DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 03 de decembro de 2007 Páx. 19.135

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 10 de novembro de 2007 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se regula o emprego de simuladores de guindastres torre no módulo práctico do antedito curso.

A Consellería de Innovación e Industria, a través da Dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias a autorización a entidades habilitadas para impartiren cursos sobre regulamentos de seguridade industrial.

Os requisitos exixibles para a autorización de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre veñen recollidos na seguinte lexislación:

-Anexo VI do Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba o novo texto modificado e refundido da instrución técnica complementaria MIE-AEM-2 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres torre para obras e outras aplicacións.

-Capítulo quinto da Orde do 27 de decembro de 2000 pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial.

-Artigo 2 da Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a antedita Orde do 27 de decembro de 2000.

-Disposición adicional da Orde do 13 de xaneiro de 2004 que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000.

Como consecuencia da experiencia acumulada durante os últimos anos na tramitación dos procedementos de autorización e inscrición de entidades recoñecidas para impartir estes cursos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, considérase oportuno concretar e desenvolver os requisitos xerais relativos aos medios humanos e materiais mínimos con que deben contar as devanditas entidades.

Na presente orde establécese, así mesmo, a obrigatoriedade de subscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento das súas actuacións no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Na presente orde regúlase ademais o emprego de simuladores de guindastre torre para a realización de parte do módulo practico do curso.

Considérase que os simuladores son un medio de formación útil e complementario ao resto dos medios mencionados na regulamentación existente. Estes equipamentos permiten simular actuacións similares ás realizadas con guindastres reais, permitindo executar actuacións prohibidas ou de risco sen que representen perigo para a seguridade do alumno. Esta cuestión é especialmente importante, tendo en conta que os alumnos aos que van destinados estes cursos non posúen experiencia previa no manexo de guindastres.

Na súa virtude, e por proposta do director xeral de Industria Enerxía e Minas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto desenvolver os requisitos mínimos que deben cumprir as entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo regúlase o emprego de simuladores de guindastres torre no módulo práctico de antedito curso.

Artigo 2º-Competencia.

Correspóndelle á dirección xeral competente en materia de industria a competencia para a adopción das resolucións de autorización de entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre.

Contra as ditas resolucións, que non esgotarán a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación, ante o conselleiro competente en materia de industria, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 3°.-Titularidade e responsabilidade.

Para os efectos administrativos, considerarase titular da entidade de formación á que se refire esta orde a persoa física ou entidade xurídica encargada da súa explotación, con independencia de quen sexa o propietario das súas instalacións.

O titular da entidade será responsable do mantemento en correcto estado de funcionamento das súas instalacións, así como de que cumpran os requisitos técnicos e de seguridade que as afecten, sen prexuízo da lexislación de protección do ambiente aplicable.

Así mesmo, o antedito titular terá as seguintes obrigas, conforme o establecido no artigo segundo da Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial:

1. Comunicarlle á dirección xeral competente en materia de industria, cantas modificacións se produzan nos datos achegados con posterioridade á súa inscrición, sendo responsables da súa veracidade.

2. Comunicarlle á delegación provincial competente en materia de industria, antes do seu comezo, os cursos que se vaian impartir.

3. Comunicarlle durante o mes de xaneiro de cada ano unha memoria do ano anterior na que se detallen as actividades realizadas, debendo remitirlle esta comunicación ao director xeral competente en materia de industria.

A comunicación á que se refire o número 2 e 3 do presente artigo será realizada mediante os modelos normalizadas de solicitudes que se atopan respectivamente nos anexo II e III desta orde.

Artigo 4º.-Emprego de simuladores de guindastre torre.

O módulo práctico do curso ao que se refire o anexo VI da instrución técnica complementaria MIE-AEM-2, aprobada polo Real decreto 836/2003, do 27 de xuño, poderá realizarse en parte, mediante o emprego de simuladores, sempre que o seu uso non supoña máis dun 40% da duración prevista no citado Real decreto 836/2003, do 27de xuño.

Para poder ser utilizado, ao abeiro do establecido no presente artigo, cada modelo de simulador será autorizado polo director xeral competente en materia de industria, á vista das súas características técnicas.

En ningún caso a posesión e emprego deste aparellos exime a entidade de dispoñer dos recursos establecidos no artigo 5º da presente orde.

Artigo 5º.-Recursos mínimos das entidades de formación.

As entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre deben dispoñer dos seguintes recursos mínimos:

1. Recursos humanos:

Conforme o establecido no artigo 13 da antedita Orde do 27 de decembro de 2000, os profesores que impartan o módulo teórico ao que se refire o punto cuarto do anexo VI do Real decreto 836/2003, deberán posuír como mínimo unha titulación técnica de enxeñeiro superior ou técnico. Os profesores que impartan o módulo práctico do citado curso deberán posuír como mínimo o carné profesional de operador de guindastre torre.

Ademais, os profesores que impartan o citado módulo práctico deberán ter unha experiencia acreditada de, polo menos, dous anos no sector.

Por outra banda, o profesorado deberá estar vinculado á entidade mediante contrato mercantil ou laboral.

2. Recursos materiais:

Conforme o establecido no artigo 13 da antedita Orde do 27 de decembro de 2000, a entidade de formación deberá dispoñer en cada provincia na que estea autorizada de locais para impartir as clases de teórico-prácticas, talleres de prácticas, e zonas de prácticas cos guindastres que deberán reunir os requisitos seguintes:

2.1. Locais para impartir as clases de teórico-prácticas:

-Aulas adecuadas para impartir as clases dos módulos de teoría de polo menos 30 metros cadrados, con un mínimo de 1,5 metros cadrados por alumno. O máximo número de alumnos en cada curso, por aula e profesor será de 25.

-Biblioteca de, polo menos, 20 metros cadrados.

-Sala de profesores axeitada, dun mínimo de 10 metros cadrados.

-Local para as funcións de dirección, información aos alumnos e secretaría.

-Aseos e servizos hixiénico-sanitarios en número adecuado á capacidade do centro.

Ademais, a biblioteca contará cos seguintes fondos bibliográficos: libros de texto, normas relativas aos guindastres e o seu manexo (UNE 58-101-80 parte I, UNE-58-101-92 parte 1, 2 e 3; UNE 58-110-90, 58-104 partes 1 a 5, ou aquelas que as substitúan), manuais de manexo e mantemento dos guindastres torre desmontable e autodespregable que se encontren instalados e manuais de seguridade e saúde laboral.

2.2. Taller de prácticas:

Conforme o establecido no artigo 13 da antedita Orde do 27 de decembro de 2000, as aulas-taller disporán dunha superficie mínima de 30 m2.

Ademais a citada aula taller deberá contar con, polo menos, 2 m2 por alumno que realice as prácticas, así como cumprir as normas exixibles para o funcionamento das instalacións e equipamentos dos que dispoña e, se é o caso, as condicións de seguridade sinaladas nas normas NTP 494 (soldadura eléctrica por arco), NTP 495 (soldadura oxiacetilénica e oxicorte) e NTP 7 (prevención de riscos hixiénicos relativos á soldadura).

Por outra banda, as referidas aulas taller estarán inscritas no Rexistro de Establecementos Industrias de Galicia e deberán contar, como mínimo, cos seguintes elementos en correctas condicións de funcionamento e accesibles aos alumnos:

-Motor de carro.

-Motor de orientación.

-Motor de translación. Limitadores de distintos tipos.

-Botoeira.

-Perfís.

-Rolamentos.

-Sistemas de iluminación.

-Anemómetro e dinamómetro.

-Cables de distintos tipos.

-Eslingas.

-Ganchos e polipastos (simple e dobre reenvío).

-Chumbadas.

-Portafusibles e fusibles.

-Transformador.

-Disxuntor.

-Redutora.

-Contactores.

-Seccionador.

-Relés electromagnéticos.

-Suxeitacables, gardacabos, bridas e casquillos de unión.

-Temporizadores.

-Cadros eléctricos.

-Elementos de protección

-Útiles e ferramentas.

-Grupo de soldadura.

-Chaves dinamométricas.

-Aparellos de medida eléctricos e mecánicos.

-Valos protectores.

2.3. Zona de prácticas cos guindastres:

As zona de prácticas cos guindastres disporán dunha superficie mínima de 1.200 m2, na que no momento de inicio do curso deberán atoparse instalados regulamentariamente os dous guindastres torre, un de tipo desmontable e outro autodespregable, en propiedade ou alugadas, en correcto estado de funcionamento e para uso exclusivo da entidade de formación, segundo establecido na Instrución técnica complementaria MIE-AEM-2.

O guindastre torre desmontable debe reunir as seguintes características técnicas mínimas:

-Carga en punta de 700 kg.

-Altura de 20 m.

-Pluma de 20 m.

-Dúas velocidades de translación e tres velocidades de elevación.

Así mesmo deberanse cumprir as condicións de seguridade sinaladas nas notas técnicas de prevención NTP 125: Guindastre torre e NTP 701: Guindastre torre, recomendacións de seguridade na súa manipulación, ou calquera outra que as substitúa ou actualice.

Os alumnos disporán en todo momento na zona de prácticas cos guindastres dos seguintes elementos:

-Manual de instrucións de utilización dos guindastres facilitado pola empresa instaladora/conservadora.

-Cargas de comprobación necesarias para verificar o correcto estado do guindastre (cargas nominais máxima e en punta ou nas posición máis afastadas da carga na pluma, así como as de 10 por 100 dos ditos valores).

A entidade deberá dispor, así mesmo, de material diverso para realizar distintos tipos de prácticas tales como estadas para traballos en altura ou postes metálicos.

Artigo 6º.-Seguro de responsabilidade civil.

As entidades de formación deberan ter subscrito un seguro de responsabilidade civil que cubra en todo momento os danos ocasionados como consecuencia do desenvolvemento das súas actuacións como entidade recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre no seu ámbito territorial na Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía mínima será de cincocentos trinta e seis mil euros (536.000 €) por sinistro e ademais cincocentos trinta e seis mil euros (536.000 €) por cada vítima que se poida producir, debendo ser actualizada anualmente de acordo coas variacións do índice xeral de prezos de consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Para xustificar o cumprimento deste requisito o titular da entidade debe xuntar á comunicación de inicio de curso, o certificado do seguro de responsabilidade civil segundo o modelo que figura no anexo IV desta orde, así como copia compulsada do recibo de pagamento da póliza.

Artigo 7º.-Documentación que debe presentar para a autorización como entidade de formación.

O titular da entidade de formación deberá dirixir a solicitude de autorización segundo o modelo que se publica como anexo I a esta orde, á dirección xeral competente en materia de industria.

As solicitudes, segundo o establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderán ser presentadas:

-No rexistro da dirección xeral competente en materia de industria.

-Nos rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas, ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se tivese subscrito o oportuno convenio.

-Nas oficinas de correos, na forma regulamentariamente establecida.

-Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

-En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

Coa solicitude achegarase a seguinte documentación.

1. Datos relativos á entidade:

1.1. Xustificación da personalidade xurídica da entidade onde se recolla no seu obxecto social a actividade de formación.

1.2. Fotocopia do documento nacional de identidade do representante legal da entidade ante a Administración e xustificación documental do seu poder de representación.

1.3. Táboa de tarifas para impartir os diferentes cursos.

1.4. Documento informativo destinado aos alumnos que desexen matricularse, sobre os requisitos regulamentarios exixibles para o acceso o curso e posterior obtención do carné profesional, así como das horas prácticas no manexo individual dos guindastres instalados aos que vai ter dereito coa súa matrícula.

1.5. Xustificación documental de dispoñer, ben en propiedade, ben en aluguer ou situación equivalente, dos locais adscritos á actividade.

1.6. Fotocopia compulsada da licenza de apertura dos locais adscritos á actividade, expedida polo concello correspondente ou fotocopia compulsada da súa solicitude.

2. Memoria descritiva da organización e metodoloxía do curso, onde, como mínimo, se especifiquen os seguintes extremos:

2.1. Duración total do curso.

2.2. Distribución de horas lectivas por día, diferenciando as clases teóricas e as clases prácticas.

2.3. Programa do curso.

2.4. Número máximo de alumnos por curso.

2.5. Sistema previsto de avaliación e superación de cursos.

2.6. Relación de material didáctico e de prácticas que se lles entregará aos alumnos.

3. Datos relativos aos recursos humanos, para o que se deberá xuntar a seguinte documentación:

3.1. Relación nominal subscrita polo representante da empresa ante a Administración, das persoas que impartirán os cursos no centro de que se trate, con indicación para cada unha delas do seu cometido na entidade de formación, a súa titulación e a xustificación desta, así como a súa experiencia anterior.

3.2. Para cada un dos docentes, deberase xuntar a seguinte documentación:

-Copia compulsada do documento nacional de identidade.

-Curriculum vitae.

-Xustificación documental da vinculación do persoal docente á entidade (contrato laboral ou ben contrato de arrendamento de servizos).

-Copia compulsada da titulación académica dos profesores do módulo teórico.

-Copia do carné de operador de guindastre torre en vigor dos profesores do módulo práctico.

-Informe de vida laboral dos profesores do módulo práctico.

4. Recursos materiais, para o que se deberá xuntar a seguinte documentación:

4.1. Planos xerais das instalacións de cada un dos locais onde se imparta a formación en formato A3 ou A4, que reflictan con detalle as aulas e talleres e todos os equipamentos e aparellos de carácter fixo. Deberán constar, debidamente localizadas, as aulas para impartir os diferentes módulos didácticos, biblioteca, aseos, así coma a secretaría e sala de profesores.

4.2. Memoria descritiva detallada dos equipamentos, aparellos, ferramentas, accesorios e, en xeral, medios materiais con que conta cada centro para impartir os cursos. Esta documentación debe estar asinada polo representante legal da entidade autorizada.

Por outra banda, deberá xuntarse a seguinte documentación para cada un dos guindastres torre desmontables e autodespregables instalados:

-Copia compulsada do certificado de instalación asinado por técnico competente, xunto co plano de situación e localización e o plano de instalación, de cada un dos guindastre torre. Todos os documentos estarán visados polo correspondente colexio profesional.

-Copia compulsada da derradeira acta de inspección, expedida por un organismo de control autorizado.

Artigo 8º.-Tramitación da autorización.

No trámite das solicitudes haberá que aterse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No prazo máximo de tres meses, a dirección xeral competente en materia de industria, logo de recibir o correspondente informe de inspección relativo ás instalacións e medios materiais por parte dos servizos técnicos da delegación provincial que corresponda, autorizará a entidade ou comunicaralle ao solicitante a denegación ou ben a suspensión do acto cando a solicitude ou a documentación achegada presenten defectos, ou ben os locais non sexan adecuados. Transcorrido o antedito prazo sen resolución expresa, entenderase a solicitude denegada.

Unha vez resolta a autorización, esta deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia, conforme o regulado no artigo 60 da antedita Lei 30/1992, do 26 de novembro. A entidade autorizada terá un mes para proceder ao pagamento da súa inserción no Diario Oficial de Galicia, debendo remitirlle á dirección xeral competente en materia de Industria unha copia do xustificante de pagamento.

Conforme o establecido no artigo 2 da citada Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, as entidades autorizadas están obrigadas a lle comunicar á dirección xeral competente en materia de industria os cambios que se produzan na súa estrutura e persoal. Para facelo deben de remitirlle a dita dirección xeral, unha solicitude debidamente cuberta conforme o anexo I desta orde.

Para a renovación da autorización o titular da entidade deberá dirixir a solicitude de renovación de autorización que se publican como anexo I a esta orde, á dirección xeral competente en materia de industria xutando unha declaración asinada pola titular da entidade, na que se faga constar que seguen cumprindo as condicións que tiñan no momento da súa inscrición ou renovación anterior.

Artigo 9º.-Revogación da autorización.

Non cumprir calquera dos requisitos ou das condicións regulamentadas nesta orde, que serviron de base para a autorización como entidades de formación recoñecida para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre torre, así como non cumprir co resto da lexislación vixente constituirá causa de revogación.

A resolución de revogación, que deberá ser motivada, será ditada polo director xeral competente en materia de industria previa audiencia ao interesado, conforme o establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 10º.-Réxime sancionador.

O incumprimento das condicións da autorización ou inobservancia de preceptos regulamentarios poderá dar lugar a sancións que, se é o caso, correspondan, de conformidade co disposto no título III da Lei 9/2004, do 10 de agosto, de seguridade industrial de Galicia. As sancións serán impostas logo de instrución do oportuno expediente, tramitado conforme o previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición transitoria

Única.-Entidades autorizadas con anterioridade a publicación desta orde.

As entidades autorizadas con anterioridade a entrada en vigor desta orde disporán dun prazo de seis meses para adaptar as súas instalacións ao establecido nesta orde.

Disposición derrogatoria

Única.-Queda derrogado o anexo II da Orde do 13 de xaneiro de 2004 que modifica a Orde do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial. (DOG nº 36, do venres 20 de febreiro de 2004).

Disposición adicional

Única.-A comunicación do comezo de curso e a comunicación da memoria anual de actividades á que se refire o artigo 2 da Orde do 25 de marzo de 2002 pola que se modifica a do 27 de decembro de 2000, pola que se establece o procedemento unificado para a obtención de carnés profesionais e exixencias a empresas autorizadas para instalación, mantemento e outras actividades en materia de seguridade industrial será realizada mediante os modelos normalizados de solicitudes que se atopan respectivamente nos anexo II e III desta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Habilitación para o desenvolvemento.

Facúltase o director xeral competente en materia de industria, para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2007.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria

Ver referencia pdf "23300D001P007.PDF"

a) CESAMENTOS CONSELLERÍA DE SANIDADE