DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.400

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 20 de novembro de 2007 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas complementarias do Programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudantes Sócrates-Erasmus e Suíza e se anuncia a súa convocatoria para o curso académico 2007-2008.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes, que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a mobilidade de estudantes, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde, procédese a convocar as accións referidas á mobilidade estudantil, co obxectivo de favorecer novas oportunidades de formación e a incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións son compatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo MEC, e coas axudas que para este fin destina a Comunidade Europea no marco do programa Erasmus. Como accións complementarias que son, cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Estas accións son incompatibles, agás coas bolsas e axudas citadas no parágrafo anterior, con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse, en réxime de concorrencia competitiva, axudas complementarias do programa de acción da Unión Europea de mobilidade de estudantes Sócrates-Erasmus e Suíza, destinadas aos estudantes universitarios matriculados nunha das tres universidades públicas galegas ou nos centros asociados da UNED en Galicia durante o curso 2007/2008 e nunha titulación de carácter oficial e validez nacional.

Artigo 2º.-Orzamento e dotación económica.

As accións derivadas desta convocatoria que ascenden a un total de 1.000.000 euros, sen prexuízo de poder ser incrementadas de acordo coas dispoñibilidades económicas da consellería, financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 do proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2008, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia e presentado no Parlamento de Galicia para a súa aprobación, na cal existe crédito axeitado e suficiente, tramitándose conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 (DOG do 29 de novembro) e do 25 de outubro de 2001 (DOG do 29 de outubro) pola que se regula a tramitación anticipada de gastos, quedando condicionada a adxudicación definitiva á existencia de crédito na aplicación orzamentaria 09.04.422C.480.0 dos orzamentos da comunidade autónoma para o ano 2008.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2007/2008.

Artigo 4º.-Requisitos.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2007/2008 en calquera das universidades públicas desta comunidade autónoma ou nos centros asociados da UNED en Galicia.

-Cursar estudos regrados de carácter oficial e validez nacional de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo.

-Ter concedida unha bolsa do programa Sócrates- Erasmus, ou do Goberno de Suíza.

-Non ter desfrutado desta bolsa complementaria en convocatorias anteriores.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

a) O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

b) As solicitudes, segundo o modelo ED417A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo solicitante ou persoa que o representa, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación postal.

c) Tamén poderán presentarse en calquera dos rexistros oficiais das universidades do Sistema Universitario de Galicia, de conformidade coa Resolución do 25 de xuño de 2007 (DOG do 3 de xullo), da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre esta consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en materia de rexistros administrativos.

d) Non se admitirán como medio de presentación de solicitudes os servizos de mensaxaría privados.

Artigo 6º.-Documentación.

a) Solicitude, segundo modelo ED417A que figura como anexo a esta orde, asinada polo solicitante ou persoa que o representa.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Certificación académica completa, ou copia compulsada desta, na cal se fará constar a nota media simple do expediente académico, obtida de acordo cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, publicado no DOG o día 23 de marzo de 2005 por Resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de marzo de 2005.

Os alumnos que estean cursando estudos de 2º ciclo por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais a certificación académica deste.

d) Declaración xurada en que o solicitante indique se ten ou non solicitado ou concedido outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade perante as administracións públicas ou outros entes públicos. Con este documento entenderáse cumprido o requisito exixido no artigo 11º desta orde.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no cal conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

Artigo 7º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais, e nas vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria: www.edu.xunta.es.

As listas provisionais de admitidos e excluídos por documentación estarán expostas desde o 8 de febreiro de 2008 ao 19 de febreiro de 2008, ambos os dous incluídos. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, presentando, se é o caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión arquivarase o expediente, logo da resolución de arquivo nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Selección e contía.

1. A selección farase tendo en conta a nota media simple calculada cos parámetros reflectidos no protocolo de colaboración subscrito, con data do 21 de febreiro de 2005, entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A dotación económica asignada a cada beneficiario non poderá superar os 2.500 euros.

O importe das subvencións en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos, ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, de conformidade co artigo 17, punto 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Todos os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria, e teñan a documentación completa no prazo sinalado, recibirán unha axuda económica uniforme en función da súa permanencia no programa, que se distribuirá do seguinte modo:

Un trimestre: 120 euros.

Un semestre: 300 euros.

Curso completo: 400 euros.

As universidades do sistema universitario de Galicia e os centros asociados da UNED enviarán á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria listaxes completas dos estudantes bolseiros do programa Sócrates-Erasmus ou do Goberno de Suíza, indicando a duración das estadías e país, segundo estes tramos. Nas listaxes indicarase o nome e apelidos do estudante, o DNI, o país de destino e a duración da estadía: trimestre, semestre ou curso completo.

3. Unha vez adxudicada a contía uniforme citada anteriormente, o orzamento restante, adxudicarase entre aqueles solicitantes que posúan as mellores notas medias no seu expediente académico cuxa contía se determinará en función de:

a) Expediente académico: segundo sexa a nota media do seu expediente académico, a contía máxima a percibir non poderá superar os 1.700 euros.

b) País en que estea situado o centro universitario onde realiza os seus estudos, de acordo coa seguinte distribución:

1. Dinamarca, Estonia, Finlandia, Suecia, Letonia, Lituania e territorios de ultramar de países da UE (contía 400 euros).

2. Alemaña, Austria, Bélxica, Holanda, Chipre, Francia, Grecia, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Irlanda, Italia, Malta, Polonia, Reino Unido, República Checa, Luxemburgo (contía 300 euros).

3. Portugal (contía 180 euros).

4. Suíza e resto de países pertencentes ao espazo europeo de educación superior (contía 300 euros).

Artigo 9º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, por delegación, a subdirectora xeral de universidades.

Vogais:

-O membro do equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela, responsable da materia.

-O membro do equipo de goberno da Universidade da Coruña, responsable da materia.

-O membro do equipo de goberno da Universidade da Vigo, responsable da materia.

-O xefe do Servizo de Apoio e Orientación aos estudantes universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, que actuará con voz e voto.

Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Artigo 10º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, un informe-proposta á conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá a resolución correpondente. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Os solicitantes excluídos poderán solicitar a devolución da documentación presentada no prazo máximo de dous meses a partir da publicación da resolución de concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, coma as pendentes de resolución para mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A presentación de solicitude de concesión da axuda comportará autorización á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para:

a) Facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas así como ás sancións impostas, cando proceda.

A reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

b) De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co disposto no artigo 15.2º c) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Segunda.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control que lle competen, segundo dispón o artigo 14.1º k) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Cuarta.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro, total ou parcial, polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde é conforme co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais lexislación vixente nesta materia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de novembro 2007.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria

Ver referencia pdf "23700D003P008.PDF"