DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2007 Páx. 19.343

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 3 de decembro de 2007 pola que se determina ampliar o importe máximo das axudas establecido na do 24 de abril, de subvencións aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e modificación parcial das bases da convocatoria recollidas na Orde do 21 de xuño de 2006.

O 21 de maio de 2007 publicouse a Orde do 24 de abril de 2007 de subvencións aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e modificación parcial das bases da convocatoria recollidas na Orde do 21 de xuño de 2006.

O seu artigo 3 establece a consignación orzamentaria e os importes máximos destas subvencións.

A presente orde, á vista das necesidades estimadas e de que existe crédito dispoñible, amplía o importe máximo das axudas aos concellos para alugueres e adquisición e promoción de vivendas con destino ao realoxo das persoas habitantes de chabolas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. As aplicacións do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, onde figuran os créditos con cargo aos que serán atendidas as axudas da Orde do 24 de abril de 2007, de subvencións aos concellos en materia de erradicación do chabolismo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007 e modificación parcial das bases da convocatoria recollidas na Orde do 21 de xuño de 2006, son: para subvención de alugueres a 17.02.451B.460.0, e para subvencións para a adquisición e promoción de vivendas a 17.02.451B.760.0.

2. Para os efectos do disposto no artigo 3 da Orde do 24 de abril de 2007, e para dar cobertura aos expedientes que acaden no presente exercicio a fase de convenio cos concellos para realoxo das persoas que habitan en chabolas, determínase:

O importe máximo destas axudas referidas a alugueres de vivendas que se poderá outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2007, cifrado con cargo á aplicación orzamentaria, 17.02.451B.460.0 en 200.000 euros para 2007, pola citada Orde do 24 de abril de 2007, queda sen modificar, ampliándose en 61.200 euros no exercicio orzamentario de 2008, en 61.200 no de 2009 e en 61.200 euros no de 2010.

O importe máximo destas axudas referidas á adquisición e promoción de vivendas que se poderá outorgar dentro do exercicio orzamentario de 2007, cifrado con cargo á aplicación orzamentaria, 17.02.451B.760.0 en 500.000 euros para 2007, pola citada Orde do 24 de abril de 2007, amplíase en 1.100.000 euros, quedando sen modificar os importes de 500.000 euros no exercicio orzamentario de 2008, 400.000 euros no de 2009 e 400.000 euros no de 2010.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de decembro de 2007.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo