DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2007 Páx. 19.338

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 29 de novembro de 2007 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para o pagamento das axudas sociais previstas no punto un.a) da disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, para persoas con hemofilia ou coagulopatías conxénitas afectadas polo VHC.

A disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, recoñécelles unha axuda social ás persoas hemofílicas ou con outras coagulopatías conxénitas que contraesen a hepatite C como consecuencia de ter recibido tratamento con concentrados de factores de coagulación no ámbito do sistema sanitario público de Galicia.

Para tal efecto, a lei distingue dous grupos de beneficiarios/as. Por unha banda, aqueles/as que figuren inscritos no censo definitivo previsto no artigo 80 da Lei 55/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social; e por outra banda, aqueles/as beneficiarios/as que non se atopen inscritos/as no censo indicado.

Para os primeiros, a Lei 14/2006, antes indicada, determina que durante o exercicio 2007 se procederá ao pagamento das axudas sociais recoñecidas; mentres que para os segundos o pagamento se realizará durante o ano 2008, logo de regulación e inscrición no censo autonómico correspondente.

Polo exposto, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada por Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes.

1. De conformidade co previsto na disposición adicional décimo primeira da Lei 14/2006, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2007, por medio desta orde procédese á apertura dun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta disposición, para a presentación de solicitudes para o recoñecemento de axudas sociais a prol de persoas con hemofilia ou coagulopatías conxénitas afectadas polo virus da hepatite C, como consecuencia de ter recibido transfusión ou tratamento con concentrados de factores de coagulación no ámbito do Sistema Sanitario Público de Galicia, e se atopen inscritos/as no censo definitivo previsto no artigo 80 da Lei 55/1999, do 29 de decembro.

2. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade, e presentaranse no prazo indicado no punto anterior en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de conformidade co modelo que se indica no anexo desta orde, e que se atopará tamén dispoñible a través da páxina web da Consellería de Sanidade.

3. Xunto coa solicitude, os/as beneficiarios/as presentarán a seguinte documentación:

a) Documento xustificativo da súa inclusión no censo definitivo previsto no artigo 80 da Lei 55/1999, do 29 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social.

b) Certificado de empadroamento nun concello da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Declaración responsable de non ter percibido outras axudas ou subvencións públicas polo mesmo concepto, agás as derivadas da súa inclusión no censo definitivo citado no punto a).

4. No caso de que o/a beneficiario/a tivese falecido, o solicitante achegará coa solicitude, ademais dos documentos refiridos no punto 3, os seguintes:

a) Copia compulsada do certificado de defunción do/a beneficiario/a.

b) Documento acreditativo do parentesco ou vinculación co/coa beneficiario/a.

5. De conformidade coa normativa aplicable en materia de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial a relación do número de beneficiarios/as e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 2º.-Beneficiarios/as.

Poderán presentar solicitude aquelas persoas con hemofilia ou coagulopatías conxénitas afectadas polo virus da hepatite C como consecuencia de ter recibido transfusión ou tratamento con concentrados de factores de coagulación no ámbito sistema santario público de Galicia, e se atopen inscritos no censo definitivo previsto no artigo 80 da Lei 55/1999, do 29 de decembro.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

A axuda consistirá no pagamento, por unha soa vez, dunha axuda por importe de doce mil euros (12.000 €), con cargo á aplicación 1301.411A.480.1 prevista nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia co limite dos seguintes importes máximos por anualidade:

Exercicio 2007: 540.000 €.

Exercicio 2008: 660.000 €.

As ditas cantidades máximas por anualidade poderán ser modificadas de acordo coas solicitudes presentadas e coa dispoñibilidade de crédito.

Artigo 4º.-Recoñecemento ou denegación.

1. O recoñecemento da axuda decidirase mediante resolución do director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria da Consellería de Sanidade.

2. No caso de que o/a solicitante non acredite a súa inclusión no censo definitivo previsto no artigo 80 da Lei 55/1999, do 29 de decembro, creado e xestionado polo Ministerio de Sanidade e Consumo, seralle denegada motivadamente a axuda.

3. A resolución do director xeral de Aseguramento e Planificación Sanitaria poderá ser recorrida ante a conselleira de Sanidade, de conformidade co previsto nos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo para resolver as solicitudes será de 3 meses, entendéndose que, de non recaer resolución expresa no prazo indicado, a solicitude entenderase desestimada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2007.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade

Ver referencia pdf "23600D003P010.PDF"