución concederase en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda.-Duración, importe e financiamento da bolsa.

O período de aproveitamento da bolsa será dun ano natural, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro do 2008.

Poderá, de conformidade coa normativa legal aplicable, procederse á prórroga da bolsa por un novo período dun ano, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe de conformidade da unidade administrativa en que reciba a formación o/a bolseiro/a.

O importe da bolsa será de 1.800 € brutos mensuais, que se farán efectivos polo importe líquido tras realizar a retención fiscal que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, o que supón un importe total íntegro de 21.600 €. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función do número de días traballados desde a incorporación á bolsa.

O financiamento estará condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente na aplicación orzamentaria 06.80.122B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cuxo proxecto foi aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 18 de outubro de 2007. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998 que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira será beneficiaria dun seguro de asistencia médica e un seguro de accidentes que, do mesmo xeito que os custos da súa formación, se aboará con cargo a esta aplicación orzamentaria.

Terceira.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño/a dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Acreditar ter rematados os estudos con posterioridade a xaneiro do ano 1999 nalgunha das seguintes licenciaturas: ciencias políticas, socioloxía ou psicoloxía.

4. Acreditar que posúe o título oficial de doutor/a en ciencias políticas, socioloxía ou psicoloxía.

5. Acreditar experiencia en investigación social que supoña o manexo de técnicas estatísticas e psicométricas, con participación en proxectos e/ou publicacións a nivel nacional ou internacional.

6. Ter acreditado o dominio da lingua galega no nivel de perfeccionamento mediante título oficial.

Cuarta.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo I a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por un notario ou por un funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun Estado membro da Unión Europea deberase presentar a documentación equivalente.

2. Certificado do padrón municipal.

3. Título correspondente ou, na falta deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

4. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas da licenciatura e do doutoramento.

5. Currículo do/a solicitante coa seguinte estrutura:

I) Datos persoais.

II) Titulación académica: denominación, universidade e data de obtención do título.

III) Formación adicional obtida mediante participación en cursos, seminarios ou outras actividades de formación.

IV) Participación activa como relator/a ou comunicante en congresos científicos ou profesionais e participación como profesor/a ou relator/a en cursos ou seminarios.

V) Publicacións: título da revista ou publicación, ISSN ou ISBN, número e ano.

VI) Experiencia investigadora: participación en proxectos de investigación: título do proxecto/traballo/estudo, entidade ou organismo en que o realizou, duración, responsable do proxecto/traballo/estudo. Bolsas de investigación concedidas: organismo que concedeu a bolsa; finalidade da bolsa (tese, traballo de investigación, etc.), data de inicio e de fin, centro de desenvolvemento da bolsa. Experiencia profesional relacionada con actividades de investigación.

VII) Coñecementos sobre (e experiencia previa en) todas as fases de investigación con enquisas e, particularmente, dominio de técnicas estatísticas e psicométricas.

VIII) Coñecemento doutros idiomas.

6. Fotocopia compulsada da acreditación do curso de perfeccionamento ou equivalente de lingua galega.

7. Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia en materias relacionadas coas que figuran nos parágrafos III, IV, V, VI, VII e VIII.

8. Declaración xurada ou responsable de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

9. Declaración xurada ou responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que sexa esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a el con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola.

10. Declaración xurada ou responsable das bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas para o mesmo fin, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo III.

A presentación das solicitudes comportará a autorización do/a solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, por medio de certificados telemáticos, polo que queda liberado/a de achegar a correspondente certificación. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11 e) e 31.7º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, os/as solicitantes poderán denegar expresamente o consentimento. Neste suposto deberán presentar estas certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Quinta.-Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e a documentación que se sinalan na base cuarta presentaranse no rexistro xeral deste organismo, situado na rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares referidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de presentar a solicitude nun rexistro que non sexa o da EGAP ou de remitila por correo, o/a interesado/a deberá comunicarlle á EGAP esta circunstancia, no mesmo día, a través de fax (ao número 981 54 63 30) ou telegrama.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta.-Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes será levada a cabo por unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director da EGAP ou persoa en que delegue.

Vogais: tres profesores ou investigadores designados polo director da EGAP.

Secretario/a: nomeado/a polo director da EGAP entre os/as funcionarios/as da EGAP que actuará con voz e voto.

A composición da comisión de avaliación farase pública no portal web da EGAP http://www.egap.xunta.es e no seu taboleiro de anuncios.

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sétima.-Criterios de avaliación.

A avaliación dos méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

1. Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos. Forma de acreditación: certificación académica (ou fotocopia compulsada) en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas.

2. Formación adicional obtida mediante participación en cursos, seminarios ou outras actividades de formación: ata un máximo de 10 puntos. Por este concepto valorarase a formación en materias relacionadas co obxecto da bolsa, e terase en conta a duración, relevancia e prestixio das entidades organizadoras. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

3. Contribucións científicas e participación activa en cursos, congresos e seminarios: ata un máximo de 15 puntos. Por este concepto valorarase a participación como relator/a ou comunicante en congresos científicos ou profesionais e a participación como profesor/a ou relator/a en cursos ou seminarios. En ambos os dous casos, as actividades realizadas deberán ser relevantes en relación co obxecto da bolsa e na súa valoración teranse en conta tanto o seu prestixio e recoñecemento como os da entidade organizadora. Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos certificados de participación.

4. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas: ata un máximo de 15 puntos. Terase en conta a importancia e recoñecemento dos traballos publicados. Forma de acreditación: fotocopia das referidas publicacións.

5. Bolsas de formación e perfeccionamento profesional ou de formación de persoal investigador relacionadas coas funcións que se desempeñarán: ata un máximo de 15 puntos. Valorarase o tempo de aproveitamento, os centros de estadía, a formación recibida e as actividades realizadas, así como a súa relación co obxecto da bolsa. Forma de acreditación: fotocopia compulsada da documentación acreditativa da concesión da bolsa e do desenvolvemento desta.

6. Experiencia investigadora adquirida mediante a participación en proxectos de investigación e contratos de investigación desenvolvidos por grupos de investigación de recoñecemento acreditado: ata un máximo de 10 puntos. Forma de acreditación: certificación da universidade ou centro de investigación a que pertence o grupo investigador.

7. Coñecemento e experiencia no uso de técnicas estatísticas e psicométricas: ata un máximo de 10 puntos. Forma de acreditación: fotocopia compulsada de títulos, certificados de formación e publicacións ou outras probas documentais que acrediten a formación e a experiencia no uso de tales técnicas.

8. Coñecemento doutros idiomas: ata un máximo de 5 puntos. Forma de acreditación: fotocopia compulsada de títulos ou certificados.

A comisión non valorará aqueles méritos dos/das candidatos/as que non estean acreditados documentalmente.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos/coas aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/das candidatos/as, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. Esta versará sobre os seus méritos curriculares, co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e actitudes persoais dos/das aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será de 30 puntos.

Oitava.-Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderá reclamar aos/ás solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo co artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e outorgará un prazo de 5 días hábiles desde a notificación de requirimento.

Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos consonte o establecido na base sétima e confeccionará a listaxe provisoria de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles. Esta listaxe farase pública no portal web da EGAP http://www.egap.xunta.es e no seu taboleiro de anuncios, xunto, se é o caso, coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

Resoltas as reclamacións e realizadas, de ser o caso, as entrevistas, a comisión fará pública nos mesmos lugares a listaxe definitiva dos posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación.

A comisión elevará ao director da EGAP unha proposta de concesión para a designación do/a titular da bolsa.

Cos/coas restantes admitidos/as elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta lista será operativa no caso de que o/a bolseiro/a seleccionado/a non se incorpore na data establecida, cando o/a bolseiro/a renuncie á bolsa ou cando se proceda á súa revogación.

Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o artigo 84.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ao non figurar no procedemento nin ser considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados.

Novena.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación a proposta de concesión, esta convocatoria será resolta polo director da EGAP. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director da EGAP no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución ao titular da bolsa farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992; así mesmo, darase a oportuna publicidade no DOG.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a EGAP publicará na súa páxina web oficial o nome do/da beneficiario/a da bolsa e o importe da axuda concedida, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos do/da beneficiario/a e da súa publicación nesta páxina web.

Tamén se incluirán nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos á axuda e subvención recibida, así como as sancións impostas, segundo a autorización do/da solicitante que figure na convocatoria correspondente.

Décima.-Aceptación da bolsa.

No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación da bolsa, o/a candidato/a seleccionado/a deberá comunicarlle por escrito á EGAP a aceptación. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o/a bolseiro/a renuncia expresamente a ela.

O/a bolseiro/a que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao/á primeiro/a candidato/a que figure na lista que para tal efecto elaborase a comisión de avaliación, conforme a base oitava.

Décimo primeira.-Obrigas do/da bolseiro/a.

O/a bolseiro/a seleccionado/a comprometerase a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración, en relación coas tarefas do departamento en que se adscriba, de luns a venres, de acordo coa distribución que realice a EGAP. O período vacacional será dun mes, ou o tempo proporcional ao período de aproveitamento da bolsa. O mes de vacacións será de forma xeral o de agosto.

b) Cumprir co programa de formación establecido polo director da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección dos/das funcionarios/as que se designen para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola coide convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 06.80.122B.480.0, na cal se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que o xefe da unidade administrativa en que se adscriba o/a bolseiro/a certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP, de considerarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, un informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Facilitar toda a información que sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

g) Presentar antes do derradeiro pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo segunda.-Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral ou funcionarial entre o bolseiro/a e a EGAP, nin supón ningún compromiso de incorporación posterior do bolseiro/a no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa do director da EGAP, e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola EGAP.

Décimo terceira.-Renuncia, revogación e reintegro de cantidades.

A renuncia á bolsa por parte do/da titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de anticipación nun escrito dirixido ao director da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concederlla ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

A renuncia inhabilitará o/a titular para os efectos de presentación en vindeiras convocatorias da mesma categoría.

O director da EGAP poderá revogar a bolsa se o/a bolseiro/a non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto, como no caso da renuncia, o director da EGAP, poderá, polo período que reste, concederlle a bolsa ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo cuarta.-Réxime xurídico e impugnabilidade.

Para o non regulado expresamente nestas bases, observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Décimo quinta.-Duración do procedemento.

Segundo o establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se ditar resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Décimo sexta.-Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos/ás interesados/as farase a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da EGAP (www.egap.xunta.es). Esta forma de notificación exceptuarase cando se proceda á notificación da resolución de concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992.

Décimo sétima.-Incompatibilidades.

A bolsa regulada nesta convocatoria será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e coa prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Décimo oitava.-Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións consideradas para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director da EGAP poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "23700D010P069.PDF"