DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.452

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 28 de novembro de 2007 pola que se convocan dúas bolsas de formación en linguaxe administrativa galega.

O artigo 3.1º g) da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), considera entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudo e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

En execución do plan de actividades da escola para o ano 2008, e de conformidade coa referida disposición, resolvo convocar dúas bolsas de formación en linguaxe administrativa galega, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e procédese á convocatoria de dúas bolsas de formación en linguaxe administrativa galega para a realización na EGAP de estudos e prácticas nesta materia.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Segunda.-Duración, importe e financiamento da bolsa.

As actividades de formación iniciaranse o 1 de xaneiro e rematarán o 31 de decembro de 2008. Poderán ser prorrogadas por un ano ou, se é o caso, ata que se resolva a convocatoria do ano 2009, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe de conformidade da unidade administrativa en que reciba a formación o bolseiro/a.

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais que se farán efectivos, polo importe líquido, tras realizar a retención fiscal que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, o que supón un importe total íntegro de 28.800 €. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función do número de días traballados desde a incorporación á bolsa.

O financiamento estará condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 06.80.122B.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, cuxo proxecto foi aprobado no Consello da Xunta do 18 de outubro de 2007. O expediente económico tramítase de acordo co previsto na Orde do 11 de febreiro de 1998, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto.

Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira será beneficiaria dun seguro de asistencia médica e un seguro de accidentes que, do mesmo xeito que os custos da súa formación, se aboarán con cargo a esta aplicación orzamentaria.

Terceira.-Requisitos dos solicitantes.

Poderán solicitar estas bolsas todas aquelas persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan os seguintes requisitos no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

1. Posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea.

2. Ser veciño/a dalgún dos municipios da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Acreditar ter rematados os estudos académicos con posterioridade a xaneiro do ano 2002 e acreditadas algunha das seguintes titulacións universitarias: licenciatura na especialidade de filoloxía galega ou en tradución e interpretación (lingua A galego).

4. Non ter sido beneficiario anteriormente durante un período superior aos 12 meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza de maior, ao xuízo da dirección da EGAP, logo de iniciado o período de vixencia.

Cuarta.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes formalizaranse no modelo que se achega como anexo I a esta convocatoria e deberán ir acompañadas da seguinte documentación en orixinal ou fotocopia debidamente compulsada por un notario ou por un funcionario da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia:

1. Documento nacional de identidade. No suposto de ser nacional dun estado membro da Unión Europea, deberase presentar a documentación equivalente.

2. Certificado do padrón municipal.

3. Título correspondente ou, na falta deste último, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición.

4. Certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas. Para facilitar a valoración do expediente académico, débese incluír na certificación a nota media obtida.

5. Currículo do/da solicitante (consonte o modelo que se inclúe nesta convocatorio como anexo IV), con exposición dos méritos académicos e profesionais, así como relación dos traballos e publicacións sobre temas relacionados co obxecto da bolsa, debidamente acreditados.

6. Documentos que acrediten a formación e/ou experiencia en materias relacionadas co obxecto da bolsa alegados polo interesado no seu currículo.

7. Declaración xurada ou responsable de non reunir ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

8. Declaración xurada ou responsable de non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa ou axuda, calquera que fose esta, ou, no caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa, un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade ao momento de incorporación a esta escola.

9. Declaración xurada ou responsable das axudas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas para o mesmo fin, consonte o modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo III.

A presentación das solicitudes comportará a autorización do/a solicitante para que o órgano concedente obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos, polo que queda liberado/a de achegar a correspondente certificación. Estes requisitos deberán acreditarse, de ser o caso, antes de efectuar a proposta de resolución, así como da tramitación do pagamento, ao abeiro do disposto no artigo 11 e) e 31.7º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, os/as solicitantes poderán denegar expresamente o consentimento. Neste suposto deberán presentar estas certificacións no termos previstos regulamentariamente.

Quinta.-Lugar e prazo de presentación.

