DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2007 Páx. 19.341

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 27 de novembro de 2007 pola que se regula o uso e xestión da reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos.

O Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, define aqueles elementos esenciais que determinan o funcionamento da reserva, como unha ferramenta de xestión dos recursos cunha filosofía participativa do sector nela.

Determina o decreto que deben desenvolverse aqueles aspectos procedementais necesarios para o bo fin do obxecto da reserva, é dicir, a recuperación dos recursos pesqueiros e dos seus ecosistemas, así como para o correcto seguimento da súa evolución.

Con esta finalidade desenvólvense a través desta orde o nomeamento dos membros do órgano de xestión, seguimento e control, así como o seu funcionamento e sede. O dito órgano é básico no seguimento da reserva e participa moi directamente na elaboración do censo de embarcacións que poden pescar nela, censo que na orde se desenvolve tanto no que se refire á súa elaboración como á súa revisión, establecendo o procedemento de exclusión de embarcacións del por motivo de incumprimento da normativa.

Outro dos aspectos desenvolvidos pola orde son aqueles referidos á realización de actividades dentro da reserva, tanto no relativo á actividade profesional da pesca como a outros usos, como pode ser o mergullo e o seu control.

Finalmente, o desenvolvemento normativo péchase con aqueles aspectos referidos ao seguimento científico e divulgación da reserva.

Por todo o antedito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Sinalización da área da reserva mariña.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos sinalizará ou balizará adecuadamente os límites da reserva mariña de interese pesqueiro e das súas reservas integrais.

Artigo 2º.-Funcionamento do órgano de xestión, seguimento e control.

1. Na representación do sector pesqueiro formarán parte do órgano de xestión, seguimento e control dous membros propostos pola confraría de pescadores de Lira e outros dous propostos pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

2. O órgano de xestión, seguimento e control reunirase en réxime ordinario dúas veces ao ano, preferentemente en marzo e outubro, e cantas veces o propoña o seu presidente ou o soliciten tres dos seus membros.

3. O órgano de xestión, seguimento e control terá a súa sede no porto de Lira.

4. No marco das funcións asignadas ao órgano de xestión, seguimento e control polo Decreto 87/2007, do 12 de abril, polo que se crea a reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos, este realizará as seguintes actuacións específicas:

a) Supervisar e coordinar as actividades do persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva.

b) Emitir informe no procedemento de elaboración e actualización do censo de embarcacións autorizadas a faenar na reserva.

c) Informar o programa de seguimento científico da reserva con anterioridade á súa aprobación, e coordinar o seu desenvolvemento.

d) Propoñer a realización de actividades de formación, información e divulgación en relación coa reserva.

e) Aprobar o plan anual de actuacións.

f) Propoñer e/ou informar as propostas de modificación da normativa e condicións de uso dos espazos da reserva.

g) Elevar informes anuais sobre a situación da reserva e da súa evolución.

5. O órgano de xestión, seguimento e control estará adscrito á Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Artigo 3º.-Censo.

1. Para a elaboración do censo seguirase o procedemento seguinte:

a) Mediante resolución da Dirección Xeral de Recursos Mariños que se publicará no Diario Oficial de Galicia, abrirase un período de solicitude de inclusión durante o prazo de un mes. As solicitudes formalizaranse no modelo que se publica como anexo I, e presentaranse no rexistro da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro de 1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, acompañadas de copia do DNI da persoa que asine a solicitude.

b) No caso de que o número de solicitudes se considere excesivo en relación coa capacidade produtiva da área de reserva, terase en conta como criterio de selección a pertenza a portos base máis próximos ao ámbito xeográfico da reserva.

c) Logo de informe do órgano de xestión, seguimento e control, a Dirección Xeral de Recursos Mariños elaborará un censo provisional que se publicará no Diario Oficial de Galicia para que os interesados poidan formular alegacións durante un prazo de quince días.

d) O censo definitivo será aprobado por resolución do/a titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, que se publicará no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de tres meses contados desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. O vencemento do prazo máximo indicado sen que se publique a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

2. Non se poderán incorporar novas embarcacións mentres non se acorde a actualización do censo. Para a actualización seguirase o mesmo procedemento descrito no parágrafo anterior, e terase en conta como criterio de selección, ademais do sinalado na letra b), a habitualidade e as capturas realizadas no ámbito da reserva polas embarcacións que xa estivesen incluídas, de conformidade co disposto no artigo 8.3º do Decreto 87/2007, do 12 de abril.

3. Serán causas de exclusión do censo, ademais da que resulte da actualización, o incumprimento da normativa de uso e xestión da reserva e a negativa á realización do control das actividades polo Servizo de Gardacostas ou polo persoal de seguimento e control. Para a súa efectividade, os membros dos devanditos servizos levantarán a oportuna acta, que se trasladará á Delegación Territorial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos. Á vista dos feitos e probas achegadas e tendo en conta, de ser o caso, os antecedentes do presunto infractor, a persoa titular da delegación emitirá proposta de resolución que se lle notificará ao interesado para que poida efectuar alegacións e propoñer novas probas no prazo máximo de quince días. Recibidas as alegacións ou transcorrido o prazo para facelo, e á vista do resultado das probas que de ser o caso se practicasen, o mesmo órgano elevará proposta de resolución definitiva á persoa titular da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, quen resolverá

acordando o que proceda. A resolución notificaráselle ao interesado no prazo máximo de tres meses desde o inicio do expediente, e será inmediatamente executiva. Todo o anterior é sen prexuízo das responsabilidades en que puidese incorrer o infractor en relación co réxime sancionador en materia marítimo-pesqueira e outros que resulten de aplicación.

Artigo 4º.-Usos pesqueiros permitidos.

1. De conformidade co disposto no artigo 5 a) do Decreto 87/2007, do 12 de abril, as embarcacións incluídas no censo que se regula no artigo 8 do devandito decreto e 3 desta orde poderán desenvolver a pesca marítima profesional nas áreas non delimitadas como reservas integrais, coas seguintes artes e aparellos tradicionalmente utilizados na zona:

a) Artes de anzol: cordel, palangrillo e palangre de fondo para congro.

b) Nasas: nasas de polbo, nécora e camarón.

c) Artes de enmalle: trasmallos, miños, betas e xeito.

d) Outros: captura de centola con gancho e espello.

2. A Dirección Xeral de Recursos Mariños por proposta do órgano de xestión, seguimento e control poderá establecer períodos de actividade, tamaños mínimos, topes e medidas de xestión máis restritivas que as establecidas na normativa xeral.

Artigo 5º.-Mergullo de lecer.

1. Na reserva mariña poderán practicarse actividades subacuáticas na modalidade de mergullo autónomo recreativo, suxeitándose ás seguintes condicións:

a) Deberase levar a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos para practicar o mergullo, así como a que acredite o permiso a que se refire o parágrafo 4 do artigo 7 do Decreto 87/2007, do 12 de abril, que deberá ser exhibida por requirimento do persoal do Servizo de Gardacostas ou do persoal do servizo de seguimento e control da reserva. O incumprimento deste requisito ou a presentación de documentación irregular é causa de suspensión da inmersión.

b) A utilización de lanternas ou focos debe solicitarse coa autorización, debendo constar expresamente na autorización da inmersión.

c) A actividade realizarase perturbando o menos posible o estado do medio e preservando a integridade de individuos ou comunidades dependentes do medio mariño.

d) Deberase respectar a práctica da pesca profesional, sen interferir coas embarcacións que están faenando nin coas artes que puideran estar caladas.

e) Deberanse seguir en todo momento as indicacións do persoal de xestión, seguimento e control da reserva en canto a zonas de inmersión, condicións para a súa realización e calquera outro aspecto relativo ao seu desenvolvemento.

f) As embarcacións deberán exhibir durante a inmersión a preceptiva bandeira A do código internacional de sinais.

2. Na práctica do mergullo queda prohibido:

a) O mergullo sen a preceptiva autorización cando o acceso estea limitado.

b) As inmersións nocturnas (entre o orto e o ocaso solar).

c) A utilización de torpedos e demais medios de propulsión submarina.

d) A tenza de calquera instrumento que poida utilizarse para a pesca ou extracción de especies mariñas, con excepción dun coitelo por razóns de seguridade.

e) A recolección ou extracción de organismos ou parte de organismos, vivos ou mortos, animais ou vexetais.

f) A extracción de minerais ou restos arqueolóxicos.

g) A tenza a bordo das embarcacións de calquera tipo de instrumento, arte ou aparello que poida utilizarse para a pesca ou extracción de especies mariñas.

h) Alimentar os animais durante as inmersións.

i) Perturbar as comunidades de organismos mariños.

j) Efectuar probas de mar ou prácticas de escolas de mergullo.

Artigo 6º.-Navegación e fondeadura.

A Dirección Xeral de Recursos Mariños, por proposta motivada do órgano de xestión, seguimento e control, xestionará das administracións competentes as limitacións de uso para navegación e fondeadura nas áreas da reserva que se consideren necesarias.

Artigo 7º.-Control.

1. As embarcacións que realicen actividades de pesca deben comunicarlle ao persoal asignado á xestión, seguimento e control da reserva a súa entrada na zona da reserva mariña, identificándose convenientemente e notificándolle as capturas que leven a bordo no momento de acceder á reserva. Así mesmo deben notificar a súa saída, número de artes caladas e as capturas realizadas na zona da reserva. Estas comunicacións deben efectuarse de maneira que lle permitan ao órgano de xestión, seguimento e control realizar as comprobacións dos datos transmitidos.

2. O persoal de xestión, seguimento e control realizará as inspeccións e comprobacións oportunas para verificar os datos indicados, sen prexuízo daquelas que na súa función de vixilancia e control realice o Servizo de Gardacostas. A negativa á realización destas funcións ou a non-notificación do acceso serán causa de exclusión do censo, logo do procedemento regulado no artigo 3, parágrafo 3º.

Artigo 8º.-Seguimento científico.

1. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro elaborará un proxecto de seguimento científico da reserva mariña, coa finalidade de coñecer a súa evolución e os resultados obtidos.

2. O desenvolvemento do programa de seguimento realizarase baixo a coordinación do órgano de xestión, seguimento e control, que informará o programa previamente á súa aprobación.

3. Dos resultados coñecidos en cada momento informarase o órgano de xestión, seguimento e control e a Dirección Xeral de Recursos Mariños.

Artigo 9º.-Divulgación.

1. Anualmente elaborarase un informe sobre a reserva mariña que será difundido ao sector, institucións e entidades interesadas para o seu coñecemento.

2. A Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro, por proposta do órgano de xestión, seguimento e control, realizará as actividades de formación, información e divulgación que se consideren necesarias e oportunas.

Disposicións finais

Primeira.-Competencias de desenvolvemento.

Facúltase a Dirección Xeral de Recursos Mariños e a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2007.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos