DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.405

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de novembro de 2007 pola que se resolve a convocatoria de bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos oficiais de posgrao nas universidades do sistema universitario de Galicia conducentes ao título de máster.

Pola Orde do 19 de xullo de 2007 (DOG do 2 de agosto), convocáronse bolsas de nova adxudicación para a realización de estudos oficiais de posgrao nas universidades do sistema universitario de Galicia conducentes ao título de máster.

Na súa virtude, de acordo co establecido nas bases da convocatoria, e atendendo ao informe-proposta elevado pola comisión avaliadora a través do director xeral de ordenación e calidade do sistema universitario de Galicia, esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Seleccionar nas distintas áreas de coñecemento os 61 bolseiros que figuran no anexo I coa seguinte distribución:

a) 20 bolseiros para estudos de ciencias experimentais e da saúde con nota media ponderada igual ou superior a 1,5858.

b) 24 bolseiros para estudos de ciencias sociais/xurídicas e de humanidades con nota media ponderada igual ou superior a 1,4867.

c) 7 bolseiros para estudos de ensinanzas técnicas con nota media ponderada igual ou superior a 1,2587.

Segundo.-No anexo II establécese unha relación de bolseiros suplentes por orde de prelación nas áreas de ciencias experimentais e da saúde, ciencias sociais/xurídicas e humanidades e ensinanzas técnicas para cubrir renuncias, exclusivamente, de bolseiros destas áreas. Nas áreas onde non teñan suplentes, as renuncias que se presenten serán cubertas por bolseiros suplentes na área de ciencias sociais/xurídicas e humanidades.

Terceiro.-De acordo co artigo 5º da orde de convocatoria, as solicitudes non incluídas na resolución de concesión entenderanse desestimadas e publicaranse na páxina web da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, http://www.edu.xunta.es, e no taboleiro de anuncios da citada consellería, coa indicación expresa dos motivos de exclusión, de conformidade co artigo 54 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as solicitantes excluídos/as poderán recuperar a documentación presentada no prazo de dous meses a partir da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto.-A aceptación da bolsa farase mediante a presentación dos documentos sinalados no punto 10 do anexo I da orde de convocatoria. Os documentos deberanse presentar na Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia no prazo de cinco (5) días contados desde a data de recepción da notificación da concesión.Transcorrido o citado prazo sen que se achegue a documentación, considerarase que o/a interesado/a renuncia á bolsa concedida.

Quinto.-Os/as bolseiros/as están obrigados a comunicar á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia a causa que determine a incompatibilidade coa bolsa concedida dentro das 24 horas seguintes ao momento en que teña coñecemento da súa concorrencia e, dentro dos tres días naturais seguintes, deberá notificar por escrito a renuncia á bolsa acompañada da documentación xustificativa das actividades de formación realizadas polo/a bolseiro/a durante o período anterior á renuncia.

Sexto.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na convocatoria e demais normas aplicables constituirá causa determinante de revogación da axuda e do reintegro das cantidades percibidas polo beneficiario nos termos establecidos nos artigos 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sétimo.-Os pagamentos faranse de acordo co establecido nas bases da convocatoria.

Oitavo.-Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2007

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "23700D004P013.PDF"