As solicitudes e a documentación que se sinala na base cuarta presentarase no rexistro xeral deste organismo, situado na rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares referidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de presentar a solicitude nun rexistro que non sexa o da EGAP ou de remitila por correo, o/a interesado/a deberá comunicar á EGAP esta circunstancia, no mesmo día, a través de fax (ao número 981 54 63 30) ou telegrama.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

Sexta.-Composición da comisión de avaliación.

A selección e avaliación das solicitudes será levada a cabo por unha comisión que estará integrada polos seguintes membros:

Presidente: o director da EGAP ou persoa en que delegue.

Vogais: tres persoas designadas polo director da EGAP, unha das cales, polo menos, deberá ser profesor/a colaborador/a da EGAP en materia de linguaxe administrativa galega.

Secretario/a: nomeado/a polo director da EGAP entre funcionarios/as da EGAP, que actuará con voz e voto.

A composición da comisión de avaliación farase pública no portal web da EGAP, http://www.egap.xunta.es, e no seu taboleiro de anuncios.

A comisión está clasificada na categoría superior para os efectos previstos no artigo 26 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

Sétima.-Criterios de avaliación.

A avaliación do méritos acreditados levarase a cabo conforme o seguinte baremo:

1. Titulación universitaria requirida: polo doutoramento, 3 puntos. Por outras titulacións universitarias superiores relacionadas co obxecto da bolsa: 0,5 puntos por cada unha ata un máximo de 1 punto. Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificación de ter realizados todos os estudos necesarios para a súa obtención.

2. Expediente académico: ata un máximo de 15 puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media simple do expediente académico, conforme a Resolución do 15 de marzo do 2005, da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG nº 57, do 23 de marzo). Forma de acreditación: certificación académica en que se detallen as cualificacións obtidas nas distintas disciplinas e na cal se deberá incluír a nota media simple obtida.

3. Formación complementaria: ata un máximo de 8 puntos. Cursos relacionados co obxecto das bolsas organizados por organismos públicos, universidades, e outros organismos e entidades:

a) Cursos de duración igual ou superior a 250 horas: 1 punto por curso, ata un máximo de 2 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,75 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,50 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,25 puntos por curso, ata o máximo de 1 punto.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas. Forma de acreditación: fotocopia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

4. Experiencia profesional previa en traballos ou actividades directamente relacionadas co obxecto da bolsa (contratos laborais e prácticas en empresas) e bolsas desfrutadas con anterioridade relacionadas co obxecto da bolsa. En función do tipo de traballo realizado e do tempo de dedicación ata un máximo de 8 puntos. Forma de acreditación: certificado expedido pola correspondente unidade de persoal, no caso de experiencia adquirida na Administración, e fotocopia do contrato ou contratos de traballo e certificación de vida laboral expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social nos demais casos; fotocopia compulsada da documentación acreditativa da concesión da bolsa e do desenvolvemento desta.

5. Presentación de comunicacións en congresos relacionados coa convocatoria: 0,25 puntos por comunicación, ata un máximo de 2 puntos. Forma de acreditación: fotocopia dos certificados de participación activa nos referidos congresos.

6. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa, traducións publicadas, etc: 0,50 puntos por publicación, ata un máximo de 3 puntos. O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación ben como publicación. Forma de acreditación: fotocopia das referidas publicacións.

7. Coñecemento da lingua inglesa: ata un máximo de 5 puntos. Forma de acreditación: mediante o correspondente certificado oficial expedido pola Escola Oficial de Idiomas, Instituto Británico ou institución ou centros recoñecidos oficialmente.

8. Outros méritos: ata un máximo de 5 puntos.

-Formación no manexo de ferramentas ofimáticas de xestión (office e similares), ata un máximo de 2 puntos.

-Coñecemento doutros idiomas, formación no manexo de aplicacións informáticas de maquetación e outros méritos relacionados co obxecto da bolsa que non teñan cabida en ningunha das outras epígrafes, ata un máximo de 3 puntos.

Forma de acreditación: mediante títulos, certificados e calquera outra documentación que acredite os méritos alegados. Para a valoración dos cursos de formación aplicarase a escala establecida no número 3 desta base.

A comisión non valorará aqueles méritos dos candidatos que non estean acreditados documentalmente.

