DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.416

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 3 de decembro de 2007 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas de carácter socioeconómico convocadas pola Orde do 6 de agosto de 2007.

A Orde do 6 de agosto de 2007, pola que se convocan axudas de carácter socioeconómico para o exercicio orzamentario 2007 e se modifica a Orde do 30 de novembro de 2000 (DOG nº 155, do 10 de agosto), expresa na súa exposición de motivos que o crédito dispoñible para estas axudas será o indicado nesta orde e mais os posibles remanentes que deriven da orde extraordinaria do 8 de xuño de 2007 (DOG nº 124, do 28 de xuño).

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da Orde do 6 de agosto de 2007 comprobouse que o importe total solicitado destas axudas supera amplamente o crédito inicial dispoñible para esta orde, o que faría imposible atender a demanda dunha gran parte das solicitudes presentadas.

Por outra banda, xa foron resoltas todas as solicitudes presentadas ao abeiro da Orde do 8 de xuño de 2007, pola que se convocaban con carácter extraordinario para o exercicio orzamentario 2007 axudas de carácter socioeconómico, resultando un remanente de crédito suficiente para atender o déficit de crédito existente na Orde do 6 de agosto de 2007.

Considerando o anterior e tendo en conta a previsión que figura na exposición de motivos da Orde do 6 de agosto cómpre ampliar o crédito inicial desta orde cos remanentes sobrantes da orde extraordinaria do 8 de xuño de 2007 coa finalidade de achegar as axudas ao maior número de beneficiarios posible.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 6 de agosto de 2007 (DOG nº 155, do 10 de agosto) en 750.000 euros, con cargo á aplicación 14.03.723A.780.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes, non procedendo, polo tanto, a apertura dun novo prazo.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos