DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 3 de decembro de 2007 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio de 2008.

A Comunidade Autónoma de Galicia asume as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado en materia de formación profesional ocupacional mediante o Decreto 69/1993, do 10 de marzo.

Nesta transferencia a Administración do Estado reserva para si, entre outras funcións, a da aprobación do Plan nacional de formación e inserción profesional (Plan FIP). En exercicio desta competencia dítase o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, no cal se marcan as pautas e as directrices que deben seguir tanto o Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal como as comunidades autónomas con competencias na materia, e establécese a necesidade de realizar unha convocatoria pública durante o trimestre anterior ao comezo do exercicio anual para aquelas entidades que desexen participar na correspondente programación, indicando os termos, prazos e condicións en que as solicitudes deben presentarse e as accións executarse.

No ano en curso apróbase o Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, polo que se regula o subsistema de formación profesional para o emprego. Este real decreto ten como obxecto ofrecerlles aos traballadores unha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo e que atenda os requerimentos de produtividade e competitividade das empresas e as aspiracións de promoción profesional e desenvolvemento persoal dos traballadores, de forma que os capacite para o desempeño cualificado das distintas profesións e para o acceso ao emprego.

Non obstante, a disposición transitoria primeira do Real decreto 395/2007, do 23 de marzo, establece que os procedementos de concesión de subvencións en materia de formación ocupacional e continua iniciados con anterioridade á entrada en vigor da normativa de desenvolvemento deste real decreto se rexerá pola normativa anterior que lles sexa de aplicación, polo que aos procedementos recollidos nesta orde lles será de aplicación o antedito Real decreto 631/1993.

O Decreto 536/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo, desenvolvido pola Orde do 7 de setembro de 2006 sobre delegación de competencias nos órganos centrais e periféricos, atribúelle á Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación, o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, relativas á formación profesional ocupacional; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e, consecuentemente a esta orde de convocatoria. Tamén será de aplicación o Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regulan a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbitos do emprego e da formación profesional ocupacional, en canto á vía de proxectos con compromiso de contratación inmediata.

O obxecto desta orde pola que se convoca a programación de cursos do plan FIP é concretar os principios xerais contidos na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, no relativo ás axudas para os cursos de formación profesional ocupacional dirixidos aos traballadores desempregados, que teñen por obxecto a súa cualificación para o acceso a un emprego.

Todas estas accións de formación profesional ocupacional conforman un dos elementos máis salientables das políticas activas de emprego, como medida de mellora da empregabilidade dos desempregados dentro da Estratexia europea de Emprego acordada polo Consello Europeo extraordinario de Luxemburgo, e da estatal, de acordo co Plan nacional de acción para o emprego. Así mesmo, o Plan galego de formación profesional establece que a formación profesional ocupacional constitúe unha vía fundamental para conseguir un incremento da competencia, da empregabilidade e das posibilidades de inserción laboral dos traballadores desocupados.

Os orzamentos previstos nesta orde financian o Plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia, que inclúe os programas Innova, Coopera e Contrata Inmediata.

Esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1º da orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, quedando a concesión das subvencións sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Así, o financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 16.03.323A.439.0 (300.000 €), 16.03.323A.444.0 (150.000 €), 16.03.323A 460.1 (11.222.458 €) 16.03.323A 471.0 (18.911.913 €), 16.03.323A 481.0 (21.382.451 €) 16.03.323A 440.0 (300.000 €) que figuran no proxecto de Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2008, con código de proxecto 200700645. Destas cantidades o 70% será achegado polo Fondo Social Europeo e o 30% pola Administración do Estado.

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Formación Profesional e o Consello Galego de Relacións Laborais, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto a convocatoria pública como a execución das accións formativas do Plan FIP, correspondentes ao exercicio de 2008, xestionadas pola Consellería de Traballo, a través das súas delegacións provinciais e da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva, agás nos seguintes casos.

-As vías de convenios de colaboración considerados necesarios pola Dirección Xeral de Formación e Colocación a que se refire o número 2 do artigo 10º, que se tramitarán segundo o previsto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

-Os proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata a que se refire o número 3 do artigo 10º desta orde, que se tramitarán en réximen de concesión directa, de conformidade coa normativa estatal sobre o Plan FIP.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán participar nesta convocatoria:

a) Na vía de programación 1.a) do artigo 10º: todas aquelas entidades, organizacións, empresas e institucións que dispoñan de centros de formación homologados inscritos no Censo de Centros Colaboradores de formación profesional ocupacional da Consellería de Traballo ou que teñan solicitada a súa homologación antes do 30 de xuño de 2007, aínda que estas solicitudes estean pendentes da resolución positiva de homologación.

b) Na vía de programación 1.b) do artigo 10º: as persoas físicas, as entidades xurídicas e as institucións que desenvolvan unha actividade que teña relación directa coa formación.

c) Na vía de programación 2 do artigo 10º: as organizacións empresariais, sindicais ou fundacións constituídas polas ditas entidades empresariais ou sindicais entre cuxos fins estea a formación, os concellos, as universidades públicas, as entidades legalmente autorizadas para impartir estudos universitarios e aquelas entre cuxos fins se atope a colaboración entre a universidade pública e empresas.

d) Na vía de programación 3 do artigo 10: as empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas con compromiso de contratación inmediata.

2. Non poderán ser beneficiarias das subvencións aquelas entidades que non cumpran os requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades beneficiarias das axudas para a impartición de cursos de formación profesional ocupacional non poderán subcontratar ou cederlle a un terceiro a execución dos cursos aprobados.

TÍTULO II

Procedemento de tramitación das axudas para a realización das accións de formación profesional ocupacional

Artigo 3º.-Solicitudes, documentación e prazo.

1. Co obxecto de axilizar os procesos de recepción e valoración das solicitudes, aquelas entidades colaboradoras que posúan número de censo na aplicación informática SIFO deberán cubrir mediante esta aplicación a súa solicitude.

Non obstante, as solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Traballo que correspondan ao domicilio do solicitante ou por calquera das formas previstas no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando para iso os modelos normalizado que se publican como anexo I a esta orde. Cada solicitude formularase incluíndo todas as accións formativas correspondentes á entidade con indicación da vía de programación elixida de acordo co artigo 10º.

2. Todas as solicitudes deberán vir acompañadas pola seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Copia compulsada do CIF ou NIF da entidade.

c) Unha ficha por cada un dos cursos solicitados no modelo normalizado (anexo II).

d) Declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa nas distintas administracións públicas competentes ou noutros entes públicos.

e) Declaración responsable de non atoparse incurso nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 13, punto 2º e 3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10, punto 2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que impiden obter a condición de beneficiario.

f) Acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia; excepto as entidades que se recollan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

g) Cando as especialidades formativas que se soliciten ben sexa como proxectos experimentais ou innovadores e, polo tanto, non estean incluídas no ficheiro de especialidades formativas, ou ben sexan especialidades formativas consideradas como necesarias pola dirección xeral, as entidades deberán, ademais, achegar a seguinte documentación.

-Informe motivado das necesidades de formación nesa especialidade en relación co mercado de traballo.

-Descrición do programa formativo segundo a estrutura dun curso normalizado de formación profesional ocupacional.

-Valoración estimada do custo da formación de acordo co sistema de cálculo establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

-Planos e unha descrición dos inmobles e instalacións: aulas e talleres onde se vai realizar a acción formativa, concretando as respectivas superficies en metros cadrados, así como a relación de equipos e material que se vai empregar.

h) Xustificación documental de ter cumprido na execución das accións formativas concedidas na convocatoria anterior co compromiso de inserción laboral ou de prácticas profesionais non laborais nas empresas, de ser o caso.

3. Nas vías de programación 1.b) e 2 reguladas no artigo 10º, as entidades solicitantes, segundo o artigo 9 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, polo que se regula o procedemento para a homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional, para a homologación das instalacións, deberán achegar, ademais:

-Xustificante de propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a posesión dos inmobles e instalacións correspondentes, equipamento didáctico, talleres ou campos de práctica. No caso de que a parte práctica do curso se vaia desenvolver en empresas, achegarase o compromiso da empresa co centro colaborador para que se realicen naquela as prácticas.

-Licenza municipal de apertura e, de ser o caso, o disposto no artigo 24º desta orde.

-Planos oficiais dos inmobles e instalacións.

-Memoria de inmobles e instalacións identificando no plano cada espazo físico e a súa superficie e as aulas e talleres/campos de prácticas que se van utilizar.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia para as vías de programación 1.a) e 1.b) establecidas no artigo 10º.

O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de xuño para as vías de programación 2 e 3 establecidas no artigo 10º; queda nestes supostos a obtención da subvención condicionada á existencia de crédito dispoñible, de acordo co establecido no artigo 31.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase ao solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. De acordo co establecido no artigo 14 letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

7. Así mesmo, e tal como se recolle no artigo 15.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os órganos administrativos concedentes procederán a publicar no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas, indicando a convocatoria, o programa e crédito orzamentario o que se imputan, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade ou as finalidades da subvención.

8. Igualmente, publicaranse na páxina web oficial nos termos previstos no artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

9. Os beneficiarios das axudas concedidas incluiranse no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios e mais no de Sancións, creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

Artigo 4º.-Procedemento.

1. Os órganos instrutores do procedemento serán:

a) Para a vía de programación regulada no artigo 10.1º a).

-A Dirección Xeral de Formación e Colocación, para as confederacións empresariais e sindicais de ámbito provincial ou autonómico e as entidades con centros homologados en máis dunha provincia.

-As correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Traballo para as entidades con centros homologados nunha soa provincia.

b) Para a vía de programación prevista no artigo 10.1º b): as correspondentes delegacións provinciais da Consellería de Traballo.

c) Para as vías de programacións recollidas no artigo 10º 2 e 3: a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, coas concrecións que se establecen nos parágrafos seguintes:

a) Para a vía de programación recollida no artigo 10.1º a):

-No ámbito provincial, os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe que, xunto coa proposta de resolución realizada polo Servizo de Formación e Colocación, será elevada ante o delegado ou delegada provincial para a súa resolución.

-Nos expedientes de resolución centralizada remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe que, xunto coa proposta de resolución realizada pola Subdirección Xeral de Formación Ocupacional e Continua, será elevada ao director xeral de Formación e Colocación para a súa resolución.

b) Para a vía de programación recollida no artigo 10.1º b):

Os expedientes remitiránselle á comisión de valoración para o seu informe, proposta de resolución polo Servizo de Formación e Colocación e posterior elevación ante o delegado provincial, logo da tramitación da homologación provisional.

3. Para os efectos do previsto neste artigo, as comisións de valoración estarán compostas polos seguintes membros:

a) Nas delegacións provinciais, polo secretario provincial, que a presidirá, e serán vogais o xefe do Servizo de Formación e Colocación, que actuará como secretario, e un membro do persoal do Servizo de Formación e Colocación designado polo delegado provincial da Consellería de Traballo.

b) Nos servizos centrais, pola subdirectora xeral de Formación Ocupacional e Continua, que a presidirá, e serán vogais o xefe do Servizo de Planificación de Formación Ocupacional e Continua, que actuará como secretario, e un membro do persoal da Subdirección de Formación Ocupacional e Continua.

c) Se, por calquera causa, no momento no que as comisións de valoración teñan que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o respectivo delegado/a provincial da Consellería de Traballo ou o director xeral de Formación e Colocación, segundo proceda.

4. Para avaliar as solicitudes das vías de programación 1.a e 1.b, a comisión de valoración terá en conta os seguintes criterios:

a) Se a programación se axusta á prevista no anexo IV ou a especialidade formativa se considera experimental ou innovadora: 20 puntos.

Se non se axusta á dita programación ou non se considera experimental ou innovadora: 0 puntos.

b) Por comprometerse a facer prácticas profesionais non laborais nas empresas: ata 10 puntos. O compromiso de realización de prácticas deberá presentarse segundo o modelo que figura no anexo V.

As prácticas profesionais non laborais nas empresas que se valoran son as realizadas fóra do programa formativo do curso e teñen que ter un mínimo dun 5% das horas totais do curso.

Aquelas entidades que non cumprisen o seu compromiso de prácticas na convocatoria anterior puntuaranse negativamente ata 20 puntos.

c) Por solicitar facer cursos con compromiso de inserción laboral dos alumnos formados: ata 30 puntos. O compromiso de inserción deberá presentarse segundo o modelo que figura no anexo VI.

O compromiso de inserción laboral de alumnos formados valorarase só respecto daqueles alumnos que non tivesen ningún tipo de relación laboral nin co centro de formación nin coa empresa onde se realizará a inserción.

Aquelas entidades que non cumpriron o seu compromiso de inserción na convocatoria anterior puntuaranse negativamente ata 30 puntos.

d) Por solicitar a imparticion de especialidades ou módulos que se axusten aos certificados de profesionalidade: 10 puntos.

e) A calidade do centro ou experiencia docente relacionada coa familia profesional solicitada: puntuarase e valorarase da seguinte forma:

e.1. Informe técnico de seguimento: de 20 puntos ata - 20 puntos.

e.2. Xestión administrativa e contable: de 10 puntos ata - 10 puntos.

f) O emprego da lingua galega na realización das accións formativas puntuarase con 10 puntos.

Para poder acceder á programación será necesario unha puntuación mínima de 45 puntos.

c) Para a vía de programación recollida no artigo 10º.2 o procedemento será o abreviado regulado no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, para a vía de programación recollida no artigo 10º.3, o regulado no artigo 26 da devandita lei.

Formularáselle a proposta de concesión ao director xeral tras comprobar a concorrencia dos requisitos requiridos para conceder a subvención, sen que interveña a comisión de valoración.

Artigo 5º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas da vía de programación 1.a), logo do informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle:

a) Ao director xeral de Formación e Colocación, por delegación do conselleiro de Traballo, cando se trate das confederacións empresariais e sindicais de ámbito provincial ou autonómico e as entidades con centros homologados en máis dunha provincia, e

b) Aos respectivos delegados provinciais, por delegación do conselleiro de Traballo, para as entidades con centros homologados nunha soa provincia.

2. A resolución dos expedientes de axudas da vía de programación 1.b, logo do informe da comisión de valoración, do cumprimento do trámite de audiencia cando proceda, e fiscalizada a proposta pola respectiva intervención, corresponderalle aos respectivos delegados provinciais por delegación do Conselleiro de Traballo.

3. As resolucións dos expedientes comunicarase ao Consello Galego de Formación Profesional ou aos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación laboral, segundo o caso.

4. As resolucións deberán ser notificadas aos interesados e deberán producirse no prazo de seis meses contados desde a presentación da solicitude en calquera rexistro. Transcorrido o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimada.