A comisión poderá realizar unha entrevista cos/coas aspirantes con maior puntuación. Á vista da valoración dos méritos dos/das candidatos/as, a comisión determinará a puntuación mínima para acceder á entrevista. Esta versará sobre os seus méritos curriculares co fin de valorar os coñecementos, aptitudes e actitudes persoais dos/das aspirantes para as funcións que van desempeñar. Terá unha duración máxima de quince minutos. A puntuación máxima pola entrevista será de 15 puntos.

Oitava.-Selección e avaliación das solicitudes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións da EGAP revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No caso de estar incompleta, conter erros ou non achegar toda a documentación requirida, poderá reclamar aos/ás solicitantes que emenden os defectos administrativos apreciados na documentación exixida, de acordo do artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e outorgará un prazo de 5 días hábiles desde a notificación de requirimento.

Rematado o prazo de emenda, a comisión de avaliación avaliará os méritos consonte o establecido na base sétima e confeccionará a listaxe provisoria de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación. O prazo de exposición, consultas e reclamacións será de tres días hábiles. Esta listaxe farase pública no portal web da EGAP, http://www.egap.xunta.es, e no seu taboleiro de anuncios, xunto, se é o caso, coa puntuación mínima para acceder á entrevista.

Resoltas as reclamacións e realizadas, se é o caso, as entrevistas, a comisión fará pública nos mesmos lugares a lista definitiva de posibles bolseiros/as, ordenada de maior a menor, segundo a súa puntuación.

A comisión elevará ao director da EGAP unha proposta de concesión para a designación dos/das titulares das bolsas.

Cos/coas restantes admitidos/as elaborarase unha lista de suplentes, por orde decrecente de puntuación. Esta listaxe será operativa no caso de que o/a bolseiro/a seleccionado/a non se incorporase na data establecida, cando o/a bolseiro/a renunciase á bolsa ou cando se procedese á súa revogación.

Prescíndese do trámite de audiencia, segundo o artigo 84.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ao non figurar no procedemento nin ser considerados na resolución outros feitos e outras alegacións e probas máis que as aducidas polos interesados.

Novena.-Resolución, notificación e publicidade.

Elevada pola comisión de avaliación a proposta de concesión, esta convocatoria resolveraa o director da EGAP. Contra esta resolución poderá interpoñerse, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o director da EGAP no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da resolución nos termos dos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo do dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución de conformidade co establecido no artigo 46.4º da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A notificación da resolución aos titulares das bolsas farase segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992; así mesmo, darase a oportuna publicidade no DOG.

De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a EGAP publicará na súa páxina web oficial o nome dos/das beneficiarios/as das bolsas e o importe da axuda concedida, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/das beneficiarios/as e da súa publicación nesta páxina web.

Tamén se incluirán nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións, segundo establece o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, os datos relevantes referidos á axuda e subvención recibida, así como as sancións impostas, segundo a autorización dos/das solicitantes que figure na convocatoria correspondente.

Décima.-Aceptación da bolsa.

No prazo de dez días desde a notificación da adxudicación das bolsas, os/as candidatos/as seleccionados/as deberá comunicarlle por escrito á EGAP a aceptación. No caso de que a citada aceptación non se produza no prazo sinalado, entenderase que o/a bolseiro/a renuncia expresamente a ela.

O/a bolseiro/a que non se incorporase no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa. Neste suposto o director da EGAP procederá, mediante resolución, á concesión da bolsa ao/á primeiro/a candidato/a que figure na listaxe que para tal efecto elaborará a comisión de avaliación, conforme a base oitava.

Décimo primeira.-Obrigas do/da bolseiro/a.

Os/as bolseiros/as seleccionados/as comprometeranse a:

a) Desempeñar as actividades de formación e de colaboración en materia de linguaxe administrativa galega, de luns a venres, en horario de mañá e/ou tarde, de acordo coa distribución que realice a EGAP. O período vacacional será dun mes, ou o tempo proporcional ao período de aproveitamento da bolsa.

b) Cumprir co programa de formación establecido polo director da EGAP, baixo o asesoramento, orientación e dirección dos/das funcionarios/as que se designen para tales efectos, e asistir ás actividades formativas que a escola ache convenientes. Os gastos ocasionados con motivo destas actividades serán pagados pola escola con cargo á aplicación orzamentaria 06.80.122B.480.0, na cal se habilitará previamente o crédito para este fin, logo de que o/a xefe/a do Servizo de Estudos, Investigación e Publicacións certifique os gastos producidos. Os gastos de desprazamento, aloxamento e manutención non poderán superar a contía establecida para o grupo II do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre as indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

c) Colaborar nas accións formativas da EGAP, de estimarse oportuno.

d) Presentar os informes, formularios e demais documentos que lle exixa a EGAP con motivo da xestión do programa de formación e, ao finalizar a bolsa, informe de todas as actividades desenvolvidas durante o tempo de goce da bolsa, así como da formación recibida.

e) Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control interno.

f) Reintegrar as cantidades percibidas no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a concesión da bolsa.

g) Presentar antes do último pagamento declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Décimo segunda.-Natureza xurídica do vínculo.

A concesión e posterior aceptación da bolsa non supón ningún tipo de vinculación laboral ou funcionarial entre o/a bolseiro/a e a EGAP, nin supón ningún compromiso de incorporación posterior do/da bolseiro/a no seu cadro de persoal.

Para a utilización do material e a información obtidos como resultado das actividades desenvolvidas durante a bolsa, o/a bolseiro/a deberá contar coa autorización expresa da director da EGAP, e deberá facer constar neste caso que a información foi obtida durante o desenvolvemento da bolsa concedida pola EGAP.

Décimo terceira.- Renuncia, revogación e reintegro de cantidades.

A renuncia á bolsa por parte do/da titular, unha vez iniciado o período de aproveitamento, deberá comunicarse cun mínimo de quince días naturais de anticipación en escrito dirixido ao director da EGAP, quen poderá, polo período que reste, concederlla ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

A renuncia inhabilitará o/a titular para os efectos de presentación en vindeiras convocatorias da mesma categoría.

O director da EGAP poderá revogar a bolsa se o/a bolseiro/a non realiza ou incumpre as tarefas ou o programa de formación que lle asignen, ou se estes non reúnen os requisitos de calidade exixibles. Neste suposto, como non caso da renuncia, o director da EGAP, poderá, polo período que reste, concederlle a bolsa ao/á candidato/a que corresponda segundo a listaxe que para tal efecto fose elaborada pola comisión de avaliación.

Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de mora nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo cuarta.-Réxime xurídico e impugnabilidade.

Para o non regulado expresamente nestas bases observarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e demais normativa aplicable.

Esta convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Decimo quinta.-Duración do procedemento.

Segundo o establecido no artigo 23.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder nove meses, contados a partir da publicación desta convocatoria.

As solicitudes entenderanse desestimadas se non se ditar resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Décimo sexta.- Notificacións e requirimentos.

De conformidade co disposto no artigo 59.6º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, calquera notificación ou requirimento aos/ás interesados/as se fará a través do taboleiro de anuncios e da páxina web da EGAP (www.egap.xunta.es). Esta forma de notificación exceptúase cando se proceda á notificación da resolución de concesión ao/á beneficiario/a, que se practicará segundo o disposto no artigo 59.1º da Lei 30/1992.

Décimo sétima.-Incompatibilidades.

A bolsa regulada nesta convocatoria será incompatible co goce doutra bolsa de similares características financiada con fondos públicos e coa percepción de calquera retribución de carácter laboral e da prestación por desemprego. Permitiranse, non obstante, as percepcións esporádicas por tarefas docentes (cursos, conferencias ou relatorios) ou investigadoras (libros, artigos, premios).

Décimo oitava.-Cláusula xeral.

A participación nesta convocatoria implica o coñecemento e aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, o incumprimento do réxime de incompatibilidades pola obtención concorrente doutras bolsas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O director da EGAP poderá ditar as disposicións necesarias para a aclaración ou interpretación destas bases.

Segunda.-Esta resolución entrará vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "23700D009P060.PDF"

Ver referencia pdf "23700D010P069.PDF"