DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Mércores, 28 de novembro de 2007 Páx. 18.956

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de novembro de 2007 pola que se establece unha base de datos de formadores.

A adecuada cualificación dos empregados públicos é a base para ofrecer servizos de calidade ao cidadán. A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) ten a obriga de xestionar plans formativos na busca do perfeccionamento e a excelencia. Para acometer con éxito as súas actividades formativas debe recrutar os mellores expertos do ámbito da Administración. A EGAP debe seleccionar os formadores con criterios de calidade e transparencia; pola súa parte, os formadores deben someterse aos programas de reciclaxe, innovación e avaliación que determine a escola para manter a máxima calidade das accións formativas.

A EGAP, no desenvolvemento das funcións que ten atribuídas, considera necesario dispor dunha base de datos de formadores integrada por expertos en temas de interese para a Administración pública co obxecto de atender as necesidades formativas que se requiran para os empregados públicos. Mediante esta base de datos xestionarase a información dispoñible sobre os colaboradores nas actividades formativas. A base estará suxeita a unha regulación e seguirá uns procedementos acordes coas necesidades actuais da escola; así mesmo, manterá a información relativa aos profesores, titores e coordinadores, tanto os datos achegados por estes como os resultados das avaliacións das actividades en que participen.

En consecuencia, esta dirección, no uso das súas atribucións legalmente conferidas, resolveu o seguinte:

Primeiro.-Creación dunha base de datos de formadores.

1. Institúese na EGAP unha base de datos de colaboradores para as áreas de formación e materias de interese da Administración pública de acordo cos criterios recollidos nesta resolución.

2. A base de datos de formadores implantarase en soporte informático e conterá os datos curriculares, as actividades formativas en que participen os inscritos, así como os resultados das avaliacións.

3. A solicitude de inscrición na base de datos implicará a autorización para o tratamento automatizado de todos os datos contidos nela.

Segundo.-Clasificación.

1. Formadores: son profesionais expertos ou empregados públicos que compatibilizan as súas tarefas normais nas unidades a que están adscritos coa docencia en cursos para empregados públicos -de acordo co disposto no artigo 19 b) da Lei 53/1984, de incompatibilidades e no artigo 29 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia- e que posúen titulación, experiencia e méritos profesionais de interese para a formación.

2. Clasificación funcional dos formadores. As inscricións que se efectúen na base de datos poderán integrarse nas seguintes categorías:

a) Profesores: son profesionais expertos ou empregados públicos que se ocupan das actividades formativas presenciais. Desempeñarán as seguintes funcións:

-Propor, deseñar e redeseñar programas formativos.

-Explicar directamente os contidos da materia ou especialidade asignada.

-Preparar e elaborar os materiais didácticos que, se é o caso, requira cada curso e que serán postos a disposición da EGAP.

-Elaborar e corrixir os casos e traballos prácticos ou exames.

-En colaboración coa EGAP ou co coordinador correspondente realizar as tarefas académicas e administrativas precisas para o desenvolvemento do curso; entre elas, a de colaborar co seguimento da asistencia.

-Atender, seguir e avaliar os alumnos durante o desenvolvemento da materia ou da actividade impartida.

-Informar das incidencias ou melloras nas actividades formativas.

b) Titores: son profesionais expertos ou empregados públicos que desempeñan a tarefa titorial nas actividades de formación a distancia ou teleformación. Desempeñarán as seguintes funcións:

-Encargarse das sesións presenciais dos cursos, cando estes o requiran.

-Xestionar os aspectos relacionados coa disposición da aula, o apoio, a motivación e o control dos participantes.

-Elaborar bibliografía complementaria.

-Actualizar e elaborar as unidades didácticas.

-Atender as consultas.

-Propor e elaborar casos e traballos prácticos.

-Revisar e corrixir os exercicios.

-Avaliar e controlar a aprendizaxe dos participantes mediante o seguimento dos exercicios, exames e probas que se establezan en cada actividade.

-Informar das incidencias e melloras das actividades docentes.

c) Coordinadores e directores das accións formativas: son profesionais expertos ou empregados públicos que, baixo a supervisión da EGAP, participan nas tarefas de deseño, programación, dirección e control dos distintos aspectos das actividades formativas. Desempeñarán as seguintes funcións:

-Elaborar e propoñer o programa e o contido de cada actividade.

-Participar, baixo a supervisión da EGAP, no deseño das actividades formativas programadas.

-Elaborar, baixo a dirección da EGAP, o cadro de profesores que impartirán as materias do curso e coordinalos.

-Propoñer, elaborar e, se é o caso, controlar os materiais e elementos didácticos empregados, así como supervisar o curso.

-Aplicar e controlar os procedementos de avaliación que se establezan en cada caso.

-Cumprir os protocolos e os procedementos formativos que determine a EGAP.

-Cooperar na asistencia e no apoio aos alumnos.

-Presentar unha memoria final que resuma os aspectos relevantes do curso ou da actividade.

-Se é o caso, impartir horas lectivas no curso.

-Representar a EGAP, cando esta llo encomende, nos aspectos académicos e administrativos do curso.

Terceiro.-Clasificación das áreas formativas.

Cada un dos formadores inscribirase, segundo os seus coñecementos e especialización, nunha ou varias áreas formativas das relacionadas, a título indicativo, no anexo desta resolución. Poderanse incluír na solicitude outras materias non citadas no dito anexo que puidesen ser relevantes para a formación dos empregados públicos. A EGAP poderá modificar en calquera momento o catálogo das áreas formativas de acordo coa planificación, co diagnóstico das necesidades formativas ou coas demandas reais de formación específica dos empregados públicos. Este inventario estará actualizado na súa páxina web.

Cuarto.-Candidatos.

Poderán inscribirse como formadores aquelas persoas que posúan unha titulación, experiencia, competencia pedagóxica e uns méritos profesionais relacionados cos temas de interese para a Administración pública e que acrediten que son expertos nestes eidos.

1. Para tal fin deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Titulación: en xeral, será exixible a posesión de titulación universitaria superior. Non obstante, no caso das materias cuxo contido sexa eminentemente práctico ou específico, os candidatos poderán ser dispensados de tal condición sempre que posúan outros títulos oficiais ou unha experiencia recoñecida que acredite de maneira fidedigna un alto grao de cualificación nas materias das cales aspiran a ser profesores.

b) Experiencia profesional: exixirase posuír experiencia docente ou laboral directamente relacionada coa materia que se vai impartir de cando menos dous anos.

Quinto.-Procedemento xeral de inscrición de formadores.

1. Para inscribirse na base de datos, os candidatos cubrirán necesariamente os formularios de solicitude dispoñibles na páxina web da EGAP: .

No caso de que os interesados necesiten presentar documentación complementaria que acredite circunstancias específicas poderán remitirlle á EGAP unha copia do formulario e a devandita documentación ao enderezo electrónico formadores.egap@xunta.es, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A EGAP poderá requirirlles aos candidatos a documentación que acredite calquera mérito alegado na solicitude ou, se é o caso, completar os méritos coas entrevistas, as probas ou os informes de avaliación que estime oportunos.

3. A EGAP rexeitará aqueles solicitantes que non reúnan os méritos suficientes mediante resolución motivada do director da escola.

4. A listaxe cos candidatos inscritos será publicada, como mínimo, no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP, de acordo co disposto no artigo 59.6º b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Poderase solicitar a inclusión nesta base de datos a partir do 1 de xaneiro de 2008.

Sexto.-Efectos da inscrición.

1. As persoas inscritas nesta base de datos poderán ser seleccionadas como formadores para a execución dos plans formativos da EGAP.

2. A inclusión neste rexistro non outorga dereito directo ao nomeamento como docente.

3. Unha vez inscritos deberán someterse aos programas de formación de formadores, procedementos e protocolos de actuación que se establezan na EGAP.

4. Os formadores serán remunerados de acordo coas instrucións de retribución que a EGAP estableza.

Sétimo.-Inscricións de oficio.

1. Cando sexa conveniente para o mellor desenvolvemento dos cursos e logo do informe dos servizos técnicos da escola poderán ser inscritos de oficio, tras autorización dos interesados para tratar os seus datos de forma automatizada, aqueles formadores que teñan méritos de recoñecido prestixio, así como os profesores que colaborasen con anterioridade nas actividades formativas xestionadas pola EGAP.

2. Así mesmo serán inscritos de oficio os coordinadores designados polas consellerías para xestionar a formación continua.

Oitavo.-Modificacións na base de datos.

1. Os formadores poderán solicitar a actualización dos datos e méritos achegados por eles na mesma forma e condicións que as mencionadas no punto quinto.

2. A EGAP engadirá de oficio as modificacións das solicitudes, se é o caso, así como os resultados das distintas avaliacións obtidas nas actividades formativas en que participen os inscritos.

Noveno.-Baixa na base de datos.

Os formadores causarán baixa na base de datos por algunha das seguintes causas:

a) Por renuncia expresa.

b) A teor dos resultados das avaliacións das actividades docentes en que participen, e tras os informes negativos motivados segundo os protocolos, procedementos de avaliación e seguimento que determine a EGAP.

c) Por non cumprir os programas de formación de formadores a que sexan convocados.

d) Por falsidade dos datos achegados para a súa inscrición.

e) Pola perda dalgún dos requisitos necesarios para a inscrición.

Décimo.-Avaliación.

Os profesores serán avaliados polos alumnos asistentes ás actividades formativas mediante cuestionarios anónimos e a través dos procedementos complementarios de seguimento que estableza a EGAP.

Décimo primeiro.-Creación do ficheiro.

1. O ficheiro créase coa finalidade de dispor dunha base da datos de profesores, titores e entidades que estean dispostas a colaborar coa EGAP nas tarefas formativas.

2. As persoas ou colectivos de que se pretende obter datos de carácter persoal son os mencionados no punto cuarto desta resolución.

3. O procedemento de recollida de datos será o establecido nos puntos quinto, sétimo e oitavo desta resolución.

4. A estrutura básica do ficheiro e os datos de carácter persoal incluídos nel serán os contidos na solicitude, a valoración desta pola EGAP e os resultados das avaliacións obtidas nas actividades formativas en que participen os inscritos.

5. Os datos poderán ser cedidos ás consellerías, aos organismos autónomos e ás súas delegacións ou direccións provinciais para a organización das súas actividades formativas.

6. O órgano responsable do ficheiro será a Escola Galega de Administración Pública.

7. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercitar ante a dirección da Escola Galega de Administración Pública.

8. As medidas de seguridade do ficheiro serán de nivel básico.

Décimo segundo.-Publicidade.

A EGAP poderá dar información na súa páxina web e nas súas publicacións sobre os formadores inscritos na base de datos que participen en actividades formativas e tamén sobre os resultados das súas avaliacións.

Así mesmo, a EGAP poderá facilitar información contida na base de datos a organismos da Xunta de Galicia para a planificación de actuacións formativas.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para o exercicio 2007, a selección dos formadores que sexan empregados públicos seguirá rexéndose polo sistema anterior.

Segunda.-Os empregados públicos da Xunta de Galicia que desexen impartir as accións formativas dos plans de formación continua na EGAP a partir do ano 2008 deberán estar inscritos na base de datos antes do comezo das actividades formativas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o secretario xeral da EGAP para ditar cantas instrucións sexan precisas para o cumprimento e a efectividade desta resolución.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2007.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

Ver referencia pdf "23000D008P016.PDF"