5. A resolución da concesión de subvención fixará expresamente a contía total concedida e incorporará, de ser o caso, as condicións, o compromiso de inserción ou de prácticas non laborais dos alumnos asumido, as obrigas e as determinacións accesorias a que deba estar suxeita a entidade beneficiaria.

6. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa, e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6º.-Obrigas das entidades beneficiarias.

Ademais das obrigas establecidas con carácter xeral para todos os centros colaboradores no artigo 12 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño, as entidades beneficiarias das axudas deberán enviar a documentación que se indica a continuación e nos prazos sinalados, tendo en conta que os datos da xestión do curso se deberán introducir en liña a través da aplicación informática SIFO que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá á disposición dos centros. Para que este proceso en liña, se poida realizar, os centros colaboradores deberán dispoñer de saída a internet a través dunha liña RDSI, ADSL ou outra de calidade equivalente ou superior.

Deste modo, as entidades beneficiarias deberán:

1. Requirir de cada alumno, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada curso:

-Copia simple do DNI.

-Ficha individual.

-Documentación acreditativa de ter dereito á percepción das axudas reguladas no artigo 18º, de ser o caso.

-Copia do título do módulo transversal ou obrigatorio, de ser o caso.

2. Remitirlle á delegación provincial correspondente:

a) Como mínimo cinco días antes do inicio do curso:

-As datas de inicio e remate do curso, así como o horario de impartición.

-A planificación temporal dos módulos do curso, indicando a previsión das visitas didácticas ao longo do curso.

-O enderezo completo do lugar de impartición.

-A relación dos docentes que van impartir o curso, así como a documentación acreditativa da súa formación e experiencia, cando esta non estea en poder da Consellería de Traballo. Farase constar a súa formación metodolóxica e relación dos módulos que impartirá cada un deles.

-A identificación do persoal de dirección, seguimento e control da actividade docente.

b) O día de inicio de cada curso:

-Certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no punto anterior.

3. Remitirlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á correspondente delegación provincial, segundo proceda:

a) Nos 10 días lectivos seguintes ao inicio do curso.

* Introducir na aplicación informática na ficha de SIFO de inicio os seguintes datos:

-Datas de inicio e finalización.

-Planificación temporal.

-Programa completo.

-Enderezo completo.

-Profesorado.

* Documentalmente:

-Copia simple do DNI dos alumnos.

-Certificación municipal de residencia, no caso de que teñan alumnos con dereito á axuda de aloxamento e manutención.

-Certificación de minusvalidez, no caso de bolsas de minusválidos.

-Certificación asinada polo responsable do centro, en que se relacionen os alumnos, especificando os que teñen dereito a algunha axuda ou bolsa.

-A solicitude de anticipo, de ser o caso.

b) Mensualmente:

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de axudas. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Estes dous documentos poderán xerarse no SIFO unha vez cuberta a información necesaria, e deberán arquivarse os orixinais asinados, separadamente, por cada curso.

c) No prazo de 15 días desde o remate de cada curso:

-Completar a información relativa á finalización do curso na aplicación SIFO.

Documentalmente.

Así mesmo, deberán proceder á xustificación dos custos de cada curso, mediante a seguinte documentación, que deberá presentarse selada e asinada:

-Solicitude de liquidación final.

-Certificación dos gastos por módulos.

-Relación de nóminas e facturas.

Estes tres documentos xeraranse na alínea de Solicitude de pagamentos do SIFO.

-Orixinal ou fotocopia compulsada das facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables ao curso.

-Amortizacións, de ser o caso.

-Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución) para a mesma acción formativa ás distintas administracións públicas competentes ou a calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Exceptúanse do cumprimento deste prazo de 15 días as entidades que teñan un mínimo de 15 cursos programados, que poderán presentar a xustificación dos gastos de todos os cursos de maneira conxunta.

En todos os casos, a data límite para a presentación da xustificación final dos cursos será o 30 de novembro de 2008, sen prexuízo do establecido no artigo 12º desta orde.

Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional e Continua da Dirección Xeral de Formación e Colocación, nos servizos centrais, ou o Servizo de Formación e Colocación, nas respectivas delegacións provinciais, emitirán certificacións para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. Acreditar, con independencia da contía da subvención, tanto antes de ditarse a resolución de concesión como de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Exceptúanse desta obriga as entidades que se recollan na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008.

A presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvencións pola entidade interesada comportará autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 20.3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación a obtención de subvencións ou axudas para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público.

6. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo do curso temporizado por módulos, os dereitos e deberes dos alumnos e dos centros colaboradores, así como a relación dos docentes e o horario do curso. No anuncio farase referencia expresa aos organismos cofinanciadores do curso e seguiranse os criterios de publicidade establecidos nos puntos 15 e 16 deste artigo.

7. Aboarlles mensualmente aos alumnos as axudas previstas no artigo 18º e aos profesores a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

8. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Traballo, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

9. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento do curso, como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estritamente o período do curso, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado.

10. Contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da súa realización para os bens e as persoas, cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas co curso.

11. Comunicarlles ás delegacións provinciais da Consellería de Traballo ou á Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución dos cursos programados, no prazo de cinco días desde que se produza.

12. Solicitarlles ás delegacións provinciais ou á Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación no desenvolvemento dos cursos.

13. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

14. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Europea, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como someterse a todas as actuacións de comprobación e control previstas no artigo 11 c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

15. Incluír en toda a documentación relativa ao curso o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo).

16. Informar os alumnos do cofinanciamento dos cursos por parte da Xunta de Galicia (Consellería de Traballo) e da Unión Europea (Fondo Social Europeo), así como dos obxectivos destes fondos.

17. Remitir un informe individualizado de cada alumno cualificando os progresos acadados en cada un dos módulos profesionais da acción formativa.

Artigo 7º.-Custos subvencionables.

1. Poderanse imputar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo A os gastos de profesorado, que comprenderán os soldos ou honorarios do persoal docente, contratado fixo ou eventual ou o prezo do servizo externo docente. Poderanse incluír tamén os custos de preparación, seguimento, control da actividade docente e os gastos de Seguridade Social por conta do centro colaborador cando contratase os profesores por conta allea, coa obriga da súa afiliación e/ou alta na Seguridade Social. Neste módulo teranse en conta as seguintes indicacións:

-A xustificación do pagamento aos docentes dos cursos das súas retribucións deberá facerse, en todo caso, mediante apuntamento bancario.

-Os gastos de preparación, seguimento e control da actividade docente non poderán superar o 20% do módulo A.

2. Poderanse imputar como custos aboables ou subvencionables correspondentes ao módulo B os seguintes gastos:

a) Gastos de seguro de accidentes dos alumnos e, de ser o caso, importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivar da realización de actividades relacionadas co curso para os bens e as persoas. O seguro deberá ter a seguinte cobertura mínima:

-No caso de morte: 36.000 €.

-No caso de invalidez permanente: 42.000 €.

-Asistencia médico-farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

b) Gastos de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno e os materiais de traballo funxibles utilizados durante as actividades de formación.

c) Gastos de amortización de instalacións, equipos e maquinaria, de duración superior a un exercicio anual, de acordo coas seguintes normas:

-En ningún caso os gastos de amortización dos bens, que terán unha relación directa coa actividade docente da entidade, poderán superar unha imputación do 25% do módulo B.

-Poderase amortizar todo aquel material didáctico non funxible de acordo cos seguintes criterios:

1º Amortización do mobiliario e material inventariable: poderá amortizarse durante os 5 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción formativa.

2º Amortización de material informático e instrumentos de precisión e laboratorio: poderá realizarse durante os 3 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se amortizará dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción.

3º Para que se poidan aboar os gastos previstos neste artigo, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

4º Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se imparte o curso e mais a porcentaxe dos elementos comúns.

Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construción ou adquisición do elemento que se vai amortizar:

Deberán acompañar a amortización:

-Copia do título de propiedade ou escritura de compra ou certificación da obra.

-Certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. No caso de que unha parte fose subvencionada, só se poderá solicitar a amortización da parte non subvencionada.

-Só serán amortizables:

* Os metros cadrados onde se imparta o curso.

* A porcentaxe de elementos comúns.

-Contía que se vai amortizar: a porcentaxe correspondente do importe da factura de construción do edificio ou instalación.

-Fórmula:

Porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra / 240 meses = custo mensual.

(custo mensual) x (número de meses de acción) = importe amortización.

Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión do curso de que se trate.

5º Os materiais didácticos de traballo susceptibles de usos continuados por diferentes grupos de alumnos poderán ser amortizados (a tres anos) sempre que non sexan entregados aos alumnos primeiros usuarios.

d) Gastos de enerxía eléctrica, de combustibles, así como de mantemento das instalacións e equipamentos formativos. Admitiranse exclusivamente gastos de reparación e mantemento de maquinaria ou equipamentos que sexan propios da entidade que imparta o curso.

e) Gastos xerais, que comprenderán os seguintes conceptos, que deberán ter a súa orixe na actividade do curso: seguros; comunicacións; gastos de persoal directivo e administrativo estritamente necesario, gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación ou pola correspondente delegación provincial, segundo proceda. Neste caso tamén poderá incluírse o importe das entradas para alumnos e profesores, pero non a manutención durante as visitas; gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso: aulas, talleres e elementos comúns; gastos de publicidade do curso necesarios para a incorporación dos alumnos, de conformidade co establecido nesta disposición, para a execución dos cursos aprobados dentro do Plan FIP.

Os importes que as entidades impartidoras imputen por este concepto non poderán superar o 25% do módulo B.

f) Gastos de alugueres de instalacións e de maquinaria.

-O importe dos gastos de alugueres de instalacións non poderá superar o 30% do módulo B. Para a xustificación deste concepto as entidades impartidoras deberán achegar fotocopias compulsadas das facturas ou dos recibos correspondentes. O cálculo do importe do aluguer dos locais realizarase segundo o número de meses de duración do curso e proporcionalmente á aula ou aulas utilizadas.

-Cando os gastos de alugueres se refiran a maquinaria necesaria para a impartición dos cursos, o seu importe non poderán superar o 30% do módulo B. Non obstante, o órgano encargado da resolución dos cursos poderá autorizar excepcionalmente que se poida superar esa porcentaxe, trala petición da entidade impartidora. Na solicitude deberá figurar unha memoria explicativa que faga constar os motivos alegados para solicitar esta excepcionalidade, acompañada de tres orzamentos de tres empresas diferentes.

-Terase en conta que a imputación de alugueres entre os conceptos de instalacións e maquinaria non poderá superar o 40% do módulo B.

3. O módulo C do curso estará constituído polas axudas e bolsas aos alumnos.

Artigo 8º.-Pagamento.

1. Con carácter xeral, o aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 65% do total do orzamento de gastos do curso, en concepto de anticipo, en momento no que a delegación provincial da Consellería de Traballo, ou a Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo proceda, reciban comunicación da entidade impartidora na cal se notifique o inicio de cada curso.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha mediante certificación da persoa responsable da entidade por conceptos orzamentarios e remitida a documentación referida no artigo 6.3º c). A xustificación realizarase curso a curso dentro dos quince días seguintes á súa finalización.

2. Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos e os pagos realizados. Estes pagamentos parciais nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

3. Para o caso de que se subvencionen varios cursos a unha mesma entidade, poderanse aboar anticipos de ata o 65% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio do primeiro dos cursos, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

Artigo 9º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Segundo o artigo 14 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, procederá o reintegro total ou parcial da subvención ou da axuda pública percibida no suposto do incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

No caso de incumprimento parcial das accións realizadas, a cantidade que percibirá polo beneficiario da subvención quedará reducida de forma proporcional ás accións non realizadas.

TITULO III

Normas relativas ás vías de programación

Capítulo I

Das vías de programación

Artigo 10º.-Vías de programación.

1. As accións formativas pódense solicitar polas seguintes vías de programación:

1.a) Os centros colaboradores homologados polo procedemento previsto no Decreto 158/2001, do 29 de xuño, poderán solicitar calquera das especialidades do catálogo de familias da formación profesional do Plan FIP.

1.b) As especialidades formativas recollidas no anexo IV, onde non exista centro homologado, poderán ser solicitadas polas entidades recollidas no artigo 2.b. Para isto, deberán solicitar a homologación provisional segundo o artigo 9 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño.

2. A través de convenios de colaboración baseados nas accións formativas consideradas como necesarias pola Dirección Xeral de Formación e Colocación. Neste suposto as entidades deberán solicitar a homologación provisional segundo o artigo 9 do Decreto 158/2001, do 29 de xuño.

3. Proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata.

Capítulo II

Das axudas á formación profesional ocupacional

Artigo 11º.-Axudas.

1. As accións formativas impartidas ao abeiro desta orde serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución.

2. Cada curso constará de tres módulos: A: custos aboables de profesorado e titores, B: resto dos custos aboables do curso e C: bolsas e axudas aos alumnos. A cada un destes módulos fixaráselle un importe máximo; constituirá a súa suma o importe total do curso.

3. O importe dos módulos que se aplicará a cada curso é o determinado polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais mediante a Orde TAS/3868/2006, do 20 de decembro, pola que se modifica a Orde do 13 de abril de 1994, pola que se desenvolve o Decreto 631/1993, do 3 de maio, regulador do Plan nacional de formación e inserción profesional, no relativo a actualización das contías económicas das subvencións e axudas recollidas nela.

4. O importe das subvencións concretarase no produto de horas do curso polo número de alumnos e polo importe dos módulos que lle correspondan ao propio curso. O importe do módulo B calcularase en función da media de alumnos que teña o curso no seu primeiro cuarto. Para estes efectos non terá a consideración de baixa cando esta se produza por colocación ou cando un alumno, coa preceptiva autorización, cause baixa nun curso para incorporarse a outro.

5. No caso de cursos que teñan un mínimo de tres alumnos con certificación de minusvalidez e a entidade impartidora o solicite expresamente, poderase incrementar o importe que se pode imputar nos seguintes conceptos:

a) Para persoal de apoio: ata un máximo de 9 € por hora lectiva.

b) Para a adaptación curricular ou do material didáctico necesario: pola contía do gasto realmente efectuado.

Para o aboamento deste importe, que deberá xustificarse de acordo coa normativa FIP, ditarase unha resolución complementaria co importe total dos gastos autorizados por estes conceptos.

6. O cobramento das subvencións reguladas nesta orde será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública ou privada da mesma natureza para a mesma actuación.

Artigo 12º.-Remate das accións.

O remate e xustificación dos cursos terán como data límite o 30 de novembro de 2008. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os cursos poderán rematar ata o 15 de decembro do 2008.

Capítulo III

Das accións formativas

Artigo 13º.-Selección de alumnos.

Terán preferencia absoluta para a participación nos cursos as persoas desempregadas de longa duración, as mulleres, especialmente aquelas que sufran violencia de xénero, persoas discapacitadas e desempregadas que estean nun itinerario personalizado. Para estes efectos enténdese por persoas desempregadas de longa duración as persoas desempregadas menores de 25 anos que leven inscritas máis de 6 meses como demandantes de emprego e as persoas maiores de 25 anos que leven máis de 12 meses inscritas como demandantes de emprego.

Os alumnos que asistan aos cursos de formación profesional ocupacional, tanto de programación ordinaria como con compromiso de contratación inmediata, deberán ser seleccionados a través do seguinte procedemento:

a) Con 15 días hábiles de antelación á realización da proba de selección, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego que corresponda, mediante o impreso normalizado establecido para o efecto, unha lista de desempregados que se adecuen ao perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumno ao curso especificados no certificado de profesionalidade ou ben no programa de curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional ou, nos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, no programa aprobado pola delegación provincial da Consellería de Traballo, de ser o caso.

b) A oficina de emprego, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego inscritos no Servizo Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, os demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realizar o centro colaborador. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro colaborador non debe predeterminar o colectivo ao que vai dirixido o curso: limitarase a identificar os requisitos de acceso do alumnado.

c) Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados mediante a realización das probas que estime pertinentes, de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización. Da selección levantarase a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto. Exceptúanse da realización desta proba aqueles candidatos que os servizos de orientación determinen como asinantes dun itinerario personalizado de inserción que inclúa a especialidade formativa obxecto da proba, candidatos que serán seleccionados directamente.

Na realización das probas poderá estar presente un representante da Consellería de Traballo.

A acta de selección, cuberta en todas as epígrafes do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego, non sendo posible inciar o curso ata que a antedita oficina dea o visto e prace á selección realizada.

d) Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso cando concorran causas que así o determinen e sexan xustificadas de forma fidedigna pola entidade e neste sentido o aprecie a oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección dos alumnos fose autorizada pola oficina de emprego, este será cancelado.

e) No caso de que transcorran 15 días desde a petición de candidatos por parte do centro colaborador e a oficina de emprego non remitise demandantes, ou os enviados fosen insuficientes, deberase realizar a correspondente convocatoria pública mediante anuncio nun dos xornais de maior tiraxe da provincia. Estes anuncios deberán cumprir cos seguintes requisitos:

i. Todas as convocatorias públicas para a selección de alumnos que se fagan mediante anuncio en prensa deberán publicarse en domingo. Excepcionalmente, estes anuncios poderán publicarse en día distinto a domingo, logo de autorización da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou da correspondente delegación provincial, segundo proceda.

ii. Os anuncios cubriranse en modelo normalizado, no cal necesariamente deberá facerse constar o financiamento da acción por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e do Fondo Social Europeo, debendo figurar neles os logotipos de ambos os dous organismos. Especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, o perfil requirido dos alumnos, o enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección, así como a data.

iii. O custo dos anuncios que non se adapten aos requisitos establecidos nesta orde, ou a calquera outros que puidese establecer a Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas.

iv. Todos os anuncios deberán ser visados e autorizados pola oficina de emprego correspondente. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo órgano competente en cada caso.

f) Da selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos.

g) Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días hábiles desde que se produza.

h) Aqueles alumnos que realizasen un curso e teñan dereito a diploma non poderán volver realizar outro curso da mesma especialidade. No caso de detectarse esta circunstancia, deberán ser dados de baixa.

2. O número máximo de alumnos participantes en cada curso será de 15, e non poderá iniciarse a acción formativa se non se reúne un mínimo de 10 alumnos presentes o primeiro día. No suposto de que o curso se inicie con 10 ou máis alumnos e menos de 15, deberá completarse o dito número dentro do primeiro cuarto deste; no caso contrario, deduciranse do cómputo da subvención os alumnos que falten para completalo, de conformidade co disposto no artigo 11º.3.

4. No suposto de que as baixas sexan por colocación dos alumnos, deberase intentar a súa substitución durante a primeira metade do curso.

Para os efectos do número mínimo de alumnos, consideraranse o número máis alto de alumnos asistentes acadado nos tres primeiros días do curso.

3. Se non se incorporan os alumnos seleccionados ou se producen baixas dentro do primeiro cuarto do curso, poderán substituírse por novos alumnos, sempre que estes teñan o nivel formativo correspondente ao módulo do curso a que se incorporen. A persoa responsable da súa impartición deberá comprobar, mediante as probas e/ou a xustificación documental pertinente, o nivel do alumno.

4. Os cursos en que, malia se intentar completar o número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50% do número programado, agás que as baixas se produzan por colocación dos alumnos, poderán ser cancelados polo órgano competente da Consellería de Traballo. No caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, calculada de acordo co principio de proporcionalidade, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 4º desta orde e aprobada polo director xeral de Formación e Colocación ou, de ser o caso, polo respectivo delegado/a provincial por delegación do conselleiro.

5. Excepcionalmente, a entidade poderá solicitarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación a autorización para a selección directa dos alumnos, con base nas peculiaridades dos colectivos a que se dirixe a acción formativa.

Artigo 14º.-Seguimento e control dos cursos.

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control propio.

2. As entidades impartidoras deberán remitirlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial correspondente, segundo proceda, xunto co resto da documentación exixida nesta orde, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos de seguimento que visiten o curso. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Artigo 15º.-Especialidades formativas.

1. Os cursos serán de carácter presencial e a súa duración e horario non se poderá modificar respecto do solicitado no anexo II, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación.

2. As especialidades formativas poderán programarse ben completas, ben por unidades de competencia no caso de especialidades incluídas polo Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal na programación modular, sempre que se completen unha ou varias unidades de competencia.

3. Con carácter xeral, todas as especialidades formativas que se impartan dentro da programación do Plan FIP deberán estar incluídas no ficheiro de especialidades formativas do Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal e comprenderán as especificacións técnico-docentes e o contido formativo axeitado, de acordo co nivel e o grao de dificultade establecido.

4. Con carácter excepcional, a Dirección Xeral de Formación e Colocación poderá autorizar a impartición, como proxectos experimentais ou innovadores, de especialidades formativas que non estean incluídas no ficheiro sinalado no punto anterior así como dos módulos formativos asociados ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

5. O programa que se impartirá en cada curso será o previamente incluído no ficheiro de especialidades formativas do Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal, salvo nos proxectos formativos con compromiso de contratación e nas accións formativas experimentais e innovadoras, cando sexan expresamente autorizados.

Artigo 16º.-Módulos transversais.

1. En cumprimento do establecido no artigo 33 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade de mulleres de Galicia, impartirase un módulo formativo sobre igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e sobre corresponsabilidade familiar e doméstica, cunha duración de cinco horas nos cursos de duración menor ou igual a 50 horas (XUTR01) e de 10 horas nos cursos de duración superior a 50 horas.

2. Así mesmo, será obrigatorio o curso básico de prevención de riscos laborais nas familias profesionais de edificación e obras públicas (EO) e industria pesada e construccións metálicas (IP), sendo optativo para as restantes familias.

3. Ademais do módulo de igualdade, todas as entidades, excepto as sinaladas no parágrafo anterior que teñan que impartir obrigatoriamente o curso básico de prevención de riscos, terán a obriga de impartir o módulo de formación complementaria que elas escollan entre os que se sinalan a continuación:

Ver referencia pdf "23700D008P024.PDF"

4. As entidades, no momento de solicitar os cursos, deberán indicar no anexo II desta orde os módulos transversais que desexan impartir.

5. A valoración económica dos módulos transversais será a mesma dos módulos do curso ocupacional en que se inclúan, agás os seguintes, que terán a valoración económica que se indica:

Ver referencia pdf "23700D008P024.PDF"

6. A duración destes módulos será a maiores das horas do curso de que se trate.

7. O material para a impartición dos módulos Formación para a igualdade, Creación de empresas, Habilidades comunicativas, Básico de prevención de riscos laborais e Sensibilización ambiental será facilitado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

8. Nos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata non será obrigatoria a impartición de ningún dos módulos previstos nos puntos 2 e 3 deste artigo.

Capítulo IV

Das axudas dos alumnos

Artigo 17º.-Beneficiarios dos cursos.

Todos os cursos regulados nesta orde van dirixidos a persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ao curso. Non obstante, se durante o desenvolvemento dun curso algún alumno é contratado, poderá continuar asistindo á acción formativa sempre que haxa total compatibilidade entre o horario formativo e o laboral.

Artigo 18º.-Axudas dos alumnos.

Para ter dereito a calquera das axudas reguladas neste artigo será requisito imprescindible que o curso teña unha duración igual ou superior a catro horas diarias e vinte semanais.

-Terán dereito a percibir a axuda de asistencia todos os alumnos dos cursos de formación profesional ocupacional. O seu importe será de 6 € alumno/día lectivo, tendo en conta que os alumnos non percibirán esta axuda os días de ausencia, sexan ou non xustificadas as faltas. Exceptúanse os alumnos que acrediten unha minusvalidez nun grao igual ou superior ao 33%, que si terán dereito a cobrar esta axuda os días de ausencia por causa xustificada.

-Terán dereito a axuda de asistencia e vinculada á realización de actividades de mellora da empregabilidade incluídas no seu itinerario de inserción, os demandantes non perceptores de prestacións de Servizo Público de Emprego Estatal e que estean nun dos colectivos seguintes, sempre que non se negasen a participar en actividades contempladas no seu IPI, segundo certificación da oficina de emprego:

• Demandantes con fillos menores de 16 anos ou que teñan ao seu cargo maiores discapacitados, cunha cuantía equivalente ao 100% do IPREM.

• Demandantes desempregados de longa duración; mulleres que se incorporan as accións formativas das seguintes ocupacións en que están subrepresentadas: construción, metal, transporte-condutoras e madeira; ou discapacitados que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, cunha contía equivalente ao 75% do IPREM.

-Terán dereito á axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 50 quilómetros. En casos excepcionais, debido a problemas das comunicacións, circunstancia que deberá ser previamente valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso, poderá concederse esta axuda aínda que a distancia sexa inferior. A acreditación de atoparse nos supostos de concesión realizarase a través de certificación municipal.

Ademais da duración do curso e da distancia, para percibir a axuda de aloxamento e manutención deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que a asistencia ao curso implique que o alumno deba aloxarse no lugar de impartición. O gasto real de aloxamento xustificarase por medio do contrato de arrendamento ou factura de hospedaxe.

-Que a especialidade formativa se imparta nos centros pertencentes á Consellería de Traballo ou que sexa algunha das relacionadas a continuación:

-EOAL10. Albanel.

-EOES10. Encofrador.

-EOMQ10. Operador de maquinaria de escavación.

-EOMQ80. Operador de guindastre.

-IAIC20. Carniceiro.

-IPCM10. Caldeireiro.

-IPCM50. Soldador estruturas metálicas lixeiras.

-IPCM60. Soldador estruturas metálicas pesadas.

-IPCM61. Soldador de aceiro inoxidable.

-IPCM70. Soldador tubos e recipientes de alta presión.

-IPCM71. Soldador de tubos de alta presión con TIF e electrodo.

-IAIP10. Panadeiro.

-IAIP20. Pasteleiro.

-THRS20. Cociñeiro.

-THRS40. Camareiro.

-Aqueloutras especialidades formativas que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, en atención á súa especificidade, considere necesarias para os obxectivos de política de emprego.

A axuda de aloxamento e manuntención aboarase por mes natural e a súa contía será o importe do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) fixado para o ano 2008, rateándose a parte correspondente aos meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

-A percepción de calquera destas axudas será incompatible entre si, agás as axudas de aloxamento e manutención.

Artigo 19º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. A formación será gratuíta para todos os alumnos das accións formativas derivadas desta orde.

2. Dentro da programación de formación profesional para o emprego da Consellería de Traballo, os alumnos que resulten seleccionados para un curso non poderán asistir en ningún caso a outro simultaneamente. Tampouco poderán causar baixa nun curso para acceder a outro, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación ou do/a respectivo/a delegado/a provincial, por causas excepcionais debidamente xustificadas.

3. Terán a obriga de asistir e de seguir con aproveitamento os cursos e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora, dentro dos 10 primeiros días lectivos.

No suposto de ter xa cursado algún módulo transversal, non será necesario que volvan realizalo, sempre e cando o xustifiquen documentalmente.

4. Será causa de exclusión incorrer en máis de dúas faltas de asistencia non xustificadas nun mes ou non seguir o curso con aproveitamento segundo criterio do seu responsable.

A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Os alumnos disporán dun prazo de 5 días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada como sen xustificar. As faltas de asistencia por actividade laboral, cun máximo de cinco ao mes, xustificaranse cunha copia do contrato de traballo.

5. Os alumnos deberán acudir á súa oficina de emprego, unha vez rematado o curso, para cancelar a suspensión da demanda.

Artigo 20º.-Diplomas.

1. Cursos non modulados.

Os alumnos que rematen os cursos con aproveitamento, sempre que asistisen como mínimo ao 75% das súas horas lectivas, recibirán un diploma oficial, no modelo que se elaborará na Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Así mesmo, terán dereito ao diploma os alumnos que causen baixa no curso por colocación, cando o docente coide que teñen os coñecementos equivalentes ao nivel do curso e asistisen, como mínimo, ao 75% das horas lectivas.

2. Cursos modulados.

Os alumnos que rematen con aproveitamento unha ou varias unidades de competencia dun curso, independentemente de que se programase a especialidade completa ou modularmente, recibirán un diploma oficial acreditativo desta circunstancia, que será elaborado pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

3. Nos dous casos anteriores, os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e módulos aos que asistisen.

4. Dentro do programa do curso, que debe figurar na parte posterior do diploma, figurará separadamente do resto do programa a realización do módulo Formación para a igualdade e o módulo de formación complementaria elixido pola entidade en cada curso, así como a súa duración e horas, no caso de que o alumno teña a obriga de facer estes módulos.

Capítulo IV

Das prácticas non laborais

Artigo 21º.-Prácticas en empresas.

No cursos do Plan FIP poderán desenvolverse dous tipos de prácticas en empresas: as que están incluídas no programa formativo do curso e aquelas que teñen lugar a maiores das súas horas lectivas.

A. Prácticas incluídas no programa formativo do curso.

1. Esta modalidade poderá desenvolverse, de acordo cos requisitos do programa e respectando a súa duración, en empresas ou en entidades públicas. Poderanse realizar en calquera especialidade e a externalización destas terá carácter voluntario para os centros impartidores e obrigatorio para os alumnos, no caso de que o centro opte pola súa realización. Os gastos que se deriven da súa realización deberán imputarse ao orzamento do curso en que están incluídas.

O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

Con vinte días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas, o centro impartidor presentará a correspondente comunicación na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou na correspondente delegación provincial, segundo proceda, á cal deberá xuntar a seguinte documentación.

-Convenio asinado entre o centro impartidor e a/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público en que se faga constar a súa autorización para realizalas.

-Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

-Datas, lugar de realización, horario e duración.

-Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do curso. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración das prácticas.

-Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización das prácticas en empresas.

-Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

2. As empresas onde teñan lugar as prácticas deberán reunir os requisitos establecidos no programa da especialidade da cal se van realizar as prácticas.

3. Os centros deberán imputar os gastos por este concepto ao módulo B do curso.

4. Os alumnos terán dereito exclusivamente á percepción das axudas ou bolsas que, de ser o caso, lles correspondan.

5. A duración das prácticas non pode exceder en ningún caso da duración da parte práctica que se fixa no programa formativo, e non poderán rematar con posterioridade á finalización do curso.

B. Prácticas a maiores das horas lectivas do curso.

Poderán realizarse en calquera especialidade e terán carácter voluntario tanto para os centros impartidores como para os alumnos. No caso de realización, os centros interesados deberán facer constar esta circunstancia na solicitude de programación de cursos, segundo o anexo V, e será valorada polas correspondentes comisións de valoración na baremación dos expedientes dos cursos. O procedemento que se seguirá para a súa xestión é o seguinte:

1. O centro impartidor deberá presentar con vinte días hábiles de antelación á data prevista para a realización das prácticas unha comunicación ao órgano competente, en que reiterará a súa intención de realizar as prácticas, xuntando a seguinte documentación:

-Convenio asinado entre o centro impartidor e a/s empresa/s ou organismo público onde se realizarán, ou, no seu defecto, documento acreditativo do responsable da empresa ou organismo público en que se faga constar a súa autorización para realizalas.

-Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

-Datas, lugar de realización, horario e duración.

-Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do curso. Deberá incluír os riscos do traxecto ao lugar de realización das prácticas e contraerase estritamente durante o período de duración das prácticas.

-Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da realización das prácticas en empresas.

-Licenza municipal de apertura da actividade de que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se van desenvolver as prácticas no caso de empresas, ou calquera outro documento acreditativo da idoneidade dos locais para a realización das prácticas, no caso de centros públicos.

2. Os centros deberán imputar os gastos por este concepto ao módulo B do curso. Os alumnos terán dereito exclusivamente á percepción dunha compensación económica de 10 € por día de práctica, que se incluirá no módulo C e para a que se ditará unha resolución complementaria.

3. As prácticas terán lugar unha vez finalizado o curso. Deberán iniciarse antes do transcurso dun mes desde a finalización do curso e deberán estar rematadas en todo caso antes do 30 de novembro de 2008.

C. Disposicións comúns ás dúas modalidades de prácticas.

1. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán, e as datas e horario de realización. A notificación aos representantes dos traballadores deberá facela a empresa, e á Inspección de Traballo a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a delegación provincial, segundo proceda.

2. As empresas en que se realicen as prácticas deberán cumprir a normativa de prevención de riscos laborais.

3. As empresas non percibirán ningún tipo de compensación económica pola realización de calquera das dúas modalidades de prácticas.

4. Os gastos do seguro dos alumnos e da póliza de responsabilidade civil deberán imputarse ao orzamento do correspondente curso ocupacional.

5. As prácticas que realicen os alumnos de Formación Profesional Ocupacional non suporán en ningún caso a existencia de relación laboral entre os alumnos e as empresas ou organismos da Administración.

6. Unha vez comunicadas as prácticas, as entidades deberán comunicarlle ao órgano competente calquera incidencia que se produza no seu desenvolvemento.

Capítulo V

Dos proxectos formativos con compromiso

de contratación inmediata

Artigo 22º.-Proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata.

1. As subvencións para xestionar as accións formativas recollidas neste capítulo outorgaranse en réxime de concesión directa, de acordo co previsto no Real decreto 357/2006, do 24 de marzo, polo que se regula a concesión directa de determinadas subvencións nos ámbito do emprego e da formación profesional ocupacional.

2. A impartición dos proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata previstos no artigo 10.3º regularase polo establecido nesta orde, tendo en conta as peculiaridades recollidas nos artigos seguintes.

Artigo 23º.-Requisitos.

1. As entidades solicitantes deberán ser empresas ou grupos de empresas que se comprometan a contratar polo menos o 60% dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo inicial de seis meses a xornada completa, ou tempo equivalente no caso de que a contratación non sexa a xornada completa. Neste último caso non se admitirán contratos inferiores ás catro horas diarias.

2. Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas que non reducisen o número total de traballadores nin o número total de traballadores con contrato indefinido nos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso, agás que se trate de empresas que tiveran un expediente de regulación de emprego nese período; ou que supoña a recuperación do nivel de emprego dos 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude do curso e a contratación indefinida do 20% dos alumnos que inicien o curso; ou que o compromiso de contratación sexa superior ao 90%. Así mesmo, deberán xustificar que non reduciron o número de traballadores con contrato indefinido nin o número total de traballadores da empresa durante a realización do curso.

3. A maiores da acreditación dos requisitos formais exixidos para o compromiso de contratación inmediata nesta orde e no resto da normativa aplicable, o órgano competente da Consellería de Traballo poderá facer as indagacións e comprobacións necesarias e solicitar da entidade solicitante ou dos organismos públicos competentes a documentación que considere axeitada para garantir a viabilidade do proxecto formativo, sinaladamente o grao de cumprimento de contratación e mantemento do emprego en proxectos formativos impartidos anteriormente, de ser o caso; balances da empresa; documentación de Seguridade Social, etc. Esta documentación e informes, xunto co resto da documentación exixida, servirán para valorar a concesión do proxecto formativo á entidade solicitante.

Artigo 24º.-Lugar de impartición.

No caso de que a entidade careza de instalacións axeitadas para a impartición do proxecto formativo, poderá autorizarse a súa impartición nas instalacións dun centro inscrito no censo de centros colaboradores de formación profesional ocupacional, ou en calquera outro centro, que deberá homologarse previamente con carácter provisional, de acordo cos requisitos e tramitación regulados no Decreto 158/2001, do 29 de xuño. Os centros impartidores deberán estar en posesión da licenza municipal de apertura da actividade de que se trate. No seu defecto, este documento poderá ser substituído por unha declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición.

Se os cursos teñen lugar en espazos cedidos por outras entidades, a licenza de apertura poderá ser substituída por algún dos documentos seguintes:

a) Centros de titularidade municipal: certificación do secretario municipal en que se acredite que os lugares de impartición dos cursos son aptos para esta finalidade.

b) Entidades públicas (centros de formación, centros sanitarios, etc.): calquera outro documento que acredite a súa idoneidade para impartir formación.

En calquera dos casos, esta circunstancia deberá acreditarse tanto nos locais onde se imparta a parte teórica como a práctica.

Artigo 25º.-Obrigas.

A acreditación de estar ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia deberá facerse por todas as empresas que participen no proxecto. Así mesmo, as empresas vinculadas a unha mesma dirección deberán achegar a documentación relativa ás súas diferentes razóns sociais.

Artigo 26º.-Pagamento.

1. Para o aboamento de anticipos de ata o 65% da subvención concedida, as entidades impartidoras deberán achegar, en todo caso, xunto co resto da documentación exixida, garantía a favor da Consellería de Traballo (Xunta de Galicia), mediante seguro de caución prestado pola entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca.

2. Poderán aboarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os gastos e os pagamento realizados. Estes pagamentos nunca poderán superar o 80% da subvención concedida.

Artigo 27º.-Contratos de traballo.

1. A contratación realizarase dentro do exercicio orzamentario de 2008.

2. Non se aboará a liquidación final en canto a empresa non remita as copias dos contratos de traballo rexistrados que supoñan unha relación indefinida ou temporal de seis meses, como mínimo, e acredite que se mantén a ratio desde a data da solicitude entre traballadores con contrato indefinido e sen contrato indefinido.

3. Se algún traballador contratado a través do proxecto formativo causa baixa antes dos seis primeiros meses de contrato, a entidade terá a obriga de comunicarlle esta circunstancia á Dirección Xeral de Formación e Colocación no prazo de sete días desde que se produza. No comunicado deberá incluírse toda a documentación acreditativa relativa á baixa producida e a Dirección Xeral de Formación e Colocación resolverá, en virtude das circunstancias, se procede o reintegro da subvención.

Artigo 28º.-Remate dos proxectos formativos.

A data límite para a finalización e xustificación dos cursos será o 30 de novembro de 2008. Excepcionalmente, por causas xustificadas, e sempre logo de autorización do órgano competente, os proxectos formativos poderán rematar con posterioridade a esa data, en todo caso dentro do ano 2008.

Artigo 29º.-Solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de xuño de 2008.

2. A documentación que se deberá presentar é a seguinte:

a) Anexos I, II e III que figuran nesta orde de convocatoria debidamente cubertos.

b) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

c) Código de identificación fiscal (CIF) ou número de identificación fiscal (NIF).

d) Estatutos ou normas debidamente legalizadas polas que se rexe a entidade.

e) Xustificante da propiedade, arrendamento ou título lexítimo que habilite para a utilización de inmobles e instalacións correspondentes, equipamento didáctico, talleres ou campos de práctica.

f) Licenza municipal de apertura da actividade que se trate, ou, no seu defecto, declaración responsable do seu representante legal en que se faga constar a idoneidade dos locais de impartición onde se vai desenvolver tanto a parte teórica como a práctica.

g) Compromiso de contratación asinado polo/s representante/s da/s empresa/s vinculadas inicialmente no proxecto presentado.

h) Declaración responsable de non estar incurso en supostos de prohibicións para obter a condición de beneficiario de subvencións.

i) Acreditación documental de estar ao corrente nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

j) Para todas as especialidades, relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres indicando metros cadrados, condicións de luminosidade, de seguridade, etc., xuntando planos.

k) Cando as especialidades formativas solicitadas non estean incluídas no ficheiro de especialidades formativas, as entidades solicitantes deberán achegar un programa formativo elaborado pola propia entidade co seguinte esquema:

-Denominación do curso.

-Duración total do curso e de cada un dos seus módulos.

-Descrición dos módulos.

-Medios, materiais e maquinaria de que dispoñen.

-Requisitos dos docentes.

-Valoración económica.

-Importe da subvención económica solicitada, correspondente aos módulos A, B e C de cada curso, en función do número de alumnos para os que se solicita o proxecto formativo.

-Os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático e virán redactados polo menos en lingua castelá, para o seu posterior envío ao Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa.

l) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para a mesma acción formativa das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos.

3. A xustificación do cumprimento do compromiso de contratación inmediata realizarase no momento en que se proceda á xustificación final dos custos do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo Servizo Público de Emprego.

4. O cumprimento do requisito de non-redución do número total de traballadores da empresa, nin do número total de traballadores con contrato indefinido, acreditarase do seguinte xeito:

a) No momento da solicitude da acción formativa presentarase o anexo III debidamente cuberto, no que figurará o número de traballadores da empresa, tanto con contrato indefinido como totais, dos 13 meses inmediatamente anteriores á data da solicitude do curso.

b) Cando se presente a solicitude de liquidación final do curso, achegaranse os documentos TC2 dos trece meses anteriores ao inicio do curso e o do mes en que consten os alumnos da acción formativa contratados en virtude do compromiso adquirido.

c) No caso de empresas que non tivesen traballadores nos trece meses anteriores, por ser de nova creación ou por crearse durante ese período, presentarán os TC-2 dos meses dos que teñan eses documentos ou, no seu defecto, xustificante da data de creación da empresa.

5. No caso de que haxa máis de 15 alumnos, a subvención máxima será a considerada para 15 alumnos na aplicación das contías do módulo A.

Artigo 30º.-Número de alumnos.

O número de alumnos participantes nos cursos poderá variar entre un mínimo de 10 e un máximo de 20.

Artigo 31º.-Gastos de amortización.

As empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata non poderán recoller como custo aboable gastos de amortización.

Artigo 32º.-Resolución.

A resolución, que lle corresponderá ditar, en todo caso, ao director xeral de Formación e Colocación, deberá producirse no prazo de tres meses desde que a solicitude do interesado teña entrada no rexistro correspondente. Transcorrido o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, esta entenderase desestimatoria.

Artigo 33º.-Comezo anticipado.

Poderán financiarse con cargo ás axudas e subvencións reguladas nesta orde os proxectos formativos con compromiso de contratación inmediata, aínda que as accións formativas se inicien, por razóns excepcionais debidamente acreditadas e xustificadas pola entidade solicitante, antes de que se dite a correspondente resolución de concesión, sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a solicitude fose presentada con anterioridade ao inicio das accións.

b) Que as accións formativas se inicien e rematen dentro do ano 2008.

c) Que se cumpran todos os requisitos formais e de procedemento, aínda que sexa a posteriori, previstos nesta orde.

d) Que a entidade solicite autorización de inicio á Dirección Xeral de Formación e Colocación, expoñendo as razóns excepcionais polas que pretende comezar anticipadamente. No caso de autorización, a empresa deberalle comunicar o inicio do proxecto formativo á delegación provincial correspondente con cinco días de antelación ao seu comezo.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 16.03.323A.439.0, 16.03.323A.444.0, 16.03.323A 460.1, 16.03.323A 471.0, 16.03.323A 481.0, 16.03.323A.440.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2008.

Segunda.-Non se autorizarán cambios de titularidade de centros no tempo que transcorra entre o inicio dun curso e o seu remate.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Poderán ditarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma pola Administración do Estado, ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas ás tidas en conta para a resolución inicial.

Quinta.-Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Traballo no director xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento da obriga e proposta de pagamento das subvencións reguladas nesta orde, así como para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde, e nos delegados/as provinciais da Consellería de Traballo, no ámbito das súas respectivas competencias, para resolver a concesión, denegación, modificación, reintegro, ou outras incidencias das subvencións reguladas nesta orde.

Sexta.-En todo o non disposto nesta orde será de aplicación o Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, así como a súa normativa de desenvolvemento, e, de ser o caso, a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e o resto da normativa que lle sexa de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2007.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo

Ver referencia pdf "23700D008P024.PDF"

PROVINCIA DA CORUÑA

Ver referencia pdf "23700D008P024.PDF"