DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Venres, 07 de decembro de 2007 Páx. 19.334

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 223/2007, do 5 de decembro, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias.

Co obxectivo de conseguir unha elevada calidade nas prestacións para responder ás emerxencias en todo o territorio de Galicia de xeito homoxéneo, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia.

A devandita lei dedica o capítulo III do seu título II a regular a Axencia Galega de Emerxencias (en diante AXGE) prevendo, no artigo 16.1º a creación desta como un ente que, dotado de maior axilidade que a Administración ordinaria, poida responder aos retos formulados polas emerxencias nunha sociedade moderna de xeito rápido e apropiado.

Configúrase como un ente instrumental para a xestión das emerxencias segundo as instrucións emanadas do órgano administrativo que ten as facultades para a xestión de emerxencias e a protección civil.

Así mesmo, a citada lei establece no seu artigo 16.2º que a súa natureza é a dun ente público con personalidade xurídica propia, que somete a súa actuación ao ordenamento xurídico privado, tal e como se describe no artigo 12.1º.1 b) do Real decreto lexislativo 1/1999, sobre réxime financeiro e orzamentario de Galicia, con patrimonio propio e plena capacidade para o desenvolvemento dos seus fins, e sometendo a súa actuación ao ordenamento xurídico privado salvo cando exerza potestades administrativas, segundo se indica no artigo 17.1º da Lei 5/2007.

Por outra banda, o artigo 17.3º da Lei 5/2007 establece que a AXGE depende orgánica e funcionalmente da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

Por último, o artigo 17.2º determina que por decreto do Consello da Xunta de Galicia aprobarase o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias, no cal se determinará a súa organización, réxime xurídico e funcións, en desenvolvemento do previsto nesta lei.

Xa que logo, este decreto ten por obxecto dar cumprimento ao establecido no artigo 17.2º da Lei 5/2007 mediante a aprobación do seu estatuto, no cal se regula a organización, o réxime xurídico e funcións da axencia.

O estatuto estrutúrase nun preámbulo, catro capítulos divididos en 17 artigos e dúas disposicións adicionais.

Así, o capítulo I regula a natureza do ente instrumental AXGE e o seu réxime xurídico.

O capítulo II refírese á súa estrutura orgánica, e recolle o disposto para o efecto na Lei de emerxencias de Galicia e establece as funcións específicas que corresponden a cada un, así como o seu funcionamento.

No capítulo III establécese a forma en que se dotará de persoal a este organismo.

E, finalmente, no capítulo IV establécese o réxime económico, financeiro e patrimonial da AXGE.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, conforme co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello de Xunta de Galicia na súa reunión de cinco de decembro de dous mil sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobación do estatuto.

Apróbase o estatuto da Axencia Galega de Emerxencias, que se engade como anexo a este decreto.

Disposicións transitorias

Primeira.

1. En canto o consello reitor non nomee a persoa titular da secretaría xeral da Axencia Galega de Emerxencias, tal e como se dispón no artigo 12 do anexo, a presidencia nomeará un secretario xeral provisional.

2. En canto o consello reitor non nome e a persoa titular da xerencia da Axencia Galega de Emerxencias, tal e como se dispón no artigo 11, esta será exercida pola persoa titular da vicepresidencia.

Segunda.-Unha vez constituídos os órganos da Axencia Galega de Emerxencias poderanse realizar as oportunas probas de selección de persoal en réxime de dereito laboral, respectando os principios de igualdade, mérito e capacidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación.

Facúltase a consellería competente en materia de xestión de emerxencias e protección civil para ditar cantos actos e disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de decembro de dous mil sete.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatuto da Axencia Galega de emerxencias

Capítulo I

Natureza e réxime xurídico

Artigo 1º.-Natureza e fins.

1. De acordo co establecido no artigo 16.1º da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, a Axencia Galega de Emerxencias (AXGE) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, segundo se dispón no artigo 12.1º b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, con patrimonio propio e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins.

2. A Axencia Galega de Emerxencias é unha entidade instrumental da Xunta de Galicia para o estudo e execución da política autonómica en materia de xestión de emerxencias e protección civil.

Artigo 2º.-Adscrición.

Axencia Galega de Emerxencias queda adscrita orgánica e funcionalmente á consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias, correspondéndolle á persoa titular desta o exercicio das facultades derivadas de tal adscrición.

Artigo 3º.-Réxime xurídico.

1. A Axencia Galega de Emerxencias rexerase pola Lei de emerxencias de Galicia, por este decreto e demais normativa aplicable.

