DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 29 de novembro de 2007 Páx. 19.007

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

ORDE conxunta do 19 de outubro de 2007, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se crea unha oficina de rexistro auxiliar do rexistro xeral da Xunta de Galicia na Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar da Coruña.

O Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención ao cidadán, dispón no seu artigo 4 a posibilidade de establecemento de rexistros auxiliares cando o volume ou natureza das actividades o aconsellen.

A creación dos rexistros auxiliares farase por orde conxunta da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e as consellerías correspondentes.

A Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar na Coruña, solicitou a creación dun rexistro auxiliar do rexistro xeral da Xunta de Galicia xustificado pola incorporación dos equipos do Sistema Galego de Atención á Dependencia as instalacións radicadas na praza de Europa (Área Central) de Santiago de Compostela. O progresivo incremento de actividade e o volume de entradas e saídas da citada unidade aconsellan a creación dun rexistro auxiliar de entrada e saída conectados á rede privada de voz e datos da Xunta de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 4.2º do Decreto 164/2005.

En consecuencia do anteriormente exposto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DISPOÑEN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase un rexistro auxiliar de entrada e saída, dependente da Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar da Coruña, para o desenvolvemento das funcións do equipo de valoración de minusvalideces, que estará situado na praza de Europa, 10 A, 2º andar, de Santiago de Compostela.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

Os rexistros auxiliares creados por esta orde rexeranse polas disposicións contidas no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, e estarán conectados á rede privada de voz e datos da Xunta de Galicia (SXPA).

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Segunda.-O rexistro auxiliar creado por esta orde comezará a súa actividade o mesmo día de entrada en vigor desta orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2007.

Anxo Manuel Quintana González José Luis Méndez Romeu

Vicepresidente da Igualdade Conselleiro de Presidencia,

e do Benestar Administracións Públicas

e Xustiza