DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 237 Luns, 10 de decembro de 2007 Páx. 19.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

RESOLUCIÓN do 30 de novembro de 2007, da Secretaría Xeral de Emigración, pola que se conceden as bolsas para a realización de estudos universitarios durante o curso académico 2007-2008, destinadas a galegos, persoas de orixe galega e aos seus descendentes.

De acordo co establecido no artigo 12.3º da Resolución do 7 de agosto de 2007, pola que se establecen e regulan os programas de bolsas destinadas a galegos, persoas de orixe galega e aos seus descendentes para a realización de estudos universitarios durante o curso académico 2007-2008, esta secretaría acorda facer pública a relación de candidatos que obtiveron bolsa nesta convocatoria (anexo I) e a relación das solicitudes denegadas figurando o motivo da denegación (anexo II).

Segundo se establece no artigo 14 da resolución, o/a bolseiro/a remitirá á secretaría xeral, no prazo de 15 días contados dende o día seguinte ao da publicación:

a) Xustificante que acredite o pagamento total ou parcial da matrícula dos estudos que se van realizar.

b) Certificación do número de conta bancaria da que o solicitante sexa titular en que constará o código conta cliente en que se aboará o importe da bolsa.

c) Declaración xurada de que non ten concedidas outras bolsas ou axudas financiadas con fondos públicos ou privados, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria do bolseiro ou calquera tipo de ingresos pola prestación de servizos profesionais ou a realización de traballo remunerado.

d) Enderezo para efectos de notificacións e teléfono de contacto en Galicia.

Transcorrido este prazo sen que se achegue a citada documentación, considerarase que o/a interesado/a renuncia á bolsa concedida.

Contra esta resolución que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución poderá ser impugnada directamente mediante recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2007.

Manuel Luis Rodríguez González

Secretario xeral de Emigración

Ver referencia pdf "23700D001P006.PDF"

Ver referencia pdf "23700D002P007.PDF"