2. A Axencia Galega de Emerxencias axustará a súa actividade ao ordenamento xurídico privado, salvo cando exerza potestades administrativas, en cuxo caso será de aplicación a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou norma que a substitúa e demais normas administrativas de xeral aplicación.

3. Nas súas actividades de contratación a Axencia Galega de Emerxencias rexerase polo Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das Administracións públicas e polas disposicións que o desenvolvan. Ademais, seralle de aplicación o previsto na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, ou normas que substitúan as anteriores.

4. Seralle, así mesmo, de aplicación o disposto na Lei 10/1996, do 5 de novembro, pola que se ditan normas de actuación de entes e empresas participadas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e contratación, ou ben a normativa que a substitúa.

Capítulo II

Funcións e estrutura orgánica

Artigo 4º.-Funcións.

Correspóndelle á Axencia Galega de Emerxencias:

a) Xestionar o Centro de Atención de Emerxencias 112 Galicia e prestar materialmente a asistencia requirida polos cidadáns e polas cidadás a través del, ou dar traslado, segundo se estableza regulamentariamente, daquelas que lles corresponda atender a outros organismos competentes na materia.

b) Xestionar os helicópteros de emerxencias do 112 e todos os outros medios e recursos operativos que se poidan incorporar á axencia.

c) Analizar os riscos e mais identificalos e localizalos no territorio co fin de elaborar o mapa e o catálogo de riscos de Galicia, así como os catálogos de medios e recursos e o catálogo de servizos.

d) Desenvolver programas en materia de protección civil e xestión de riscos e de emerxencias consonte as directrices emanadas da Xunta de Galicia e establecer os medios para fomentar actuacións que contribúan á prevención de riscos, á atenuación dos seus efectos e, en xeral, á toma de conciencia e sensibilización dos cidadáns da importancia de protección civil.

e) Levar a cabo os estudos necesarios para a elaboración do Plan territorial de protección civil de Galicia, dos plans especiais e das liñas directrices para a elaboración dos plans territoriais que correspondan.

f) Avaliar e cualificar o risco cando lle sexa comunicada unha situación de emerxencia das que poden dar lugar á activación dun plan público de protección civil.

g) Pór á disposición dos órganos competentes da Xunta de Galicia os medios á súa disposición para a xestión das emerxencias de interese galego baixo a superior dirección da persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou da persoa titular da consellería en que esta delegue, e mais daqueloutras emerxencias que os plans especiais ou territoriais determinen.

h) Estudar as actuacións necesarias para o restablecemento dos servizos esenciais para a comunidade e a restauración, a rehabilitación e o retorno á normalidade nos casos de catástrofe ou calamidade.

i) Fomentar, en colaboración coa consellería competente en materia de voluntariado, a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns ás actividades de protección civil.

Artigo 5º.-Órganos.

Os órganos de goberno e administración da Axencia Galega de Emerxencias son:

a) O consello reitor.

b) A presidencia.

c) A vicepresidencia.

d) A xerencia.

Artigo 6º.-Composición do consello reitor.

O consello reitor da Axencia Galega de Emerxencias está formado por unha presidencia, unha vicepresidencia, a xerencia, dezaseis vogalías e unha secretaría.

1. Presidencia: a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

2. Vicepresidencia: a persoa titular do órgano directivo da consellería da Xunta de Galicia competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias que designe a persoa titular da devandita consellería.

3. A xerencia: o/a xerente da Axencia Galega de Emerxencias.

4. Vogalías:

a) A persoa titular da secretaría xeral da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de interior.

c) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de voluntariado.

d) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de urbanismo e transportes.

e) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de montes e incendios forestais.

f) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de sanidade.

g) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de pesca e asuntos marítimos.

h) Un representante, con categoría, cando menos, de director xeral, da consellería competente en materia de ambiente.

i) Tres vogais designados pola presidencia do consello reitor entre persoas expertas e de prestixio en materia de emerxencias.

j) Catro representantes dos concellos de Galicia, designados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.

A condición de vogal representante dos concellos estará vinculada a súa representatividade posuída, e perderase ao desaparecer aquela.

k) Un representante da Administración do Estado, nomeado pola persoa titular da Delegación do Goberno en Galicia.

Os vogais serán nomeados e cesados polo Consello da Xunta de Galicia por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

5. Secretaría: a persoa titular da secretaría xeral da Axencia Galega de Emerxencias.

A pertenza ao consello reitor non xerará dereitos laborais nin económicos.

Artigo 7º.-Funcións do consello reitor.

1. O consello reitor da Axencia Galega de Emerxencias é o órgano colexiado de control, planificación e supervisión xeral da actividade do centro.

2. Son funcións do consello reitor:

a) Coñecer e aprobar as directrices xerais de actuación do organismo.

b) Coñecer e aprobar o plan anual de actividades.

c) Coñecer e aprobar a memoria de actividades do exercicio anterior.

d) Coñecer e aprobar o regulamento de réxime interior.

e) Coñecer e aprobar o anteproxecto de orzamento anual da Axencia Galega de Emerxencias e as súas contas.

f) Nomear e cesar, por proposta da presidencia da Axencia Galega de Emerxencias, o xerente desta.

g) Nomear e cesar, por proposta da presidencia da Axencia Galega de Emerxencias, o secretario xeral desta.

h) Coñecer e emitir informe sobre aquelas normas relativas a disposicións e actos que afecten a funcións que a Axencia Galega de Emerxencias ten encomendadas neste estatuto.

i) Coñecer e emitir informe sobre os asuntos que a persoa titular da presidencia do consello reitor ou o/a xerente da Axencia Galega de Emerxencias sometan á súa consideración.

j) Coñecer a estrutura orgánica e o cadro de persoal da Axencia Galega de Emerxencias.

k) Coñecer os convenios de colaboración e cooperación subscritos pola persoa titular da presidencia en materia de xestión de emerxencias.

l) Calquera outra que regulamentariamente se lle poida atribuír.

Artigo 8º.-Funcionamento do consello reitor.

1. O funcionamento do consello reitor axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, título II, capítulo II, sobre órganos colexiados.

2. O consello reitor reunirase polo menos unha vez ao ano por convocatoria da persoa titular da presidencia. A convocatoria será realizada pola presidencia, por iniciativa propia ou por solicitude dun terzo dos membros do consello reitor.

3. Considerarase que o consello reitor está validamente constituído sempre que asistan o/a presidente/a e o/a secretario/a ou quen os substitúa, e polo menos a metade dos seus membros.

4. A presidencia ou a xerencia da Axencia Galega de Emerxencias poderán convocar ás reunións do consello reitor técnicos ou especialistas para labores de asesoramento.

Artigo 9º.-A presidencia da Axencia Galega de Emerxencias.

1. A presidencia da Axencia Galega de Emerxencias correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias.

2. Son funcións da presidencia:

a) Convocar, fixar a orde do día, presidir e moderar o desenvolvemento das reunións do consello reitor, ou suspendelas por causas xustificadas.

b) Representar de forma ordinaria a Axencia Galega de Emerxencias.

c) Realizar acordos e convenios no nome da Axencia Galega de Emerxencias.

d) Nomear e destituír o persoal de dirección da Axencia Galega de Emerxencias.

e) Propoñerlle o nomeamento e cesamento do xerente da Axencia Galega de Emerxencias ao consello reitor.

f) Propoñerlle o nomeamento e cesamento do secretario/a xeral da Axencia Galega de Emerxencias ao consello reitor

g) Propoñerlle ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación da estrutura e cadro de persoal da Axencia Galega de Emerxencias.

h) A alta dirección do persoal.

i) Decidir co seu voto de calidade calquera empate nas decisións que o consello reitor deba tomar.

Artigo 10º.-A vicepresidencia da Axencia Galega de Emerxencias.

1. A vicepresidencia da Axencia Galega de Emerxencias correspóndelle á persoa titular do órgano directivo da consellería encargada da xestión de emerxencias e protección civil que designe o seu titular.

2. A persoa titular da vicepresidencia substituirá o presidente da Axencia Galega de Emerxencias no caso de vacante, ausencia ou enfermidade deste.

3. As súas resolucións poñen fin á vía administrativa nos asuntos que correspondan á Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 11º.-A xerencia da Axencia Galega de Emerxencias.

1. A xerencia é órgano de xestión das funcións que ten encomendadas a Axencia Galega de Emerxencias. O nomeamento do seu titular correspóndelle ao consello reitor por proposta da presidencia.

2. As súas funcións serán as seguintes:

a) Dar cumprimento aos acordos do consello reitor.

b) Propoñerlle ao consello reitor as liñas de actuación e o programa anual de actividades.

c) Elaborar o anteproxecto anual de orzamentos para a súa aprobación polo consello reitor.

d) Elaborar o regulamento de réxime interior.

e) Elaborar a proposta de estrutura e cadro de persoal.

f) Elaborar a memoria anual de actividades para a súa aprobación polo consello reitor.

g) Dirixir a xestión orzamentaria, autorizar e dispoñer os gastos e ordenar os pagamentos.

h) Dirixir o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias nas operacións de emerxencias, seguindo as instrucións do departamento da consellería que teña atribuídas as funcións de protección civil e xestión de emerxencias. Poderá delegar esta competencia segundo se estableza regulamentariamente.

i) Dirixir o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias nos estudos sobre protección civil e xestión de emerxencias, seguindo as instrucións do departamento da consellería que teña atribuídas as funcións de protección civil e xestión de emerxencias, incluíndo as propostas de catálogos de medios e recursos e os distintos plans de emerxencias. Poderá delegar esta competencia segundo se estableza regulamentariamente.

j) Calquera outra función que poida delegarlle o consello reitor ou outro dos órganos unipersoais da Axencia Galega de Emerxencias, así como calquera outra competencia que non estea regulamentariamente asignada a ningún dos outros órganos da Axencia Galega de Emerxencias.

Artigo 12º.-A secretaría xeral da Axencia Galega de Emerxencias.

1. O secretario xeral da Axencia Galega de Emerxencias será nomeado e cesado polo consello reitor por proposta da presidencia da Axencia Galega de Emerxencias.

2. Son funcións da secretaría xeral as seguintes:

a) Actuar como secretario do consello reitor.

b) Elaborar o balance e conta anual de perdas e ganancias.

c) Exercer a dirección administrativa e de persoal.

d) Coordinar, inspeccionar e controlar o funcionamento dos servizos e das dependencias da Axencia Galega de Emerxencias.

e) Calquera outra que se estableza regulamentariamente.

Artigo 13º.-O consello asesor.

1. A Comisión Galega de Protección Civil, creada segundo o artigo 29 da Lei 5/2007, asesorará a Axencia Galega de Emerxencias en cantas decisións someta á súa consideración a través da Secretaría Xeral da Axencia Galega de Emerxencias, funcionando neste caso como consello asesor desta.

2. A pertenza ao consello asesor non xerará dereitos laborais nin económicos.

Capítulo III

Persoal da Axencia Galega de Emerxencias

Artigo 14º.-Tipos de persoal.

1. O persoal da Axencia Galega de Emerxencias está constituído por:

a) Persoal contratado en réxime de dereito laboral pola Axencia Galega de Emerxencias.

b) O persoal laboral procedente da dirección xeral de protección civil no que a axencia se subrogue na posición de empregadora.

c) O persoal funcionario da Dirección Xeral de Protección Civil que quede adscrito a axencia, sen alteración da súa situación administrativa.

d) Calquera persoal funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia que se adscriba á axencia a través dos sistema de provisión de postos de traballo previstos na normativa vixente, sen alteración da súa situación administrativa.

2. Mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias, determinaranse os postos a que se refiren as alíneas b) e c) do punto anterior.

Artigo 15º.-Persoal funcionario.

1. As retribucións que se establezan para o persoal descrito no artigo 14.1º c), que se adscriba a axencia mediante resolución da Dirección Xeral de Función Pública, serán iguais, polo menos, á suma de retribucións básicas e os complementos específico e de destino que veñan percibindo antes da adscrición na Axencia Galega de Emerxencias.

Capítulo IV

Réxime económico e orzamentario

Artigo 16º.-Fontes de financiamento.

Os recursos económicos da Axencia Galega de Emerxencias están compostos por:

a) As consignacións orzamentarias que lle sexan asignadas dos orzamentos e da Xunta de Galicia.

b) As subvencións e achegas das entidades públicas ou privadas, ou ben de particulares.

c) As doazóns ou cesións de bens de entidades públicas ou privadas, ou ben de particulares.

d) Prezos públicos.

e) Os rendementos do patrimonio propio.

f) As contraprestacións derivadas de convenios en que sexa parte.

g) Calquera outro que legalmente puidese corresponderlle.

Artigo 17º.-Réxime financeiro.

O réxime financeiro, contable e orzamentario da Axencia Galega de Emerxencias axustarase ao disposto no artigo 12.1º b) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-O convenio colectivo único vixente para a Xunta de Galicia será de aplicación na Axencia Galega de Emerxencias, salvo que logo de negociación cos representantes dos traballadores se opte por aplicar un convenio colectivo distinto ou se dispoña de convenio propio.

Segunda.-O funcionamento dos órganos colexiados, naqueles extremos non recollidos neste decreto, regularase polo disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

c) SUBSTITUCIÓNS PRESIDENCIA