DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.399

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 3 de decembro de 2007, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se modifica a data da realización do exame Celga 4 e se publica a Resolución do 8 de novembro de 2007 pola que se suprime o réxime de exención de taxas previsto na convocatoria das probas Celga e na de tradutores e intérpretes xurados.

Mediante resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística do 31 de outubro de 2007 convocáronse as probas para a obtención dos certificados de lingua galega Celga 1 e Celga 4 (DOG nº 213, do 5 de novembro).

Á vista da cantidade de solicitudes recibidas para participar nas probas para a acreditación do nivel de lingua galega Celga 4, cómpre dispor do tempo necesario para a correcta organización e realización desta proba, polo que se modifica a data do exame correspondente ao nivel Celga 4, que pasará a realizarse durante os días 26 e 27 de xaneiro de 2008. A lista provisional de admitidos publicarase o día 3 de xaneiro de 2008 na web www.xunta.es/linguagalega e nela indicarase o día en que realizará a proba cada candidato.

Se algún dos candidatos que xa presentaron a solicitude para participar no exame do día 15 de decembro non puider asistir ao exame nos días 26 e 27 de xaneiro, poderá solicitar a devolución das taxas de exame no prazo de dez días contados a partir do seguinte ao de publicación desta resolución.

Así mesmo, para dar entrada aos posibles candidatos que non se puidesen presentar o día 15 de decembro e que estivesen interesados nas probas, poderán formular a solicitude na forma e condicións indicadas na Resolución do 31 de outubro de 2007, no prazo de dez días contados a partir do seguinte ao de publicación desta resolución.

Ao mesmo tempo, faise público que, mediante resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística do 8 de novembro de 2007, se suprimiu, por petición da Dirección Xeral de Tributos, o réxime de exención de taxas previsto na convocatoria das probas Celga (DOG nº 213, do 5 de novembro) e mais na de tradutores e intérpretes xurados (DOG nº 210, do 30 de outubro).

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2007.

María Sol López Martínez

Secretaria xeral de Política Lingüística