DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 29 de novembro de 2007 pola que se resolve a convocatoria de bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades do sistema universitario de Galicia.

Pola Orde do 20 de xullo de 2007 (DOG do 2 de agosto) convócanse bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos de terceiro ciclo nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da convocatoria, e atendendo ao informe-proposta elevado pola comisión avaliadora a través do director xeral de ordenación e calidade do Sistema Universitario de Galicia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Seleccionar nas distintas áreas de coñecemento os 110 bolseiros que figuran no anexo I coa seguinte distribución:

a) 24 bolseiros para estudos de ciencias experimentais con nota media ponderada igual ou superior a 1,6875.

b) 7 bolseiros para estudos de ciencias da saúde con nota media ponderada igual ou superior a 1,4199.

c) 30 bolseiros para estudos de ciencias sociais e xurídicas con nota media ponderada igual ou superior a 1,4679.

d) 12 bolseiros para estudos de ensinanzas técnicas con nota media ponderada igual ou superior a 1,4094.

e) 37 bolseiros para estudos de humanidades con nota media ponderada igual ou superior a 1,6284.

Segundo.-No anexo II establécese unha relación de bolseiros suplentes por orde de prelación nas áreas de ciencias experimentais, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, ensinanzas técnicas e de humanidades para cubrir renuncias, exclusivamente, de bolseiros destas áreas. Nas áreas onde non teñan suplentes, as renuncias que se presenten serán cubertas por bolseiros suplentes da área de ciencias sociais e xurídicas.

Terceiro.-De acordo co artigo 5 da orde de convocatoria, as solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse desestimadas e publicaranse na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es, e no taboleiro de anuncios da citada consellería, coa indicación expresa dos motivos de exclusión, de conformidade co artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as solicitantes excluídos/as poderán recuperar a documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-A aceptación da bolsa farase mediante a presentación dos documentos sinalados no punto 10 do anexo I da orde de convocatoria. Os documentos deberán presentarse na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia no prazo de 5 días contados desde a data de recepción da notificación de concesión. Transcorrido o citado prazo sen que se achegue a documentación, considerarase que o/a interesado/a renuncia á bolsa concedida.

Quinto.-Os/as bolseiros/as están obrigados a comunicarlle á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia a causa que determine a incompatibilidade coa bolsa concedida dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da concorrencia desta e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas polo/a bolseiro/a durante o período anterior á renuncia.

Sexto.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na convocatoria e demais normas aplicables constituirá causa determinante de revogación da axuda e do reintegro das cantidades percibidas polo beneficiario nos termos establecidos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétimo.-Os pagamentos faranse de acordo co establecido nas bases da convocatoria.

Oitavo.-Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

Ver referencia pdf "23700D005P017.PDF"