DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Martes, 04 de decembro de 2007 Páx. 19.199

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE do 22 de novembro de 2007 pola que se declara de interese galego a Fundación Sen Esquencer e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

O 19 de novembro de 2007 publicouse no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 26 de outubro de 2007, pola que se clasifica como mixta a Fundación Sen Esquencer e se adscribe á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

A Fundación Sen Esquencer foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día nove de agosto de dous mil seis, ante o notario Carlos de la Torre Deza, co número de protocolo mil oitocentos vinte e tres, por Olga del Buey Rey. Esta escritura foi emendada por outra posterior outorgada ante o mesmo notario o vinte e seis de xuño de dous mil sete, con número de protocolo dous mil cento sete.

A escritura pública de constitución contén os estatutos da fundación cos requisitos exixidos polo artigo 12 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Os fins, a dotación fundacional e os demais elementos organizativos e regulación estatutaria da Fundación Sen Esquencer cumpren cos requisitos e condicións establecidos pola mencionada Lei 12/2006, e demais normas de xeral aplicación.

Segundo establece o artigo seis dos estatutos, a fundación ten por obxecto:

1. Fins ecolóxicos:

A defensa do ambiente en todos os seus ámbitos, con especial incidencia na investigación, promoción, implantación da recuperación, reutilización e reciclaxe de RSU; investigación, promoción, implantación das enerxías renovables; evitar, limitar ou impedir a degradación de espazos naturais (ríos, montes, fragas, soutos).

A conservación do ecosistema mediante promoción, protección, implantación e defensa de rutas naturais, áreas protexibles, declaración da monumentalidade natural; protección, repoboación e conservación da fauna e da flora, conservación das aves rapaces; implantación da apicultura, promoción da recolección, dos usos medicinais gastronómicos e artesanais.

2. Fins culturais:

A defensa dos valores etnográficos, antropolóxicos e culturais de Galicia, cunha especial defensa da conservación e difusión da lingua galega; recuperación da memoria histórica de Evaristo Rey Tourón como persoa clave no concello do Val do Dubra.

3. Fins sociais:

A defensa da muller fronte á violencia de xénero, a explotación laboral e o patriarcado; traballar na erradicación da pobreza, da violencia, da desigualdade, da marxinación e da exclusión social como único camiño posible para acadar a convivencia e o respecto da dignidade humana; traballar e unir esforzos na erradicación da pandemia do VIH-SIDA; recuperación da memoria histórica de José Miguel Fernández del Buey.

Por todo iso, e en virtude das competencias que me confire o artigo 34.12º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente, e segundo o establecido nos artigos 5 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e 32.3º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Protectorado das Fundacións de Interese Galego,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Sen Esquencer ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Sen Esquencer no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para os efectos constitutivos que sinala la Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través da memoria anual o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o plan de actuación con anterioridade ao inicio do exercicio económico correspondente.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2007.

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza